|
De todo o exposto anteriormente cabe deducir o seguinte:
• A acción exterior constitúe para a Comunidade Autónoma de Galicia un ámbito irrenunciable
da súa acción pública, que gañou nos últimos anos un considerable peso específico
e mellorou a súa vertebración orgánica. Pese a isto, subsiste aínda certa fragmentación
interna susceptible de mellora, que contribuiría a dotar de maior eficacia ó conxunto das actuacións
que se proxectan cara ó exterior.
• América Latina, e moi especialmente a alianza Mercosur, constitúe un ámbito preferente
das actuacións exteriores de Galicia. Os progresos advertidos nas relacións económicas bilaterais,
aínda sen ser de todo satisfactorios pola súa connotación deficitaria, evidencian a utilidade
do impulso exterior. Se ben nin todo é mérito nin todo é responsabilidade da Administración,
é indubidable que a colectividade empresarial puido atopar nela o amparo institucional necesario para desenvolve-los
seus proxectos de internacionalización, sempre difíciles e complexos nun marco como o galego que
carece dun número elevado de grandes empresas e se conduce xeralmente de forma conservadora nas súas
ofensivas ó exterior.
• Xunto ó económico, o factor cultural e emigrante, ó igual que a promoción da imaxe
dunha Galicia desenvolvida, na vangarda das experiencias integradoras europeas, son as constantes dun discurso
de aproximación a América Latina que se beneficiou do pulo e a continuidade dun mesmo proxecto político
no goberno autónomo, pero que configurou aínda escasas infraestructuras para transcender un omnipresente
factor persoal.
• Con independencia de contradiccións puntuais que nunca revestiron a magnitude dun conflicto político,
a lealdade, a colaboración e o entendemento, favorecidos pola ausencia dun compromiso nacionalista similar
ó existente noutras nacionalidades históricas, caracterizan as relacións da Xunta de Galicia
e o goberno central.
• A numerosa comunidade emigrante constitúe unha referencia ineludible para valora-la proxección
de Galicia en América Latina. Ata agora, sen embargo, fracasaron, na súa maioría, os intentos
de converte-lo factor migratorio nun organizado elemento dinamizador das relacións económicas bilaterais.
Nisto influíu tanto o contido preferente das actuacións desenvolvidas polos centros galegos no exterior,
moi centrados no cultural e asistencial, a ausencia de estratexias perseverantes que atendan á súa
formulación como hipotéticos grupos de influencia, e o elevado e crecente peso da súa significación
política-electoral. Por outra banda, a reivindicación da galeguidade entre os colectivos emigrados
obedece prioritariamente á lexitima aspiración de verse beneficiados polas melloras sociais impulsadas
dende o goberno autónomo, no que ocupa un lugar secundario o maior compromiso cos intereses de Galicia nos
países que residen.
• As cifras que indican o nivel de atención de Galicia cá cooperación ó desenvolvemento
son lamentables. Máis aínda, tendo en conta o xeneroso esforzo rexistrado en boa parte dos países
da rexión que acolleron os nosos emigrantes en épocas nas que o subdesenvolvemento e a ausencia de
liberdades impedían o noso acceso o benestar.
• Galicia aspira a desenvolver un importante papel na conformación da Comunidade Iberoamericana de Nacións
e a vertebra-las súas relacións con Europa, pero a pesar de contar con algúns factores favorables,
a debilidade da súa proxección económica na rexión, hipoteca seriamente as súas
expectativas políticas.
|