| Texturas Internacionais nº 5 Os irmanamentos en Galicia, a ruta local do internacional |
| Irmanamentos: antecedentes |
|
María del Mar Gómez |
|
A organización de irmanamentos entre municipios ten como principal antecedente a creación, en agosto de 1951, da Asociación francesa Le Monde Bilingüe, fundada por Jean-Marie Bressand e Jean-Maurice Chevallier. Esta asociación se transforma, en 1957, na Federación Mundial de Cidades Unidas (United Towns Organization/UTO, Fédération Mondiale des Villes Jumelées/FMVJ, www.fmcu-uto.org), que é a asociación que continúa impulsando e coordinando, no plano internacional, este tipo de actuacións. A súa sede central está en París, e está recoñecida pola ONU e pola UNESCO con estatuto consultivo de primeira categoría. En 1974, a Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa emitiu un dictame favorable ao outorgamento do estatuto consultivo a esta Federación (FMCU en diante). A filosofía da FMCU e dos irmanamentos se atopa inscrita nas súas Actas, que comprenden a “Carta” das Cidades Irmandadas (1957), o “Programa” das Cidades Unidas (1967), o “Manifesto” da Nova Cooperación (1970) e outros documentos sobre actuacións sectoriais (urbanismo, medio ambiente, desenvolvemento, tráfico urbano, paz e desarme, etc). A FMCU se propón facer cooperar ás poboacións, especialmente por medio dos irmanamentos de municipios, máis alá de todas as fronteiras xeográficas e políticas, co obxectivo de que tomen conciencia da interdependencia dos pobos e da necesidade de defender, en calquera lugar, os dereitos humanos. Por iso, a FMCU se propón os seguintes obxectivos: • Promover a educación dos cidadáns dentro dun espírito cívico e humanista, respectuoso das diferencias e da identidade cultural, a fin de crear unha gran corrente de amizade e de solidariedade entre os pobos. • Desenvolver, dende a infancia, unha educación bilingüe que asegure a toda persoa o dereito ó ensino na súa lingua materna e a posibilidade de adquirir unha lingua de ampla audiencia internacional, que lle permita a comunicación cos seus semellantes. • Suscitar, a través dunha información obxectiva, nos homes e mulleres reunidos na súa comunidade de base, a vontade dunha participación libre e responsable nas actividades municipais e na vida internacional, así como a toma de conciencia das súas inmensas posibilidades de intercambio e cooperación. • Comprometer ao conxunto das poboacións dos municipios irmandados e unidos, en accións comúns a favor da comprensión entre os pobos, na loita contra toda clase de discriminación e de racismo, na protección da natureza e do medio, e a busca dunha nova orde mundial que elimine as desigualdades e as hexemonías. A Federación Mundial de Cidades Unidas propón un programa de actividades emanadas dos principios anteriores, que poden resumirse nos seguintes dez puntos: 1. Democracia local O Concello, no seu carácter funcional, é unha organización administrativa que se sitúa á escala humana: debe favorecer a vida asociativa, permitir aos cidadáns participar na xestión da súa vida cotiá e asegurar, dun modo práctico, a formación da vida cívica. 2. Salvagardar a paz Mediante unha loita permanente, dende a base, polas liberdades fundamentais, contra toda forma de totalitarismo, de discriminación ideolóxica ou racial, por unha reconversión dos presupostos de guerra en accións para o progreso da humanidade. 3. Nova cooperación Pola participación directa das colectividades locais e dos pobos na loita contra o subdesenvolvemento, a través do irmanamento de municipios entre o Norte e o Sur, na perspectiva dunha nova orde mundial e da utilización máis equitativa dos recursos naturais e tecnolóxicos, ao servicio de todos. 4. Intercambios internacionais Intercambios verdadeiramente concretos e populares en todos os campos, culturais, sociais, técnicos, educativos, deportivos, turísticos, etc, mediante irmanamentos cuns comités accesibles a todos, sen discriminación ningunha. 5. Educación bilingüe Dando a cada persoa o dereito de coñecer a fondo a súa lingua materna, así como a práctica dunha segunda lingua de audiencia internacional, con miras a garantir a identidade cultural e a asegurar o diálogo. 6. Promoción da información Por unha ampla liberdade da prensa escrita e audiovisual que responda ás verdadeiras necesidades da opinión pública, ao dereito das minorías a facerse oír, mellorando así o coñecemento e a comprensión mutuos. 7. Acceso das mulleres ás responsabilidades públicas Acceso ás diversas funcións da vida cívica e política a nivel local, particularmente ás responsabilidades municipais, como tamén a nivel rexional, nacional e internacional. 8. Participación dos mozos Os irmanamentos facilitarán a participación da xuventude na vida municipal e internacional: os cursiños, os intercambios, os campamentos de mozos, constituirán as manifestacións prácticas dunha educación cívica e internacional aplicada. 9. Protección do medio e da calidade de vida Pola preservación da natureza, pola loita contra a contaminación e os contaminadores, por unha alimentación sa e suficiente, apropiada para eliminar a fame e a malnutrición que afecta a dous tercios da humanidade. 10. Urbanismo ao servicio do ser humano Pola participación efectiva dos cidadáns no plano urbanístico, no acondicionamento da cidade, na protección das paraxes, nas melloras do equipamento municipal e do marco da vida. Como se pode comprobar, o ideario deste movemento municipal está baseado nunhas ideas-forza (solidariedade, liberdade responsable, tolerancia, comunicación, cooperación, función transnacional e paz), derivadas dos principios das Nacións Unidas, aos que se lles busca unha expresión municipal. Con este esquema se forxou a filosofía dos irmanamentos que, xunto a cuestións prácticas e organizativas que comentaremos, se desenvolven a partir de cinco presupostos fundamentais, que han de asumir necesariamente os municipios que pretendan realizar un irmanamento: 1. Cultura Se considera o irmanamento entre cidades como un instrumento de cultura humana, sen ningún compoñente partidista. 2. Non inxerencia Os municipios non se inmiscuirán nos asuntos internos dos outros municipios. 3. Non discriminación Non hai que excluír a ningún municipio nin, dentro de cada un deles, ningunha iniciativa de boa vontade. 4. Educación bilingüe Se pretende adquirir, xunto á lingua materna, o uso dunha lingua viva de comunicación mundial. 5. Solidariedade Sempre que sexa posible, deberá outorgarse prioridade ós irmanamentos con municipios máis desfavorecidos. Como explica a introducción da “Carta de Irmanamento” elaborada en 1957, os irmanamentos de cidades poden constituír un factor apreciable de distensión e de cooperación, na medida en que permitirán unha libre circulación de persoas, de ideas e de información. Irmandar os municipios non significa limitarse a organizar encontros entre representantes municipais e viaxes de delegacións oficiais. Irmandar non ten sentido mais que se o irmanamento marca verdadeiramente a fin do illamento dos pobos, do anquilosamento cultural, do encarceramento ideolóxico, un maior respecto polos dereitos humanos e as liberdades fundamentais. Irmandar é facer vivir conxuntamente, sen discriminación de ningún tipo; e isto soamente é posible, tanto para as cidades como para as persoas, na máis completa liberdade. A FMCU non está ao servicio de ningunha orientación específica de paz; a súa razón de ser é a de manter contactos con todos os homes e mulleres que viven en diferentes réximes. Cre, efectivamente, que a confrontación das experiencias realizadas en municipios situados en réximes políticos diferentes, é un dos elementos que serven á construcción da paz. A FMCU se atopa en proceso de converxencia coa Unión Internacional de Cidades e Poderes Locais, IULA (www.iula.org), para crear unha nova entidade, “Cidades e gobernos locais unidos”, a máis grande organización mundial e xeneralista de gobernos locais. O Congreso de unificación se celebrará en París entre o 2 e 5 de maio de 2004. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2003 |