Texturas Internacionais nº 5Volver ó sumario
Os irmanamentos en Galicia, a ruta local do internacional
 
A acción exterior dos municipios


María del Mar Gómez
 
 

Unha das actividades crecentes dos poderes locais é a cooperación internacional. A esas manifestacións se lles ven denominando de diferente maneira: acción exterior, relacións exteriores, relacións internacionais, relacións transmunicipais, etc, e incluso xa se está barallando o concepto de “paradiplomacia urbana”. Dende unha análise politolóxica cabe asegurar que asistimos a unha emerxencia das entidades locais como actores no seo da sociedade internacional contemporánea. Iso explica que cada vez sexa máis habitual que os municipios se promovan e proxecten internacionalmente.

Como xa hai tempo puxo de manifesto Chadwick F. Alger, é perfectamente posible empregar a chamada “ruta local” de participación internacional a partir, entre outras fórmulas, do espacio local e da actividade municipal.

A acción exterior municipal no plano internacional se pon de manifesto a través dunha serie de actividades entre as que cómpre destacar:


1. Mocións e acordos sobre temas internacionais

En certos casos algúns consistorios aproban mocións que transcenden claramente a dimensión local. O seu contido, moi variado, pode ir dende a expresión de solidariedade con certas causas (referendo saharauí), apoio a procesos de paz (Mozambique, Centroamérica), contra as guerras (Iraq), violacións dos dereitos humanos (Chiapas, Oriente Medio). Se ben non teñen efecto algún dende o punto de vista estrictamente xurídico internacional, demostran a vontade política e o interese dunha corporación ante certos acontecementos que alteran e inflúen na conducta dos seus cidadáns.


2. Visitas, viaxes e intercambios

En xeral, supoñen o inicio de relacións. Se reciben ou envían delegacións, en principio bilaterais, informativas e exploratorias para unha posible colaboración en materias de interese común. Con posterioridade, se concretarán mediante un compromiso máis ou menos formalizado ou convenio. Acostuma a culminar nun irmanamento ou multilateralmente na formación ou integración nunha rede intermunicipal.


3. Irmanamentos

A modalidade que brinda máis posibilidades, favorecendo as relacións horizontais entre os pobos, amigables e solidarias. O protocolo subscrito polos concellos establece o marco de colaboración, principios inspiradores, obxectivos e materias de actuación conxunta. A súa tipoloxía e características é amplísima.


4. Cooperación ao desenvolvemento

Baseado en criterios propios das relacións Norte-Sur (solidariedade, reequilibrio, reparto xusto, etc) e similar á doutras administracións. Se formula como tendencia o propósito de destinar o 0,7 por cento do orzamento a estas actividades.

Para ser máis efectivos e/ou apoiar un proxecto de grande envergadura e maiores custes, varios municipios poden acordar o sistema de cofinanciar un mesmo proxecto reunindo os seus fondos e esforzos ou integrarse nun Fondo de cooperación ao desenvolvemento de natureza municipalista. Algúns municipios ligan a actividade da cooperación ao desenvolvemento cun determinado irmanamento, é dicir, destinan todo ou parte dos seus fondos cooperantes para executar proxectos no municipio co que teñen establecido o irmanamento.


5. Cooperación transfronteiriza

As poboacións veciñas con fronteira común asumen potenciar a dimensión municipal desa cooperación que pasa pola colaboración arredor de políticas de ordenación e planificación territorial, estratexias de desenvolvemento económico, creación e xestión de servicios comúns, etc. Se abordan así os problemas derivados do impacto da eliminación de fronteiras e os efectos negativos que implica económica e socialmente para a zona. É frecuente en Galicia. De feito, varias comunidades territoriais de concellos (Val do Limia, do Miño e do Támega) foron xa constituídas e integradas na Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. O Convenio Marco sobre Cooperación Transfronteiriza do Consello de Europa aporta cobertura legal para a actividade de rexións e municipios e agora tamén o recentemente asinado Tratado Hispano-Portugués sobre cooperación transfronteiriza entre entidades territoriais.


6. Redes e organizacións internacionais de entes locais

Xurde do contacto simultáneo de varios municipios de distintos países. Este tipo de asociacionismo sería a culminación da participación municipal no ámbito internacional. Este tipo de redes e organizacións pode ser do máis variado. A Unión de Cidades Capitais (UCCI) ou a Federación Mundial de Cidades Unidas serían algúns exemplos. Existen tamén asociacións de redes coma o Consello de Municipios e Rexións de Europea (CMRE).


7. Participación en programas europeos con fondos comunitarios

Se consideramos que a integración europea afectará no futuro cada vez con maior intensidade ás administracións locais, parece lóxico que os municipios se formulen actuacións neste terreo: conseguindo información comunitaria, estudiando as alternativas para acollerse ao reparto de fondos comunitarios, liderando programas con outras localidades, etc. De feito, na actualidade son varios os programas que contan con financiamento comunitario para apoiar iniciativas das administracións locais.


8. Participación como observadores internacionais en procesos electorais

A presencia municipalista, con todas as garantías e solvencias, se pode advertir hoxe tamén nestas misións en países inmersos en procesos de pacificación. Nicaragua, El Salvador e outros, países de referencia para a cooperación ao desenvolvemento, saben desta experiencia, que presenta un balance moi positivo e que complementa o labor desempeñado por outros actores máis tradicionais.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2003
Fernando Pol