|
Nas relacións económicas de Galicia con América Latina podemos advertir dous tipos de situacións.
Unha primeira, que afectaría ó grupo de países menos significativo, cun intercambio máis
variable, altibaixos e fluctuacións temporais (Bolivia, Belice, O Salvador, Haití, etc). Unha segunda,
formada polos principais socios comerciais (Arxentina, México, Brasil, Venezuela, etc) cos que o fluxo comercial
é sostido. Xustamente é nestes países onde se concentra tamén a maior parte da emigración
galega e os seus descendentes.
O intercambio económico e comercial entre as dúas beiras do Atlántico é unha das
constantes do comercio exterior de Galicia. O perfil dos productos que se exportan é moi definido, principalmente
productos agropecuarios, concretamente pescados e derivados, pero incorporando, en xeral, o perfil de especialización
da economía galega (sector do automóbil, industria madeireira, conxelados, agroindustria ou distribución
alimentaria). A pesca e os seus derivados constitúe un dos capítulos máis relevantes no ámbito
da importación realizada dende os países do Cono Sur, principalmente Arxentina.
No conxunto da rexión, o comercio bilateral evolucionou da seguinte forma: en pesetas, as exportacións
pasaron dos 9.495,806 millóns (1991) a 68.062,513 millóns (1999), é dicir, multiplicáronse
por 7,16 veces en dito período. Pola súa banda, as importacións de Galicia pasaron dos 47.347,343
millóns (1991) a 115.115,457 millóns (1999) é dicir, un aumento de case 2,5 veces. O balance
sempre deficitario para a nosa Comunidade, pasou dos 37.851,537 millóns (1991) a 47.092,944 millóns
(1999), é dicir, viuse lixeiramente incrementado (1,24 veces), pero moi mitigado polo substancial orzamento
das exportacións [Comercio Exterior de Galicia, 1991-1999, Ed. Banco Pastor].
|