|
Dixo o poeta alemán Johann Wolfgang von Goethe que “o que non sabe leva-la conta / por espacio de tres
mil anos / queda como un ignorante na escuridade / e só vive ó día”. Quizais fose este o presuposto
que abocase a Plácido Castro á súa afección por tódolos saberes que estiveron
á súa man. Coñecido é que se interesou pola astronomía, a historia, a política,
a música; ademais dunha grande devoción polo coñecemento de culturas distintas á súa
propia e á súa vez tan próximas.
Mais foi, entre todas estas materias, a poesía a súa filla predilecta, tratouna sempre con maior
afecto, case coa delicadeza coa que se trata ós picariños. Para Plácido é a verba poética
algo máis que unha expresión como tal; a voz do poeta, concibe o corcubionés, é unha
voz que se prolonga desde o pasado, o pasado da tradición e do sentimento da terra, e que ha servir tamén
coa mesma vixencia no futuro.
Segundo esta concepción, a poesía ten unha serie de connotacións transcendentais. Como
tal a lírica provoca a expresión, mais, á súa vez contén un nexo entre o pasado
e o futuro no seu ámbito cultural. Adquire así a poesía, dentro desta concepción, un
carácter eterno; imperecedoira por tanto, por ser nacida de sentimentos arraigados no ser humano, tamén
supón un compendio de tódolos saberes, sentimentos e vivencias, como puido comprobar o propio Plácido
no seu breve labor como poeta. Considéraa, entón, representativa do individuo en tanto que este procura
transmitir nos versos a propia complexidade. Do mesmo modo será debedora dun contorno sociocultural proxectado
cara ó futuro.
Na filosofía que expresa Plácido Castro en diversos artigos, a poesía é a forma
básica e necesaria que un pobo ten para expresarse, para construí-la súa identidade. Deste
modo no ámbito galego, considera Plácido o sentimento céltico, expreso ou latente, un elemento
esencial da arte poética. E é mediante este argumento co que este digno representante do galeguismo
de preguerra conxugou as súas amadas patrias, a galega, principal, e a das Illas Británicas, con
cada un dos seus pobos (mesmo os non propiamente celtas que toman estas características por evidentes motivos
de inevitable préstamo entre pobos raianos), e polas que sempre amosou unha sincera devoción.
Partindo deste ser galego e do seu coñecemento de certas culturas, de modo sobranceiro a irlandesa, non
dubida en considera-la saudade como o elemento configurador do espírito céltico, manifestado no axioma
“the remote as remote” (o afastado na distancia). Será esta argumentación, tomada do inglés
Havelock Ellis (O espírito céltico na literatura) a que o leve a incluír á literatura
galega dentro da expresión de orixe celta, logo de analiza-los motivos que aparecen tanto na lírica
galega medieval coma os de autores modernos. Así mesmo tamén considerará como literaturas
propiamente célticas á galesa e irlandesa, e incluirá tamén certos autores ingleses
de relevancia (Shakespeare, Keats, Coleridge) e sobre todo a Christina Rossetti á cal dedicou Plácido
traduccións e ensaios. No traballo máis importante neste sentido, un estudio inédito sobre
as similitudes existentes en xeral, e sobre a saudade en particular, nas obras de Rosalía e Rossetti, chega
á conclusión de que esta é, polo carácter da súa poesía, predominantemente
de base céltica.
Na obra de Plácido temos exemplos abondo que demostran esta súa aproximación á poesía,
ben nos seus artigos xornalísticos, nas traduccións e sobre todo no ensaio sobre a saudade antes
citado. Semella non importarlle a época, a posición ideolóxica nin a postura estilística;
considera que tódolos poetas dunha mesma área cultural deben ter un nexo coa súa propia idiosincrasia;
e, como xa se indicou, será este sentimento céltico, manifestado principalmente pola saudade, o que
lle sexa propio á cultura galega, así como a outros pobos considerados culturalmente celtas.
|