|
En primeiro lugar, Galicia require unha afirmación cara o exterior que permita concreta-la súa
autoidentificación no concerto dos pobos e nacións que conforman a sociedade internacional contemporánea.
Os cambios experimentados na comunidade interestatal obrigan a repensar moitas das institucións e os procedementos
tradicionais de actuación exterior. En segundo lugar, a acción exterior das colectividades subestatais
é un corolario da acción internacional dos estados. A agregación ou desagregación articuladas
da orde internacional xustifican plenamente no terreo da lóxica, o interese e a complementariedade da acción
exterior dos suxeitos colectivos intraestatais respecto da acción internacional clásica, reservada
ó patrimonio exclusivo dos estados.
A insistencia en desenvolver unha acción exterior propia devén da súa consideración
como un instrumento de primeira orde para o desenvolvemento socioeconómico da Comunidade e porque se considera
complementaria da acción internacional da Administración xeral do Estado e en plena solidariedade
con ela. A iniciativa autonómica é un imperativo do exercicio das competencias previstas na Constitución
e encomendadas polo Estatuto. As condicións actuais esixen incrementa-la cooperación con quen nos
pode ser complementario máis alá dos límites estatais. Se esta lóxica pode explica-la
eclosión de organizacións internacionais, sen parangón na segunda metade do século
XX, tamén se atopa na raíz da motivación pola cal unha Comunidade Autónoma non pode
renunciar á responsabilidade exterior, ben a través de negociacións bilaterais ou multilaterais
con diferentes suxeitos non estatais, ben no seo de organizacións internacionais cualificadas ou de certos
órganos e institucións de comunidades de integración rexional. A xestión directa de
índole paradiplomática ou diplomacia de niveles debe reforza-lo apoio institucional ás nosas
empresas e colectivos sociais no exterior, mediante tratos preferenciais ou vantaxosos convidos con aquelas entidades,
institucións ou organismos terceiros de que se trate.
Esa acción exterior non supón demérito para a política internacional de España,
senón que lle dá cohesión e a achega ós cidadáns. Tal proceder ten a súa
fundamentación racional no principio de subsidiariedade, recoñecido polo conxunto de estados que
forman a Unión Europea, e que persigue o equilibrio entre as solidariedades que unen e as particularidades
que distinguen.
A acción exterior das entidades subestatais, ó proceder a nivel micro e con superior axilidade
e flexibilidade polos seus menores condicionamentos convencionais, pode efectuar un labor que, sen nega-la propia
do Estado como suxeito preponderante da acción internacional, cubra as lagoas daquel e desenvolva as súas
grandes liñas políticas. Na acción exterior poderá debuxarse un entorno excluínte,
constituído polas relacións substantivas entre estados soberanos e as súas organizacións
internacionais especializadas en asuntos de estricta competencia estatal, e un espacio no que desenvolverse, conformado
polas respectivas entidades subestatais que compartan intereses afíns e as súas organizacións,
fosen institucionais ou informais, os suxeitos carentes de natureza xurídico-pública e as organizacións
internacionais que entenden de materias ou competencias subestatais. Entre ambas áreas existen zonas de
intersección de delimitación difícil pero factible.
Por último, convén sinalar que a evidencia do cambio global na vida internacional, e da transformación,
incluso, do concepto absoluto de soberanía por outro máis relativo, resulta innegable e isto favorece
a emerxencia de novos suxeitos internacionais. Dunha comunidade internacional compartimentada en estados opacos
e suxeitos a unha estructura de poder absolutamente concentrada e xerarquizada, pasamos a unha comunidade interdependente,
planetizada e transnacional, con actores múltiples e difusos. As entidades subestatais de natureza política,
sen pretender superar ós estados tradicionais, tampouco deben privarse dun protagonismo que ninguén
discute ás organizacións non gobernamentais de base asociativa privada, en moitos casos recoñecidas
como interlocutores cualificados daqueles mesmos estados e as organizacións por eles constituídas.
|