Texturas Internacionais nº 3Volver ó sumario
A acción exterior de Galicia en América Latina
 
Galicia e a Unión Europea


Xulio Ríos e María Xosé Viqueira
 
 

Europa é unha das principais áreas de atención de Galicia, tanto no que se refire á súa participación directa en diversos foros da Unión, como na súa vertente interna de colaboración na formación da vontade do Estado a través da Conferencia para Asuntos Relacionados coas Comunidades Europeas. Galicia participa nesta conferencia, creada segundo o acordo do 29 de outubro de 1992, como órgano de cooperación entre a Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas para coordina-la participación destas nos asuntos europeos. Está integrada polo ministro de Administracións Públicas e un representante por cada comunidade autónoma con rango de conselleiro. Ten adscrito un órgano de apoio, a Comisión de Coordinadores de Asuntos Comunitarios Europeos, de carácter técnico. Co acordo de participación interna das comunidades autónomas nos asuntos europeos a través de conferencias sectoriais, facilítase a participación das autonomías. O carácter descontinuo das conferencias sectoriais hipoteca seriamente a efectividade da participación autonómica no proceso europeo.

Tamén se acadou un acordo para a participación de representantes autonómicos na delegación española nos comités da Comisión Europea, entidades de carácter intergobernamental que asisten á Comisión no exercicio do seu poder de execución normativa. Galicia está actualmente representada en dez comités. Por outra banda, Galicia defende a posibilidade de que as comunidades autónomas representen ó Estado directamente no Consello de Ministros da Unión, especialmente naqueles asuntos que afectan a competencias exclusivas das autonomías ou os seus intereses, un exemplo dos máis representativos constitúeo, no noso caso, a pesca.

O máis importante dos organismos europeos nos que Galicia participa é o Comité das Rexións, que representa tanto a entidades locais como rexionais e é o primeiro expoñente da participación da nosa Comunidade no organigrama europeo. A creación deste órgano supón unha clara manifestación da aplicación do principio de subsidiariedade e expresa a resposta comunitaria ás demandas formuladas dende diversos ámbitos da UE que consideraban insuficientemente reflectida a complexa realidade interna dos estados membros no tramado institucional comunitario.

O Comité das Rexións (CdR) é un órgano de natureza consultiva que asiste á Comisión e ó Consello (dende o Tratado de Amsterdam, tamén ó Parlamento); e participa no proceso de adopción de decisións elaborando dictames non vinculantes. Segundo o Tratado da UE, o Comité debe ser consultado en cinco ámbitos que inciden directamente en áreas de responsabilidade dos entes rexionais e locais: saúde pública, educación e xuventude, cultura, cohesión económica e redes transeuropeas do transporte, das telecomunicacións e da enerxía. Outro ámbito de especial trascendencia para Galicia, dende o punto de vista do seu desenvolvemento, é a política rexional, a reforma dos Fondos Estructurais e de Cohesión, avogando polo mantemento dunha política de cohesión e de solidariedade entre as rexións máis alá da ampliación, suxestións transmitidas dende o Comité das Rexións á Comisión. O Comité actúa por medio dos seus órganos: o Pleno, a Mesa e as 7 comisións, estructuradas segundo áreas de acción. Galicia está presente na Mesa da CdR e en dúas das súas sete comisións.

O outro gran eixo do modelo de relacións de Galicia con Europa refírese á cooperación interrexional, tanto a nivel multilateral como bilateral. No primeiro caso, Galicia vén participando de forma activa nas organizacións nas que se articula o movemento rexional europeo: a Asemblea de Rexións de Europa (ARE), a Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas de Europa (CPRM) e a súa Comisión Arco Atlántico (CAA), a Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE) e a Conferencia de Poderes Locais e Rexionais de Europa (CPLRE). A presencia de Galicia neses foros responde a unha triple motivación: en primeiro lugar, a súa positiva valoración como instrumentos para o fomento da cooperación horizontal multilateral; en segundo lugar, a identificación dunha área de intereses concretos de actuación sectorial (marítimos, estratexias de desenvolvemento atlántico, problemática das rexións fronteirizas, etc), e en terceiro lugar, a posibilidade de vertebrarse como grupo de influencia ante institucións comunitarias e os Estados membros. Galicia e membro do Buró da CRPM (Conferencia das Rexións Periféricas e Marítimas de Europa) e da ARE, preside a Comisión Arco Atlántico, e é membro do Comité Directivo da ARFE.

A aposta pola CRPM –Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas de Europa– (Galicia é membro dende 1975) e a súa Comisión Arco Atlántico (creada en 1989) responde a que esta organización é a que ofrece un maior interese por razón dos seus obxectivos institucionais e materiais: defensa de intereses comúns (unha política de desenvolvemento que reduza os efectos propios da súa periferia) e participación en proxectos de cooperación multilateral. Galicia ostenta a vicepresidencia da CRPM para asuntos do mar.

No plano bilateral, entre 1991 e 1992, a Xunta de Galicia asinou acordos de colaboración con catro rexións europeas: Rexión Norte de Portugal, Pays de la Loire e Bretaña en Francia, e Piemonte, en Italia. Non todos contaron cunha traxectoria ideal: os protocolos asinados con Bretaña e Piemonte a penas se materializaron en proxectos concretos. No caso de Pays de la Loire realizáronse intercambios de funcionarios, promoción turística, actuacións en medio ambiente, etc, pero, en xeral, advírtese un certo compás de espera en canto ó futuro de colaboración bilateral [Programa Cuadrienal de Acción Exterior, 1998:151].

Moi diferente é o suposto da relación entre Galicia e a Rexión Norte de Portugal, unha das prioridades políticas do goberno autónomo. O instrumento de colaboración fundamental é a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, constituída en 1991, orientada á adopción de iniciativas tendentes a culmina-las infraestructuras eurorrexionais de todo tipo (rodoviarias, ferroviarias, gasísticas, enerxéticas, de telecomunicacións, etc) e o favorecemento da internacionalización das empresas e o acceso a novos mercados rexionais en formación ou o funcionamento tanto en América Latina como Asia e África en que a cooperación con Portugal se mostra complementaria. A superficie total da eurorrexión correspóndese co 8,5% do territorio da Península Ibérica, o 55% da totalidade do territorio portugués e o 10% do territorio español; é superior a Bélxica, Dinamarca, Holanda ou Luxemburgo. En termos demográficos, os seus 6,3 millóns de habitantes superan a poboación de Dinamarca, Luxemburgo ou Finlandia e aproxímanse á de Austria. Coa mediación europea, Galicia e Portugal reencontran un futuro común que unha historia, ás veces diverxente, lles negara [Meixide et al., 2001:13].

A nivel operativo, esta organización estructúrase en 10 comisións sectoriais nas que participan 21 órganos administrativos da Xunta a nivel de secretarías xerais, direccións xerais e organismos autónomos e órganos homólogos en Portugal. En Galicia, a coordinación do seu funcionamento encomendóuselle á Secretaría Xeral de Relacións coa UE e Acción Exterior, a través dun Servicio Técnico recentemente creado (1999). Por outra banda, nos últimos tempos da Comunidade de Traballo realizou un importante esforzo de aproximación e integración de outras iniciativas como o Eixo Atlántico, as Comunidades de municipios creadas en torno ó fronteirizo río Miño ou o Comité sindical eurorrexional; que se incorporaron en dita plataforma, pluralizando os seus contidos e enriquecendo os seus obxectivos.

 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/04/2002