Texturas Internacionais nº 3Volver ó sumario
A acción exterior das comunidades autónomas españolas en América Latina:
o caso de Galicia
 
Presentación


Xulio Ríos
 
 

De entre as moitas actividades que impulsa o noso Centro (documentación, divulgación, análise, intervención social, etc), o desenvolvemento de proxectos de investigación ocupa un lugar sobranceiro entre todas elas. A importancia deste asunto no proxecto global que representa o Igadi é dun valor decisivo non soamente para configurar paso a paso un pensamento exterior propio, unha misión crucial para artellar cun mínimo de solidez a nosa proxección internacional, senón tamén para albiscar as tácticas adecuadas a cada momento e a cada problema que soamente poden vir da man dunha análise rigorosa e plural das circunstancias de cada caso.

Nese percorrido, América Latina, como Portugal, como todo o espacio común iberoamericano ou iberoafricano, é algo máis ca un referente xeográfico, que explica, a fin de contas, a naturalidade con que é asumida, aquí e alá, unha acción exterior revestida de perfís singulares que non atoparemos en ningún outro escenario.

Avaliar, comparar, intercambiar experiencias, extraer conclusións ad intra e ad extra hanos permitir calibrar con maior exactitude o punto en que nos atopamos e en que podemos e debemos perfecciona-los nosos mecanismos para desenvolver unha proxección e unha acción exterior de Galicia, eficaz desde tódolos puntos de vista.

Así de enriquecedora resultou esta investigación que contou co apoio da Secretaría Xeral para as Relacións coa Unión Europea e a Acción Exterior da Xunta de Galicia e que na súa visión xeral e particular do caso galego se adiantan nas páxinas que seguen e que agardamos resulten de interese para todos os actores sociais con intereses específicos no conxunto da rexión latinoamericana, especialmente agora que se anuncia unha nova etapa coa creación dunha consellería específica para asuntos relacionados coa emigración e a cooperación exterior.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/04/2002