| Texturas Internacionais nº 3 A acción exterior de Galicia en América Latina |
| Os principais actores da acción exterior |
|
Xulio Ríos e María Xosé Viqueira |
|
No ámbito oficial, a Presidencia da Xunta de Galicia é o principal actor. Nos anos de autonomía, recaeu nos seguintes titulares: Gerardo Fernández Albor (1981-1988), Fernando González Laxe (1988-1989), Manuel Fraga Iribarne (1989-). Salvo o breve período 1988-1989 no que unha moción de censura liderada polo PSOE desaloxou a Gerardo Fernández Albor, o Partido Popular gobernou esta Comunidade con maiorías absolutas reiteradas dende 1989. A actuación exterior viuse substancialmente intensificada a partir de 1990 e administrativamente reforzada a partir de 1997 coa creación das secretarías de Relacións coa UE e Acción Exterior e de Relacións coas Comunidades Galegas. A figura do presidente Manuel Fraga estivo moi vinculada a calquera ámbito de proxección exterior da Comunidade Autónoma, e desempeñou, a nivel subxectivo, unha singular actividade [García Pérez, 1998:82]. O seu protagonismo neste campo é absoluto e serviulle para fortalece-la súa imaxe pública. As viaxes ó exterior foron unha constante preocupación da Presidencia; poden sinalarse como obxectivos esenciais: a recuperación do contacto coa poboación galega emigrada, a afirmación do compromiso rexionalista e europeísta das autoridades autonómicas, o estímulo dos intercambios económicos, comerciais e culturais, e a proxección dunha imaxe de Galicia moderna e turisticamente atractiva (promoción do Xacobeo, celebración de contido relixioso cultural que se produce periodicamente cando o día 25 de xullo coincide en domingo). Os encontros institucionais ó máis alto nivel ou a presencia de delegacións empresariais nas misións, especialmente a destinos non europeos, foron unha constante na acción exterior dunha Presidencia especialmente activa nesa orde, cunha intensidade que deixa a moita distancia a outros actores. En canto ós actores non oficiais, en clave económica, debemos destacar, en primeiro lugar, á FEGAEX (Federación de Empresarios Galegos no Exterior) creada oficialmente nos anos noventa, co obxectivo principal de agrupar ó empresariado galego na emigración para fomenta-la co-inversión e o comercio internacional entre os miles de empresarios galegos presentes en todo o mundo, e de configurar unha especie de grupo de influencia galego respecto daqueles centros de poder de maior interese. Esta asociación atravesa por un momento difícil debido tanto a disensións internas como a críticas externas pola escaseza de resultados(3). Con dúas vicepresidencias, unha para Europa e outra para América, o proxecto, inicialmente moi esperanzador, parece debilitarse e algúns expertos consideran que dana incluso a expansión institucionalizada de Galicia en América Latina(4). Outros actores moi importantes e especialmente activos son as confederacións de empresarios e as cámaras de comercio, así como a delegación territorial do ICEX (Instituto Español de Comercio Exterior) en Galicia. Todos estes axentes dispoñen de liñas de actuación para o fomento da internacionalización de empresas e do comercio exterior a través de xornadas de presentación de mercados, preparación de misións comerciais, participación en feiras internacionais, proxectos de formación empresarial, etc. A estes obxectivos contribúe tamén o proxecto FIOGA (Fundación para o Apoio das Inversións de Orixe Galega) desenvolvendo iniciativas de expansión empresarial. A relación dos partidos políticos coa acción exterior é asimétrica, en xeral, recente, e a miúdo mediatizada en exceso por intereses táctico-electorais que afastan calquera perspectiva de natureza estratéxica. O PP, con responsabilidades executivas, é sensible a esa magnitude da acción política xa que é unha esixencia do seu labor de goberno. Pero está por ver que do pulo persoal do Presidente da Xunta se derive unha asunción obxectiva no organigrama partidario da importancia dese capítulo de acción pública. No que se refire ó BNG, primeira forza da oposición, só nos últimos anos deu mostras de interese por esta actividade. De feito, no seu programa de goberno de 1997 non existe ningunha mención á acción exterior, máis alá das reivindicacións sectoriais propias do ámbito comunitario. Aínda sen detallarse un programa coherente, nos últimos tempos incrementáronse os seus contactos e a participación en foros internacionais, necesidade reforzada ó obter representación no Parlamento Europeo (1998). Neste contexto, por razóns de natureza interna, a prioridade foise centrando na emigración, especialmente en América Latina, reforzando a súa presencia a través da mellora da súa organización extraterritorial e as viaxes dos seus principais líderes. Brasil, Cuba, Venezuela, Arxentina, Uruguai, pero tamén Suíza, son pezas importantes dese crebacabezas, no que importa igualmente o contacto coas principais autoridades do país a fin de reforza-la súa imaxe de opción alternativa de goberno [Entrevista a X.F. Ferreiro, 2001]. Para o PSOE, tamén resulta especialmente importante esta vertente, o que mellora a súa eficacia en virtude do respaldo do seu aparato central que permite ós seus líderes obter no exterior un nivel de audiencia que non sempre se corresponde coa súa dimensión electoral interna. As xiras por Europa (Suíza, Alemaña, Bélxica) e América (Arxentina, Uruguai, Chile, Cuba, México, Brasil, Venezuela) combinan os contactos cos colectivos de emigrantes coas recepcións ó máis alto nivel e encontros económicos e empresariais. En ocasións, é o líder galego quen representa o Secretario Xeral do PSOE en actos políticos especialmente nalgúns países de América Latina. Á marxe da natureza prioritariamente electoral que motiva boa parte do interese dos partidos políticos por determinados ámbitos xeográficos do exterior, non cabe dúbida de que ditos contactos constitúen unha forma de estreitar vínculos cada vez máis intensos cos países da rexión e pluralizar unha relación que debe transcende-lo ámbito estrictamente gobernamental. En xeral, os líderes galegos son calorosamente recibidos polos mandatarios americanos e outras autoridades e representantes sociais abrindo oportunidades que no futuro poden redundar nunha colaboración máis estreita da que poden beneficiarse ambas partes. No que se refire a outros axentes da sociedade civil, é necesario destacar ás organización sindicais e ás organizacións non gobernamentais (ONGs). Respecto ás primeiras, convén resalta-lo importante labor desenvolvido pola central Confederación Intersindical Galega (CIG) que conta cun departamento específico de emigración e outro de internacional. A CIG mantén contactos moi consolidados coas principais forzas sindicais de Arxentina, Brasil, Cuba e de numerosos países do mundo de tódolos continentes e participa en numerosos foros e encontros internacionais [Entrevista a Manuel Mera, 2000]. Respecto ás segundas, a súa excesiva fragmentación, o desinterese e os escasos recursos destinados a cooperación polos poderes públicos galegos, relativizan a súa importancia. Non obstante, convén sinalar que a inmensa maioría realiza os seus proxectos en América Latina, e particularmente en Centroamérica e a zona Andina [Entrevista a X. Rafael Vilas, 2001]. Por último, no ámbito educativo e cultural, convén destacar ás tres universidades galegas (A Coruña, Vigo e, sobre todo, Santiago de Compostela) que desenvolven e xestionan multitude de convenios e intercambios con entidades similares doutros países, con especial atención a América Latina. Na orde cultural, tamén se acrecentan os intercambios do tecido asociativo existente a este nivel, o que concede unha particular importancia ó universo lusófono, en función da proximidade cultural e lingüística coa área de expresión portuguesa. |
|
|
|
Notas: (3) La Voz de Galicia, 14 de agosto de 1999. (4) La Voz de Galicia, 5 de setembro de 1999. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 04/04/2002
|