| Texturas Internacionais nº 5 Os irmanamentos en Galicia, a ruta local do internacional |
| Algunhas observacións a comentar |
|
María del Mar Gómez |
|
1. A confusión É unha nota característica que determina todo o proceso de recollida de datos. Non sempre é doado atopar a quen saiba determinar a ciencia certa se existe ou non un irmanamento, e diferencialo dos simples contactos sen formalizar institucionalmente, etc, semellando este un aspecto ao que non se lle presta a debida atención. A confusión chega tamén á propia sociedade, na medida en que non é especialmente consciente deste asunto, nin participa nin se beneficia del, pasando á consideración de iniciativas estrictamente oficiais. A escasa impregnación cidadá se advirte igualmente na composición das comitivas que habitualmente se forman para as visitas ou encontros bilaterais, por regra xeral pouco plurais e integradoras, dificultando a creación dese entramado que daría un enorme sustento e contido ao irmanamento. Ademais de explicitar unha vontade política inequívoca a prol dunha maior implicación social nestas iniciativas, as entidades locais deberían facer un esforzo de información e sensibilización, a ser posible buscando a complicidade dalgunhas entidades asociativas locais, diferenciando os aspectos xerais daqueles orientados especificamente a colectivos concretos que semellan suxeitos idóneos para participar nestas actividades. Esta campaña de información, cunha secuencia temporal determinada, podería ir acompañada de diferentes accións que evidenciaran na paisaxe urbana tanto o irmanamento coma o interese en promover a máis ampla participación. Os irmanamentos deben basearse na participación activa dos cidadáns, ben sexa de forma directa ou a través das organizacións da sociedade civil e da administración local e dos seus representantes electos. A participación debe constituír un dos elementos centrais do irmanamento e isto significa que a poboación, as organizacións civís e a administración actuante deben organizarse de forma paritaria tanto na toma de decisións como na execución e o seguimento das actuacións que concreten ese impulso. A dinamización e consolidación dun irmanamento debe incluír de maneira expresa a formulación dunha política de apoio ao asociacionismo e a participación cidadá arredor da solidariedade e a cooperación internacional. Os principios que deberían inspirar esta política son: Relación de confianza entre a administración e o sector asociativo. Esixencia mutua. Non se trata de axudar por axudar, senón de ser esixentes e rigorosos. Principio de subsidiariedade. Todo aquelo que contribúa a fomentar o sector asociativo e se poida xestionar dende as propias entidades debe priorizarse antes que a realización pola propia administración. Respecto aos principios definidores e á natureza do asociacionismo, especialmente ao da independencia e ás libres expresións da solidariedade e do feito solidario. Para o fomento do asociacionismo, nesta materia e en xeral, debe fuxirse da improvisación e da simple subvención. Se poderían tomar en consideración os seguintes ámbitos e parámetros: Lexitimación e recoñecemento do sector asociativo. Provocación de dinámicas entre as entidades locais a través dunha política de acompañamento. Non se trata de dirixir senón de axudar, impulsar e, en suma, de acompañar as entidades nalgunhas dinámicas. Impulso da articulación das entidades asociativas locais creando espacios de coordinación e de relación. Proporción de iniciativas que fomenten a propia sostenibilidade económica do sector asociativo. Facilitar o acceso ás novas tecnoloxías que favorezan a comunicación coas entidades homónimas dos municipios irmandados. Facer pedagoxía da esixencia da necesidade de optimización e mellora da xestión. Instar medidas que reforcen aqueles temas que as asociacións non teñen ben resolto e que son importantes para garantir o seu futuro e a súa continuidade (formación, información, capacitación de recursos técnicos...). Prestixiar o sector asociativo, facendo que o conxunto do municipio tome conciencia do papel que teñen estas entidades en beneficio do propio municipio. En suma, complementarse, unir esforzos, coincidir en proxectos e innovar na participación cidadá pode ser a mellor maneira de consolidar e dinamizar un irmanamento. O marco de referencia para o establecemento dos irmanamentos sen dúbida é o bilateral, pero non deberían pasar de lonxe as oportunidades de financiamento que ofrecen as liñas de axuda comunitarias e das que se solicita, a veces, moi reducida ou practicamente nula información. En ningún caso se puido constatar a existencia de comisións locais de irmanamento, nin asociación específica ou asociacións de amizade, que favorezan a consolidación e a dinamización do irmanamento. A existencia desa mínima estructura, que debe ter o seu apéndice específico no propio organigrama municipal cunha dimensión apropiada, é un elemento esencial para efectuar o seguimento, supervisión e avaliación de proxectos, a organización de actuacións conxuntas, a realización de campañas e actividades de sensibilización, a promoción da participación e a difusión en xeral do irmanamento. Igualmente, para acrecentar ese impulso e facilitar o asesoramento e a formación nestas materias, podería ser de interese a creación dun Centro de Recursos e Documentación, que podería ter carácter recíproco, a fin de que aquí puideran atopar os interesados os materiais (documentación, audiovisuais, internet, etc.) de utilidade para dinamizar estas actividades. O centro debería contar cun espacio permanente e sería un altofalante do irmanamento, ademais dun canal de divulgación e comunicación. Arredor do quince por cento dos irmanamentos galegos obedecen a esta razón. Se a inmensa maioría se establecen con países europeos comunitarios, municipios españois, etc., resulta evidente que as motivacións, lexítimas todas elas, nada teñen que ver coa cooperación ao desenvolvemento. Por outra banda, nos casos en que así é, se bota en falla a dotación económica e programática precisa para establecer mecanismos estables que sustenten firmemente a vocación institucional de solidariedade. O establecemento dun irmanamento cun municipio en vías de desenvolvemento non sempre quere dicir que se programara en termos de cooperación, pois moitas veces non se teñen os medios ou non se coñecen as fórmulas para establecer canles de axuda. Trátase dunha tarefa que, facilitada polo idioma América latina, África de expresión portuguesa- pon enriba da mesa a necesidade de instrumentar mecanismos técnicos que poidan asesorar eficazmente esta tarefa, coordinar o que sexa necesario e encher de sentido esta importantísima modalidade de irmanamentos solidarios. Cómpre en todo caso non perder de vista que un irmanamento-cooperación permite establecer lazos de amizade e solidariedade entre municipios situados a diferente nivel económico. Quen ten maiores medios e recursos estudia conxuntamente os proxectos solicitados pola vila máis pobre, repartindo os custes e aumentando as posibilidades de satisfacer as demandas provenientes do municipio irmán. O irmanamento-cooperación debe establecerse cun espírito de reciprocidade, tendo en conta que os modelos de desenvolvemento non son exportables. Os proxectos de cooperación deben responder a necesidades claramente manifestadas polos receptores. Non se trata de dar a outros o que nos sobra, senón de buscar os medios para satisfacer, total ou parcialmente, o que os outros precisan e demandan. Importa nese sentido coñecer e avaliar a actitude da poboación local receptora, así como a súa capacidade para recoller e xestionar a axuda, atendendo de forma racional e axustada o que o municipio receptor precisa en cada instante e proporcionando os medios para que venzan as súas dificultades, a través do seu propio esforzo, atendendo tanto á dignidade persoal como á eficacia, pois soamente son proveitosas aquelas adquisicións que a persoa sabe integrar na súa propia cultura. Sempre son preferibles micro-proxectos que facilitan a participación da poboación local na xestión da axuda. Cómpre prever tamén os mecanismos de formación e preparación técnica dos que vaian a intervir máis directamente nos programas de cooperación. Pode resultar adecuada e de interese subvencionar a estancia dalgunhas persoas da vila irmá no noso municipio, a fin de que adquiran unha determinada formación técnica orientada á execución dos programas de cooperación acordados. O intercambio de coñecementos que incorpora a idea bidireccional, non necesariamente simétrica, pode resultar de gran interese complementario. Cómpre, por último, desenvolver todo este labor en coordinación directa coas plataformas asociativas do municipalismo actualmente existentes, en concreto, co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A programación de actividades limítase aos encontros, pero na maior parte dos casos estudiados non existe un calendario, nin modesto nin ambicioso, que permita con vixencia anual ou plurianual medir avances na relación de irmanamento. O estancamento é unha nota presente en exceso nestas dinámicas. Esa circunstancia é a consecuencia natural da converxencia das numerosas deficiencias aquí apuntadas. Unha iniciativa que pode resultar de gran atractivo é a dos irmanamentos escolares que permiten o contacto directo dun grupo social e levar adiante un rico programa, cultural e pedagoxicamente. Mesmo a diferencia de idiomas pode ser un factor de atractivo engadido. En coherencia co anterior, os altibaixos son a nota predominante nos vínculos de irmanamento en Galicia. Nesa característica inflúen non soamente as vontades corporativas dunha e doutra banda, senón a propia vida política de cada Concello e mesmamente o nivel de implicación cidadá que acostuma a ser moi reducido ou practicamente insignificante en relación á forte dimensión institucional. A presencia cidadá permitiría suplir as carencias anteriores, de existir posibilidades de contemplar un escenario aberto a un mínimo de contido e dinamismo. É consecuencia de todo o anterior. Se non hai programa nin compromisos concretos de actividades, non se precisa habilitar unha partida específica. Onde hai contidos claros (Catoira, Lalín ou Pontedeume, por citar algúns exemplos), asociados a actividades constantes e numerosos contactos ao longo do ano, é natural que esa previsión se contemple no ámbito estrictamente contable. Non hai persoas responsables a nivel técnico de abordar estes asuntos, e seguilos. Falla igualmente a formación e a capacitación. Por iso resulta esencial non perder de vista o contexto que determina esta figura para aprender a respectala e dignificala mellor. A participación do colectivo de empregados públicos locais nesta iniciativa é moi desexable, máis alá das esixencias estrictamente laborais e que poderían incluír o intercambio de estancias nos municipios irmandados, o que podería garantir unha maior identificación coa iniciativa. Que un pequeno municipio galego se irmande con Rio de Janeiro ou New York, ou que non poida facelo a pesar das razóns plausibles para levalo adiante (Baiona con Bayonne, poñamos por caso) concreta a relevancia deste factor, que tamén debe ser tomado en consideración para establecer un mínimo de coherencia e homoxeneidade. Nesa perspectiva, para Galicia, con moitos Concellos e moi pequenos, e con escasas dotacións orzamentarias, é un elemento a ter en conta. Por outra banda, para que estas iniciativas teñan un sentido lóxico, sería desexable cinguirse a unhas marxes razoables en canto ao número de irmanamentos por Concello. A título orientativo se sinala a seguinte proporción: Ata 10.000 habitantes, 1 irmanamento. 10.000 a 50.000 habitantes, 1-2 irmanamentos. 50.000 a 100.000 habitantes, 2-3 irmanamentos. 100.000 a 500.000 habitantes, 3 irmanamentos. Urxe tomar en serio a cuestión dos irmanamentos, de xeito que progresivamente melloremos de forma substancial todos aqueles aspectos que inciden na súa conformación, tanto persoais como económicos ou políticos, esencialmente os de natureza democrática e participativa. Soamente así poderemos transformar os irmanamentos actuais en irmanamentos vivos, plenamente orientados e conscientes e polo mesmo tamén, debidamente valorados polos nosos partenaires no exterior. É fundamental instalar a percepción de que un acto de irmanamento entre municipios non se limita a simples formalidades entre concellos e corporacións ou a un mero coñecemento dos folclores de ambas poboacións. A Corporación Municipal debe exercer de conductor do irmanamento, pero han de ser os cidadáns quen han de sentir e participar, de forma continuada nesta iniciativa. O conxunto de ámbitos de actuación que xa forman parte da bagaxe tradicional destas iniciativas abarca campos tan diversos como: Turismo: intercambio de persoas (escolares, terceira idade, comerciantes, etc.), procurando atopar formas economicamente vantaxosas para efectuar as viaxes. Educación. Un ámbito especialmente idóneo para impulsar determinados valores: solidariedade, desenvolvemento, intercambio cultural e a relación amigable. Comercial. É positivo, a nivel cultural e económico, que se coñeza ben a actividade productiva de cada unha das vilas ou cidades, procurando intercambiarse o máximo de productos, especialmente se son de utilidade social para algún deles. Medio. Intercambio de experiencias respecto a medidas de protección do medio, defensa do entorno ecolóxico, etc. Transportes. Intercambio de experiencias para acadar unha organización racional e suficiente nos medios de transporte. Deportivo. Realización de encontros deportivos entre as vilas irmandadas. Asociacións profesionais. Contactos e intercambios de experiencias entre profesionais dun mesmo ramo, establecéndose canais de colaboración permanente. Xestión da cidade. Colaboración entre os concellos sobre planificación urbana, mellora de servicios públicos, formación do persoal municipal, etc. Urbanismo. Intercambio de experiencias sobre a mellora do medio urbano e a consecución de cidades humanas e agradables. Cultura. Coñecemento e intercambio de todo tipo de manifestación cultural (literatura, pintura, escultura, música, teatro, etc). Folclore: Coñecemento e intercambio sobre expresións folclóricas de cada municipio. Existe toda unha variada gama de actividades que xa son tradicionais nos irmanamentos. Unha destas prácticas é a de poñer o nome da vila irmandada a unha das nosas rúas, paseos ou parques, ou instalar un monumento alusivo ao carácter da cidade irmandada. Ao seu redor, poden celebrarse, ao longo do ano, diversos actos conmemorativos do irmanamento para celebrar a amizade entre os dous municipios. Outra práctica habitual é a de organizar cada ano, unha semana sobre a cidade irmandada. Durante esta semana se concentran varios actos culturais, folclóricos e deportivos, procurando que haxa unha importante asistencia de habitantes da cidade convidada. Da mesma forma, e noutra data, a vila irmá celebrará unha semana sobre o mesmo municipio. Unha boa iniciativa consistiría en elaborar un listado de todas as asociacións e entidades culturais, deportivas, comerciais, etc., dunha cidade e entregar copias á vila irmá, co obxecto de fomentar todo tipo de intercambios. As novas tecnoloxías, especialmente o uso da rede Internet, facilita a comunicación entre todas elas. Os irmanamentos estimulan o turismo entre as cidades irmás, pero dando a este turismo unha nova dimensión, o descubrimento non soamente de paisaxes e monumentos, senón tamén das formas de vivir dos seres humanos. Para afortalar este turismo entre vilas irmandadas, será moi útil contar coa simpatía e colaboración de empresas e compañías de transporte, que poderían ofrecer condicións vantaxosas para este tipo de comunicacións. Loxicamente, todas as iniciativas sobre irmanamento virán condicionadas polo nivel de sensibilización que unha poboación teña do feito. De pouco serve que unha cidade se irmande con tres, catro ou cinco localidades estranxeiras se practicamente ninguén coñece a existencia deses irmanamentos. Un Concello non debería iniciar un acto deste tipo ata que non teña prevista a forma de comunicar e facer participar aos seus cidadáns no acontecemento. Unha fórmula que podería axudar á solución deste problema, especialmente nas cidades medias ou grandes, é a do irmanamento entre barrios, marco no que resulta máis doado tomar conciencia e informar, salvando a falta de información, a distancia que poden converter esta idea en algo demasiado abstracto, sen unha dimensión humana. Para humanizar os irmanamentos, convén buscar fórmulas que os sitúen a unha escala máis reducida, máis próxima aos individuos, e dunha maneira que posibilite a súa actuación. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2003 |