|
Teño diante de min dúas deliciosas acuarelas pintadas pola man de Plácido. Son obras humildes,
de afeccionado sen pretensións; pero teñen abonda mestría e unha lírica sinxeleza.
Unha delas describe a paz infinda dun solpor na praia da Calzoa, tal como eran as cousas, e tal coma se botaban
a durmir as gamelas, en 1942. A outra enfoca a casiña de perpiaños, feita por Martín Echegaray,
ao pe da praia veciña da Foz, que fai o telón de fondo. Será da mesma época. Esa casiña
de planta baixa é –a fin de contas– a patria da miña infancia, o recendo de tódalas saudades.
É o escenario do desterro político de Plácido Castro, onde el botou varios anos sumido
nunha fonda introspección. Aquelas dúas praias enxergábanse desde a casiña de Cristovo,
con terraza, que Plácido traía alugada.
No desterro de Plácido concorrían a dor pola ausencia de moitos, o horror pola traxedia vivida,
e un lene temor pola posible supremacía dos totalitarismos a través da guerra mundial que estaba
en curso.
Só a posterior lectura do testamento de Stephan Zweig, “O Mundo de Onte”, me revelou algunhas claves
indispensables do estrago, da insondable tristura, que causara naquel talante esencialmente liberal a vivencia
do asalto da barbarie contra a razón.
Por moito que Plácido contara coa victoria dos aliados, constataba que as súas arelas, postas
nun mundo ibérico rexenerado, con impronta republicana e europeísta, quedaban disipadas, na perspectiva
do seu ciclo vital.
E así, Plácido vivía acubillado na quentura e no afecto dun feixe de amigos dos que podía
asegurar unha verdadeira sensibilidade galeguista e unha substancial identificación co seu circio espírito
democrático.
Entre eles, taciturno algúns seráns, e outros, locuaz, sociable sempre, docemente risoño
e irónico, rumiaba Plácido a súa incurable melancolía.
Eu poñería por lema da súa decepción un verso do seu querido poeta escocés,
Robert Burns. Tal como el mo refería, sendo neno eu, con sutil e discreta emoción, coma se o suceso
acabara de acontecer. O poeta agricultor facía a decrúa persoalmente e advertiu que o seu arado desbaratara
o fogar dun topo. Amigo da vida e dos animais, o poeta escúsase pola involuntaria desfeita:
“Os mellores proxectos dos homes e dos ratos estráganse a cotío...” (do poema “To a mouse”).
Tal vez Plácido o traduciría así. Non o podo garantir literalmente.
É unha homenaxe que Castro nunca regateou á nosa fala: cada vez que lle foi dado citar un poema
concibido en idioma estranxeiro, fíxoo en galego, como un alegado implícito de que había unha
superioridade indiscutible da lingua de Rosalía para o uso poético.
E velaí, coma unha peza maxistral –non esquecendo outras–, a súa traducción dos Rubaiat
de Omar Khayam. Precisamente a sensibilidade soidosa e escéptica do persa encaixaba no humor tépedo
e intimista de Plácido, coma unha man na súa luva.
Entre aqueles amigos, Plácido gorentaba con inxeis praceres domésticos, coma os beléns
nos que integraba o descarado anacronismo de autobuses en miniatura, coma o soneto dedicado á sopa de letras,
composto con letras de sopa, e con tertulias, nas que gustaba de sementar o desafío dalgúns paradoxos
chestertoniáns.
Dentro desta área do lecer creativo, non se debe esquecer unha novela policial inacabada, que fora intentada
coma creación colectiva, un pouco coa técnica do “cadáver exquisito”, as conferencias humorísticas
da “Universidade de Verán Amateur” (UVA), ou a invención do “Fonolex”, suposto idioma no que os significados
respondían ás primeiras aparencias fónicas dos significantes (así, as Cíes serían
“longaínzas insulinas”, e Anémona, o nome dunha rapariga linda pero anémica). Nin eu vou esquecer
os tesouros de piratas que agachou nas dunas da praia da Foz –porque entón habíaas– para que fosen
achados polos rapaces daquel paraíso, por medio do mapa, de máxica beleza, que el compuxera en papel
vexetal.
Nunca percibín en Plácido unha particular preferencia nin aversión por “tories” ou por
“whigs”, ou por laboristas, nin que apostara en favor dun determinado modelo de economía. O que si estaba
acreditada era a súa admiración por Sir Winston Churchill, case tanta coma a que profesaba polos
Pitt e por Disraeli.
Plácido militaba a prol do home, da dignidade da persoa, da equidade, da xustiza e, polo tanto, da liberdade.
A súa postura era de oposición irreductible a toda caste de totalitarismos.
Non deixa de ser curioso que a súa consabida anglofilia se acompañara de tan explícita
adhesión á causa nacional de Irlanda. Por outra banda, a identificación coa loita independentista
do Eire é unha constante na tradición galeguista. Coñecía ben a angueira dos feniáns,
e, en artigo publicado en 1933, invocara como unha consigna, o nome do seu partido, “Sinn Fein”: nós sos.
Admiraba realmente o modo de ser e de vivir dos británicos. Gardaba unha irreductible saudade dos seus
tempos de estudiante, e, cando falaba da “Coroa”, estábase a referir á coroa británica.
Ademais do seu papel de secretario de Relacións Internacionais do Partido Galeguista, a súa representación
no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, tido en Berna en 1933, marca un dos puntos máis interesantes
da súa traxectoria política. O Partido viña así aproveitar os seus coñecementos
en linguas estranxeiras e a súa preparación en historia contemporánea e política internacional.
Houbo unha misión política, que, segundo me consta, desempeñou con lúdica gratificación,
porque, non deixando de ser relevante, non esixía grande concentración, e porque os acompañantes
eran algareiros, entre eles, o traveso Rey Barral: a súa participación na elección de Azaña,
para a presidencia da República, en calidade de compromisario. Iso, a pesares de que Plácido, coma
tantos outros, pensaba que a elevación de D. Manuel á primeira maxistratura viña apartar da
loita diaria a unha figura que a República precisaba coma político, máis que coma símbolo
representativo.
Culto, discreto, refinado, leal, simpático, nobre e irrepetible Plácido; galeguista e cosmopolita,
foi, no seu efectivo respecto polos demais, o máis verdadeiro representante do espírito liberal.
|