Texturas Internacionais nº 3Volver ó sumario
A acción exterior de Galicia en América Latina
 
Fases da acción exterior de Galicia


Xulio Ríos e María Xosé Viqueira
 
 

Cronoloxicamente, no desenvolvemento da acción exterior de Galicia dende a inserción de España no sistema democrático debemos distinguir tres fases: a primeira fase (1981-1989), caracterizouse por unha actividade feble en relación ó exterior, condicionada tanto pola escasa consolidación das institucións autonómicas, como polas dificultades e crises económicas, sociais e políticas internas que culminaron coa moción de censura de 1988 contra o goberno de Fernández Albor (AP).

A segunda fase (1989-1997) baixo a presidencia de Manuel Fraga, abre unha etapa dunha pegada exterior especialmente activa que combina a atención ó marco europeo coas primeiras proxeccións a América Latina. As orientacións fundamentais desta etapa son: a) pulo da presencia en Europa a través da participación activa no movemento rexionalista; b) desenvolvemento das relacións con Portugal a través da cooperación transfronteiriza para o que se creou, a tal efecto, a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal (1991); c) atención a América Latina sobre a base de catro piares: apoio ás colectividades de emigrantes, contactos coas autoridades e institucións do país, organización dos empresarios galegos e fomento dos intercambios económicos e comerciais; d) promoción turística e cultural. Nesta fase, a Xunta de Galicia inicia a exploración doutros ámbitos xeográficos a través das visitas a Xapón e Irán en 1996.

A terceira fase (1997-) comeza coa organización das dúas secretarías de maior proxección exterior da Administración autonómica, a de Relacións coas Comunidades Galegas e, sobre todo, a de Relacións coa UE e Acción Exterior, que asumirá as funcións de dirixir e executa-la actividade europea e exterior da Xunta, a representación da Comunidade Autónoma nos órganos de cooperación existentes nese dominio na Administración estatal ou das demais comunidades autónomas, e tanto o pulo da sensibilidade exterior como a cooperación nese ámbito de tódolos departamentos da Xunta. Uns meses máis tarde crearíase a Comisión de Acción Exterior con funcións de proposta, de coordinación, de fixación de estratexias e procedementos e de preparación das viaxes ó exterior do Presidente da Xunta [Entrevista a Pilar Romero Rodríguez, 2001]. En 1999 unha modificación do organigrama da Secretaría Xeral de Relacións coa UE e Acción Exterior deu lugar á creación do Servicio Técnico da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal.

Nesta etapa é cando se produce un cambio tanto cualitativo como cuantitativo na acción exterior galega ó creárense estes instrumentos específicos (as secretarías xerais) para artella-la actividade exterior, especialmente intensa en relación a América Latina. Se na segunda fase podemos sumar ata 68 viaxes a diversos lugares de Europa e só 10 a América Latina, no seguinte período, en tan só catro anos, xa se superou a anterior cifra. As viaxes prepáranse como xiras continentais nas que se visitan varios países e contemplando un mínimo de dúas xiras por ano, chegando incluso a tres (1998). A exploración doutros escenarios pouco habituais centrouse en Australia (1999).

 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/04/2002