Texturas Internacionais nº 3Volver ó sumario
A acción exterior de Galicia en América Latina
 
Galicia, unha sociedade en cambio


Xulio Ríos e María Xosé Viqueira
 
 

A acción exterior é un importante capítulo da acción pública en Galicia. A nosa Comunidade Autónoma desenvolve unha significativa actuación neste ámbito, centrándose fundamentalmente nunha activa participación no movemento rexional europeo, no fomento das relacións co veciño Portugal, e, en relación a América Latina, prioriza os intercambios de todo tipo cos países da rexión do MERCOSUR. Aínda que lentamente, o convencemento acerca da utilidade da acción exterior seduce o conxunto dos poderes públicos e facilita unha maior comprensión desta actuación por parte dunha sociedade cada vez menos indiferente e implicada e cada vez máis afastada do tópico viaxeiro e protocolario.

Imaxinar unha política exterior ó servicio dos intereses estratéxicos de Galicia quizais podería parecer novidoso e recente, pero en realidade non é así. A formulación dos grandes eixes que deberían orienta-la inserción de Galicia no mundo, xa foi trazada modernamente polos movementos galeguistas no século pasado. A “Galicia, célula de universalidade” que soñaba e reivindicaba o Partido Galeguista na súa Declaración de Principios viña a condensar esa comprensión do ser galego no mundo, a través de tres vectores: pacifismo, federalismo internacional e antiimperialismo [Ríos, 1992:30].

Galicia conta cunha longa tradición de relación co mundo. O camiño de Santiago no seu día e os fluxos migratorios máis tarde son exemplos coñecidos dese talante aberto e decidido da nosa sociedade. O mapamundi está salpicado de centros galegos. Personaxes como Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar, embaixador de Felipe II na corte de Inglaterra, fiel ó seu rei pero tamén á súa Galicia natal, eloxiado polo propio Castelao na súa obra máis importante, Sempre en Galiza, simbolizan unha traxectoria certamente tan exemplar como en xeral descoñecida; mesmo para unha boa parte da sociedade galega actual. Na Galicia dos pasados anos 30, Vicente Risco e a chamada xeración Nós mantiñan estreitos vínculos co máis selecto da intelectualidade europea do momento. Plácido Ramón Castro del Río simboliza en boa medida esa confluencia da defensa da identidade de Galicia cunha vocación de inserción internacional, a idea, tan actual, de progreso con identidade, que o levou a participar no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, organismo adscrito á Sociedade das Nacións, no ano 1933, e no que Galicia foi proclamada como unha nacionalidade europea. Intelectuais ou diplomáticos como Lois Tobío e moitos outros completaban entón a súa formación na Alemaña da Mitteleuropa sen pasar pola capital de España [Tobío, 1994:214]. Portugal ou o europeísmo, hoxe compoñentes indiscutibles da nosa acción exterior, formaban parte xa do seu vocabulario común. Aqueles galeguistas atopábanse entre os primeiros europeístas en España(1).

Esa visualización dunha Galicia no mundo adiantada polos galeguistas hoxe pode ser interpretada ou orientada con matices diferenciados pero non poder ser xa negada por ninguén. Algúns contidos daquelas formulacións poden parecer caducos, total ou parcialmente (o celtismo, transmutado quizais no atlantismo europeísta), outros en modo algún (caso de Portugal), e, en xeral foron moi enriquecidos co incremento das relacións con América e, no horizonte inmediato, coa África lusófona.

A interdependencia do mundo contemporáneo obríganos a todos a mirar cara ó mundo exterior no que todo evoluciona a unha gran velocidade. Se falamos da pesca, un sector clave da economía galega, falamos de Marrocos, ou de Tunicia ou de Cabo Verde, incluso de Omán; se analizámo-lo futuro dos nosos estaleiros, é inevitable facer mención de Estados Unidos, de China ou de Corea do Sur; se queremos asegura-las exportacións dos nosos granitos, Taiwán e outros afastados mercados asiáticos deben reflectirse nas nosas proxeccións. Pensar, en suma, nas potencialidades e o futuro dos nosos sectores productivos supón abordar unha internacionalización da empresa galega que esixe e precisa un respaldo institucional para asentar os seus propios proxectos.

Unha acción exterior galega é obviamente necesaria como consecuencia da nosa implicación das políticas comunitarias, xa sexa a nivel sectorial (industria, pesca, campo, etc) ou non sectorial (Europa das rexións); para optimiza-la nosa veciñanza con Portugal (eurorrexión Galicia-Norte de Portugal); ou para vertebrar fórmulas de entendemento e cooperación cos países do Mercosur e demais de América Latina. Debería selo tamén para a nosa numerosa emigración, unha variable demográfica, económica, política e cultural de primeira magnitude que, sen embargo, vai quedando reducida a un perverso binomio asistencial-electoral(2). O exterior está presente na acción de moitos axentes: administracións públicas, partidos, medios de comunicación, sindicatos, ONGDs, etc, dunha parte, por interese inmediato de todos e cada un de eles xa que resulta inimaxinable o desenvolvemento das súas funcións sen unha prolongación exterior, máis ou menos intensa; doutra parte, porque Galicia non soamente é unha autonomía en España, senón tamén unha autonomía no mundo e esa proxección internacional de Galicia reforza a súa vez esa identidade.

Por moi reducida que sexa a súa dimensión, todo ente social vivo e dilixente que se atopa hoxe ante a inexorable tesitura de considera-la proxección internacional no ámbito das súas actividades ou simplemente verse superado en breve prazo polos acontecementos, converténdose nun elemento marxinal, nunha muda testemuña deste cambio de época que nos tocou vivir.


Galicia, unha sociedade en cambio

A Comunidade Autónoma galega experimentou profundas transformacións nas dúas últimas décadas. No plano económico, atendendo á distribución do emprego (datos de 1999), predomina o sector servicios cun 52,5%, o secundario acada o 29% (11,1%, construcción), e o primario elévase ata o 18,4%. A taxa de desemprego é do 16,2%. Por outra parte, segue existindo unha alta porcentaxe de traballadores non asalariados (32%) que reflicte o elevado peso da pequena empresa de carácter familiar e a importancia das actividades agrícolas. O 54% do emprego industrial concéntrase en tres ramas da actividade: alimentación (18,9%), fabricación de automóbiles (Peugeot-Citroën) e buques (18,9%) e a industria de confección (15,8%).

Por outra parte, o sector agrario caracterízase por unha agricultura atlántica con especialización na producción láctea, cárnica e madeireira. Nos últimos quince anos tivo unha evolución moi positiva, como demostra o incremento da productividade. A isto contribuíu o aumento do tamaño das explotacións, a acelerada mecanización e o uso de novas tecnoloxías. Ó sector agrario vincúlanse empresas transformadoras (sobre todo industria láctea, madeiras e celulosa). En canto á pesca, Galicia, que dispón da terceira parte das costas continentais de todo o Estado, é a comunidade autónoma máis importante nesta actividade e responsable da metade do emprego español neste sector. A pesca xera o 10% do PIB galego e, de forma directa ou indirecta, proporciona emprego ó 12,2% dos ocupados. Algunhas das súas empresas atópanse entre as máis importantes do mundo. O esgotamento dos caladoiros tradicionais, o exceso de flota e a reforma da política comunitaria obrigan a unha fonda transformación do sector que vive un momento particularmente complexo. A acuicultura é un ámbito en expansión.

Tamén o sector extractivo é especialmente significativo, principalmente nos minerais enerxéticos (lignito pardo) e rocas ornamentais. En lousa, Galicia, onde se concentra o 70% da producción española, é o primeiro productor do mundo, mentres que en granito ornamental dispón de cuantiosas reservas que garanten unha progresiva expansión do sector. No ámbito enerxético presenta unha dependencia exterior moi acusada debido a unha estructura de consumo claramente orientada ós derivados do petróleo. Ten, sen embargo, un importante potencial en enerxías renovables, sobre todo eólica [Meixide et al, 2001:85]. Por último, convén sinalar que as infraestructuras, especialmente en materia de transporte e comunicacións, experimentaron unha fonda transformación que, aínda coa materia pendente do transporte ferroviario, contribuíron de forma significativa á modernización das estructuras productivas.

Segundo o último censo (1996), en Galicia habitan 2.825.020 habitantes, o 7% da poboación española. A densidade de poboación é de 92,1 hab/km2. Condicionada por un hábitat disperso, a poboación está distribuída de forma desigual: as provincias costeiras de Pontevedra e A Coruña concentran o 74% do total de habitantes, cunha densidade de 202,5 e 139,3 hab/km2, respectivamente, mentres que as provincias interiores rexistran densidades moi inferiores, de 37,3 hab/km2 en Lugo e de 47,4 hab/km2 en Ourense. O tramado urbano articúlase en torno a sete núcleos de poboación que superan os 70.000 habitantes, cunha singular polarización nas dúas áreas metropolitanas de A Coruña e Vigo. En Galicia contabilízanse máis de 30.000 núcleos de poboación, aproximadamente a metade dos existentes en toda España.

A característica demográfica fundamental nos últimos anos é a dunha sistemática perda de poboación. Dende a renovación censal de maio de 1996 ata a revisión do Padrón, efectuada no mes de maio de 1998, Galicia perdeu 18.000 habitantes. Así mesmo, débese destacar o progresivo envellecemento. En 1999, o 28% da poboación galega tiña menos de 25 anos (fronte a unha media estatal do 31%) e o 22% máis de 64 anos (4 puntos superior á media estatal). O feito de ter unha demografía en regresión e unha poboación moi envellecida, unido á existencia de factores socioeconómicos, explican unha taxa de natalidade (número de nacidos por cada mil habitantes) das máis baixas de Europa (6,81 en 1998) [Meixide et al; 2001:28].

Na orde política e institucional, Galicia, unha das tres nacionalidades históricas do Estado español, constituíuse como Comunidade Autónoma mediante unha lei básica, o Estatuto de Autonomía, aprobado en 1981. Os antecedentes da reivindicación autonomista remóntanse ós movementos rexionalista e galeguista dos séculos XIX e XX. Durante a II República, Galicia aprobou en referendo o Estatuto proposto pola Asemblea Rexional de Municipios. A diferencia do Estatuto de Autonomía vasco ou catalán non chegou a entrar en vigor debido á guerra civil. O goberno republicano no exilio aprobou o Estatuto e o Consello de Galiza, presidido por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, actuou dende entón como o fideicomisario da vontade autonómica popular galega e parte integrante da legalidade republicana extraterritorial.

Como trazos principais da autonomía galega poderiamos destaca-los seguintes. En primeiro lugar, as institucións que aseguran o autogoberno de Galicia son o Parlamento e o Goberno autónomo, denominado Xunta de Galicia. O Parlamento é elixido por un período de catro anos, a través dun sistema de representación proporcional con circunscrición electoral provincial. Esta institución exerce a función lexislativa, controla a acción executiva da Xunta e escolle parcialmente os representantes de Galicia no Senado, segunda cámara de representación das Cortes Xerais españolas. Ó Parlamento correspóndelle a competencia de escoller ó presidente da Xunta de Galicia; este, á súa vez, designa os restantes membros da institución que reciben o nome de conselleiros da Xunta de Galicia.

Os órganos de autogoberno de Galicia gozan dunha ampla gama de competencias –con carácter exclusivo ou compartido, segundo estableza a Constitución española– que inclúen aspectos como o ordenamento do territorio, as obras públicas e os transportes, o ensino ou a sanidade, a protección do patrimonio, o fomento e a promoción da actividade económica e a titularidade de determinados impostos, en réxime de cesión definitiva ou de xestión executiva. En materia de xustiza, constitucionalmente reservada ó Estado, a súa organización culmina cun Tribunal Superior de Xustiza, sen prexuízo da preeminencia do Tribunal Supremo de Justicia español.

Ademais das institucións autonómicas, Galicia conta con administracións locais, concellos e deputacións provinciais. Estas últimas funcionan como órganos de apoio ós concellos e teñen un carácter eminentemente coordinador e inversor. Proceden da anterior organización centralizada e a súa funcionalidade e futuro son problemáticos. Existen outros dous tipos de entidades de ámbito local no ordenamento institucional galego: a comarca, que agrupa a varios municipios en función da homoxeneidade natural-territorial, e a parroquia, a máis pequena das unidades territoriais galegas (na actualidade existen 3.787 parroquias cunha media aproximada de 700 habitantes e 8 km2).

En segundo lugar, a autonomía financeira galega presenta un marco deficiente e pouco equilibrado. En 1997, o gasto público do conxunto das administracións en Galicia ascendeu a 1.945,8 miles de millóns de pesetas distribuídos entre as administracións, central, autonómica e local nas proporcións 49%, 40% e 11%, respectivamente. Os ingresos fiscais están, polo contrario, moito máis centralizados. No mesmo ano 1997, o 86,9% aínda eran de competencia central, dos cales correspondían o 7,5% ó ámbito autonómico e o 5,6% ó local. O presuposto da Comunidade Autónoma de Galicia ascendeu no ano 2000 a 1,1 billóns de pesetas, 6.600 millóns de euros, aproximadamente.

En terceiro lugar, Galicia ten un idioma propio, con idéntico status oficial ó castelán, e que rexistra un nivel de entendemento e uso moi xeneralizados na poboación. En atención á súa identidade idiomática diferenciada, o Estatuto preceptúa no seu artigo 35.3 que Galicia poderá solicitar do Goberno que celebre tratados ou convenios que permitan o establecemento de relacións culturais con aqueles estados que manteñan particulares vínculos culturais ou lingüísticos. Trátase dunha redacción pensada para facilitar o encontro coa área de expresión galego-portuguesa e lusófona.

Por último, no seu artigo 3.2. o Estatuto recoñece a condición de cidadáns galegos ós españois residentes no estranxeiro que tiveran a última veciñanza administrativa en Galicia e acrediten esta condición no correspondente consulado de España. Gozan tamén deste recoñecemento os seus descendentes inscritos como españois, se así o solicitan. No artigo 7.2 m) disponse que poderá solicitarse do Estado que para facilitar o dereito dos emigrantes a colaborar e comparti-la vida social e cultural do pobo galego, se celebren os oportunos tratados ou convenios cos estados onde existan ditas comunidades.

A cronoloxía política galega recente sufriu poucas alteracións substanciais. O Partido Popular (PP) é a forza hexemónica na Comunidade Autónoma, asumindo con maioría simple e dende 1981 o exercicio do goberno, cunha breve interrupción entre 1988-1989 debido ó éxito dunha moción de censura formulada pola oposición socialista co apoio dalgúns deputados do propio PP. Dende 1989 goberna con maiorías absolutas reiteradas. Maiores cambios rexistráronse na oposición, hoxe liderada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), que relegou ó Partido Socialista de Galicia-PSOE á terceira posición, se ben moi igualados.

 
 

Notas:

(1) Castro del Río, Plácido Ramón. A política exterior de Galicia, El Pueblo Gallego, 4 de agosto de 1933.

(2) Ríos, Xulio, “Emigración e acción exterior”. En ECO, revista do Eixo Atlántico, maio 2001, páx 46.

 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/04/2002