|
Nos máis de vinte anos de autonomía, as relacións entre a Xunta de Galicia e o goberno
central non coñeceron, nese ámbito, episodios de particular tensión que transcenderan ó
conxunto da opinión pública. Iso non quere dicir sen embargo que non existiran diferencias de criterio
ou receos a respecto dalgunhas actuacións. En 1982, por exemplo, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade
unha proposición non de lei sobre a celebración dun tratado de relacións culturais entre Galicia
e Portugal, ó amparo da previsión estatutaria do artigo 35.3, que nunca chegou a ser tramitada polo
goberno central. A proposta solicitaba ó goberno español a celebración dun tratado internacional
entre España e Portugal, no que a primeira viría a actuar in favorem negotii en relación a
Galicia, en virtude do exercicio por esta dun dereito de iniciativa tendente a dar paso a un réxime de relacións
culturais entre Galicia e Portugal. Galicia estaría presente, como tal, na comisión do Estado que
levara adiante as pertinentes negociacións que nunca chegaron a iniciarse [Pérez González
et al, 1987:31].
Por outra parte, se a complementariedade ou coincidencia de criterios caracterizou a acción exterior
da Xunta de Galicia en relación ó goberno central, tamén se produciron desencontros puntuais,
en relación sobre todo coas viaxes do presidente Manuel Fraga a determinados países como Irán
(1996), Libia (1998), ou Cuba (1991, 1998), cando esa aproximación contrariaba a política exterior
do Estado. Pero aínda nestes casos, a actitude da Administración central non foi máis alá
dunha xenérica solicitude de información. A inexistencia dun compromiso nacionalista na Presidencia
de Galicia (a diferencia do caso vasco ou catalán) e a súa filiación conservadora, e mesmo
a súa ascendencia diplomática (Manuel Fraga foi embaixador de España no Reino Unido), favorece,
sen dúbida, a creación dunha atmosfera xeral de entendemento e colaboración co goberno central,
que se prolongou a case tódalas representacións diplomáticas de España nos países
do estranxeiro que visitou. A todo isto debemos engadir que nas iniciativas máis polémicas (viaxes
a Libia ou a Cuba), Manuel Fraga, agrandando a súa propia autonomía fixo vale-la súa condición
de presidente do Partido Popular e a súa autoridade funcional para facer oídos xordos ás críticas
procedentes das ringleiras do seu propio partido. O contido formal e final da acción exterior galega non
reviste a proxección identitaria que pode advertirse noutras nacionalidades históricas do Estado,
comprometidas cunha proxección máis nacional da súa identidade no exterior.
Pero aínda sendo a colaboración o marco dominante, Galicia comparte, en liñas xerais, a
esixencia de que o goberno central asuma que a natureza autonómica do noso Estado demanda incorporar máis
activamente as comunidades autónomas na súa actividade exterior, na medida en que esa actividade
poida afectar e altera-los intereses autonómicos e habida conta de que a actividade exterior das autonomías
é parte da política exterior de España. Isto reduciría o grao de conflicto ou falta
de entendemento entre ambas partes e potenciaría a cooperación a tódolos niveis.
|