|
Plácido e Irlanda
Irlanda é un lugar de predilección para o intelecto de Plácido R. Castro e para a súa
sensibilidade estética, moral e política. A combinación pouco frecuente destas tres dimensións
é unha fonte da riqueza desta personalidade á que a atención de Galicia chega con tanta demora,
no centenario do seu nacemento e máis de sesenta anos despois da traxedia colectiva e personal que interrompeu
o que con certeza tería sido unha contribución valiosísima ao desenvolvemento político
e intelectual do noso país. Chegou a hora de abeirarnos a esa corrente somerxida da que estamos tan necesitados
e que, polas razóns que fose, estivo desaproveitada neses decenios de incerta orzada que van daquela catástrofe
á situación actual, que aínda é cedo para cualificar. Máis val tarde que nunca,
e o pensamento de Plácido Castro aínda pode servirnos hoxe, o que proba tanto a súa fecundidade
como que a historia non acabou e que o país e os que nel matinamos temos tarefa abondo diante de nós,
e non podemos darnos o luxo de desbotar nada.
Irlanda era tema do galeguismo da xeración de Plácido, pero ninguén tivo a oportunidade
de ver esa realidade tan de preto como el. O correr da vida deste gromo dunha familia de Corcubión anglófila
non só por sentimento senón por relacións económicas importantes coa Gran Bretaña
e o Norte de Europa xa nos anos de pasaxe do século XIX ao XX –pois Galicia non estaba daquela tan illada
do mundo como a veces din– educouse dende os seis anos na Escocia, primeiro no colexio Scarborough e despois na
Universidade de Glasgow. No Reino Unido bebeu nas fontes dunha cultura artística e política moi madura.
Vai devalando o esplendor outonizo da época eduardiana e éntrase no abastado inverno da xeorxiana,
que terá que atravesar a terrible crise da guerra chamada entón europea. Son os anos da volta ao
poder do Partido Liberal, de Asquith e Lloyd George, a formación política homónima da que
atraía a lealdade familiar dos Castro de Corcubión. E o problema de Irlanda, vello xa de séculos,
atea as polémicas e as dificultades da política do Reino Unido, e vai entrando na canle que, có
intermedio da guerra do 14, rematará na creación do Estado Libre, a guerra civil irlandesa e a partición
da illa. Neses anos Plácido Castro pasa de neno a home. Irlanda ten para el un interese especial. “Para
nós, a nación máis interesante do mundo” dirá dela. Plácido entende ao mesmo
tempo, como poucos, a perspectiva inglesa do problema, que é a que vive e coñece, e os dilemas do
liberalismo gobernante fronte desa problemática. Pero a súa relación con Irlanda ten outros
aspectos que van alén da política. No madurecer do seu pensamento galeguista vai chegando á
formulación do binomio identidade-universalismo, que é a súa grande aportación ao pensamento
–e á práctica– do galeguismo do século XX (non sabemos a influencia que poda ter tido na “Galicia,
célula de universalidade” do programa do PG, unha das moitas cousas por estudiar) e, polo lado da identidade,
ancora no celtismo. Chega a velo como alternativa a outras civilizacións no cadro universal. O esplendor
do renacemento das letras irlandesas eleva a súa sensibilidade literaria. O teatro, sobre todo, que é
sempre unha das súas afeizóns dominantes, atopa praceres e tamén ensinanzas para Galicia na
experiencia do Abbey Theatre de Dublín. De todo iso virán as maxistrais traduccións de Yeats
e as súas esperanzas no papel do teatro canto ao reforzamento da identidade galega. A crónica das
súas viaxes pola Illa para “El Pueblo Gallego” expresa con forza e engado a súa visión de
galego en Irlanda, e vai acompañada de fotografías de considerable valor artístico, que lembran
por veces a estética dos documentais en branco e preto de John Grierson e os seus sucesores nas décadas
seguintes. Merecen comentario aparte esas crónicas. Todo isto configura a estreita e rica relación
entre Plácido Castro e Irlanda, tan rica en facetas como a personalidade de quen foi político, escritor
e fino acuarelista. Pero aquí imos centrarnos na súa visión do problema político de
Irlanda, do que foi agudo observador nun momento decisivo da evolución daquel país, e que poden ser
uteis aínda hoxe na nosa reflexión sobre a difícil realidade irlandesa.
As emocións de base
Máis ou menos manifesto, pódese enxergar sempre un tecido emocional na política e mesmo
na economía política. O celtismo e a loita dun pobo dependente animan o interese de Plácido
por Irlanda. Por outra banda, o cadro institucional e o día a día da vida política británica
acordan unha admiración intelectual e emocional tamén nese observador galego que, naturalmente, os
contrapón á práctica política da España da Restauración e da Dictadura
de Primo de Rivera. O rexeitamento da miseria da vida política peninsular é un dos impulsos do galeguismo,
compartillado con outros movementos ben diferentes pero coincidentes con el nese noxo pola deturpación moral
do sistema político.
Non é fácil para Plácido conxugar esas dúas actitudes, pero coidamos que o consegue.
Repetindo unha e outra vez que o galeguismo ten que ser liberal fuxe das tentacións autoritarias doutros
críticos do sistema español e, polo contrario, apresenta o desenvolvemento autonómico como
modelo para a rexeneración das mores políticas da Península. Do lado británico, a súa
compresión das institucións e, aínda máis importante, do estilo e a vida pública
do país –do Imperio– afástano da anglofobia primordial que inspiraba e sigue inspirando as análises
do conflicto anglo-irlandés. Nas emocións políticas placidianas parece como se a afirmación
e o desenvolvemento de Galicia fose rematar na dignificación da vida política da Península
toda.
Outra rareza de Plácido Castro é a de ser un dos poucos que non recoñece o inglés
real no estereotipo que tanto persiste. “Non son fríos nin flemáticos, nin tampouco fieis observadores
da lei”, escribe. Fai xustiza así a un pobo esencialmente imaxinativo, improvisador e audaz. E con iso rexeita
o fácil recurso ao contraste entre uns irlandeses imaxinativos e emocionais e uns ingleses racionais, fríos
e sen imaxinación.
Antes de deixar o tema das emocións convén salientar algo que, aínda que non está
explícito nos escritos de Plácido, pódese inferir sen forzar os textos. Subxace a todos os
comentarios e as análisis que fai un contraste coas argumentacións da polémica en termos de
“separatismo” que dominaba entón na opinión española e que aínda non desapareceu da
escena. O que chama a atención é que xa entón, e máis agora, a opinión inglesa
e o inglés en xeral non sinten como un insulto ou unha agresión á súa personalidade
o feito diferencial de outras comunidades e culturas. Plácido insinúao ao falar de Escocia. Ningún
inglés pensa que os escoceses sexan ingleses, nin moito menos. E xa non digamos os irlandeses. Seguramente
isto ten moito que ver coa ideoloxía imperial. Interpretouse moitas veces como arrogancia e afastamento,
pero leva un elemento de respeto que, evidente nas relacións interpersonais, pódese transferir ás
intercomunitarias. Nin que decir ten o importantes que son estes elementos para o dificilísimo problema
da sociedade multicultural. Ábrese todo o campo do contraste có integracionismo, máis xacobino,
da ideoloxía imperial francesa, e có do imperio español, naturalmente. A intuición
desa actitude emocional básica encóntrase en moitas opinións de Plácido sobre a política
imperial británica, a evolución dos Dominios, a preferencia arancelaria imperial e outras cuestións
semellantes.
A herdanza de Gladstone
Os liberais tiñan voltado ao poder en Inglaterra en 1905, cando a división do goberno de Balfour
no debate da reforma arancelaria levou a Eduardo VII a encargarlle a formación de novo goberno ao líder
do Partido Liberal, Henry Campbell-Banermann. As eleccións do ano seguinte déronlle unha gran victoria
aos liberais, e Campbell-Bannerman seguiu sendo primeiro ministro ata a súa morte, dous anos despois. Seguíronlle
no número 10 de Downing Street outros componentes brillantes do seu goberno, Asquith primeiro e despois
Lloyd George, xa comezada a Guerra Europea. Chega Plácido neno ao Colexio Scarborough o ano da morte de
Campbell-Bannerman. E xa aos seus dezaoito anos asistiu probablemente a unha cea de honra a Asquith, ex primeiro
ministro por entón, no Clube Liberal da Universidade de Glasgow.
Ao chegar ao poder os liberais traían na bagaxe a herdanza do proxecto de Home Rule ou autonomía
para Irlanda que lles deixara Gladstone. O grande primeiro ministro da raíña Victoria “convertírase”
á causa autonomista en 1886. O seu proxecto de lei de Home Rule fracasou na Cámara dos Comúns
ese mesmo ano e levouno a dimitir, abríndolle camiño aos conservadores. No seu último goberno,
un segundo proxecto de Home Rule foi aprobado desa vez polos Comúns, pero derrotado nos Lores en 1893, e
Gladstone demitiu de novo poucos meses despois, aos oitenta e cinco anos de idade. Quedábanlle catro de
vida.
Non están moi claros os motivos da conversión de Gladstone á causa autonómica. Acaíalle
moito ao carácter de imperativo ético que lle daba sempre á súa política, pero
poden ter influído tamén as iniciativas liberalizadoras do anterior goberno conservador, cando o
virreinato de lord Canarvorn e o entusiasmo de lord Randolph Churchill abriron vías conciliadoras nos problemas
agrarios e educativos de Irlanda, que reclamaban una superación polo lado liberal. Pero foi decisiva, sen
dúbida, a alianza de Gladstone có Partido Parlamentario Irlandés liderado por Parnell. O Partido
Parlamentario –por estar representado no Parlamento de Westminster e esperar conseguir os seus obxectivos por medios
parlamentarios– foi durante todo o século XIX e comezos do XX o portavoz “natural” do autonomismo irlandés.
Actuaba, por suposto, na máis aberta legalidade, en contraste coas aventuras conspiratoriais da Irmandade
Repúblicana e os Fenianos. Co liderado de Parnell acadou una popularidade enorme, con brillante táctica
parlamentaria en pro da autonomía. Tíñase mantido independente, aínda que entrara en
tratativas cos persoeiros conservadores de que falamos como máis “proirlandeses”, e incluso con Joseph Chamberlain,
que tamén tiña os seus proxectos para Irlanda. O éxito do Partido Parlamentario Irlandés
nas eleccións de 1885 foi enorme, ao conseguir máis do dobre dos deputados que antes tiña,
e gañar en todos os distritos de Irlanda, non sendo o Leste do Ulster e a Universidade de Dublín.
Esa forte voz en Westminster serviu de apoio a Gladstone para insistir no proxecto autonómico ao chegar
ao poder por terceira vez en 1996. A alianza de Gladstone con Parnell provocou moita controversia e acabou por
dividir o Partido Liberal, coa separación de Joseph Chamberlain e os chamados Liberais Unionistas. Gladstone
e o seu partido foron asumindo a promoción do Home Rule, sobre todo despois do escándalo do adulterio
de Katherine O’Shea con Parnell, a loita de Parnell por manter o liderado do Partido, a escisión nas filas
deste e a morte do líder en 1891.
Os liberais que coñeceu Plácido Castro na súa xuventude tiñan asumido o compromiso
moral de completar a obra autonomista que tanto lle tiña costado a Gladstone. De novo a aritmética
parlamentaria tíña favorecido aos seus aliados do Partido Parlamentario Irlandés, reconstituído
e dirixido agora por John Redmond, o veto dos Lores tiña sido reducido a un simple poder de demora pola
Lei de 1911, e en 1912 Asquith presentou o terceiro proxecto de lei de autonomía para Irlanda. Foi aprobado
polos Comúns e enérxicamente rexeitado polos Lores, pero a Cámara Alta xa non tiña
máis poderes que os de retrasar por dous anos a entrada en vigor da Lei.
No entretanto, crecía a oposición dos unionistas do Ulster, dirixidos por Carson, iban e viñan
propostas e contrapropostas de partición da illa, e o problema de Irlanda entraba cada vez máis como
unha carta no xogo dos partidos británicos. Asquith non tiña o entusiasmo moral de Gladstone nin
estaba tan identificado coma o antigo líder coa idea do Home Rule. Permitiu o armamento dos resistentes
do Ulster, non foi moi enérxico cos oficiais amotinados da guarnición do Curragh que declaraban que
non intervirían contra os unionistas se chegara o caso, e convenceu a John Redmond da posibilidade de que
os condados do Ulster quedasen fóra da xurisdicción do futuro parlamento irlandés por seis
anos. Así se chegou á guerra europea do 14, e os planos de creación dun parlamento irlandés
quedaron adiados ata despois da fin do conflicto bélico. Redmond acabou de desacreditarse facendo campaña
polo servicio militar dos irlandeses no exército británico. A impaciencia dos nacionalistas levou
a un sector deles ao Levantamento da Pascua de 1916. A brutal e mal pensada reacción do goberno de Londres
radicalizou a opinión. En 1918, ao fin da guerra, un novo partido, exclusivamente irlandés, o Sinn
Féin (Nós mesmos), caracterizado como independentista e republicano, varreu aos liberais e aos outros
partidos, incluído o dos nacionalistas parlamentarios, e declarou o boicot a Westminster. Os deputados do
Sinn Féin reúnense en Dublín e, constituídos en parlamento irlandés (Dáil
Éireann) declaran a independencia. O panorama político muda por completo, o Home Rule é xa
unha idea do pasado. Lloyd George, primeiro ministro liberal desde os días da guerra, consigue a aprobación
da Lei de 1920, que establece un Parlamento en Dublín e outro en Belfast, con autonomía limitada.
Nas eleccións ao de Dublín gañan outra vez os candidatos do Sinn Féin. Lloyd George
negocia cos independentistas, e así se concerta o Tratado de 1922, polo que se funda o Estado Libre de Irlanda.
Os sectores nacionalistas que non aceptan o Tratado, encabezados por De Valera, provocan a guerra civil, que vai
durar ata 1924. De Valera non aceptará a entrada no parlamento do Estado Libre ata 1927 có seu novo
partido, o Fianna Fail. En 1932 será xefe do Goberno. O partido dos antigos defensores do Estado Libre é
o Fine Gael. Ambos os dous son aínda hoxe os dous principais partidos irlandeses, a esquerda e a direita,
se queremos chamarlles así, en termos moi relativos. Nos anos da xuventude de Plácido Castro goberna
en Dublín o Fine Gael.
¿Nós sos?
A evolución histórica que acabamos de reseñar ven ao caso, porque semella claro que nela
se inspirou Plácido Castro ao defrontarse co problema político da Galicia á que tiña
voltado en 1930. En 1931 participou na asemblea de constitución do Partido Galeguista e foi elixido membro
do Consello Permanente e directivo provisional. Reelixido e confirmado na II Asamblea en 1932, representa en 1933
ao Partido no IX Congreso das Nacionalidades Europeas celebrado en Berna. Ese mesmo ano ocúpase en “El Pueblo
Gallego” (26/04/1933) dun problema esencial que toca á xustificación da existencia e a estratexia
de actuación da nova formación política. E aí pon a rendir Plácido a súa
experiencia de Inglaterra e Irlanda. Sostén que as arelas nacionalistas só poden atopar canle axeitado
nun partido aparte. Non faltaba quen pensase que a ORGA, por exemplo, aínda que Castro non a cita polo nome,
ou algunha resurreción do republicanismo federal, poderían levar á realidade esas aspiracións.
Por tradición familiar e preferencia ideolóxica, Plácido Castro era liberal, e tiña
presenciado en Inglaterra con simpatía o decorrer do modelo entón dos partidos liberais europeos,
o de Gladstone, Asquith e Lloyd George. A súa simpatía pola causa irlandesa vírase defraudada,
sen embargo, como a dos propios nacionalistas irlandeses, polo enguedellamento dos intereses autonomistas có
xogo político de Westminster. Para todos eles estaba claro que, sen o arredamento dos deputados do Sinn
Féin e a declaración de independencia do Dáil Éireann, por non falar xa do levantamento
da Pascua, porque Plácido non se refire a el expresamente e de seguro que lle provocaría outras reflexións,
non tería existido o Estado Libre.
“[...] mentres os nacionalistas, mestres de estratexia política, se dedicaron a intervir no xogo político
do Parlamento británico, non conseguiron para a súa terra a máis pequena autonomía.
Foi preciso o arredismo e o exclusivismo do Sinn Féin para acadar a independencia de Irlanda”.
Aínda que nese artigo non fala Plácido de Irlanda ata o último párrafo, o título,
“Nós sos” indica claramente de que se trata. E o artigo remata así:
Non esquezamos o exemplo histórico de Irlanda, que só conseguiu a súa liberdade cando o
nacionalismo que interviña na política británica foi aniquilado por un partido cunha conducta
que estaba reflectida no seu nome: “Nós sos” –“Sinn Féin”–.
“Nós sos” é cómo se traducía entón “Sinn Féin”. Hai quen di que a
soedade non entra verdadeiramente nesa expresión, e que sería millor dicir “Nós mesmos”. Eu
atreveríame a pensar que Castro preferiría ese matiz, porque ninguén insisteu máis
que el en que os galegos na política tíñamos que ser “nós mesmos”, pero non estar “sos”
nin aillados. Que só como “nación entre as nacións” podíamos ser nós mesmos.
Rexeneración
Hai un argumento que reforza o recurso de Plácido Castro ao exemplo irlandés, ou tal vez máis
ao exemplo británico. Nese mesmo artigo de 1933 artéllase una fundamentación moral da intervención
independente do galeguismo na vida política, que sitúa a Plácido Castro e ao Partido Galeguista
nun panorama amplo de rexeneración da vida pública.
Comeza o autor por reflectir o desencanto coa República, que era o de moitos cidadáns que puxeran
grandes esperanzas na capacidade do novo réxime para ventilar e sanear a vida política.
“Os nacionalistas galegos tiveron a esperanza de que, unha vez implantada a República, se desenvolvería
a vida política de Galicia nun ambiente de cidadanía superior ó que coñeceran baixo
o antigo réxime. Confiaron tamén na sinceridade doutras agrupacións políticas que levaban
a autonomía no seu programa e agardaban destes partidos algo máis que a expresión dunha aspiración.
Debemos recoñecer, sen embargo, que en ambos aspectos sofrimos unha completa decepción, que se acrecenta
ó observar o desprestixio e a desorganización dos citados partidos [...]”.
E di máis adiante:
En medio da actual podremia da política galega, un partido san nos seus ideais e os seus procedementos,
conquistará pouco a pouco a simpatía da opinión pública.
E:
“[...] no actual ambiente político de Galicia é unha honra non ser ‘políticos’, e un motivo
lexítimo de orgullo se-lo que somos”.
Hoxe podemos confirmar, lendo esas reflexións de Plácido Castro, que os nacionalismos ou autonomismos
da Península teñen unha das súas orixes na toma de conciencia da necesidade de rectificar
o curso histórico do país e de instaurar unhas formas de convivencia máis sanas e productivas,
máis axeitadas ás realidades sociais e, por conseguinte, máis capaces de satisfacer as necesidades
económicas, morais e incluso estéticas dos cidadáns.
Trátase dunha das formas que tomou o rexeracionismo. O descontento coa vida política criada no
sistema da Restauración, coa súa artificialidade e desligamento do país real, características
sempre propicias á corrupción e á perda do concepto de servicio público, levou ás
mellores intelixencias políticas a procurar outros camiños. Algúns remataron no abandono da
democracia, simplemente, outros procuraron un nivel máis alto de convivencia. Houbo mozos inquedos na Compostela
dos decenios de 1920 e 1930 que, impacientes e incómodos coa política ao uso, dubidaban entre o fascismo
e o galeguismo. Aínda que hoxe poda parecer raro, ambos eran modernos e de vangarda.
Plácido encontrou espacio para a súa inquietude e os seus degoiros dunha vida política
máis semellante á británica que, ao mesmo tempo, prométese unha nova civilización,
no partido dos “bós e xenerosos”. Como di en “Optimismo nacionalista” (El Pueblo Gallego, 05/12/1931):
“[...] temos o dereito a afirmar que a idea nacionalista é a única verdadeiramente creadora e
constructiva, e polo tanto avanzada, no máis amplo sentido da palabra, que na actualidade vibra no ambiente
da nosa terra”.
O nacemento dun Estado
Plácido Castro transmitía nos seus artigos o interese e a simpatía con que seguiu o nacemento
e a evolución da Irlanda independente. Non temos na obra publicada testemuña directa da súa
impresión dos tempos da guerra civil irlandesa e dos comezos do Estado Libre. Pero está clara a fascinación
con que vía a criación dun Estado en Irlanda. Tiña moi presente, como se pode ver nos seus
artigos, a evolución do Imperio cara unha Comonwealth, na que vía mostras interesantes de solucións
graduais e evolutivas do desenvolvemento de nacións diversas cunha experiencia colonial común. Tiña
vivido o grande problema político da reforma arancelaria e as preferencias imperais, que tanto afectara
ao seu partido afín, os liberais británicos. Se Joseph Chamberlain podía parecerlle culpable
da escisión do partido nos tempos de Gladstone pola política deste a pro da autonomía irlandesa,
debía simpatizar tamén coa súa política posterior de defensa das preferencias arancelarias
dentro do Imperio. Nun artigo de 1930, o ano do seu retorno a Galicia, titulado “Cara ó proteccionismo oficial”,
refírese Castro á Conferencia Imperial de 1926 e di que “a Comunidade de Nacións Británicas
–que se compón [...] de nacións autónomas, iguais en categoría, de ningún modo
subordinadas unhas ás outras, unidas pola súa común fidelidade á Coroa e libremente
asociadas como membros da citada Comunidade– constitúe sen ningunha dúbida o máis alto exemplo
do liberalismo levado á práctica en tan enorme escala. Demostra a posibilidade da existencia dunha
Asociación de Nacións libres que saben facer compatible o internacionalismo co nacionalismo. [...]
O exemplo do Imperio británico é neste aspecto dun enorme interese para tódalas nacións
e en especial para as que desexan a implantación dun réxime federal, posto que representa unha superación
do federalismo. Podería dicirse que constitúe o ideal ó que deben aspirar as confederacións
de nacións ou de rexións”.
O problema irlandés non sempre encaixou doadamente no camiño da Commonwealth. Houbo sempre un
fondo emocional antibritánico do lado nacionalista irlandés, pero non faltaron outras perspectivas
máis conciliadoras. Con certeza se advirten nas formulacións do Partido Parlamentario Irlandés,
por exemplo. Plácido sabe desa irregularidade e alude a ela, de maneira algo oblicua, no mesmo artigo de
1930:
“Inglaterra tivo a sabedoría de admitir gradualmente cantas reclamacións de independencia presentaron
os Dominios. A conferencia de 1926 resolveu nas súas grandes liñas tódolos problemas constitucionais.
Mesmo concedeu tacitamente ós Dominios o dereito de secesión, coa consecuencia agardada de que agora
que o posúen, todos declararon que non teñen a máis remota intención de exercelo. [...]
Só Irlanda, por razóns de política interior, segue concedendo algunha importancia ás
cuestións meramente constitucionais”.
Despréndese dos escritos de Plácido Castro a súa preferencia, polo menos durante algún
tempo, pola solución do Estado Libre. Esa é a Irlanda que visita e na que admira o labor constructivo
do goberno de Cosgrave. As esperanzas que Castro acobillaba dunha evolución polo camiño da Commonwealth,
na que se conciliarían as súas simpatías irlandesas e autonomistas en xeral coa súa
admiración pola política de Londres (sobre a base dun tempero liberal común) non lle impide
ver que pode haber algúns atrancos nese camiño. Chámalles, con delicadeza, “cuestións
meramente constitucionais”. Pode estar aludindo a problemas como o da recusa ao xuramento de lealdade á
Coroa ou o da existencia dun gobernador xeral, como nos Dominios, que eran polémicos nos primeiros anos
do Estado, pero seguro que non se lle oculta que, agachado tras deles, está o republicanismo. Parécelle
difícil entón a Plácido Castro substituír o papel da Coroa como lazo común da
Commonwealth. Semella que, a Coroa apreséntase aquí, igual que noutros aspectos da vida británica
no senso máis amplo, como garantía do liberalismo, que é o valor máis importante para
Plácido. Esa preferencia de Plácido, republicano en España, non se explica simplemente por
unha admiración por case todo o que cheiraba a británico, como pensaron algúns, senón
que obedecía a outra lóxica política e vital.
Plácido Castro non perde ocasión de contar e loubar cantos exemplos de liberalismo e conciliación
atopa nas relacións anglo-irlandesas. E Cosgrave, primeiro ministro do Estado Libre, dalle moitas ocasións
para facelo. En 1927, desde Londres, salienta Plácido a colaboración irlandesa na Conferencia Imperial
Británica e a ratificación polo Dáil Éireann da política que a ese respecto
seguiran os representantes do goberno de Dublín. Ao final da Conferencia, celebrada en Manchester, pronunciou
Cosgrave un discurso no que expresou con retórica optimista, pode ser que excesiva pero grata para as esperanzas
de Plácido, o seu firme convencemento de que “os pobos destas dúas illas, situadas polo Criador en
tan próxima viciñanza na superficie do océano, aínda que tan diferentes en raza e carácter,
adicáranse de hoxe en diante a descobrir terreos de común esforzo e de común trunfo, máis
que a rebuscar nas páxinas da historia as lembranzas de amargores que deben ficar sepultados para sempre”.
Plácido Castro non só se complace afectivamente nesas afirmacións de Cosgrave, senón
que corre a contarlles aos seus leitores galegos (“Irlanda, Inglaterra y el mundo”, en El Pueblo Gallego, 12/02/1927)
o significado que o “Manchester Guardian” lles atribúe como motivo para aproximar á Gran Bretaña
a moitos estadounidenses de orixe irlandesa. E ve Plácido con satisfacción como, poucos meses despois,
Randolph Hearst, o grande artífice da prensa norteamericana, ata entón inimigo declarado da política
de Londres, declara que a unión moral entre Inglaterra e os Estados Unidos é esencial para garantir
a paz do mundo. A perspectiva de Plácido é sempre ampla, o seu norte é a paz liberal, e nese
marco vai situando canto acontece, coa esperanza de que Galicia non perda oportunidades de entrar nese camiño.
Aproba Plácido Castro constantemente a política de Cosgrave. A solidariedade monetaria entre Irlanda
e Inglaterra parécelle moi prometedora e indicativa do afianzamento dunha futura convivencia pacífica
entre os dous países. Aproveita para extraer consecuencias para a teoría do nacionalismo, saíndo
ao paso aos receios que poidera haber en Galicia e en España. O nacionalismo non implica atraso económico,
visto que os sectores máis avanzados da sociedade irlandesa desexan criar un grande país industrial,
di xa en 1927, e refírese anos despois como exemplo ao “Shannon Scheme”, o plan hidroeléctrico do
río Shannon, e ao desenvolvemento do turismo (un tema moi de Plácido Castro, tamén para Galicia).
Tampouco pon en perigo o nacionalismo as finanzas do país, xa que Irlanda –di– xungueu o seu sistema monetario
ao de Inglaterra, o máis sólido do mundo. Nin aumenta o odio entre os países separados; abre
o camiño, pola contra, para que esas dúas nacións, Inglaterra e Irlanda, xunguidas voluntariamente
por razóns ideais e prácticas, desenvolvan no mundo unha política de cordialidade e de paz
que antes non era posible.
O Estado Libre cara á maioría de idade
Poderíase dicir que estas esperanzas de Plácido Castro aséntanse no liberalismo inglés
máis que no patriotismo irlandés. Sen embargo, cando a política irlandesa amosa un pendor
de resistencia contra o poderoso viciño, está claro que a simpatía de Plácido vai cara
a Irlanda. Non hai que pensar, pois, que a súa fe nunha utopía de convivencia fose estática.
Mesmo cando acentúa os valores de tolerancia e comprensión mutua, deixa sempre claro que, no trasfondo,
ten que haber sempre unha forma activa de defensa dos propios intereses e de enfrontamento que é o aspecto
criativo e dinámico desa convivencia. O entendemento desa tensión criativa vaise reflectindo no decorrer
das súas observacións, e afástao dun simple desexo utópico de non ver as diferencias
nin recoñecer os conflictos. Iso está na base do seu galeguismo e do seu apoio á independencia
irlandesa. En 1932, xa en Galicia, cando DeValera leva xa algúns meses na presidencia de Irlanda e reivindica
maior independencia, escribe Castro (“Escocia, Irlanda, Bretaña, Galicia”, El Pueblo Gallego 02/12/1932):
“Irlanda, non satisfeita pola independencia case completa que hoxe goza, arrisca todo o seu benestar económico
nunha loita aduaneira e política contra un rival tan formidable como Inglaterra”.
Non esquece Plácido, sen embargo, a súa experiencia directa e a súa admiración polo
goberno de Cosgrave. Nun artigo algo anterior dese mesmo ano (“Irlanda libre”, El Pueblo Gallego, 19/04/1932) comenta
a chegada ao poder de De Valera e, ao tempo que a celebra dicindo que é de importancia capital na historia
dos movementos nacionalistas, lembra con eloxio a situación anterior:
“Irlanda gozaba dende 1921 dunha independencia practicamente absoluta e un estado de prosperidade moi satisfactorio
nas actuais circunstancias; dende logo máis favorable que o de Inglaterra. Os seus habitantes gozaban dos
privilexios dunha dobre cidadanía, irlandesa e británica. O convenio financeiro con Inglaterra foi
sumamente favorable a Irlanda, que se librou da terrible carga de débeda nacional e só contraeu o
compromiso de pagar un número de anualidades, de tres millóns de libras, para liquidar os préstamos
feitos polo Goberno británico aos agricultores irlandeses con obxecto de que adquirisen as terras que traballaban.
É dicir, que Irlanda gozaba de tódalas vantaxes da súa independencia, e ó mesmo tempo
beneficiábase da súa asociación co Imperio, en canto esta asociación supuña
que Irlanda obtiña no Imperio un trato favorable no terreo arancelario e económico; que os seus habitantes
eran tamén cidadáns dun conxunto de nacións que ocupan a quinta parte do mundo, e que a súa
seguridade nacional estaba garantida por toda a potencia naval e militar do Imperio británico. Engádase
a todo isto que Irlanda estaba rexida por un dos gobernos máis activos e eficientes do mundo, o cal levou
a cabo transcendentais reformas na economía do país e cun labor durante dez anos que foi magnífico
en tódolos aspectos”.
Sen embargo –escribe Plácido– “o misticismo patriótico de De Valera trunfou sobre a experiencia
e a magnífica historia do Goberno Cosgrave”. Pode ser que simplifique un pouco o contraste entre a política
de Cosgrave e o “misticismo” de De Valera, político dos políticos se algún houbo. Dalle gran
valor o noso autor, como ponto decisivo nas eleccións, á cuestión de xuramento de fidelidade
á Coroa británica polos deputados, no que di que vían os irlandeses unha reliquia intolerable.
Despois diso, parécelle que só queda o paso definitivo da transformación do cargo de gobernador
xeral, nomeado polo monarca a proposta do Goberno de Irlanda, nun verdadeiro presidente, elixido polo pobo irlandés
ou polo seu Parlamento. Non tardou en darse ese paso, como Castro prevía, e, desaparecido ese atranco, non
lle parece que vaia haber grandes problemas na amizade anglo-irlandesa. O único que lle parece problemático
é o desexo de implantar o gaélico como idioma nacional.
“Non é aventurado supoñer que o réxime definitivo de idiomas sexa bilingüe. Fai falta
extremar un pouco a política progaélica nestes primeiros anos para salvar o idioma nativo do atraso
que padecía. Pero cando estea resucitado e establecido como idioma nacional, non é de esperar unha
política de intransixencia respecto do inglés. Os irlandeses hanse de impor o traballo de aprender
ambos os dous idiomas, por razóns de conveniencia práctica e cultural, ao se decatar que os beneficios
e compensacións resultantes serán unha ampla compensación. [...] Coido que o factor lingüístico
é transitorio, máis que nada, e non ha ser obstáculo para a amizade dos dous países”.
Ese futuro do gaélico era o soño de De Valera, pero non se cumpriu. Non lle foi difícil
ao presidente e ao Goberno impor o uso do gaélico na vida oficial, pero como lingua de uso no país,
fora da reducida e protexida área do Gaeltacht, e dun certo volume de literatura –poesía, sobre todo–
non compite, nin moito menos, co inglés. Hai certificados en gaélico, e ao gaélico tradúcense
en Bruxelas os documentos da Unión Europea, pero é rarísima unha carta de correspondencia
normal nesa lingua.
A violencia
Aínda que poda parecer o contrario, Plácido Castro, tolerante, pacifista e pacífico, non
era cego ao papel da violencia na loita irlandesa. Refírese a ela expresamente algunhas veces, lamentándoa.
Descríbea con vigor plástico abondo, falando non só dunha guerra que durou virtualmente sete
séculos, senón tamén dos anos de 1916 a 1921 en que “o pistoleiro foi o héroe e o árbitro
de Irlanda”. O motivo desas evocacións (“Ensinanzas irlandesas”, El Pueblo Gallego, 07/11/1931) foi defender
unha vez máis a política de Cosgrave, e en concreto os poderes excepcionais que lle tiña otorgado
en 1931 unha lei de defesa das institucións do Estado contra as ameazas dunha conspiración terrorista.
A prensa antiautonomista española destacou iso como proba da incapacidade de Irlanda para ser país
independente e como “tristes ensinanzas” para os nacionalistas galegos. Plácido invocou en defensa desa
lei a situación moral anarquizante que, segundo el, era culpa do centralismo, e que a Lei de Defensa era
un procedemento que tiña seguido tamén a República española, “sen que por esa razón
se atreva ninguén a afirmar que España non mereza ser independente”.
O que si esperaba Plácido Castro –e é unha nobre esperanza– era que o sangue verquido fose xa
abondo e que con el se tivese gañado un futuro pacífico. Sabemos que non foi así.
O silencio
¿Que non dariamos por saber o que pensou Plácido Castro do problema político de Irlanda
nos moitos anos que lle quedaron de vida privada despois de ter que calar na vida pública? Todo o que levamos
comentado escribiuno antes dos 34 anos, por incrible que pareza. Morreu aos 65. Nas colaboracións de prensa
máis serodias hai temas irlandeses (o seu encontro con AE (George William Russell) e con Eoin McNeill, por
exemplo, a súa amizade con Thomas Esmonde), de carácter literario ou histórico, que nos fan
pensar que tería seguido a evolución política daquel país. Hai tamén traduccións
e publicacións de tema irlandés. ¿Canto quedaría de desilusión ou de esperanza
naquela mente optimista, pero lúcida? Nada nos tiña dito antes do problema do Ulster, pero non o
descoñecería despois. Pecharíase tal vez no silencio, pero é de lamentar que ninguén
pareza terse ocupado de incitalo a saír del. ¿Ou non terían conseguido nada os hipotéticos
pesquisadores? ¿Ou non nolo contaron? Quen sabe... Non é doado reconstruír a historia dos
silencios.
Incitacións
O tema está aberto. Aquí non podemos facer máis que apuntar algúns temas. Habería
que pescudar na biografía de Plácido Castro, na Gran Bretaña e en Galicia. Sería fecundo
analisar as dimensións do optimismo placidiano, e ver, por exemplo, a que obedeceu que non vise a diferencia
fundamental que no caso de Irlanda decorría do problema relixioso. No problema do xuramento de lealdade
á Coroa, que el só ve como constitucional, pero que tiña unha importante dimensión
relixiosa. De aí pode vir una das raíces máis fondas da violencia que chega ata os nosos días,
ben contra as xenerosas esperanzas de Castro.
Estamos no ano do centenario desta esgrevia personalidade. É boa ocasión de estudala, para facerlle
xustiza, máis que debida, e para proveito do país ao que serviu. E para ver de entender e compensar
o silencio.
|