| Texturas Internacionais nº 3 A acción exterior de Galicia en América Latina |
| Importancia da emigración nas relacións con América Latina |
|
Xulio Ríos e María Xosé Viqueira |
|
O fenómeno migratorio é o principal vínculo histórico que une estreitamente a Galicia con América Latina. A diáspora galega reside en gran parte en América, principalmente na zona sur deste continente. O número de galegos residentes en América Latina ascende a 554.100, onde destacan pola súa importancia as colonias de Arxentina (280.000), Venezuela (100.000) e Brasil (95.000); México (17.000) e Uruguai (36.000) aínda conservan trazos notables desa presencia. O auxe demográfico que afectou a Galicia no século XIX foi un dos desencadeantes do éxodo cara as Américas. Naquel momento, Galicia contaba cunha base económica moi precaria, practicamente de subsistencia, pero, aínda así, de enorme estabilidade, xa que permitía certo mercado para paga-la renda agraria, o décimo e os crecentes impostos. Sempre á alza, a presión impositiva obrigou a complementa-la actividade agraria tradicional con actividades auxiliares. A pesca, o marisqueo, e a elaboración do liño formaban parte desas actividades complementarias que nun primeiro momento permitiron alivia-las tensións económicas e sociais. Pero a crise agraria era moi profunda e a súa combinación co incremento da poboación, situou o problema demográfico nun primeiro plano. A inexistencia dun sector industrial que fose quen de absorbe-lo excedente de man de obra liberado do agro, unido á progresiva desaparición dalgunhas das actividades auxiliares que permitían certa supervivencia, provocaron, a partir de 1840, un novo tipo de emigración, ata entón descoñecida. A emigración en Galicia sempre foi unha variable económica e social moi presente, pero articulábase de forma temporal: eran moitos os galegos que traballaban na sementeira en terras de Castela ou na recollida da oliva en Andalucía. A conxunción destas crises e a incapacidade para resolve-las contradiccións do momento polas vías tradicionais, abriu as portas da emigración a América, nun volume cada vez maior. Ademais dos factores internos sinalados, outros procesos, de natureza externa, influíron en gran medida no auxe e desenvolvemento do feito migratorio. As crises arxentinas de 1880 e 1890, que coartaron a saída de emigrantes en determinados anos, a guerra de Cuba ou a crise finisecular española unida a unha nova lei de emigración favoreceron a apertura de novos camiños a América para a man de obra excedente do agro representada por varóns novos. Xa no século XX, o estalido da Gran Guerra europea e a crise de 1929 deron un novo pulo á emigración. Tamén despois da Guerra Civil española rexistrouse unha nova onda migratoria que se incrementa ata os anos 50, se ben se trata dunha emigración cun perfil distinto no que destaca a compoñente exiliada dos que se viron obrigados a abandona-la súa terra por ser militares no bando republicano [Eiras Roel, 1993:185]. Os exiliados, con achegados ou parentes vivindo na outra beira do Atlántico, atoparon en América a xenerosidade e o apoio que lles eran negados en Europa. A polémica sobre as consecuencias da emigración segue vixente aínda. Por unha banda, produciu alteracións substanciais na pirámide poboacional: ó reducirse a poboación en idade fértil diminúe a natalidade, aumenta a taxa de feminidade e prodúcese un empobrecemento xeral da poboación. Por outra banda, a emigración en idade laboral, influíu decisivamente na difícil vertebración dos movementos sociais de carácter revolucionario e facilitou a consolidación de estructuras e prácticas sociais de natureza conservadora [Núñez Seixas, 1998:42]. Dende o punto de vista estrictamente económico, os efectos inmediatos da emigración ofrecen un balance desigual. As transferencias de recursos, as chamadas remesas de emigrantes, foron un factor clave no desenvolvemento da economía galega que en moitas ocasións permitiu ós familiares liberarse da presión foral do sistema feudal que seguía vixente en moitas zonas. Por outra banda, as remesas enviadas polos emigrantes eran invertidas maioritariamente na adquisición de terras, o valor máis sólido e coñecido, pero tamén drenadas cara outras rexións de España para financiar unha puxante industrialización. As remesas de emigrantes eran a principal fonte de liquidez, por riba mesmo da comercialización de productos agrarios. A maioría das remesas reinvestíronse no sector agropecuario, evitando así a proletarización do agro galego, e ademais de liberalo da súa presión demográfica, contribuíron a aumenta-la súa productividade: adquisición de terras de arrendo, mecanización, etc. Moitas das remesas enviadas tamén se destinaban a obxectivos culturais: creación de escolas primarias, sociedades agrarias, periódicos locais... A última vía de inversión foi o fomento de máis emigración: pagando pasaxes, buscando empregos en América. A emigración contribuíu a industrializar Galicia e España, aínda que non eran os emigrantes os que invertían en industrias innovadoras senón os intermediarios. No seu conxunto, a emigración en Galicia ofrece un balance contradictorio, con aspectos positivos e negativos. En calquera caso, resulta indubidable que deixou un rastro de influencia o suficientemente importante como para ser, aínda hoxe, o principal vínculo con América Latina, unha relación de especial fortaleza que nos últimos anos adquiriu un novo rumbo, o político electoral. A esta nova orientación contribúe o Estatuto de autonomía, no seu artigo 7, onde se establece o dereito das comunidades galegas ó recoñecemento da súa galeguidade entendida como o dereito a colaborar e comparti-la vida social e cultural do pobo galego. A diáspora é a cuarta cidade de Galicia en número de sufraxios. A participación dos emigrantes nos comicios galegos multiplicouse por seis dende 1989. Chegado o caso, o voto exterior pode ser decisivo para determinar o color político do goberno en Galicia. Nos comicios de 1997, o PP conquistou sete de cada dez votos procedentes do exterior(5). A idea de galeguidade é a base do discurso político impulsado pola actual Administración, un concepto que pretende desenvolver un sentido de pertenza comunal (non nacionalista) entre tódolos galegos e os seus descendentes, con independencia do seu lugar de residencia ou afastamento temporal dende a súa partida de Galicia. Manuel Fraga definiuna como unha “interpretación de matricidade orixinaria, que é maternidade sen límites xeracional nin funcional, que permanece no transcorrer da vida, non cabe a diferencia entre os emigrados e os seus descendentes con aqueles outros que ó longo das súas vidas residiron sempre dentro de Galicia” [Amarelo, 1995:4]. Enúnciase como un concepto integrador que pretende adaptarse ás novas realidades económicas e sociais dotándoas dun sentido universalista, e cunha intención mobilizadora [García Pérez, 1998:80]. A poboación galega emigrada tendeu sempre a establecer mecanismos de autoorganización e autoprotección. En América Latina existen un total de 131 centros galegos que supoñen o 50,38% do total de existentes no mundo. En relación ó conxunto da poboación residente, o seu nivel de afiliación é bastante baixo, arredor do 10%, aínda que as cifras varían en función da dispersión xeográfica (moi concentrados en Arxentina ou Venezuela, moi dispersos en Chile, por exemplo). Nalgúns casos (Arxentina, Uruguai, Cuba), os diversos centros galegos federáronse a escala de todo o país. As súas funcións principais oriéntanse ó cultivo do cultural autóctono, organización de actividades recreativas e tamén de natureza sanitaria e asistencial. Algúns centros poderosos (Arxentina) contan incluso coas súas propias infraestructuras hospitalarias. Despois dun período de certo decaemento, nos últimos tempos, os centros, parecen entrar nunha etapa de esplendor. Moi divididos durante o franquismo pola fronteira de lealdade á República (Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires ou o Padroado da Cultura Galega de Montevideo) ou a súa adhesión ó réxime triunfante da Guerra Civil (moitos centros de Brasil e algúns de Arxentina), a conxunción do interese da Galicia autonómica por establecer lazos coa emigración e a profunda crise socioeconómica e política existente en moitos países da rexión converteu a reivindicación da galeguidade nunha especie de sortilexio para confirmar novas esperanzas. O espectacular crecemento do Censo de Residentes Ausentes obedece a esa dobre motivación e nisto influíu o recuperado dinamismo dos centros locais. Á par desa autoorganización, convén sinalar que a emigración galega integrouse sen grande dificultade nas sociedades receptoras, non só a nivel económico e social, senón tamén político. Fillos daqueles emigrados ocupan hoxe importantes responsabilidades en numerosos países de América Latina, ben sexa a nivel federal, rexional, provincial ou municipal, tanto na orde executiva como lexislativa ou xudicial. |
|
|
|
Notas: (5) La Voz de Galicia, 24 de maio de 2001. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 04/04/2002
|