| Texturas Internacionais nº 5 Os irmanamentos en Galicia, a ruta local do internacional |
| Anexos |
|
María del Mar Gómez |
|
A Unión Europea e os irmanamentos A Comisión Europea concede dende 1989 axudas financeiras ás accións de irmanamento entre cidades. O obxectivo esencial destas axudas é consolidar os lazos existentes entre cidades e fomentar novas iniciativas de irmanamento mediante a concesión de subvencións para a realización de actividades conxuntas. A acción se enmarca no reforzamento do diálogo entre os cidadáns da UE co fin de estimular a aparición dunha cidadanía europea activa e participativa, de conformidade co recollido no Libro Branco da Comisión sobre a Gobernanza Europea. A idea consiste en ofrecer aos cidadáns unha posibilidade concreta de participación e de compromiso persoal coa perspectiva da integración europea. A Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea publica unha convocatoria dirixida a financiar propostas que teñan por obxecto alentar as actividades e accións que contribúan ao achegamento dos pobos e ao reforzamento da conciencia europea. Analicemos a última, que pode servir de orientación para coñecer a súa mecánica e contidos. En 2003 se financiaron (o prazo para a presentación de solicitudes rematou o 17 de xullo de 2003) dous tipos de accións: a) Encontros de cidadáns, que debían ter como obxectivo o incremento da sensibilización á integración europea e facilitar o intercambio de experiencias. Debían incluír un programa pedagóxico sobre os temas europeos máis importantes, como, por exemplo, o futuro da Unión Europea, o alongamento, a cidadanía europea, as institucións europeas, o modelo social europeo, a igualdade de oportunidades, os dereitos fundamentais, a loita contra o racismo e a xenofobia, o medio, a diversidade cultural, os mozos e a educación, a situación das persoas con discapacidade na sociedade, a economía local, o emprego e as asociacións. Podían participar as cidades e municipios dos Estados membros da UE e dos países candidatos á adhesión (Bulgaria, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Malta, Polonia, República Checa, Romanía e Turquía). Tamén podían participar os países do sueste de Europa como convidados. As propostas, presentadas por unha administración municipal ou un comité de irmanamento do municipio anfitrión, deben integrarse no marco dun irmanamento existente ou en proceso de creación. A Comisión Europea decidiu fomentar, en particular, as iniciativas relacionadas coa preparación e a conclusión de novos acordos de irmanamento, e o irmanamento de municipios dos países candidatos á adhesión á Unión. Concedeu tamén prioridade aos proxectos presentados por municipios pequenos (de menos de 5.000 habitantes) ou por aqueles que se atopan en situación de desvantaxe por razóns xeográficas (grandes distancias entre municipios; municipios situados en rexións periféricas, insulares ou pouco desenvolvidas). Finalmente, os encontros con participación maioritaria de mozos, mulleres ou colectivos desfavorecidos. O importe da subvención por proxecto se sitúa entre 2.000 e 20.000 euros. b) Conferencias temáticas e seminarios de formación. As conferencias temáticas debían ter idéntico obxectivo e incluír un programa pedagóxico similar aos requiridos nos encontros de cidadáns. Os seminarios de formación se dirixen aos responsables dos irmanamentos para que poidan adquirir os coñecementos e as competencias indispensables para promover proxectos cun contido europeo de calidade. Este segundo tipo de acción estaba dirixido aos poderes locais e rexionais e ás federacións e asociacións de poderes locais dos Estados membros da UE e dos países candidatos á adhesión. Neste caso o importe da subvención por proxecto oscilaba entre 2.000 e 50.000 euros, non podendo superar o 50% do total dos custes do proxecto. As “estrelas de ouro do irmanamento” é un premio anual creado en 1993 e que se outorga aos municipios que, gracias ás subvencións recibidas no ano anterior, contribuíron en maior medida á integración europea fortalecendo os lazos entre os seus respectivos cidadáns. Pacto de Irmandade entre os Concellos de ............. (país) e ............. (país) As vilas/cidades de ............. (país) e ............. (país) e no seu nome os respectivos concellos: Conscientes dos vínculos de amizade e confraternidade que existen entrámbolos dous municipios afíns. Considerando que un medio para lograr e manter a paz e a harmonía entre as cidades consiste na vinculación de arelas e intereses comúns entre cidades/vilas de diferentes países, movidas polo mesmo espírito de paz, liberdade e prosperidade. Convencidas de que unha estreita e íntima colaboración entre os municipios ten que redundar en beneficios espirituais e materiais para ámbalas dúas cidades/vilas. Desexando regulamentar e formalizar adecuadamente as súas espontáneas e sinceras relacións de irmandade e resoltas a colaborar en común para o mellor logro destes fins, decidimos formalizar o presente Pacto de conformidade coas seguintes bases: Primeira. Os concellos de ............. e de ............. afirman a unánime decisión de manter cordiais relacións de amizade, unión fraterna e irmandade para o progreso, desenvolvemento e benestar de ámbalas dúas cidades/vilas, unidas por mutuos desexos de convivencia. Segunda. Ámbalas dúas corporacións municipais, baixo o título de vilas/cidades irmás, comprométense, libre e espontaneamente, a colaborar para o florecemento espiritual e material das dúas localidades, fortalecendo as efectivas relacións inspiradas en comúns desexos de paz, amizade e prosperidade. Terceira. As actuacións desenvolveranse tendo en conta os seguintes ámbitos de actividade: relacións sociais, relacións culturais, relacións económicas e empresariais, relacións deportivas, relacións turísticas. Cuarta. Os concellos irmandados fomentarán toda clase de relacións de carácter social, formulando, por intercambio de notas, as actividades obxecto de estudio e execución que se consideren convenientes. Ámbolos dous municipios fomentarán, no marco das respectivas competencias, a información, axuda e todo tipo de relacións laborais e sociais, intercambio de menores entre familias, con centros e institucións adecuadas. Quinta. Ámbalas dúas municipalidades apoiarán cantas actividades tendan ó fomento da cultura, organizando: intercambio de conferencias sobre temas considerados de interese; intercambio de libros, revistas e toda clase de publicacións; cursos de verán destinados a divulga-los idiomas respectivos; intercambio entre estudiantes e familias; exposicións de pintura, fotografía, cerámica, escultura ou outras de carácter artístico; actuacións folclóricas, de canto, baile, etc.; relacións entre organismos representativos das diferentes profesións laborais e artísticas, así como das entidades culturais e outras expresións da sociedade civil. Sexta. A través de ámbalas dúas Corporacións Municipais, desenvolverase o programa de actividades que se xulgue conveniente para o fomento de intercambios económicos e industriais, tales como: a realización de mercados, exposicións e feiras; divulgación de productos; información sobre industrias en marcha e que poidan ser de interese para o progreso de ámbalas dúas vilas. Sétima. Ámbalas dúas municipalidades favorecerán o desenvolvemento das actividades deportivas, intervindo, a través das asociacións apropiadas, para favorecer a organización das correspondentes competicións. Oitava. Co fin de fomentar o turismo, os respectivos Concellos encamiñarán as súas xestións para: lograr a supresión das hipotéticas barreiras que poidan dificultar a realización de visitas e intercambios; organización de programas e rutas turísticas; fomento do transporte de viaxeiros e mercadorías; intercambio de publicidade (carteis, anuncios, programas das diferentes manifestacións de carácter festivo e turístico); axuda ás entidades que teñan por obxecto o fomento da cultura e a promoción do turismo. Novena. A colaboración e o intercambio entrámbolos dous municipios será tan amplo coma o requiran as aspiracións e propósitos reflectidos no Preámbulo deste Pacto, así como nas súas dúas primeiras bases. Por outra banda, a enumeración de materias non constitúe un numerus clausus, podendo agregarse cantas iniciativas, actividades ou asuntos sexan de recíproco interese. Décima. Procurarase a posta en práctica de actividades que fundamenten as relacións de cidades/vilas irmás e a directa participación das respectivas sociedades locais, impulsando programas específicos e garantindo igualmente a solvencia das familias, organizacións e demais entidades colaboradoras que cada quen requira para o cumprimento dos compromisos adquiridos. Undécima. A duración deste Pacto de Irmandade é ilimitada e a súa vixencia virá determinada pola vontade de ámbolos dous municipios, unidos no desexo de manter estreitas e fraternas relacións que deben sustentar o benestar e o progreso das nosas localidades. Na vila/cidade de ............. , a .... de ............. de 200.... |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2003 |