Texturas Internacionais nº 5Volver ó sumario
Os irmanamentos en Galicia, a ruta local do internacional
 
Funcionamento dos irmanamentos, problemas, comités de irmanamentos e participación cidadá


María del Mar Gómez
 
 

Irmanamentos “activos” e “pasivos”

A sinatura dun protocolo é soamente o primeiro paso dun irmanamento. Posteriormente se trata de que o irmanamento funcione e se realicen as actividades previstas. Cando isto acontece podemos falar de irmanamentos “activos”.

Sen embargo, en moitos casos, unha parte ou todo o previsto non se leva a cabo. Tamén acontece que, tras un ou máis anos de funcionamento, as actividades decrecen e incluso desaparecen. Esta situación é cualificable de irmanamento “pasivo”: o protocolo existe pero é un feito meramente formal, na realidade non hai relación nin intercambios. Este é un perigo real, polo que é conveniente contemplar medidas oportunas para evitalo.


Elección, establecemento, xestión e seguimento do irmanamento

En efecto, varias poden ser, xunto a outras, as medidas a adoptar antes e despois da sinatura do protocolo para que o irmanamento sexa unha actividade real e exitosa, tanto para o concello como para o conxunto da poboación.

Por iso, se suxire contemplar as seguintes cuestións:

Unha adecuada elección do municipio contraparte: antes de iniciar os trámites e decidir a poboación obxecto de irmanamento –ou no seu caso aceptar unha proposta- cómpre reflexionar respecto ao tipo de irmanamento que se pretende efectuar, obxectivos e prioridades e, en consecuencia, elixir coidadosamente a que municipio dirixirse, de que país e características.

Conversas previas coas autoridades do municipio contraparte: unha vez establecido o contacto, determinar co outro municipio cal vai ser a natureza do irmanamento, concretar os seus obxectivos e acordar o carácter das actividades.

Consenso do Consistorio: tanto os anteriores pasos coma os posteriores é aconsellable realizalos co visto e prace ou o acordo formal de todos os membros do Consistorio. É dicir, para que o irmanamento arranque con forza e logo se manteña no tempo sempre será mellor se reúne o consenso de todas as forzas políticas representadas na Corporación. Ademais, isto evitará que futuros cambios, consecuencia das eleccións locais, afecten á viabilidade do irmanamento.

Elaboración coidada do protocolo de irmanamento: unha vez se deran os anteriores pasos con acerto –consenso interno, elección adecuada do municipio contraparte e conversas coas autoridades da mesma- o protocolo é case unha formalidade. Con todo, convén coidar a redacción do texto en todos os seus extremos para que os obxectivos e actividades do irmanamento estean, dende o seu inicio, perfecta e claramente identificados.

Designación da responsabilidade política e técnica na xestión e seguimento: unha vez en vigor o irmanamento cómpre que unha área determinada do Concello se encargue do seu continuado seguimento, de avaliar o cumprimento dos obxectivos e de que se leven á práctica as actividades previstas. Así mesmo, é aconsellable que tanto na orde política como no ámbito técnico se designen as persoas (alcalde, concelleiro, empregado público...) responsabilizadas de seguir de preto os pormenores do irmanamento que varía segundo a estructura de cada entidade local ou provincial. Nuns casos, os irmanamentos dependen da Alcaldía, ou da concellería de cooperación, de cultura, etc. Nalgúns Concellos, non en Galicia, nos que se consolidou a acción exterior –irmanamentos, cooperación ao desenvolvemento regularizada...– se decidiu inserir no organigrama a figura do concelleiro responsable das relacións exteriores. En calquera caso, o importante é que as responsabilidades estean claramente asignadas.

Dotación dunha cantidade orzamentaria para manter o irmanamento: ben sexa de forma directa ou englobada nunha determinada partida, cómpre que exista unha cantidade orzamentaria suficiente para apoiar as actividades derivadas do irmanamento. A súa contía depende de numerosas circunstancias. Non obstante, así como para a cooperación ao desenvolvemento se aconsella o 0,7 por cento, en diversos estudios se fala dun 0,5 por cento para irmanamentos como cantidade aportada polo Concello á que se sumarían, se é posible, outras cantidades obtidas polo comité de irmanamento polos seus propios medios. Na Conferencia “Os irmanamentos de cidades en Europa do Sur”, celebrada en Valladolid en novembro de 1986, se propuxo esta fórmula.

Ademais, débese estar atentos ás axudas que para actividades de irmanamentos poidan outorgar as institucións europeas (fondos comunitarios para irmanamentos de convocatoria anual), estatais e autonómicas, sen descartar posibles contribucións de entidades privadas. No caso de irmanamentos-cooperación se debe deslindar no aspecto financeiro a cantidade destinada exclusivamente a cooperación (accións de sensibilización e proxectos de cooperación e os custes de seguimento e avaliación) e a cantidade dedicada a outros aspectos do irmanamento, a fin de evitar que estes soporten unha diminución da anterior cantidade.

Decidida política informativa: Se todos os temas e accións municipais requiren dunha política de información e transparencia cara a cidadanía, todo o relacionado cos irmanamentos debe ser posto en coñecemento da poboación, máxime se boa parte das actividades derivadas do irmanamento están dirixidas a que os cidadáns participen das mesmas e, incluso, para que sexan os seus protagonistas. Resulta contradictorio que en moitas cidades, sobre todo medias e grandes, os cidadáns descoñezan a existencia do irmanamento da súa propia localidade.

Apertura sen reservas á participación cidadá: Ademais da mera información, o irmanamento é, pola súa propia natureza, –achegamento e coñecemento mutuo entre poboacións- unha das actividades sociais que máis encaixa coa denominada participación cidadá. Unha das súas vertentes é a creación dun comité de irmanamento aberto ás asociacións e veciños do municipio.

Sopesar o número de irmanamentos: O máis común e xeneralizado é que cada municipio conte cun só irmanamento, pero tamén é bastante usual que o número de irmanamentos sexa de dous ou máis. Isto non é problema, de ser capaz de manter vivos todos os irmanamentos asumidos. Non obstante, se non se reúnen as condicións adecuadas e se carece dos medios necesarios, un alto número de irmanamentos implica un risco real de que parte deles ou todos se queden nun puro formalismo. Un posible modelo é o de subscribir dous irmanamentos: un con un municipio europeo, que nos liga ao entorno máis próximo; e un irmanamento-cooperación con un municipio doutro continente, que permite vínculos con pobos doutros contextos e, á súa vez, efectuar cooperación ao desenvolvemento.


Comités de irmanamento e participación cidadá

Como quedou exposto, co irmanamento se trata non soamente de que os concellos estean vinculados; igualmente que os cidadáns e as entidades de ambas localidades entren en relación. Dito doutra maneira, non se debe limitar a encontros e viaxes oficiais dos representantes municipais.

O Concello debe ser o “conductor” do irmanamento, pero son os cidadáns os que han de sentir e participar, de forma continuada, nesta iniciativa.

O “Comité de irmanamento” –ou outra fórmula similar que se considere adecuada- acostuma a ser, normalmente, o instrumento que propicia e asegura a participación real das poboacións e contribúe, entre outras medidas, a que o irmanamento sexa dinámico e duradeiro no tempo. Acostuma adoptar dúas formas:

De estructura municipalista: no Comité están representados o Concello (alcalde, parte dos edís, técnicos vencellados a áreas que teñen que ver co irmanamento), por unha banda, e a poboación, por outra (movementos sociais, asociacións, ONGs, grupos de voluntariado social, centros de estudio, grupos culturais, asociacións de veciños, organizacións políticas e sindicais, etc).

De estructura asociativa: O Comité de irmanamento se constitúe como unha entidade cultural e recreativa sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, estatutos, órganos de goberno, etc. Neste caso se debe concretar a relación entre a asociación e o Concello, detallar competencias, fixar os aspectos financeiros, etc.

Os Comités, a súa composición, os seus órganos, funcionamento, etc, son dunha gran variedade. O fundamental é que o comité cumpra adecuadamente a súa principal tarefa que é a dinamización dos intercambios turísticos, intercambios estudiantís e xuvenís, encontros deportivos, actos culturais, organización de seminarios de índole profesional, celebración de semanas dedicadas á outra localidade, etc.

A súa independencia respecto ao Concello contribuiría a garantir a continuidade en caso dun cambio de criterio ou de representación no Consistorio. E non debería ser obstáculo para que, sen embargo, Comité e Concello asinaran un convenio de colaboración no que se contemple unha asignación orzamentaria fixa, asegurando desta forma o funcionamento dun mínimo de actividades.

Cada Comité de irmanamento pode estar formado por diferentes comisións que se especializan en aspectos concretos (xuventude, saúde, cultura, deportes, agricultura, etc), e en función das características de cada unha das vilas irmandadas. Un irmanamento-cooperación porá maior atención en cuestións sanitarias, educativas, agrícolas ou de tecnoloxía apropiada que, por exemplo, un irmanamento entre cidades industriais do Norte, nas que terán maior peso aspectos relacionados coa formación municipal, deportes ou a protección do medio.

Algúns concellos ofertan anualmente subvencións ás entidades existentes na súa poboación para a realización de certas actividades coas entidades similares que funcionan nas localidades irmandadas. As cantidades se destinan a sufragar unha parte do custo da viaxe e os gastos que xere a actividade elixida, excluíndose habitualmente os gastos de aloxamento por entenderse que os cidadáns da asociación se aloxarán nas vivendas dos membros da entidade contraparte.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2003
Fernando Pol