|
Plácido Castro é unha das figuras menos coñecidas do universo galeguista. A ocasión
que nos brinda a celebración do Centenario do seu nacemento debe servir, pois, para reflexionar sobre a
súa vida e a súa obra, ambalas dúas marcadas por un firme compromiso con Galicia.
Naturalmente, os contextos e escenarios de hai cen anos non son os de hoxe, pero cabe observar no pensamento
de Plácido signos dunha actualidade e permanencia, quer no político, quer no cultural, que sen dúbida
despertarán a curiosidade investigadora dos especialistas. As análises verquidas neste libro abordan
aspectos esenciais da súa experiencia intelectual (o xornalismo, a traducción, a reflexión
política marcada polo universalismo e a devoción céltica) e constitúen valiosas achegas
para obter unha radiografía mínima deste autor. Pero sobre todo aspiran a definir un punto de inflexión
respecto a tan rica figura e pechar ese amargo esquecemento que rodea a Plácido Castro.
En primeiro lugar, hai un Plácido no seu tempo e outro fóra del. O primeiro é o da vocación
política, do compromiso partidario e intelectual co galeguismo e con Galicia, da devoción pola cultura,
o xornalismo e o debate de ideas. Ese Plácido era o secretario de relacións internacionais do Partido
Galeguista que chegou a participar no Congreso de Nacionalidades Europeas de 1933 donde Galicia se consagrou como
unha nacionalidade recoñecida internacionalmente; era o directivo das Irmandades da Fala de Coruña,
ou da Asociación de Escritores en Lingua Galega; era o Plácido que enviaba as súas “Crónicas
desde Londres” a El Pueblo Gallego ou a Informaciones, que tanto escribía en La Nación de Buenos
Aires como en A Nosa Terra. Despois da guerra civil, do seu xulgamento e condena, fóra do seu tempo e das
súas paixóns, xurde un Plácido desorientado e frustrado, “estrañado no seu propio país”,
co que escasamente puido reconciliarse nos últimos anos da súa vida.
Hai outro Plácido dotado de habilidades múltiples e coñecementos máis propios dun
humanista do Renacemento, unha ilustración gañada a pulso na súa etapa formativa en Glasgow
con boa parte da élite británica do momento, e que lle permitía algo máis que defenderse
en coñecementos musicais, na pintura, na astronomía e, por suposto, na sensibilidade poética
que lle permitiu traducir ao galego numerosas obras de grandes autores de inspiración céltica e británica.
O contraste o ofrece un Plácido sempre inadaptado que pese aos esforzos da súa dona, Jesusa Sineiro,
atópabase con mil e unha dificultades para defenderse na vida ordinaria e acostumarse, el que procedía
dunha familia moi acomodada de Corcubión, ás privacións da posguerra, tanto aquí como
en Londres, cunha numerosa prole.
E sobre todo hai un Plácido eternamente preocupado pola salvagarda da identidade de Galicia, do reencontro
de Galicia consigo mesma en todos os dominios (da lingua á paisaxe pasando polo turismo e toda concrección
cultural), manifestacións que deben ser enxalzadas e dignificadas para construír a partir delas un
futuro no que debiamos exercer de galegos en Galicia e no mundo. El, que tantos anos vivira no Reino Unido, antes
e despois da guerra, participando nas emisións da BBC en lingua galega, castelán e inglesa; quen
chegou a colaborar durante varios anos co Jornal de Noticias de Porto, comprendía millor ca ninguén
o significado desa proxección universalista que el unía á admiración do progreso, dun
progreso sempre con identidade, que sintetizaba toda unha vida de compromiso con Galicia.
E con independencia da época e das súas vicisitudes anímicas, hai sempre unha foto fixa,
a do Plácido do diálogo, da tolerancia, do librepensamento, da curiosidade, da fe e conviccións
democráticas profundas, do gusto polo traballo ben feito e con rigor, daquel individuo culto e amador da
cultura que preferiu falar con voz baixa ou simplemente calar, a baixar a cerviz ante a tiranía da ignorancia
e mediocridade franquistas. Tamén por iso o seu retrato ben merece acompañar ao dos mellores homes
e mulleres desta Terra.
|