Texturas Internacionais nº 3Volver ó sumario
A acción exterior de Galicia en América Latina
 
Outros escenarios


Xulio Ríos e María Xosé Viqueira
 
 

Habida conta da profunda reestructuración da economía internacional, a acción exterior de Galicia introduciuse como obxectivo no seu Programa Cuadrienal (1998-2002), observar e seguir de preto os cambios que se están producindo en semellante contexto, visualizando prospectivamente aquelas áreas do mundo que presentan expectativas, inmediatas ou potenciais, idóneas para a satisfacción dos seus intereses. As dúas áreas principais son as de Asia-Pacífico, e Países de Europa Central e Oriental (PECO), Rusia e os Novos Estados Independentes (NEI). Respecto á primeira, Galicia desenvolve dende hai uns anos políticas e programas de aproximación a diferentes mercados, con significativa primacía do nipón (visita de Manuel Fraga en marzo de 1996 para inaugura-la feira de Galicia e presidi-la sinatura dun convenio entre o Instituto Industrial de Yokohama e o IGAPE).

Respecto á segunda, aínda que parten dunha orixe común, distínguense dous bloques diferenciados: os países de Europa Central e Oriental e a área Rusia-Nei. No primeiro caso, as prioridades céntranse en Polonia e na República Checa. En ambos países as relacións remóntanse a 1992 (visita a Cracovia en maio e a Praga en xuño) e no caso de Polonia recibiron un importante pulo en 1999 coa sinatura das cartas de intencións entre a rexión de Opole e Galicia. Pola súa parte, a fraxilidade da maior parte de países integrantes da área Rusia-NEI, aínda que con cadros ven diferenciados e ampla riqueza de matices, non favorece o desenvolvemento de intercambios.

En toda a rexión oriental de Europa, Rusia e Polonia son os mercados principais para Galicia. Desde a Xunta de Galicia, promóvese unha misión institucional centrada no fomento do diálogo político, a coordinación das súas liñas de actuación coas existentes a nivel estatal e comunitario e a habilitación de vías propias en apoio dos principais sectores productivos.

Por último, no que se refire a África, o presidente da Xunta efectuou unha viaxe a Tunicia (1997) e outro a Libia (1998). O comercio de Galicia cos países africanos é escasamente significativo no ámbito exportador pero si destacable no importador, superior, por exemplo, ó mantido con Asia ou coa Europa non comunitaria. Libia –abastecemento de petróleo–, Namibia e Guinea ocupan posicións relevantes. Os productos pesqueiros ou a madeira representan os seus contidos máis esenciais.

 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/04/2002