|
A cooperación ó desenvolvemento ten un escaso reflexo orzamentario en Galicia. Os fondos dedicados
pola Administración autonómica a este fin incrementáronse dende os 30,2 millóns (1994)
ós 120 millóns (2000). Estas cifras non esgotan as axudas á cooperación, pois tanto
a Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior como algunhas consellerías
e departamentos manexan fondos propios e menores para accións desta natureza, pero, no seu conxunto, non
superan o 0,03 % dos orzamentos da Comunidade (2000).
A pesares da existencia de fondos extraordinarios para paliar catástrofes naturais ou convenios particulares
para accións singulares como a desenvolta en Bolivia cofinanciada pola UE, a xestión fundamental
realízase a través da convocatoria pública de axudas, realizada anualmente e dirixida ás
ONGDs. Da análise do destino dos case 450 millóns de todo o período 1994-2000 resulta que
a maior concentración xeográfica se produce en América Latina. Máis de dous tercios
do total concéntrase en sete países (Perú, Bolivia, Ecuador, Nicaragua, Guatemala, República
Dominicana e Cuba, por orde de importancia).
A nivel municipalista, en 1997 creouse o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que hoxe agrupa
a máis de sesenta entidades locais e provinciais que, no seu conxunto, representan a máis do 50,56%
da poboación da Comunidade. O Fondo Galego realiza unha convocatoria pública de axudas cunhas bases
pactadas coas ONGs, pero tamén con escasos recursos: 31,40 millóns no período 1998-2000. A
maior parte destas axudas tamén se canalizan cara a América Latina. No 2000, o Fondo Galego iniciou
a cooperación directa con entidades municipalistas de Nicaragua e Guatemala. En paralelo, algúns
concellos manteñen as súas propias convocatorias, pero, no seu conxunto, a achega municipalista á
cooperación ó desenvolvemento rolda os 50 millóns anuais e os incrementos rexistrados son
lentos e, polo momento, pouco significativos.
Na reducida importancia das políticas de cooperación ó desenvolvemento en Galicia inflúen
varios factores. En primeiro lugar, o crónico atraso económico e social desta comunidade que só
nos últimos anos puido superarse en virtude dunha política de grandes inversións destinada
a creba-las súas máis graves carencias estructurais. En segundo lugar, a debilidade dunha cultura
política que non valora suficientemente a importancia da cooperación ó desenvolvemento, producto
en boa medida da premisa anterior, e que, con lixeiros matices, afecta a tódalas forzas partidarias por
igual, xa sexan, conservadoras ou progresistas, nacionalistas ou non. En terceiro lugar, o minifundismo do movemento
solidario (no 2001 rexistrábanse oficialmente 88 ONGs) que dificulta a realización de accións
de sensibilización de envergadura que contribúan a modifica-la actual situación. En cuarto
lugar, a carencia de infraestructuras sólidas que aglutinen e impulsen as iniciativas solidarias en Galicia.
Non obstante, en todos estes dominios poden adiviñarse signos de transformación positiva que aventuran
esperanzas de cambio.
|