|
Numerosos exemplos reflicten o proceso de cambio global, onde novos actores –neste caso, rexións– están
emerxendo e creando novos espacios nas relacións internacionais, que desafían o papel monopolizador
desempeñado polos estados ata agora. As rexións buscan proxectarse nun contexto internacional cada
vez máis competitivo, proporcionan axuda como expresión da súa solidariedade, desenvolven
relacións políticas con contrapartes estranxeiras e se involucran nunha sorte de política
exterior ou “diplomacia paralela”.
Estes e outros exemplos son consecuencia do cambio político en España –descentralización
administrativa–, pero tamén acontecen porque o contexto internacional é particularmente favorable.
A globalización, unha palabra usada frecuentemente para explicar estes procesos, é un fenómeno
moi complexo que existiu desde alomenos o século XIX. O que é novo actualmente é o rápido
cambio tecnolóxico e a transformación das comunicacións (que intensifica os efectos das transaccións
económicas e financeiras transfronteirizas). Ambos contribúen e son parte da mesma globalización.
Sen embargo, como tódolos procesos no pasado, non é a única forza operando, e os seus efectos
son a miúdo contradictorios, pero claramente, está a ter un impacto importante no estado-nación.
Aínda que poden ser vistos de forma negativa desde a perspectiva do goberno central, estes casos tamén
ilustran cómo as relacións exteriores no período de intensa globalización se fan máis
complexas, plurais e próximas ós intereses e valores dos cidadáns.
Os efectos sobre o Estado teñen unha dobre orixe. Por unha parte, a globalización incrementou
o papel dalgunhas organizacións supranacionais (por exemplo, a Unión Europea). Por outra, contribuíu
ó auxe de actores sub-nacionais (o que inclúe corporacións, organizacións non gobernamentais
e comunidades étnicas) que pretenden proxecta-las súas identidades e intereses na escena mundial.
As presións desde arriba e desde abaixo teñen claras implicacións para a gobernabilidade global
no século entrante.
Nese contexto, unha das novidades emerxentes máis interesantes –e quizais a menos estudiada– foi o aumento
do papel dos gobernos rexionais e locais nas relacións exteriores. O proceso de mundialización abriu
espacios para eses novos actores na creación da futura orde planetaria. As actividades internacionais dos
gobernos non-centrais [Hocking, 1993] reflicten as conexións que moitos fixeron entre os niveis global e
local, que é quizais unha das áreas máis dinámicas das vinculacións transnacionais.
Ese fenómeno foi particularmente oportuno nun país como España. Ó mesmo tempo que
encontraba o seu lugar no sistema internacional (despois de corenta anos de relativo illamento baixo a dictadura
de Franco), este país experimentou un profundo e complexo proceso de descentralización administrativa.
Isto implicou a delegación de maiores competencias e recursos desde o goberno central cara ás comunidades
autónomas (rexións)(1) e municipalidades.
Vinte anos despois da ratificación da súa actual Constitución democrática, España
é un país completamente diferente, externa e internamente, pero segue en transformación, o
que provoca unha serie de dúbidas respecto ó noso obxecto de estudio ¿Cales son os desafíos
particulares de combina-la inserción internacional de España –especialmente a súa integración
na Unión Europea– co interese crecente dos gobernos sub-nacionais para construí-las súas propias
redes de relacións exteriores? ¿Que efecto ten un proceso de descentralización bastante accidentado
sobre as vinculacións exteriores? ¿Cales son as implicacións para a política exterior
de España, e igualmente importante, para as políticas e estructuras de goberno doutros países
afectados (que poden ser confundidos e sobrecargados por niveis paralelos de diplomacia)?
Esas e outras cuestións relacionadas son centrais no desenvolvemento dunha coherente e á vez plural
serie de relacións nesta nova era. Unha rexión na cal este desafío é particularmente
evidente, polos lazos históricos, culturais e mesmo familiares, é América Latina. Sen dúbida,
despois da súa relación cos seus veciños europeos, é esta a rexión coa que España
desenvolveu os contactos internacionais máis amplos e profundos ó longo dos anos.
En consecuencia, América Latina é un bo lugar para analiza-las cuestións antes mencionadas,
entre outras. Por exemplo, ¿ata que punto as relacións con América Latina están coordinadas
entre o goberno central e as administracións autonómicas? ¿Canta autonomía é
aceptable para mante-la coherencia global? ¿As actividades transnacionais dos gobernos descentralizados
proporcionan un “valor engadido” a estas relacións? ¿A maior proximidade deses gobernos ós
cidadáns dálles algún tipo de lexitimidade que poida fortalece-las relacións iberoamericanas?
¿Que leccións pode aporta-la experiencia española ás rexións latinoamericanas
que están aumentando as súas responsabilidades políticas e económicas, para que poidan
eleva-las súas actividades internacionais?
Estas non son só cuestións academicamente interesantes. Inclúen asuntos que preocupan profundamente
ós distintos gobernos da democracia española. En efecto, desde hai algúns anos, intentouse
desenvolver unha política exterior máis coherente. Isto implica principalmente unha mellora na coordinación;
pero, para reflecti-la natureza das súas rexións autónomas, tamén se fai necesaria
a apertura de espacios de participación para novos actores no proceso de análise de opcións
políticas.
Obxectivos do libro
Neste libro –que é froito dun proxecto de investigación de máis de dous anos de duración,
financiado pola Fundación Tinker (Nova York)–, partimos da idea de que as actividades internacionais das
comunidades autónomas (CCAA) de España en América Latina constitúen unha dimensión
significativa das relacións iberoamericanas, que cualitativa e cuantitativamente melloran esas relacións,
e que proporcionan a España novas formas de actuar na rexión.
Con respecto ós seus obxectivos principais, este libro desenvolve unha visión xeral do papel que
as comunidades autónomas desempeñan nas relacións de España con América Latina.
Ademais, o estudio investiga a evolución das conexións económicas, políticas e culturais
entre as CCAA e América Latina, para así analizar cómo esas rexións poden desenvolve-lo
potencial que ofrece este novo tipo de relacións internacionais. Ó respecto, é de particular
interese explorar cómo se insiren as rexións na emerxente Comunidade Iberoamericana de Nacións.
En segundo lugar, pretendeuse determina-lo nivel de interdependencia, autonomía ou subordinación
das actividades internacionais desas rexións con respecto ás políticas nacionais de España,
particularmente en relación con América Latina. Terceiro, o estudio revisa o impacto cualitativo
que parecen te-las actividades das CCAA nos países latinoamericanos, sobre todo nos seus sistemas de goberno
(nos niveis local e rexional), que ata o presente foron bastante vulnerables ás forzas externas.
Dos obxectivos xerais derívanse unha serie de obxectivos específicos, sinalados en cada capítulo.
O primeiro grupo de obxectivos inclúe aqueles cun carácter analítico, relativo ó campo
de estudio e orientado cara a teoría e a ampliación do coñecemento sobre a materia. O segundo
grupo vai dirixido cara a incidencia no proceso político. Nesta liña proponse ofrecer ós decisores
políticos, sobre todo en España, datos e análises que demostren claramente a relevancia dos
lazos das comunidades autónomas con América Latina, facéndolles saber das implicacións
que eses lazos poden exercer sobre as súas decisións. Ambos grupos de obxectivos están interrelacionados
e cada un é tan importante coma o outro para o éxito do proxecto.
Ademais, é un obxectivo do proxecto axudar ós gobernos e ás sociedades latinoamericanas
a ver este novo nivel de relacións como unha oportunidade que se debe aproveitar. Finalmente, o equipo do
proxecto ten dous obxectivos complementarios. O primeiro, realizar unha contribución significativa a unha
área nova no estudio das relacións internacionais que cada vez será máis importante
nun futuro próximo. E segundo, agardamos que, a través desta investigación, se poidan fortalece-las
relacións de traballo entre os centros de investigación incluídos no proxecto.
O equipo e o proceso de investigación
O estudio foi coordinado por Christian Freres, director de Investigación da Asociación de Investigación
y Especialización sobre Temas Iberoamericanos (AIETI), Madrid, coa asistencia de Antonio Sanz, investigador
de AIETI, e contou coa colaboración de Jan Hattig, Laurence Le Moing e Roberto Monedo, asistentes de Investigación
de AIETI, ademais dun número importante de investigadores doutros centros académicos en España
e América Latina. O estudio céntrase en cinco rexións en España, aínda que no
capítulo que segue se recollen datos xerais de comunidades non cubertas polos estudios de caso. As cinco
comunidades seleccionadas inclúen as tres “nacionalidades históricas” máis relevantes do Estado
español, que tamén son bastante activas a nivel internacional (País Vasco, Cataluña
e Galicia), e outras dúas rexións: Andalucía (a meirande e tamén unha das máis
pobres en España) e Madrid (unha das rexións máis ricas e máis activas internacionalmente).
Por cuestións orzamentarias e de coordinación, decidimos concentrarnos en catro países
en América Latina. Optouse por incluír un país de cada subrexión –Mercosur (Arxentina),
Comunidade Andina (Venezuela), América Central (Guatemala) e o Caribe (Cuba). Outro criterio foi o de que
os casos seleccionados tiñan que ser países nos que os gobernos non-centrais españois foron
e son particularmente activos, para asegurar unha base suficiente para realiza-la investigación. Ademais,
os tipos de relacións nos catro casos son moi variados, e ofrecen bases útiles para a comparación.
Os seguintes centros en España participaron na investigación:
- Instituto de Estudios sobre el Desarrollo y la Economía Internacional (HEGOA), Universidade do País
Vasco, Bilbao (País Vasco/Euskadi),
- Centre d´Informació i Documentació Internacionals a Barcelona (CIDOB), Barcelona (Cataluña),
- Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Baiona (Galicia),
- Instituto Complutense de Estudios Internacionales (ICEI), Madrid (Comunidade de Madrid) e
- ETEA, Facultad de Ciencias Económicas y Empresariales, Córdoba (Andalucía).
O equipo de AIETI encargouse de preparar unha síntese do estudio que resulta da análise comparativa
dos estudios de caso, ademais doutro material que se recompilou nas súas investigacións. Tamén
foi responsable de realizar unha investigación e preparar un texto sobre as perspectivas e políticas
do goberno central.
En América Latina, os seguintes centros participaron no proxecto:
- Universidad Torcuato di Tella, Departamento de Ciencia Política y Gobierno, Bos Aires (Arxentina),
- Universidad Central de Venezuela (UCV), Instituto de Estudios Políticos, Caracas (Venezuela),
- Instituto de Relaciones Internacionales para la Paz (IRIPAZ), Cidade de Guatemala (Guatemala),
- Cátedra de Colaboración Hispano-Cubana, Universidad de La Habana, A Habana (Cuba).
O proxecto desenvolveuse en seis fases. Na primeira, o equipo de AIETI estableceu un esquema metodolóxico
común para tódolos estudios de caso. Constituíu unha ferramenta clave, para asegura-la máxima
coordinación, o que pode ser difícil nun proxecto con participación tan diversa. A continuación,
cada equipo realizou un estudio preliminar propio, comezando cunha revisión da literatura dispoñible
e da documentación obtida.
En xullo de 2000 celebrouse un obradoiro de investigación en Caracas (organizado pola UCV), onde se discutiron
os textos preparados coa fin de asegura-la maior coordinación posible. Este evento foi moi importante para
crear un sentido de equipo entre tódolos investigadores.
A parte principal do proxecto consistiu no traballo de campo, que implicou o deseño e a realización
de cuestionarios, entrevistas a organizacións relevantes na área de responsabilidade, recollida de
documentos e outros datos (i.e. fluxos comerciais e de axuda). A partir deste labor preparáronse informes,
que foron revisados por AIETI.
Tódolos equipos reuníronse en Madrid no segundo obradoiro, en setembro do 2001 (coa colaboración
da Fundación José Ortega y Gasset) para presenta-los informes de investigación. Ademais do
obradoiro, organizouse un seminario público para difundi-los resultados preliminares do proxecto. Este contou
coa presencia complementaria doutros académicos, políticos autonómicos e nacionais, e diplomáticos
relevantes.
A parte final do proxecto foi a fase editorial, onde destacou este mesmo libro como resultado principal. Para
este volume, o equipo de AIETI preparou un texto que ofrece unha “visión xeral” do conxunto dos estudios
de caso, tanto das cinco comunidades autónomas e da perspectiva do goberno central (recollidos no primeiro
apartado do libro), como dos catro países latinoamericanos (segundo apartado), ademais dunhas conclusións
xerais.
Por outro lado, elaboráronse uns documentos de resumo do libro noutros idiomas, co-editados con centros
que participaron no proxecto: catalán (CIDOB); vasco (HEGOA) e galego (IGADI); ademais doutro en castelán
editado por AIETI. A publicación nos diversos idiomas do Estado español podería parecer un
asunto menor, pero para nós resulta moi importante porque cremos que pode axudar a achega-las reflexións
a un público máis amplo. Ademais, ten relevancia simbólica que sexa un centro “madrileño”
o impulsor deste esforzo, o que agardamos que contribúa a reduci-las tensións “centro-periferia”
que xorden ás veces. Por último, para que esta realidade sexa coñecida fóra do ámbito
iberoamericano, optamos tamén por editar un documento de resumo en inglés.
Como se pode apreciar, trátase dun proxecto completo que nos permitiu afondar nunha cuestión sumamente
interesante. Por outra parte, é unha materia que se vincula con outras áreas diversas nas que cada
un dos investigadores está traballando, e abriu novos horizontes para varios deles.
Por último, só nos cabe agradece-la colaboración de tódalas persoas que apoiaron
este proxecto. Queremos mencionar neste apartado a Nancy Truitt, da Fundación Tinker, a José Antonio
Alonso, do ICEI, a Carlos Malamud, da Fundación José Ortega y Gasset, e a todo o persoal de AIETI,
que contribuíu en distintos momentos ó éxito desta aventura. Finalmente, agardamos que para
vostedes, distinguidos lectores, o libro lles resulte útil, suxestivo e de gran calidade. Para nós
foi unha experiencia enriquecedora no persoal e confiamos en que algo dese espírito quede nas súas
páxinas.
Madrid, febreiro de 2002.
|