Texturas Internacionais nº 5Volver ó sumario
Os irmanamentos en Galicia, a ruta local do internacional
 
Algunhas conclusións primeiras e aspectos suxeridos para o intercambio


María del Mar Gómez
 
 

Algunhas conclusións primeiras

1. O local é parte do mundial: As transformacións polas que pasa a sociedade internacional tamén teñen a súa incidencia nos ámbitos rexionais e locais.

2. Os municipios, novos actores sociais: Paulatinamente incrementan as súas actividades de cooperación internacional e se dotan da súa propia acción exterior. Dito doutro modo, cada vez está máis estendida a chamada “ruta local” na participación internacional.

3. As principais manifestacións da acción exterior municipal son: mocións e acordos sobre temáticas internacionais; visitas, viaxes e intercambios; irmanamentos; cooperación ao desenvolvemento descentralizada; cooperación transfronteiriza municipal; redes internacionais de entes locais; participación en programas europeos con fondos comunitarios; presencia en organizacións europeas e internacionais a través das federacións e asociacións de municipios; participación en misións de observación político-electoral.

4. Das citadas, o irmanamento é unha das modalidades de cooperación máis estendidas e con maiores virtualidades, xa que posibilita unhas relacións de tipo horizontal entre pobos, amigables e solidarias. O protocolo subscrito polos concellos irmandados establece o marco da colaboración, os seus principios inspiradores, os obxectivos a acadar e as materias e actividades de actuación conxunta. A súa tipoloxía e características, como xa quedou visto, é moi ampla.

5. En Europa contamos con máis de 8.000 colectividades irmandadas, destacando tal práctica en Francia, Dinamarca e Países Baixos. En España, dos 8.077 municipios existentes, máis de 500 están irmandados. Destacan polo seu alto número de irmanamentos, as comunidades de Catalunya, Andalucía e Valencia.

6. Xeograficamente –aparte dos subscritos entre municipios do Estado español- arredor dos dous tercios dos irmanamentos se efectuaron con poboacións de países da Unión Europea, pero sobre todo con Francia. O tercio restante corresponde a poboacións doutros continentes, salientando Centroamérica (Nicaragua e México); Sudamérica (Arxentina, Venezuela, Chile e Colombia); e Norte de África (Sahara, Marrocos e Tunicia).


Aspectos suxeridos para o intercambio

1. Realizar unha análise racionalizada e sopesada, no marco da acción exterior municipal, de cara a dar o paso para establecer un irmanamento.

2. Elección, analizando tipo de irmanamento perseguido e as súas características.

3. Conversas previas coa contraparte para sondar obxectivos e actividades.

4. A nivel interno, no propio Concello: acadar o consenso da Corporación para adoptar a decisión de irmandarse, elixir o tipo de irmanamento, designar o municipio contraparte, revisar o protocolo e fixar as actividades. Conviría dar a estes temas a consideración de acordos institucionais, sen influencias partidistas.

5. Elaboración coidada do protocolo máis alá da formalidade que supón. Conveniencia dunha adecuada redacción do texto.

6. Establecemento das responsabilidades política e técnica no seguimento do irmanamento: designación das áreas e persoas responsabilizadas de impulsar, atender e seguir a evolución do irmanamento.

7. Dotación dunha cantidade orzamentaria suficiente para manter o irmanamento e as súas actividades. Previsión doutras fontes de financiamento comunitarias, estatais, autonómicas e privadas. Particularmente dos irmanamentos-cooperación, cunha partida delimitada exclusivamente para a cooperación ao desenvolvemento.

8. Política informativa adecuada e permanente cara a cidadanía.

9. Establecemento de fórmulas de participación cidadá nos irmanamentos, ben a través da creación do “Comité de irmanamento”, de estructura municipalista, ou da Asociación do irmanamento.

10. Convocatoria de subvencións ás entidades do municipio para a realización de actividades coas entidades similares que funcionen nas localidades irmandadas.

11. Calcular con precisión o número de irmanamentos que unha poboación, de acordo coas súas características e medios dispoñibles, pode asumir a fin de lograr irmanamentos vivos.

12. Avaliar permanentemente e con sentido superador as posibilidades e problemas das múltiples actividades xurdidas do irmanamento.

13. Igualmente, sopesar outros problemas ou cuestións que se poidan suscitar ou suxerir como materia de intercambio e debate, a fin de procurar un enriquecemento bilateral e constante.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2003
Fernando Pol