|
Plácido R. Castro foi, sen dúbida, un adiantado do mundo traductor galego, ese que hoxe disfruta
dun evidente auxe, aínda que nel faga falla un criterio, un canon que –para empezar– poña en marcha
unha especie de Biblioteca Universal verquida ao noso idioma. Con efecto moitas son as obras claves da literatura
que aínda non viron a luz en galego, mentres si o fixeron outras (sobre todo no ámbito mal chamado
xuvenil) que podéramos chamar, suavemente, prescindibles. Plácido R. Castro seguramente houbo de
esquecer outras pulsións para atender a chamada traductora, nun momento no que, anos vinte e trinta, moitos
eran os ocos que tiñan de ser cubertos no noso campo cultural. Plácido R. Castro, traductor sobre
todo do inglés, posuía ao seu favor a facultade de manexar de primeira man –de moi primeira man–
este idioma, consecuencia da súa estadía escocesa (e despois inglesa). Pois Plácido R. Castro,
como é sabido, vivira desde os seis anos (isto é, desde 1908) en Glasgow, e nesta cidade, a máis
populosa das Terras Baixas escocesas, pasaría a nenez e máis a mocidade, chegando a ser membro do
Glasgow University Liberal Club. Glasgow era, hoxe o raseiro globalizador que todo o pretende igualar anda a mudar
tamén as paisaxes urbanas, unha cidade básicamente industrial, cun sector proletario procedente na
súa meirande parte de Irlanda (ronsel da “famine” do século XIX) e xa que logo católico, ao
tempo que a clase social hexemónica era protestante, inscrita sobre todo na Igrexa de Escocia. En Glasgow,
por mor dos importantes astaleiros do río Clyde, había un bulir de grande actividade, dende as súas
“trade unions” ou sindicatos dos máis importantes de Gran Bretaña. Glasgow, en fin, non tiña
nin ten, hoxe é unha cidade moderna abondo uniforme na comparación con outras semellantes nas dimensións,
nada que ver con Edimburgo, capital de Escocia e auténtica xoia tanto na súa parte medieval como
no New Town, e non obstante posúe un seu aquel, moito máis chamativo/distintivo na época en
que morou nela o Plácido R. Castro. Dese tempo é o folleto de Francisco de las Barras de Aragón
titulado Notas tomadas en Inglaterra, Escocia e Irlanda en 1909 (Impreta Placentines, Sevilla 1915), no que, entre
outras cousas non menos gustosas dise: “En esto había anochecido, las luces estaban encendidas y pude admirar
magníficos escaparates perfectamente iluminados en la calle inmediata a la del hotel. La concurrencia a
aquella hora era enorme y el número de omnibus, coches, tranvías, que obstruían el paso de
una acera a otra, mayor que en Londres, si cabe. Me he referido a Trogate Streeet, pero en la inmediata calle de
Jamaica, en el puente (Glasgow Bridge) y en la calle que sigue al otro lado ocurría lo mismo. La animación
era muy grande, y en un rato en que, no sé por qué, se interrrumpió, la marcha de los tranvías,
se reunieron más de veinte, cortando el paso por completo de un lado a otro” (pax 57/58). Sirva esta reflexión
sobre Glasgow, berce de Sir John Moore, a quen inevitablemente houbo de acudir nalgún momento o Plácido
R. Castro escritor, para ubicar o sitio onde o corcubionés aprendería o idioma que habería
de servirlle como vehículo para as súas aportacións, tan precoces como importantes, á
nosa literatura.
Plácido R. Castro, despois de estadías esporádicas, volveu a Galicia nos anos anteriores
á proclamación da República, tomando parte, unha vez establecida esta, na constitución
do Partido Galeguista, e en canta batalla daría este a prol do Estatuto de Autonomía. Despois do
36, Plácido R. Castro, obviamente entre os represaliados, habería de gardar un silencio obrigado,
a penas roto polas colaboracións na BBC ou naqueles países americanos onde o facho galeguista conseguira
se manter aceso. De novo o traballo básico de Plácido R. Castro sería en tanto que traductor,
cáseque sempre do inglés ao galego, e con especial predilección polas letras e os poetas irlandeses,
aínda que con calas nos escocesas, como Robbie Burns, ou ingleses, atal Christina Rossetti. A todo iso Plácido
R. Castro non soamente foi un avanzado das traduccións ao galego, senón tamén desa preferencia
polas culturas “celtas” que desde o Rexordimento deixou traslocer a nosa. Nese senso Plácido R. Castro,
desde o observatorio privilexiado que ocupaba en Europa, tomou unha atención temperá no que acontecía,
literalmente falando, en Escocia e Irlanda. Sendo así que o interese pola cuestión irlandesa, onde
o nacionalismo estaba moito máis enraizado que en Escocia, xa tiña cimentado en Galicia, acadando
puntos álxidos coas Irmandades da Fala. En todo caso Plácido R. Castro cando se anuncia como traductor,
na década dos vinte, bota man de autores escoceses e irlandeses, volvendo a eles nos anos sesenta, que é
cando Plácido R. Castro retoma os seus labores como traductor. De entre os autores irlandeses hai algunha
recorrencia en Castro, así a do poeta e violinista cego Raftery (1774-1835), ao que o de Corcubión
lembra unha e outra vez. Pero tamén sobrancea o interese que en Castro esperta George Russell, AE, un autor
que hoxe –moito me temo– non di nada fóra de Irlanda, e que non obstante acadara no período de entreguerras
unha importante significancia. Eses anos nos que William Butler Yeats poñía os alicerces, os chanzos
da escaleira que habería de situalo no plano inmenso que hoxe ocupa, e iso mailas súas derradeiras
veleidades políticas parafascistas; pero é que –afortunadamente– a literatura na súa evolución
demostra estar por riba de “correccións políticas”. (No ano 77, con motivo da publicación
dun poema de Ezra Pound, verquido por min ao galego, na revista –mellor diríamos fanzine– Loia, fun amonestado
por un “integrista” que non vía nada ben traducir a un “facha” como Ezra Pound, en fin). Por certo, hai
quen sigue vituperando a Fernando Pessoa polas mismas razóns, sen entender que a paixón literaria
pode –e debe– estar ao marxe das posicións políticas do autor/lector. En calquera caso Plácido
R. Castro “existe” como traductor nos derradeiros anos vinte e primeiros trinta (fundamentalmente en El Pueblo
Gallego, xornal do que era colaborador e corresponsal, pero tamén en Céltiga, Diario de Pontevedra
e Correo de Galicia); nos corenta, e logo da pausa bélica que lle supuxera o obrigado desterro vigués,
retoma os traballos traductores para a BBC e tamén para ese libro modélico publicado na Arxentina,
e do que falaremos máis adiante, no que os traballos traductores de Plácido R. Castro xorden á
beira de outros de Loís Tobío e de Delgado Gurriarán; innecesario dicir que, dos tres, Castro
é o brillante traductor do idioma inglés, e nos primeiros sesenta, na súa década definitiva,
e agora no Faro de Vigo, o de Corcubión volve tomar a pluma de trasladar da língua anglicana á
nosa, ben que en moitos casos non faga senón retornar ao xa visto (isto é, a Christina Rossetti,
William Butler Yeats, etc). Nos seus primeiros pasos, nada dubitativos nin vacilantes, Castro bota man dos autores
máis evidentes para el; é dicir, daqueles pertencentes aos países chamados celtas. Consideremos
ademais que nos anos vinte, recén independizada Irlanda, aínda que a costa dunha cruenta guerra civil,
había un evidente “revival” da literatura e máis do folclore celtas (e poñamos todo o coidado
posible diante deste esvaradizo adxectivo), ao que non foi alleo Plácido R. Castro, tan próximo a
esta realidade. Tanto é así que en colaboración con Villar Ponte, Plácido R. Castro
traduciría un par de folk-dramas de procedencia irlandesa. Con efecto este tipo de obras tería grande
influencia na formación dun teatro “nacional” galego, por máis que este anceio non ficase senón
na utopía. A propósito, nin sequera hoxe foi posible semellante criación; sendo o CDG unha
alternativa ben cativa ao que suporía o artellamento dun Abbey Theatre. Ben que aquí nunca tivesemos
unha Lady Gregory; o máis parecido a esta tería sido Emilia Pardo Bazán, que tiña pouco
de filántropa e moito menos de galeguista. Volvendo ao anterior, en 1935 Plácido R. Castro traduciu
xunto cos irmáns Villara Ponte, Catuxa de Houlihan e O país da saudade de Wlliam B. Yeats. Catuxa
de Houlihan é, sen dúbida, Cathleen ni Houlihan, estreada en Dublín en 1902, con Maud Gonne,
o amor irredento de Yeats, no papel de protagonista. O país da saudade debe de corresponderse con The Land
of Heart´s Desire que é de 1894. En todo caso os alicerces idiomáticos da versión das
dúas pezas de William B. Yeats débense obviamente a Plácido, quen no ano 1935 andaba como
moitos dos galeguistas, na misa e repinicando, isto é facendo labor político e artístico,
a parte do profesional que a cada quen correspondese.
Na prehistoria do Plácido R. Castro traductor, atopamos as xa citadas colaboracións en El Pueblo
Gallego, onde xa hai referencias comparativas entre os nosos poetas e os dos países “celtas”. Así
en Saudade e Arte (El Pueblo Gallego, 05/10/1927) Plácido –en español, que este idioma era o por
el empregado, ao menos de momento, para expresar as súas ideas en prosa– di que a prolixidade toponímica
dos poetas escoceses, galeses e irlandeses só atopa parangón na poesía galega, sobre todo
na de Eduardo Pondal. E, polo de agora en español, Plácido R. Castro escolle poemas escoceses para
concluír que cando o poeta de Escocia di: “Aquí todo es alegre y bonito pero este lugar me asusta”,
trátase dun “sentimento paralelo al de nuestro Lonxe da Terriña”. E de Escocia Plácido R.
Castro pasa a Irlanda para citar ao poeta e músico Raftery, cantor das saudades do condado de Mayo. (Raftery,
xa se dixo, constituirá unha recorrencia na obra traductora do de Corcubión, e a el volverá
xa nos anos sesenta). Unha vez en Irlanda Plácido R. Castro aborda por vez primeira a William B. Yeats,
para traducir un anaco do poema La Isla de Lago de Innisfree. Aínda que o fai en español, claro que
axiña veremos o Castro traductor ao galego, neste caso dunha canción das Illas Hébridas. Significativamente
o autor da versión di agora: “La he traducido al gallego porque me parece que suena mejor que en castellano”.
Sendo este o resultado:
Desde lonxe un murmullo está turrando por min,
Cando saio ó camiño, c’unha vara na man,
Son as Coolins lonxanas que m’están namorando,
E non levo outra carga qu’a do sol da mañan.
...
Si coidas que é fachenda o que ves no meu paso
E que nunca cheirades os argazos das illas.
Entrando xa en materia Plácido R. Castro relaciona a palabra inglesa “home” co noso lar. Para máis
adiante reflexionar verbo de “homesick” é literalmente doente do lar, unha poética e perfecta reducción
idiomática, ben estudiada por Plácido R. Castro, un auténtico “scholar” para tempos como aqueles
tan precarios de todo.
Este artículo sería o antecedente do ensaio La saudade y el arte en los pueblos célticos
(Imprenta El Pueblo Gallego, Vigo 1928). O antecedente é tamén o manancial de onde coller a auga
que enche de humidade poética o traballo, tan ben documentado por outra banda. Un dos cernes do estudio
é a consideración da saudade, igualmente dende os aspectos da vellez e decadencia, expresando que
ningunha poesía (como a céltica) observa estas con semellante arrepío. Da poesía galega
cita Plácido R. Castro de novo a Eduardo Pondal no seu poema Carballos de Carballido, pero tamén
a Rosalía de Castro no coñecido
Agora cabelos negros
Mais tarde cabelos brancos;
Agora dentes de prata
Mañan chavelos querbados;
Hoxe fazulas de rosa
Mañan de coiro enrugado...
Castro atopa paralelismos entre estes poemas e o coñecido Auld Lang Syne (tan desvirtuado polo folklorismo
ambiental) de Robbie Burns, Deirdree de James Stephens, pero tamén (título en español, versión
galega), as Meditaciones de un Viejo Pescador de William B. Yeats, onde lemos:
Ouh ondiñas, podedes bailar ós meus pés
Como nenos
E brillar e brincar murmullando un ron-ron,
Pero eu lémbrome d’ondas mais ledas
en xunios mais quentes
Cando eu era neno, sen fendas no meu corazón.
Para comparar máis adiante as expresións saudadosas de Curros Enríquez, Rosalía
de Castro, Pondal ou Cabanillas coas de poetas hoxe descoñecidos fóra de Irlanda como Aubrey de Vere
ou Fanny Parnell, ou tal vez James Clarence Mangan, autor tamén dunha Dark Rosaleen, un máis deses
infinitos poemas que nos hablan de Dark Rosaleen, na traducción que de Aubrey de Vere fai Plácido
R. Castro, La Rosita Negra. Todo isto demostra, ao meu entender, non soamente o coñecemento que Castro tiña
da poesía irlandesa senón tamén da súa grande sensibilidade. E non deixa de se preguntar
que tería sido hoxe do Plácido R. Castro traductor cos medios de que se dispón actualmente,
tamén económicos desde logo. E é o que Plácido R. Castro levou a cabo o seu labor “for
sake of art”. Demostrando, por outra parte, ser tamén neste traballo un adiantado nos estudios comparativos
entre os diferentes países célticos, ben que neste caso a través da poesía. A parte,
en Plácido R. Castro, había tamén un poeta, ao menos in pectore, que dominaba os recursos
métricos e e rítmicos. As súas non son, á hora en que aparece o poeta e non soamente
o recolector, traduccións de “andar por casa”, senón sobranceiras mostras de poderío estético
mais tamén técnico.
Pouco sabemos das actividades de Plácido R. Castro durante a guerra civil. O forno, obviamente, non estaba
para empanadas senón para aquela, mesta e reaccionaria, que cubría o ceo e os campos e os mares galegos.
Así que Plácido abondo tivo con salvar o pelexo, desterrado –como se sabe– na propia terra. Desa
maneira nos últimos trinta e primeiros corenta non houbo aportacións traductoras, tampouco teóricas,
do de Corcubión. A quen veremos, cáseque rematada a década dos corenta, colaborando na BBC.
Aquí o Plácido moi probablemente sentiuse como peixe na auga. Así, o 4 de xullo do 49 vémolo
participando nun programa chamado Spanish Programme, editado e presentado por Javier González. Neste día
en concreto Plácido leu unha vez máis poemas da súa recorrente Christina Rossetti (en 1963
verquería en edición bilingüe doce poemas desta poeta) a quen houbo de comparar de novo coa
autora de Follas Novas: “Hai nela esa nota de rebelde e tráxico desespero que vibra no verso de Rosalía”.
Ese día, por certo, un Celso Emilio Ferreiro precavidamente agachado sob do seudónimo Emilio Celanova,
falaba de Curros Enríquez en Londres. O día 6 de febreiro do 50 volvemos ter constancia dunha intervención
de Plácido R. Castro na BBC, agora no chamado Galician Programme. Desta volta Plácido leu poemas
de Ernest Dowson e William Butler Yeats. Por certo que antes de proceder á lectura dos poemas Plácido
sinala que se trata de dous “dos vinte e catro poemas traducidos por min do inglés”. Isto é moi significativo,
porque demostra que se consideramos que a partir de aquí Plácido sigue dando voltas aos mesmos poemas
e aos mesmos poetas practicamente, a súa obra traductora foi cativa pero de sobranceira (e veño de
repasar esas traduccións cáseque con lupa, sendo o único que desentona hoxe o galego empregado,
nada normativo, por suposto) fidelidade e calidade, no que se refire ao sentido poético impreso polo traductor
ao facer a versión. O día devandito Plácido R. Castro fixo igualmente crítica literaria,
falando de dous libros publicados en Bos Aires por Alborada. O 25 de setembro do 49 Plácido R. Castro, en
fin, voltaba de novo a Christina Rossetti, agora en compañía de William Blake: dous exemplos importantes
da poesía inglesa, no segundo caso de evidentes coloracións metafísicas. Digamos de novo que
en tempos de tribulación Plácido R. Castro non confundía ética con estética,
misturando ambas nun blend de alto voltaxe.
En 1949, e este será o legado máis importante (pois colle maneira de libro) de Plácido
R. Castro, Editorial Alborada de Bos Aires, publica un fito na historia das traduccións á nosa língua.
Trátase de Poesía inglesa e francesa verquida ao galego, por Plácido R. Castro, Lois Tobío
Fernández e F.M. Delgado Gurriarán. Castro ocupouse das traduccións do inglés, facendo
unha selección comprensiva e intelixente, sendo os resultados dos seus esforzos, óptimos. Os poetas
escollidos foron un feixe sobranceiro de procedencia inglesa e irlandesa: Ernest Dowson, Thomas Hardy, George W.
Russell (AE.), A.E. Housman, Yeats, William Henry Davies, Walter de la Mare, John Masefield e Pedraic Colum. Non
hai unidade entre estes poetas senón a esixencia estética que os xungue; todos eles, mesmo os hoxe
en día máis esquecidos, pousan uns alicerces de rigor que demostran, por outra parte, o esforzo absoluto
do traductor (tamén o seu gusto á hora da selección) e igualmente o seu criterio cheo de autoridade.
Obvio dicir que nestes eidos daquela (e hoxe sospeito que tampouco) a penas William Butler Yats, e iso polo premio
Nobel, era coñecido o que reafirma o papel protagonista que Plácido R. Castro quería darlle
ao seu idioma, o que é igual á súa cultura, enguedellada nunha loita desigual. En canto as
traduccións estas son de mérito, en parte pola sabedoría idiomática de Plácido
R. Castro –xa se dixo– pero tamén pola súa sensibilidade poética.
Nos anos cincuenta Plácido R. Castro viviu en Vigo (en Coruxo concretamente) pero tamén en Lisboa
e Londres. Nesa década e na posterior Plácido colabora en Faro de Vigo, con máis traduccións
e diferentes artigos, dando ao prelo en 1965 (na revista Grial) a súa versión galega das Rubáiyát
de Omar Khayyan, a partir da traducción inglesa de Edward Fitzgerald. De novo Plácido demostraría,
traducindo esta vitalista e dionisíaca secuencia de poemas, que ía contracorrente. Eran os anos,
lémbrese, da discusión entre literatura comprometida e literatura “for sake of art”. Plácido
R. Castro, que non tiña que probar nada desde o punto de vista ético, aliñábase unha
vez máis na banda da excelencia literaria, co que non facía outra cousa que apostar pola cultura.
Para traducir as Rubáiyát, Plácido R. Castro optou polos versos alexandrinos, facendo rimar
en cada cuarteta, en asonancia, os versos primeiro, segundo e cuarto. Quérese dicir, xa que logo, que esta
traducción debeu de ser moi traballosa para Plácido R. Castro, quen –e penso que non había
dúbida ningunha– demostruo nela as súas dotes poéticas. E cos versos de Omar Khayyán
de Naishápúr rematamos este traballo que non máis quere reivindicar unha figura senlleira
en tempos, especial e obrigadamente irregulares para a nosa literatura:
!Despertai! que a Mañán xa lanzou a súa Pedra
na cunca desta Noite i escorrenta as Estrelas:
e o cazador do Leste, no seu Lazo de Luz,
á Torre do Sultán ten feito Prisioneira.
XX
Éncheme, Amor, a Copa que limpe o Día de Hoxe
De Remorsos pasados e vindeiros temores.
¿Mañán? ¿E quen me di que entón non vou toparme,
eu tamén, cos pasados Sete Mil Anos de Onte?
LXXV
E cando pases Ti, na túa Romaxe leda,
Por entre os Convidados que estrelecen a Herba,
E con Pés rebrilantes chegues onde eu xacía
Entremeles !dalle volta a unha Copa valeira!
|