|
América Latina constituíu, en termos históricos, o punto de referencia extrapeninsular
máis importante para Galicia. Os múltiples intereses humanos, sociais, culturais e económicos
que vinculan os nosos cidadáns coa outra costa do océano xunto ás perspectivas económicas
da rexión, ás veces problemáticas, pero en xeral valoradas como optimistas, xustifican a alta
prioridade concedida pola Xunta de Galicia ás actuacións institucionais e económicas en dita
zona.
Así pois, a aposta española por América Latina é seguida por Galicia para mellorar
alí a súa posición estratéxica, por medio dunha presencia activa, sólida e programada
a medio prazo, con especial énfase no económico e en áreas de asistencia técnica. As
tendencias de cooperación con América Latina foron, tradicionalmente enmarcadas nos ámbitos
de axuda humanitaria, apoio a programas de desenvolvemento rural, integración rexional e desenvolvemento
do sector da pesca marítima. Dende hai uns anos véñense rexistrando outro tipo de tendencias
máis modernizadoras, como a democratización e os dereitos humanos, a axuda financeira e técnica,
cooperación económica e cooperación científica e tecnolóxica. Sen prexuízo
doutras áreas, as actuacións galegas diríxense basicamente á zona Mercosur xa que ofrece
maiores posibilidades en canto á internacionalización da empresa galega.
As actuacións de Galicia en América Latina e máis concretamente na zona de Mercosur foron
moitas e de diversa índole. O diálogo cos entes públicos e privados da rexión viuse
favorecido polo Acordo Marco subscrito entre a UE e o Mercosur (1995) e o mandato que recibiu o presidente da Xunta
da Conferencia das Rexións Periféricas e Marítimas de Europa (La Rochelle, 9/10/1997) para
explora-las posibilidades reais de cooperación institucional e económica entre ambas entidades. Galicia
converteuse así en nexo de unión.
A nivel institucional concedese particular interese ó afondamento nas relacións cos órganos
de natureza eminentemente gobernamental (Mercosur), as súas estructuras comúns e instrumentos técnicos
están aínda en fase de consolidación. Ademais do anteriormente exposto, Galicia asinou un
Memorando de cooperación coa Asociación Latinoamericana de Integración (ALADI), un feito sen
precedentes (trátase do primeiro caso no que unha unidade subestatal asina un protocolo de colaboración
cunha organización económica de ámbito internacional) que supón un asentamento das
bases institucionais para facilita-la presencia de Galicia nesa ampla área latinoamericana, nos campos comercial,
económico, cultural ou universitario. Os obxectivos de dito acordo céntranse no intercambio de información,
realización de cursos, seminarios, etc, sobre aspectos relativos á integración; tamén
inclúe o intercambio de técnicos en áreas de interese común [Sobrino Heredia, 2001:720-722].
A Xunta de Galicia tamén subscribiu un Acordo Multilateral con Codesul-Crecenea (conxunto de estados brasileiros
do sur e provincias arxentinas fronteirizas do noroeste, de carácter integrador), foro no que Galicia pode
participar como observadora. Así mesmo, Galicia é a encargada de establece-los contactos entre a
CRPM e ALADI.
En Caracas ten a súa sede o “Programa Bolívar”, unha organización internacional de carácter
privado nacida en 1992. A súa misión é promove-lo desenvolvemento e a mellora da concorrencia
das pequenas e medianas empresas latinoamericanas, así como a integración tecnolóxica, productiva,
financeira e comercial entre os países da rexión, e destes con outras zonas do mundo. Conta con 22
oficinas de enlace e a correspondente a España opera en Santiago de Compostela dende a primavera de 1997.
No ano 2000, o Foro Bolívar reuniuse, por primeira vez , en territorio europeo, para o que escolleu á
capital galega, por considerar a esta Comunidade Autónoma un lugar privilexiado á hora de fomentar
e estimula-las relacións de cooperación económica e comercial entre as rexións dun
e outro lado do Atlántico.
A Xunta de Galicia asinou na rexión convenios bilaterais caracterizados, ben polo seu ámbito territorial
(cidade de Bos Aires, certos estados brasileiros), ben pola súa especificidade estatal (Ministerio de Integración
de Paraguai ou Secretaría de Estado de Industria e Minería da República Arxentina). No seu
conxunto, todos estes convenios e protocolos subscritos constitúen unha ampla rede de vontades políticas
de cooperación a partir das cales cada consellería afectada debe vertebrar actuacións concretas
en aplicación do seu ámbito competencial.
A nivel económico, estimulouse o fomento xeral dos contactos entre empresarios galegos e dos países
visitados, subliñando o interese de constituír empresas mixtas que permitan establecer unha base
de partida para a cooperación empresarial en know-how, tecnoloxía e asistencia técnica en
xeral en sectores como a agricultura, madeira, pesca, acuicultura, marisqueo, turismo ou pedras ornamentais. Igualmente,
procurouse identificar os sectores afíns a fin de acoutar áreas de cooperación concretas e
de contactar con grupos galegos con intereses efectivos nalgunhas ramas.
|