Texturas Internacionais nº 3Volver ó sumario
A acción exterior das comunidades autónomas españolas en América Latina:
Unha visión xeral
 
Epílogo: Reflexións finais


Christian Freres e Antonio Sanz
 
 

O asunto central deste libro –a acción exterior das comunidades autónomas españolas– non é unha realidade nova no sistema das relacións internacionais, pero non fora abordado dunha maneira tan ampla e tan profunda ata agora. Hai alomenos dúas razóns para este baleiro na literatura, que foi un dos feitos que nos estimulou a propoñe-lo proxecto. Por un lado, que as CCAA só existen desde hai a penas dúas décadas e media. É certo que xorden de rexións, algunhas das cales teñen unha longa historia, pero o certo é que só adquiriron o seu actual status político-administrativo despois da entrada en vigor da Constitución de 1978, e é desde entón que o fenómeno da súa acción exterior se converte en cuestión política, e, evidentemente, en campo para o estudio.

Por outro lado, e non se trata dunha crítica senón dunha mera constatación: os analistas e investigadores dos asuntos internacionais tenderon a enfocarse nos estados como actores principais e dominantes. Só recentemente, e diriamos non plena nin universalmente, recoñécese a importancia doutros axentes, sexan non gobernamentais ou subestatais. Este nesgo débese en gran medida a unha formación tradicional en ciencias políticas ou dereito internacional, que é moi difícil de superar de todo, mesmo cando se ten unha disposición positiva e aberta.

Pero, ó ser un traballo en certo sentido pioneiro, tamén debemos recoñecer que queda moito por descubrir. En primeiro lugar, habería que analizar cada unha das 17 autonomías para ter unha visión realmente completa. Non foi posible, por razóns de tempo e recursos económicos, polo que este desafío legámolo a futuros estudios. Segundo, sería interesante estudia-la acción exterior en conxunto, examinando con máis detalle a experiencia en Europa, pero tamén observando outros casos en América Latina (i.e., México, Brasil e Chile, por sinalar só algúns dos máis destacables). Terceiro, o noso enfoque na actualidade fixo necesario pasar por alto o período do inicio das relacións externas das CCAA, unha etapa que sería importante recoller nalgún traballo próximo.

A pesar destes aspectos non tratados, consideramos que o traballo en conxunto é exemplar, sobre todo pola forma en que se realizou. Referímonos a que se formulou desde un principio como unha tarefa que debía de realizarse cun equipo amplo. O noso labor foi de dirección e coordinación, pero había que contar con especialistas en centros académicos das CCAA e nos países latinoamericanos seleccionados. Isto proporcionou unha riqueza adicional ó resultado que non lograriamos se o abordasemos feito só desde Madrid. Lamentablemente, en España non é frecuente realizar investigacións deste tipo, e agardamos que este libro inspire a outros a atreverse a elaborar proxectos similares.

 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/04/2002