Texturas Internacionais nº 3Volver ó sumario
A acción exterior de Galicia en América Latina
 
Relacións con distintas áreas


Xulio Ríos e María Xosé Viqueira
 
 

A. Mercosur

Se consideramos algunha constante no comercio exterior galego, esta é a súa clara aposta polo grupo de estados que conforman Mercosur, xa que son os maiores receptores de productos galegos e dos que Galicia importa boa parte das súas compras. A estratexia das autoridades autonómicas confírelle ademais unha función de ponte cos mercados asiáticos, habida conta da súa localización xeoeconómica da que tamén poderían obterse claras vantaxes de cara ós extraordinarios mercados de consumo do Pacífico.

Destes países, o máis destacado é Arxentina, obxectivo claro na economía galega, seguido de Brasil a nivel importador e cunha significativa relevancia de Uruguai, segundo mercado exportador da zona. As exportacións á rexión multiplicáronse por 14 veces no período 1991-99, se ben persiste aínda a condición deficitaria para Galicia no ámbito bilateral global resultando positivo unicamente no caso de Uruguai. Tanto en Arxentina como en Brasil organizáronse feiras de promoción industrial (ExpoGalicia) coas que se pretende ofrecer unha imaxe moderna e competitiva da nosa comunidade, á altura das máis elevadas esixencias do comercio internacional e a vía máis idónea para acceder a Europa sumando as oportunidades que lle brinda a consolidación do espacio eurorrexional co Norte de Portugal, a zona máis desenvolta do país veciño.

Con respecto a Chile, que subscribiu xunto con Bolivia un acordo de asociación co Mercosur, as exportacións en similar período multiplicáronse por catro, mentres que as importacións descenderon. O déficit bilateral reduciuse á metade.

Se a cooperación ó desenvolvemento a penas ten proxección na rexión, no ámbito educativo, e máis concretamente universitario, a apertura dunha cátedra Mercosur na Universidade de Santiago de Compostela, xestionada conxuntamente polas facultades de Dereito e CC Económicas, realiza un importante labor de achegamento do proceso de integración de América do Sur ó alumnado a través de cursos, seminarios etc, e facilita o intercambio académico entre a comunidade docente.

A nivel político, os países de Mercosur constitúen o principal destino das xiras dos líderes galegos. Máis alá do ámbito europeo, a primeira viaxe ó exterior do actual presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, realizouse a Arxentina e Uruguai (1990), xira que dende entón repetiuse nun total de seis veces. O seu antecesor no cargo, Fernández Albor, visitou Arxentina en 1987. Tamén Brasil foi visitado en cinco ocasións e Paraguai en dúas. Con independencia de circunstancias concretas (participación nalgún congreso mundial da FEGAEX ou recepción de condecoracións e outras distincións), o esquema destas viaxes presenta un perfil moi definido: contactos coas colectividades galegas presentes na zona, encontros políticos e institucionais ó máximo nivel e presencia de empresarios nas comitivas presidenciais. A fluidez dos contactos políticos cos máximos mandatarios da rexión é notoria. O intercambio de visitas desenvólvese con total naturalidade e o presidente da Xunta incorpórase ós principais foros de debate político promovidos na rexión como o círculo de Montevideo que lidera o ex-presidente de Uruguai Julio María Sanguinetti. Se sucesivos presidentes arxentinos e uruguaios visitan Galicia, tamén Santiago de Compostela acolle unha das sesións anuais de dito foro. Chile foi visitado en dúas ocasións (1994 e 2000).


B. Zona Andina

As relacións económicas coa rexión Andina non son especialmente relevantes, e presentan o mesmo cadro de tendencias que percorre toda América Latina: un balance bilateral para Galicia deficitario –salvo no caso de Bolivia–, se ben progresivamente reducido ó amparo dun notable empuxe das exportacións. O principal destino exportador é Venezuela, seguido de Colombia e Ecuador e moi de preto por Perú. As principais importacións galegas proveñen de Venezuela, Ecuador e Perú.

Venezuela é o principal punto de referencia da rexión. Conta cun total de 13 centros galegos. Os galegos residentes en Venezuela representan a derradeira onda de emigración a América, producida nos anos 50 polo que aínda quedan alí moitos emigrantes da primeira xeración. Venezuela foi visitada polo presidente da Xunta en tres ocasións (1993, 1995 e 2001).

Outro país da rexión que foi obxecto da cobertura institucional é Bolivia, visitado por Manuel Fraga no ano 2000. A escasa presencia emigrante reduce á mínima expresión o número de centros galegos nos demais países da zona (un en Colombia e outro en Perú). Sen embargo, a cooperación ó desenvolvemento presenta aquí a maior relevancia de toda América Latina, con especial repercusión, por esta orde, en Perú, Bolivia e Ecuador, países que encabezan a lista de axudas. A maior parte dos proxectos son xestionados por ONGDs e algunhas, con tradicional implantación están especializadas en Perú (Amigos Escaes ou Inti). As súas contrapartes peruanas visitaron Galicia en varias ocasións.

En decembro do 2000 a Xunta de Galicia asinou un convenio coa Comunidade Andina que establece un marco xenérico para potencia-la colaboración en temas de interese común, como a axenda social e a participación cidadá, o desenvolvemento rexional e o turismo como a innovación tecnolóxica en área empresarial, a mellora das cadeas productivas en sectores de interese mutuo e a política educativa e ambiental.

No ámbito universitario existen varios convenios cos países desta zona: Universidade Católica Andrés Bello de Caracas, Universidade Central de Venezuela, Universidade de Ecuador, de S. Bernardo de Tarija (Bolivia), Universidade de Santa Cruz e a Privada da Paz. A escasa repercusión socioeducativa destes convenios débese fundamentalmente á súa deficiente divulgación.


C. Caribe

Cuba é o mercado máis dinámico da subrexión caribeña, e tamén deficitario para Galicia. Polo contrario, con Haití ou a República Dominicana, as cifras, se ben sensiblemente menores, son favorables para a nosa Comunidade.

Cuba conta con 23 centros galegos implantados, federados a escala de todo o país. As relacións de Galicia e Cuba, a pesar de serias diverxencias ideolóxicas que separan a Manuel Fraga e a Fidel Castro, desenvólvense nun marco xeral de entendemento, que se estende tamén a outros líderes políticos da oposición (en especial Xosé Manuel Beiras, do BNG). Os vínculos afectivos cimentan un comercio bilateral que evolucionou moi favorablemente para Cuba, en especial a partir de 1996. A Habana foi visitada en dúas ocasións (1991 e 1998) cunha devolución da visita por parte do mandatario cubano en 1997. A República Dominicana foi visitada en 1995. Ambos países forman parte do grupo de estados máis beneficiados pola nosa escasa axuda ó desenvolvemento. Xunto con México, Arxentina e Brasil son os principais importadores que Galicia ten en América Latina alcanzando en 1999 a cifra de 4.438.209 millóns de pesetas.

A nivel educativo, a cooperación universitaria ocupa un lugar importante, sobre todo, coa Universidade da Habana. Os convenios subscritos inclúen o intercambio de experiencias e de persoal investigador, docente e bolseiros, así como documentación e estudios, e o desenvolvemento de proxectos conxuntos.


D. Centroamérica-México

México é a principal praza da rexión. A pesar do deficitario que resulta para Galicia o comercio bilateral, convén resaltar que as exportacións da nosa Comunidade multiplicáronse por dez na última década, mentres que as importacións dobráronse. A relación positiva para Galicia mantense con Costa Rica, O Salvador, Guatemala e Panamá, que rexistraron nos últimos anos un notable pulo. En tempos recentes foron producíndose importantes inversións por parte de operadores galegos do sector pesqueiro, como é o caso da conserveira Calvo, principalmente en Guatemala e O Salvador(6).

A nivel político, as visitas institucionais concentráronse en México (1992,1998 e 2001), onde existe unha importante comunidade galega, tanto cualitativa como cuantitativamente. Esta circunstancia anima ó empresariado galego ó contemplar México con optimismo nos seus proxectos de internacionalización. Algunhas cámaras de comercio (A Coruña, sobre todo) centraron boa parte das súas actividades na promoción dos mercados deste país, cualificado nalgúns medios como “o novo Dorado”. Tamén Guatemala foi visitada en dúas ocasións (1998, 1999) e Panamá (1991), onde sempre se incluíu nos contidos un significativo interese empresarial.

Os países centroamericanos destacan como destinos da cooperación ó desenvolvemento, sobre todo no Salvador onde, tralo último terremoto, a necesidade de reconstrucción fai que numerosas ONGs centren os seus proxectos nese país.

 
 

Notas:

(6) La Voz de Galicia, 24 de maio de 2001.

 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/04/2002