| Texturas Internacionais nº 5 Os irmanamentos en Galicia, a ruta local do internacional |
| A acción exterior municipal, a súa natureza xurídica |
|
María del Mar Gómez |
|
Habitualmente, a maioría dos países dispuxeron todo tipo de trabas á actuación municipal no campo internacional ao consideraren as relacións externas un terreo da súa exclusiva competencia. Non obstante, no ámbito comunitario, as tensións se suavizaron bastante coa “Carta Europea da Autonomía Local”, convenio internacional que recoñece o dereito das entidades locais a cooperar e asociarse baseándose no desenvolvemento das súas competencias. Ese convenio quedou aberto para a súa firma polos estados membros do Consello de Europa en 1985, estando en vigor no Estado español dende hai varios anos. A “Carta” fixa o concepto de autonomía local e o seu alcance, interesándonos o contido do artigo 10 relativo ao dereito de asociación das corporacións locais, particularmente o parágrafo 10.2 que avala “o dereito das corporacións locais de integrarse nunha asociación para a protección e promoción dos seus intereses comúns e o de integrarse nunha asociación internacional de corporacións locais. Ambos deben ser recoñecidos por cada Estado”; así coma o parágrafo 10.3 que establece que “as corporacións locais poden, nas condicións eventualmente previstas pola Lei, cooperar coas corporacións doutros estados”. Se deduce, pois, con nitidez que o texto citado apoia o asociacionismo municipal internacional e a cooperación entre municipios de distintos estados. O incremento da presencia internacional do municipalismo, en especial das cidades, está sendo cada vez máis obxecto de estudio no ámbito das ciencias sociais. En “Las ciudades y el desarrollo de su papel internacional”, Mónica Salomón pon de manifesto como estas “adoptan un papel cada vez máis dinámico no ámbito internacional, no que, sen cesar, cooperan, compiten, declaran, forman grupos de interese, crean o seu propio aparato diplomático, se promoven ou se exhiben, entre outras accións”. No mesmo estudio se analiza a experiencia do proxecto “New International Cities Era” (NICE), dirixida polo investigador P. Soldatos, relativo a fixar os trazos da “cidade internacional”, sendo un deles o feito de que “mantén relacións (acordos, protocolos, irmanamentos, etc) con actores estranxeiros ou internacionais e participa en redes internacionais de cidades ou de institucións de cidades”. Así mesmo, o equipo NICE suxire, como acción a desenvolver no marco do programa de internacionalización das cidades, a “institucionalización da paradiplomacia urbana”. Esta estratexia consiste en agrupar todos os temas relacionados coa actuación internacional da cidade baixo as competencias dunha dependencia única do goberno local, unha especie de “oficina de relacións internacionais” encargada de organizar e coordinar as actuacións levadas a cabo. Iso se complementaría con outras medidas como son as estratexias de alianzas bilaterais –na que se inclúen os clásicos irmanamentos– e a creación de redes. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2003 |