Texturas Internacionais nº 3Volver ó sumario
A acción exterior de Galicia en América Latina
 
Marco político-institucional da acción exterior galega


Xulio Ríos e María Xosé Viqueira
 
 

A acción exterior depende directamente da presidencia da Xunta de Galicia e articúlase esencialmente a través de dúas secretarías xerais: a de Relacións coas Comunidades Galegas e, fundamentalmente, a de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, dividida á súa vez en dúas subdireccións: de Relacións coa Unión Europea e a de Acción Exterior, sobre quen recae a responsabilidade esencial en canto a definición de obxectivos e xestión política en materia de acción exterior do goberno galego. Ambas secretarías foron creadas en 1997.

A Secretaría Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas implementa programas e actuacións a favor dos galegos residentes no exterior: cursos de lingua, historia e cultura galega, acción informativa para galegos residentes no estranxeiro e cursos extraordinarios [García Pérez, 1998:78]. Non obstante, a súa implicación na preparación das viaxes do presidente, especialmente cando se orientan a América Latina, é moi activa.

A cooperación internacional ó desenvolvemento depende da Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias, adscrita á Consellería de Presidencia e Administración Pública e, polo tanto, unicamente conectada cos departamentos competencialmente próximos a través da Comisión da Acción Exterior, unha unidade de coordinación dos segmentos da Administración autonómica con proxección exterior, coa secretaría exercida pola de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior e que conta cun Comité preparatorio que reúne ós departamentos con responsabilidade en materia de turismo, emigración, comercio e promoción económica. Non obstante, tamén nesta última se xestiona un fondo de cooperación interrexional, na súa maior parte destinado a accións directas de cooperación ó desenvolvemento ou similares. Malia a afirmación de tendencias coordinadoras nos últimos anos, a fragmentación é aínda unha nota característica do organigrama institucional galego en materia de acción exterior.

A Xunta de Galicia dispón de dúas oficinas de enlace na área de Mercosur, unha situada en Florianópolis (Santa Catarina, Brasil) e outra en Bos Aires (provincia de Formosa, Arxentina) que teñen como principais funcións: dar cobertura e continuidade á acción institucional da Xunta de Galicia, asesorar a empresas galegas nos procesos de internacionalización, comercialización e implantación e apoialas na súa participación en misións, feiras e eventos; atender a ámbitos como a cultura, o turismo, o idioma e a cooperación ó desenvolvemento; propoñer actuacións e desenvolve-los contidos dos convenios de cooperación xa asinados pola Xunta; ou servir de medio de enlace coa CRPM (Conferencia das Rexións Periféricas e Marítimas de Europa). No ámbito europeo, a súa representación articulase esencialmente a través da Fundación Galicia-Europa, na que tamén participan as cámaras de comercio e entidades financeiras.

Nun segundo nivel habería que situa-las diferentes consellerías. En primeiro lugar, a de Industria e Comercio, que ademais de impulsar actuacións dinamizadoras do noso comercio exterior, estableceu un convenio coa Fundación para os Investimentos de Orixe Galega (FIOGA), para incentivar ós empresarios galegos no exterior coa fin de que invistan en Galicia. En segundo lugar, a Consellería de Economía e Facenda, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), que conta con numerosos centros de promoción de negocios no estranxeiro, fundamentalmente en Europa e Asia, a fin de promove-la cooperación e a internacionalización da empresa galega. En terceiro lugar, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da Dirección Xeral de Turismo, Turgalicia e a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Por último, a un nivel inferior, outras consellerías desenvolven distintos proxectos ou convenios con proxección exterior, especialmente a de Educación e Ordenación Universitaria en materia de intercambio educativo, científico ou cultural con numerosas universidades, principalmente de América Latina.

En sede parlamentaria, en abril de 1999, creouse a Comisión permanente non lexislativa para asuntos europeos, integrada por 16 membros distribuídos entre os catro grupos presentes na Cámara, con misións de control do executivo (formular preguntas, solicitar e recibir información, etc) e declarativo (fixa-la posición do Parlamento respecto dos asuntos comunitarios europeos de orde institucional e das políticas comunitarias xerais). A acción exterior extracomunitaria non dispón de ningún foro específico de debate.

Nos ámbitos local e provincial, cabe sinalar, en primeiro lugar, a participación de nove municipios galegos, –entre eles, as sete cidades– no Eixo Atlántico de cooperación Galicia-Norte de Portugal, cunha forte implicación na vertebración do tramado urbano a tódolos niveis na eurorrexión. En segundo lugar, os acordos de irmandade entre municipios con proxección fundamentalmente en Europa (Portugal, Francia) e América (Nicaragua, Cuba), aínda que tamén en África (Sáhara Occidental). En terceiro lugar, a preocupación exterior dalgunhas cidades, especialmente Santiago de Compostela, moi vinculada ó turismo ou á cultura, a distancia doutros enclaves urbanos nos que a presencia exterior articulase de forma ocasional e sen planificación estratéxica. E, por último, a cooperación ó desenvolvemento, co incremento das tendencias aglutinadoras, concentradas en torno ó Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, asociación creada en 1997 e que hoxe reúne a municipios que representan a máis do 50% da poboación da Comunidade. A FEGAMP, Federación Galega de Municipios e Provincias, non dispón dunha comisión de acción exterior pero impulsa a participación municipalista en programas comunitarios de cooperación interrexional.

Á marxe de todas esas accións municipalistas, destacou nos últimos meses a iniciativa de determinados municipios costeiros de estreitar lazos con países como Omán, Iemen, Mozambique, e Arabia Saudita, coa fin de constituír sociedades mixtas pesqueiras que poidan alivia-la preocupación polas medidas adoptadas no seo da Unión Europea con respecto á non renovación do acordo pesqueiro con Marrocos e o proxecto de reconversión que afecta sobre todo ós concellos de Bueu, O Grove e Vilaxoán.

 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/04/2002