Texturas Internacionais nº 3Volver ó sumario
A acción exterior de Galicia en América Latina
 
Recomendacións


Xulio Ríos e María Xosé Viqueira
 
 

Galicia necesita un pulo exterior nun triple sentido:

1. Se a acción exterior de Galicia en América Latina adquire un relevo moi singular e indiscutible, é necesario que a Administración galega se dote de instrumentos obxectivos capaces de desenvolver políticas permanentes de aproximación e intercambio en dita rexión e susceptible de aglutinar tódalas variables e factores que poidan contribuír o seu reforzamento. Deben afianzarse os procesos de estructuración interna, que acentúen a coordinación interadministrativa e equilibren as correspondentes dotacións orzamentarias para dispoñer de mecanismos que nos permitan unha elaboración sistemática, rigorosa e permanente da nosa acción exterior.

2. Igualmente, a potenciación dese labor de integración debera orientarse ó plano interior, impulsando políticas de encontro social e sectorial que vertebren unha sólida alianza para optimizar todas aquelas actuacións que teñen o seu punto de orixe ou destino en América Latina. A Administración pode liderar, en primeiro lugar ese cambio de mentalidade que vén desenvolvendo a sociedade galega, cada vez máis sensibilizada respecto ó exterior. En segundo lugar, debe propiciar un amplo consenso político nesta materia. Na acción exterior conflúen numerosos escenarios nos que abonda o pragmatismo e respecto ós cales, con vontade, podería establecerse un acordo responsable e vertebrado que transforme o exterior nun espacio de encontro no que se poida viabilizar unha mínima aproximación de posicións entre as diferentes forzas políticas. Consenso e control axudarían na definición dun modelo de acción exterior estable.

3. Por último, deberan habilitarse liñas de actuación orientadas a reforzar esa condición de Galicia como punto de encontro entre América e Europa, en primeiro lugar, rendabilizando en mellor medida a proxección exterior da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. As dúas comunidades poden aspirar lexitimamente a reforza-la súa integración estimulando sinerxias e impulsando aquelas actuacións e alianzas que favorezan a satisfacción dos intereses estratéxicos no marco desa comunidade iberoamericana de nacións da que ambas forman parte.

Baiona, setembro de 2001.

 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/04/2002