Texturas Internacionais nº 3Volver ó sumario
A acción exterior das comunidades autónomas españolas en América Latina:
Unha visión xeral
 
4. Perspectivas desde os países latinoamericanos


Christian Freres e Antonio Sanz
 
 

Desde que lograron a súa independencia no século XIX, os países latinoamericanos foron obxecto do interese de actores extrarrexionais de todo tipo, incluíndo, por suposto, os estados, pero tamén dunha ampla gama de organizacións subestatais e non-estatais. Por isto, o fenómeno da acción exterior das comunidades autónomas españolas non é necesariamente novo para América Latina; incluso hai certa traxectoria de activismo internacional das súas propias rexións [ver Cornago, 2001]. O que é diferente da situación actual é a escala de penetración e o nivel de organización que se observa nas actividades das comunidades autónomas en varios países da rexión. Neste apartado analizaremos esta tendencia desde a perspectiva dos países latinoamericanos; aínda que nos centraremos nos casos concretos do estudio –Arxentina, Cuba, Guatemala e Venezuela–, incluiremos algunhas observacións sobre outros países para amplia-la perspectiva da análise.


Perfís nacionais

Antes de entrar a revela-las perspectivas rexionais, sería oportuno brevemente dar a coñece-las características e os perfís dos catro países latinoamericanos seleccionados para este estudio (resumidos no Cadro 3), xa que nos darán unha idea das diferencias e similitudes existentes. En termos xerais, pódense distinguir dous grupos de países segundo o seu nivel de desenvolvemento e a estructura da súa economía. Por unha parte, Arxentina e Venezuela atopábanse entre os países máis desenvolvidos de América Latina, pero tamén son economías moi vulnerables, que nas últimas décadas sufriron grandes reveses. Alcanzaron un certo nivel de industrialización e a súa poboación é maioritariamente urbana, con forte concentración nas súas respectivas capitais. Por outra parte, Cuba e Guatemala son países cunhas economías que se caracterizan pola escasa implantación industrial e por estar baseadas fundamentalmente na agricultura de monocultivo (azucre e café, respectivamente), aínda que Cuba logrou unha importante diversificación (i.e. turismo, biotecnoloxía, etc) nos últimos anos. Ademais, goza dun dos niveis de desenvolvemento humano máis altos do continente, mentres que Guatemala concentra boa parte da súa poboación nas zonas rurais nunhas condicións de miseria.

Cadro 3. Datos básicos dos países latinoamericanos do proxecto
Indicadores

Arxentina

Cuba

Guatemala

Venezuela

Poboación total (millóns de habitantes) 1999

37

11

11

24

PIB per cápita (PPA) 1998 (US$)

12.000

3.967

3.505

5.808

Índice de Desenvolvemento Humano (IDH)

0,837

0,783

0,619

0,77

Débeda externa (% do PNB) 1998

52

nd

23

40

Axuda Oficial ó Desenvolvemento (AOD)
Dólares de AOD per cápita        
1990

5

2,3

23

4

1998

2

7,2

22

2

AOD/PNB (%)        
1990

0,1

nd

2,7

0,2

1998

0

nd

1,2

0

Fontes:
Informe sobre el Desarrollo Mundial 2000/2001, Banco Mundial, 2001;
Informe sobre Desarrollo Humano 2000, PNUD, 2000; e
http://www.freedomhouse.org/research/freeworld/2000/table7.htm.
Nota: n.d.: Non se dispón de cifras para este indicador e este ano.

Hai que subliñar que estes dous últimos países se atopan nunha situación moi particular. No caso de Cuba, o país enfróntase a un embargo por parte de EEUU, o cal tivo moitas repercusións, especialmente desde a caída do muro de Berlín cando a illa perdeu o apoio que gozara do antigo bloque comunista. En canto a Guatemala, acaba de saír dun período de máis de 40 anos de enfrontamento armado. En ambos casos está pendente a descentralización político-administrativa. Pola súa parte, Arxentina e Venezuela progresaron máis neste ámbito.

Con relación ós sistemas políticos, tres países –Arxentina, Guatemala e Venezuela– teñen réximes considerados internacionalmente como democracias representativas, aínda que o grao de consolidación varía dun a outro(30). Destes, Arxentina é o que se achega máis ó concepto occidental de democracia(31) e aproveitouse de case dúas décadas de estabilidade política relativa (ver Cadro 4). Guatemala e Venezuela experimentaron máis vaivéns políticos, particularmente no caso do país sudamericano, onde houbo regresións nos últimos anos, se ben persisten as formas mínimas dun sistema democrático.

Cadro 4. Indicadores de gobernabilidade
 

Voz e
responsa-
bilidade

Estabilidade
política/
Ausencia
de violencia

Eficacia
goberna-
mental

Marco
regulador

Estado
de
dereito

Arxentina

+0,482

+0,507

+0,262

+0,668

+0,319

Cuba

-1,461

+0,190

-0,497

-0,866

+0,115

Guatemala

-0,565

-0,751

-0,225

+0,444

-1,106

Venezuela

+0,179

-0,250

-0,849

+0,090

-0,662

Fonte:
Elaborado polos autores baseándose en datos compilados polo Instituto Internacional da Gobernabilidade (
http://www.iigov.org/iigov/pnud/bibliote/dhial23/todo.htm) do informe de: Kaufmann, Kraay e Zoido-Lobatón (1999). Governance Matters. Washington, DC, World Bank.
Nota: Os indicadores de gobernabilidade/governance están medidos en unidades que se moven nunha escala do -2,5 ó 2,5, onde os valores máis altos corresponden a mellores resultados en termos de governance. Responsabilidade refírese ó concepto de accountability que significa a rendición de contas das autoridades ante os seus cidadáns.

Entre os países occidentais, o réxime de Cuba non se considera unha democracia, o que contrasta coa posición do propio réxime, un dos máis lonxevos e estables na rexión(32). Sen entrar na polémica que suscita a caracterización do goberno cubano, é evidente que o caso de Cuba, e recentemente, aínda que en moita menor medida o de Venezuela, son tratados como “casos a parte”, o cal ten lóxicas implicacións para as súas relacións con España e as súas rexións.

É interesante tamén tomar nota das diferencias e similitudes nas sociedades destes países. En tres dos países considerados –Arxentina, Guatemala e Venezuela–, como ocorre en América Latina en xeral, hai unha forte concentración dos ingresos nas capas máis altas da sociedade. Trátase de países moi desiguais socialmente, onde ademais a clase dirixente adoita ser de orixe europea, mentres a maior parte da poboación, moi especialmente os grupos de indíxenas e africanos, está excluída do sistema. Esta tendencia é particularmente notable en Guatemala onde a maioría é indíxena, e o proceso de paz non logrou supera-las desigualdades históricas. En Cuba esta situación preséntase con menor agudeza xa que a desigualdade é relativamente reducida e fixéronse esforzos por promove-la integración racial.

Observando a situación da sociedade civil, encontramos un espectro que vai desde Arxentina ata Cuba. No país do Cono Sur, a sociedade civil é activa e ampla, e desempeña un importante papel na consolidación da democracia e na gobernabilidade local. En Venezuela, os últimos anos contribuíron a unha reducción notable da actividade cívica, en parte porque o Estado está a ocupar cada vez máis espacios públicos, reducindo a súa autonomía. As organizacións cívicas guatemaltecas, en certa medida gracias á axuda internacional, melloraron a súa situación co proceso de paz, pero distan de xogar un papel determinante na sociedade. Pola súa parte, a sociedade civil cubana a penas emerxe, e a súa autonomía é aínda moi limitada.

Por último, é de destaca-la forte presencia de descendentes ou inmigrantes españois procedentes de Galicia, do País Vasco e, en menor medida, de Cataluña, en países como Arxentina, Cuba e Venezuela. Ademais, un número importante deles establecéronse no século XX, polo que aínda manteñen fortes lazos en España. Guatemala destaca por ser un país onde a penas están presentes e activos colectivos procedentes das rexións españolas.


Marco xeral da proxección internacional

Cando se refire á proxección internacional dun país, normalmente analízase o que fai o Estado intencionadamente a través do seu aparato de política exterior e doutros ministerios e departamentos con incidencia transfronteiriza (i.e., economía, comercio, defensa, etc). Crecentemente tamén hai que mencionar ás administracións descentralizadas que teñen actividades no exterior. Finalmente, é importante estudia-lo que fan os actores privados, sexan estes empresas, partidos políticos, organizacións da sociedade civil ou particulares, xa que teñen intereses crecentes fóra dos seus contornos nacionais. Estes operan nas esferas económicas, culturais, políticas e sociais.

Agora ben, as distincións entre estes actores xa non é tan nidia coma antes, polo que as súas actividades se parecen máis e máis. Non obstante, para o noso estudio utilizaremos uns parámetros determinados para analiza-lo marco xeral da proxección internacional dos países tratados. Interésanos saber con qué contan estes países, e cómo abordan a acción das comunidades autónomas españolas (e outros actores similares doutras partes) a través dunha análise da política exterior e os seus obxectivos, da internacionalización da economía, e da dinámica creada pola axuda ó desenvolvemento. Non son tódolos parámetros posibles, pero serán suficientes para enmarca-la discusión no resto deste apartado.

Para estes catro países, a acción exterior ten moita importancia e é vista como unha ferramenta indispensable no desenvolvemento dos procesos internos. Sen embargo, pódense distinguir dúas posicións no referente á política exterior. Por unha parte, para Arxentina, Guatemala e Venezuela, buscouse fortalece-lo proceso de transición, democratización e apertura de mercados a través desta acción exterior. Máis precisamente, buscouse o apoio internacional para consolida-los novos réximes democráticos, sobre todo no caso de Arxentina. Para este país, concretouse nun aliñamento total cos países occidentais. No caso de Guatemala, non obstante, esta procura de apoio para consolida-lo réxime democrático non deu lugar a melloras concretas en moitos ámbitos, especialmente en canto á autonomía de comunidades indíxenas e ás canles de participación política. Por outra parte, Cuba buscou reduci-lo seu illamento, recompoñendo as súas relacións externas despois da desintegración da Unión Soviética. Pero iso non impediu que siga tendo diferencias diplomáticas cos países occidentais sobre cuestións políticas (aínda que o acoso norteamericano é o máis evidente, os países europeos tamén impoñen as súas condicións para afianza-la democracia na illa).

Ademais desta primeira diferencia, tamén se pode destacar que nos casos de Venezuela e Cuba, se desenvolveu unha política exterior de “contracorrente”, contradictoria ás formulacións dos países occidentais, especialmente de EEUU. Esta característica foi reforzada polo carácter personalista da acción exterior nestes dous países, onde os xefes de Estado teñen particular protagonismo. Arxentina tamén experimentou unha política exterior moi personalista durante os gobernos de Carlos E. Menem, pero a diferencia de Cuba e Venezuela, aliñouse moi estreitamente coa política norteamericana.

Tamén podemos distinguir dous grupos de países en canto ó grao de internacionalización da súa economía (ver Cadro 5). Por un lado, Guatemala e Cuba –cun comercio total por debaixo de US$10 mil millóns– están relativamente pouco integrados na economía mundial, e por outro, Venezuela, e especialmente Arxentina –cun comercio total superior ós US$40 mil millóns– están moi implicados (para o contexto latinoamericano). Arxentina ten un comercio exterior importante, pero en relación ó seu producto nacional é modesto, o que explica a súa baixa taxa de apertura comercial. A súa situación en Mercosur é un factor de atracción dos grandes fluxos de inversión directa que conseguiu nos últimos anos.

Cadro 5. Indicadores da internacionalización económica
       

Datos de 1998

 

Taxa de apertura
comercial*

Inversións estranxeiras directas (US$ mill.)

Arancel medio para manufacturas (%)

Turismo

Chegadas Internacionais
(miles)

Recibos
(US$ mill.)

Arxentina

19%

5.697

9,6

2.970

2.888

Cuba

28%

207

11,6

1.390

1.571

Guatemala

38%

673

8,3

636

394

Venezuela

35%

3.766

11,9

685

961

Fonte:
Elaborado por autores en Claves de la Economía Mundial (ICEI, Madrid, 2000); os datos de turismo son de WTO Tourism Highlights 2000 (WTO, Madrid, 2000).
*Exportacións + importacións/PIB.

Ó contrario, Guatemala desenvolve un comercio importante –moi concentrado en EEUU– para o tamaño da súa economía, pero atrae poucas inversións porque non ofrece acceso a un mercado subrexional de suficiente dimensión. Venezuela atrae moitas inversións cara ó seu sector enerxético, e nos últimos anos cara ó financeiro (principalmente de capital español) e o de telecomunicacións. Isto tamén explica en gran medida a súa apertura comercial. Pola súa parte, Cuba ábrese cada vez máis á economía mundial, atraendo inversións, aínda que moi concentradas en poucos sectores, especialmente o turismo, o que se reflicte nunhas entradas moi altas.

Coa excepción de Guatemala (ver Cadro 3), estes países non foron importantes receptores da axuda oficial ó desenvolvemento. Non obstante, só recentemente Guatemala adquiriu este status, debido ó apoio internacional ó proceso de paz. Tanto Arxentina como Venezuela baixaron moito nas prioridades dos donantes, mentres que cada vez máis se percibe a Cuba como un destino de certa relevancia na zona.

Sen embargo, existe polo menos unha similitude entre estes catro países posto que en todos a acción exterior é unha política estatal e centralizada onde case non teñen ningún protagonismo os entes descentralizados, excepto –e só parcialmente nos últimos anos– no que se refire á cooperación ó desenvolvemento ou a cooperación cultural. Onde as rexións e os municipios si desempeñan unha actividade significativa e con certa autonomía é na cooperación trans-fronteiriza; isto é lóxico porque son zonas onde as relacións son naturais e frecuentemente exceden os límites oficiais entre países. Non requiren sequera de moito apoio do goberno central, e poden, nalgúns casos, servir de plataformas máis amplas. Así está acontecendo coa rede Mercocidades (cidades do Mercado Común do Sur/Mercosur) e o Club das Rexións, entre outros exemplos.


Motivacións

É complexo entender por qué ós países de América Latina lles pode ou lles debe interesa-la acción das comunidades autónomas españolas. En parte, esta dificultade débese a un simple feito: as actividades destas rexións estranxeiras están impulsadas desde fóra, polo que é moi limitada a iniciativa á inversa (desde América Latina cara ás comunidades autónomas). É dicir, foi unha relación un tanto unidireccional, ó menos ata agora, aínda que progresivamente, os gobernos latinoamericanos e outros actores están actuando máis proactivamente neste ámbito. Aquí repasarémo-las principais motivacións dos países latinoamericanos fronte a este novo fenómeno.

É importante aclarar, antes de realizar ese repaso, que na práctica as motivacións están moi entrelazadas e non se perciben de maneira separada como facemos aquí. Neste sentido, o exemplo de Chile é bastante ilustrativo xa que o goberno central estimou conveniente dá-lo seu “apoio, recoñecemento e lexitimación institucional [á] inherente actividade transfronteiriza e internacional a nivel rexional” [Vargas, 2000:111]. Segundo o mesmo goberno, a motivación é múltiple. Primeiro, porque contribúe a “consolidar e afianza-lo carácter de política de Estado e sentido cidadán do accionar de Chile”, e segundo, porque as súas rexións “pasaron a constituírse en factor esencial para o cumprimento dos seus proxectos de desenvolvemento” [Vargas, 2000:111 e 115]. Por isto, ó principio do goberno de Ricardo Lagos, creouse un departamento, a Dirección de Coordinación Rexional (DICORE) dentro do MAE(33).

En canto ós países tratados no noso proxecto (e outros de América Latina), polo xeral é evidente que as motivacións económicas son primordiais: referímonos aquí ó interese por expandi-lo comercio, as inversións, o número de turistas, e os recursos da axuda ó desenvolvemento. Todo isto está estreitamente vinculado co desenvolvemento nacional, a preocupación principal destes países, onde ademais persiste a noción de que moitas solucións ós seus problemas virán desde fóra. Non obstante, en cada caso póñense diferentes pesos para cada un destes elementos.

Para Arxentina, as autonomías españolas significan especialmente a posibilidade de maiores inversións. Este país latinoamericano non recibe moito turismo (en relación ó seu PIB) e é considerado un receptor marxinal da axuda oficial, polos seus relativamente altos niveis de desenvolvemento (a pesar da actual situación na cal se avulta o número de pobres). Así, a atención, como con España no seu conxunto, ponse en atraer inversións de empresas, utilizando distintos instrumentos, estatais e privados. Neste sentido é cada vez máis frecuente que as viaxes de presidentes e ministros ó Estado español, se combinen con visitas ás capitais das principais comunidades autónomas para falar con líderes políticos e económicos; e cando estes van a Arxentina, adoitan organizarse actos de carácter empresarial para obte-lo máximo proveito. Estes intercambios tamén son útiles para o interese arxentino na promoción comercial, aínda que parece que ata a data –sexa porque non pasou suficiente tempo para detectar un impacto, por limitacións de recursos, ou polas barreiras no acceso ó mercado europeo– as comunidades autónomas semellan ter aproveitado máis estas oportunidades. En calquera caso, é de esperar que co tempo estes contactos servirán para equilibrar máis a relación.

No caso de Cuba, hai un forte interese no económico debido á súa necesidade imperante de divisas estranxeiras. O énfase parece estar nas inversións, por un lado, e a axuda ó desenvolvemento, polo outro. En canto ó primeiro aspecto, o goberno ten unha política activa de captar fluxos, utilizando os seus contactos, a súa embaixada en Madrid, e distintas feiras de promoción –que tamén van enfocadas cara ás exportacións. Estes esforzos non se limitan á capital, senón que hai unha estratexia clara para estenderse cara outros centros clave do Estado español, co cal éntrase en contacto coas autoridades autonómicas e locais. Un exemplo disto atopámolo no ámbito do turismo que é un sector primordial para Cuba: funcionarios cubanos e xestores de distintas empresas turísticas cubanas van regularmente a España e realizan xiras moi amplas, nas que falan cos tour operators, grandes axencias, hoteis, gobernos a tódolos niveles, etc, coa fin de atraer turistas á illa.

Pero, para Cuba, a axuda proveniente das comunidades autónomas tamén é de grande importancia. Un exemplo claro dáse na Habana vella, onde o Historiador da Cidade conseguiu unha importante cooperación dos gobernos subestatais de España, incluíndo varias autonomías. Andalucía deu bastante axuda a diversos proxectos de desenvolvemento, tanto directamente como por medio de ONGs andaluzas e as súas contrapartes cubanas.

No caso de Guatemala, aínda que evidentemente hai moito interese no comercio e as inversións, non parece ter unha estratexia moi activa ó respecto, nin parece que se dirixa algún esforzo especial cara as rexións, como vimos con Cuba. Onde deposita máis expectativas é coa axuda ó desenvolvemento, aínda que tampouco parece ser moi proactiva neste ámbito, alomenos en canto ás autonomías españolas. Quizais isto reflicte o feito de que, aínda que se trata de bastantes recursos, canalízanse fundamentalmente a través de proxectos puntuais, moitos dos cales escapan incluso do coñecemento oficial.

De tódolos países tratados, parece que Venezuela é un dos máis pasivos en canto ó seu interese económico nas comunidades autónomas. Non é que non faga nada, pero carece dunha estratexia para os distintos aspectos, e depende máis das iniciativas que proveñen desde España, e dos esforzos de actores do sector privado venezolano –incluíndo, evidentemente nacionais orixinarios dalgunha comunidade española– con contactos e negocios alí, sen que pareza estenderse amplamente. Pode ser que a orientación económica se enfoque moito cara ó Norte (Estados Unidos), e que a falta de apoio gobernamental lle reste dinamismo na súa acción ó outro lado do Atlántico.

Os intereses políticos son tamén importantes para os países latinoamericanos. A vinculación coas comunidades autónomas españolas pode apoia-lo seu desexo de expandi-la súa proxección internacional. Tamén é posible que fose un ingrediente de estratexias de políticos nacionais e rexionais para aumenta-lo seu prestixio de cara a competicións electorais ou para optar a cargos en organismos multilaterais. Finalmente, hai certo interese en aprender da experiencia española en descentralización e xestión de gobernos autónomos e locais.

As posibilidades de proxectarse internacionalmente son especialmente claras nos casos de relacións con líderes autonómicos coñecidos no exterior, como é o caso de Manuel Fraga ou Jordi Pujol. As súas visitas son aproveitadas por presidentes nacionais evidentemente, pero tamén por xefes de gobernos rexionais ou provinciais. E é cada vez máis frecuente que cando os presidentes latinoamericanos viaxan a España, intenten pasar por algunha capital autonómica fóra de Madrid(34). Cando son menos coñecidos fóra, como o presidente da comunidade valenciana, Eduardo Zaplana, ás veces é o vínculo inter-partidista o que conta; neste caso, o activismo do Partido Popular español no seo da Internacional Democristiá (agora Internacional Democristiá de Centro) é un factor de achegamento de gobernantes latinoamericanos con presidentes de autonomías gobernadas polo PP. En realidade, estes intereses políticos son mutuos, xa que cada parte persigue beneficios propios da relación, pero é diferente –e ás veces complementario– ó vínculo entre xefes de Estado. Non obstante, non cabe esaxera-la relevancia deste fenómeno xa que os contactos son relativamente esporádicos e pouco institucionalizados, e moitos presidentes autonómicos a penas pisaron Iberoamérica (por exemplo, Alberto Ruíz-Gallardón, presidente da Comunidade de Madrid), mentres outros, pouco coñecidos, pasan case desapercibidos.

Evidentemente haberá outros intereses secundarios, pero as principais motivacións –ó igual que desde a perspectiva española– son económicas e políticas. A continuación repasámo-los actores máis relevantes nos países latinoamericanos.


Os actores, os seus intereses e o seu peso relativo

Pódense dividi-los actores en tres categorías básicas, aínda que dentro de cada grupo atopamos moita variedade de intereses: os gobernos nacionais, as administracións subestatais, e os actores privados. Nesta sección o enfoque será transversal, indicando a tendencia xeral, e cando sexa preciso sinalaremos algúns casos distintivos a modo de exemplo para, finalmente –e seguindo o mesmo esquema–, interrogarnos arredor da importancia relativa dos actores latinoamericanos involucrados nas relacións coas comunidades autónomas.

En canto ó goberno nacional, varios órganos teñen interese nas relacións coas comunidades autónomas españolas, empezando coas presidencias, pasando polos distintos ministerios con competencia sobre materias internacionais. A correlación de forzas pode variar moito en cada país, de tal forma que o organismo líder non é sempre o mesmo. Ademais, o liderado pode ser diferente segundo o ámbito: con frecuencia os ministerios de desenvolvemento ou de finanzas controlan programas de cooperación, mentres os de relacións exteriores coordinan visitas de carácter político. Non obstante, non atopamos ningún exemplo dunha unidade ou departamento dedicado exclusivamente a xestiona-las relacións con gobernos descentralizados do exterior; isto parece indicar que o fenómeno aínda non é suficientemente relevante, ou que se consideran satisfactorios os actuais mecanismos de manexo que reflicten a dispersión de accións, intereses e competencias.

As rexións e outros gobernos subestatais de América Latina tamén poden beneficiarse da acción exterior das rexións españolas. Así observamos no caso de Cuba, onde estas actividades creábanlles oportunidades de amplía-la súa autonomía, particularmente para as municipalidades. Primeiro, porque supoñen recursos extras, e segundo, porque nun contexto difícil, onde ademais predomina un enfoque centralista na xestión do Estado, abre posibilidades para avanzar na descentralización. Curiosamente, en Cuba o goberno central tamén opina que a cooperación política e económica implica o aumento das súas marxes de autonomía(35).

A situación dos gobernos dos estados (rexións) en Venezuela é diferente porque teñen bastante máis autonomía que as cubanas; non obstante, teñen interese en aumenta-los seus contactos internacionais. Onde este factor non parece tan presente é en Guatemala, porque as comunidades autónomas a penas están presentes de forma directa e os gobernos subestatais guatemaltecos teñen pouca autonomía de acción. Por outra parte, cabe sinalar un factor presente nalgúns países, ou de zonas homónimas –por exemplo, a comunidade da Rioxa en España e a provincia do mesmo nome en Arxentina–, o que ás veces constitúe un incentivo para crear lazos de irmandade, con beneficios que van máis aló do económico.

En canto ás organizacións da sociedade civil (OSC), estas perseguen lazos transnacionais con varios fins. Por un lado, para aumenta-la súa autonomía fronte ós seus gobernos, nacionais e locais. O contacto, ben directo ou indirecto, coas autonomías outorga a estas organizacións certo status e capacidade. Por outro lado, as OSC conseguen recursos económicos e materiais e información (que á súa vez tamén lles proporciona máis independencia), principalmente pola intermediación de organizacións contrapartes españolas que reciben subvencións das comunidades autónomas para proxectos de cooperación ó desenvolvemento. O certo é que a relación entre comunidades autónomas e organizacións cívicas latinoamericanas case sempre resulta ser indirecta –con poucas excepcións de comunidades que activamente perseguen estes contactos, como ocorre en certa medida no País Vasco e Madrid–, co cal as percepcións que aquelas teñen das rexións son bastante pouco artelladas (máis alá de velas como “fontes financeiras” alternativas).

Cabe destaca-las asociacións de cidadáns latinoamericanos orixinarios das distintas comunidades españolas. O seu papel de pontes para as comunidades autónomas –por exemplo, a Irmandade Galega ou a Fundación Egusqui (vasca) en Venezuela– apórtalles un valor engadido nas súas propias sociedades que non terían simplemente por ser españois. Por isto, poden utiliza-la conexión autonómica para reivindicar maiores espacios nos países onde se asentan, ou mesmo recursos económicos (o que se deu con algúns xubilados españois, especialmente de orixe galega en Arxentina, que teñen dificultades vivindo das súas pensións locais).

¿Cal é o grao relativo de importancia dos principais actores latinoamericanos? Responder a esta pregunta é un asunto complicado. A primeira vista, é evidente que os gobernos nacionais dominan este ámbito. Isto é particularmente claro en Cuba onde toda actividade internacional –aínda que sexa con gobernos provinciais o municipais ou con organizacións privadas– ten que pasar polo control estatal. Menos claro resulta nos outros países onde a autonomía relativa doutros actores é maior e ademais o goberno central ten menos interese ou capacidade de control e, no caso de que intenten limita-las súas actividades, as comunidades autónomas poden facilmente evitalo, se o desexan.

Para os gobernos centrais, estas actividades presentan certos problemas xurídicos. En Venezuela, por exemplo, o Ministerio de Asuntos Exteriores afirma que as comunidades autónomas simplemente carecen de personalidade xurídica e de competencias para celebrar convenios de cooperación internacional. Non obstante, ante o feito da súa presencia, viuse obrigado a buscarlles certo “status xurídico”.

En consonancia coas motivacións sinaladas anteriormente, as rexións e os municipios son cada vez máis activos neste ámbito. Parece que en moitos países os municipios se internacionalizaron máis, en parte porque o movemento municipalista a nivel mundial está máis organizado (ou se proxecta máis). Nos catro países do estudio, os municipios teñen crecentes vínculos transnacionais, onde destacan os casos de Bos Aires e A Habana.

Con relación ós actores privados, é a arxentina, seguramente, a sociedade máis aberta dos catro países, onde aqueles son particularmente relevantes. Non obstante, o caso de Guatemala é peculiar xa que as ONGs locais son os actores que probablemente máis relación –aínda que fundamentalmente indirecta– tiveron coas autonomías españolas. Noutros países o seu papel non é tan relevante, en termos relativos. En calquera caso, para as organizacións cívicas latinoamericanas, os vínculos directos con “contrapartes” en España constitúen unha das principais “entradas” –aínda que indirectas– das comunidades autónomas na zona (non tanto en Cuba, onde hai máis cooperación directa das administracións públicas descentralizadas).

Un conxunto de actores privados que non foron abordados en profundidade nos estudios de caso son as empresas(36). Aínda así, é evidente que as empresas latinoamericanas teñen un forte interese económico en conseguir inversións de compañías con sede nas distintas comunidades autónomas; alí son principalmente as asociacións empresariais e bancarias as que lideran os contactos e organizan encontros, feiras e seminarios. Estes actores tamén poden percibir un interese político nas autonomías, xa que poderían ser fontes de información e “saber facer” para organizacións creadas a nivel subestatal en América Latina; ademais, os lazos horizontais poden complementa-los existentes entre cámaras de comercio a nivel estatal. En suma, o seu papel, aínda que non tan visible, é bastante relevante; o feito de que nas súas visitas a América Latina os presidentes case sempre veñen acompañados de empresarios, obriga a que os seus socios ou potenciais socios na rexión estean cada vez máis sensibilizados da importancia deste ámbito das relacións co Estado español.


Incidencia da acción autonómica en América Latina

Nesta última sección quixéramos delinear algúns aspectos que teñen que ver con cómo incide a acción das comunidades autónomas nos países latinoamericanos. Algunhas preguntas que intentaremos responder son:

  • ¿Crea problemas de xestión das relacións externas para os gobernos latinoamericanos?
  • ¿Percíbese positivamente a actividade internacional das comunidades autónomas?
  • ¿Hai outro impacto sobre os países de América Latina, no seu desenvolvemento, gobernabilidade, etc?

En canto a cómo inflúe na xestión das relacións externas, non encontramos gran preocupación por este fenómeno en termos xerais. Unha cuestión problemática que se sinalou bastante, sen embargo, é a falta de coordinación entre os propios gobernos autonómicos e entre estes e outros actores procedentes de España, en especial o goberno central. Esta descoordinación produce certa carga na administración da política exterior dos países latinoamericanos. Isto queda patente cando se producen viaxes coincidentes no tempo de dignatarios de varios niveis do Estado, no solapamento entre programas de cooperación apoiados desde diversas instancias públicas españolas, e nas diferencias notables que hai nos requisitos burocráticos dos múltiples departamentos que dan axuda.

As percepcións de distintos actores, sexan oficiais ou non, son xeralmente positivas sobre as actividades das comunidades autónomas no seu país. Detéctase, quizais, un pouco máis de suspicacia entre algúns funcionarios, e algúns incidentes problemáticos poden influír na imaxe individual de políticos autonómicos.

Os suxeitos que son máis favorables a esta acción autonómica son, sen dúbida, as rexións latinoamericanas e organizacións cívicas. Con relación ás primeiras, a presencia das rexións reforza o seu perfil no seu propio país e dá maior lexitimidade ás súas actividades no exterior. Non obstante, algunhas zonas máis illadas (onde, ademais, non se atopan “colonias” orixinarias dalgunha autonomía española) poden sentirse excluídas desta nova tendencia xa que as actividades das comunidades tenden a concentrarse bastante. Velaquí un impacto potencialmente negativo, ó contribuír á desigualdade xa existente en América Latina.

Para as institucións civís, a cooperación autonómica significa novas fontes de financiamento, pero tamén maiores apoios simbólicos para os fráxiles procesos de consolidación democrática, descentralización política e participación cidadá. Moitas OSC, sen embargo, reclaman máis implicación directa das autoridades das comunidades autónomas na cooperación para reforzar precisamente estes aspectos (xa que son as ONGs españolas as que canalizan boa parte da axuda descentralizada).

Non obstante, é importante sinalar que en moitos lugares, mesmo onde as comunidades autónomas realizaron ou apoiaron actividades, os latinoamericanos descoñecen a súa importancia. Por outro lado, as casas rexionais que existen, aínda que reciban apoio dos gobernos autonómicos, probablemente son percibidas en moitos casos como parte do panorama da propia sociedade latinoamericana(37). É dicir, polo xeral o traballo de promoción autonómica non ten moita visibilidade e a que hai non perdura (quizais porque o obxectivo de dita axuda sexa máis a poboación na propia comunidade no Estado español). Con isto, é necesario lembrar que as accións das comunidades españolas en América Latina só recentemente empezan a intensificarse –entre outras razóns porque as comunidades autónomas teñen pouco máis de dúas décadas de existencia–, polo que tardará algúns anos en ser un feito coñecido máis amplamente, pero está claro que é nesta rexión onde máis importantes son e serán.

Non é sinxelo determina-lo impacto que teñen as comunidades autónomas en Latinoamérica máis aló das percepcións que constatamos. Evidentemente, a nivel micro, como calquera actor externo, haberá efectos relevantes para as persoas e institucións involucradas. Así, por dar un exemplo, a concentración da cooperación vasca en distintas zonas (i.e., Norte de Potosí en Bolivia ou Petén en Guatemala) tivo unha incidencia bastante significativa no seu desenvolvemento. Pola súa parte, a Comunidade de Madrid suxeriu asinar acordos de asociación cunha serie de municipios ou rexións en América Latina onde enfoca o seu programa de axuda; esta modalidade que outras autonomías están explorando, seguramente terá unha incidencia notable.

Sen embargo, se mirámo-lo efecto en conxunto desa cooperación autonómica, sería difícil saber se tivo un impacto sostido sobre o desenvolvemento. A máis longo prazo terémo-la capacidade de comprender mellor as súas consecuencias, a medida que se consolidan os programas. Pero, ata agora, con poucas excepcións, a cooperación autonómica foi relativamente fragmentada e limitada nas súas dimensións.

Cremos que o maior efecto cualitativo que se pode agardar é o fortalecemento da capacidade institucional dos gobernos subnacionais en América Latina. Ó mesmo tempo, poderíase cita-lo impacto socio-psicolóxico da mera presencia sostida das comunidades autónomas a longo prazo: contribuirá a unha cultura política que valorice máis as instancias públicas descentralizadas, que é o caso actualmente. Non se pode dicir que se dese este resultado aínda, pero en casos moi centralizados como Cuba, nótase que este tema adquire crecente relevancia.

Por último, tamén é interesante ver cómo os gobernos latinoamericanos reaccionan ante as relacións entre as súas rexións e as comunidades autónomas (ou outras rexións doutros países). Hai basicamente catro tipos de resposta: aberto rexeitamento (non moi frecuente, alomenos publicamente); obstaculización (rexeitamento encuberto); laissez faire (deixar facer, sempre que non contraveña á política gobernamental); e apoio directo. Non temos constancia do primeiro tipo, aínda que alomenos nunha ocasión, en Arxentina, coincidiron nun curto tempo visitas de varios presidentes autonómicos, todos eles esixindo tratamento de case-xefes de Estado, o que provocou una queixa diplomática, aínda que se orientaba ó conxunto do Estado español. Polo xeral, prevalece o terceiro tipo de reacción.

 
 

Notas:

(30) Definímo-la democracia segundo Schmitter e Karl (1998:50): “A democracia política moderna é un sistema de gobernabilidade no cal os que gobernan deben render contas polas súas accións na esfera pública ante os cidadáns, actuando indirectamente a través da competición e a cooperación dos seus representantes elixidos”. Estes autores tamén se refiren ós procedementos que fan posible a democracia, parten das sete condicións para a poliarquía de Robert Dahl, ás que engaden dúas máis.

(31) Un informe que analiza os niveis de democracia regularmente é: “Freedom in the World 2001” de Freedom House (http://www.freedomhouse.org/research/freeworld/2001/tables.htm). Segundo o citado documento, Arxentina é un país libre, Guatemala e Venezuela son “parcialmente libres” (con tendencias a empeorar) e Cuba non é libre. Son termos que hai que tomar con cautela xa que están mediadas por unha visión conservadora e desde a perspectiva estadounidense da democracia.

(32) Nun estudio recente, (Przeworski et al., 2000) refírense a distintos tipos de réximes autoritarios: mobilizadores ou excluíntes; monolíticos ou divididos (con executivo e partido), e “sultanistas” ou baseados en regras codificadas. O caso de Cuba podíase considerar mobilizador, dividido e baseado en regras.

(33) Aínda que outros departamentos tamén están involucrados. Debemos notar que se pretenden establecer oficinas do Ministerio en tódalas rexións que teñen interese, demostrando un compromiso serio por parte do goberno nesta iniciativa.

(34) Isto relaciónase co interese en diversifica-los seus contactos no contexto político español, en devolver visitas anteriores, e, ás veces, ten que ver con afinidades persoais (por exemplo, o interese de Fidel Castro en visita-la comunidade autónoma de onde provén a súa familia, Galicia, con ocasión da súa asistencia ó cumio iberoamericano do Porto en 1998).

(35) Esta cooperación consiste na apertura –intencionada ou non– de alternativas á posición do goberno central de España en momentos en que as relacións oficiais son tensas. Por exemplo, ó principio da primeira administración do PP produciuse unha crise diplomática con Cuba; durante este período, a illa recibiu visitas de delegacións de políticos galegos e cataláns (novembro de 1996 e xaneiro de 1997, respectivamente), do Lehendakari vasco (xuño 1997) e do presidente andaluz (marzo 1997); en tódolos casos, ademais, os visitantes afirmaban o seu papel de mediación entre Cuba e España, o que causou bastante molestia para a Administración central en Madrid, abocada nese momento a unha política de presión cara á illa (con momentos particularmente difíciles a fins de 1996).

(36) Esta escasa atención non se debe a que sexan actores pouco importantes, senón a que a información ó respecto é moi limitada.

(37) Hai excepcións, naturalmente, como se observa no caso do centro da Habana, onde as casas de Galicia e Asturias son emblemáticas, aínda que en ambos casos serven a outros fins.

 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/04/2002