| Texturas Internacionais nº 3 A acción exterior das comunidades autónomas españolas en América Latina: Unha visión xeral |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| 2. España ante o sistema mundial en transformación | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Christian Freres e Antonio Sanz |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Neste apartado estudiaremos algúns dos factores externos e internos que inciden en cómo España se inserta no sistema internacional, así como referencias á política exterior española, e latinoamericana en particular. Os aspectos internos a analizar son aqueles que se utilizan tradicionalmente para medi-lo status internacional dos países: renda, nivel tecnolóxico, capacidade militar, etc. Desde o principio da transición cara a democracia en España, os gobernos que dirixiron o proceso de cambio primeiro, e de consolidación democrática despois, tiveron como obxectivo esencial da súa política exterior acadar para o país un grao de lexitimación internacional que lle permitise recuperar posicións na política mundial. Os esforzos realizados polos españois para deixar atrás os anos da dictadura desembocaron na plasmación de España como “potencia media” [AIETI, 2000:23-25], que implica grandes posibilidades de actuación no sistema internacional, pero tamén algunhas limitacións. Se nos fixamos no plano meramente económico, a economía española é a quinta máis grande na Unión Europea, aínda que o seu Producto Interior Bruto (PIB) representa pouco máis da metade do de Italia, a cuarta economía europea. En canto á riqueza relativa, o país atópase un pouco por debaixo da media (83% do PIB per cápita comunitario). Non obstante, España avanzou como poucos países desde a súa entrada na Comunidade, cun producto nacional que frecuentemente crece por riba da media comunitaria. Ademais, a súa concorrencia internacional aumentou moito nos últimos anos. Segue sendo unha economía relativamente pechada(7) pero dinamizouse o comercio e especialmente as inversións directas no estranxeiro, concentradas estas en América Latina (a súa presencia noutras zonas é máis limitada). Por outro lado, o país arrastra un déficit tecnolóxico que só nos últimos anos está sendo superado [Porter et al., 2000]. A pesar disto, España goza dun alto índice de globalización segundo un informe recente [Foreign Policy, 2002](8). Evidentemente, existen outros elementos de xuízo que permiten situar internacionalmente a España, pero non imos afondar neles porque non é obxecto deste estudio. O Cadro 1 presenta unha mostra deses indicadores relevantes.
Os indicadores (evidentemente parciais) que sinalamos aquí mostran un país con importantes características para constituírse nun actor internacional cada vez máis relevante na escena mundial. Pero, trátase aínda dunha potencia media que só recentemente conseguiu desempeñar un papel significativo fóra da UE, e o seu alcance limítase basicamente a Iberoamérica, e en menor medida ó Mediterráneo [Martín, 2001]. Cabe sinalar que, en paralelo ó incremento da influencia internacional do Estado, aumentou o activismo doutros actores. Dalgunha maneira ambos procesos se relacionan. As mellores condicións económicas e xeopolíticas aumentan a marxe de autonomía exterior do país, pero tamén abren novas posibilidades a actores non tradicionais do sistema internacional. Ademais, outros factores como os procesos interrelacionados de democratización e descentralización terán efectos importantes na evolución do sistema español de relacións internacionais. Volvendo ó punto inicial da política exterior española, unha das críticas máis frecuentes que recibiu foi, precisamente, a da ausencia dun proxecto ben definido e elaborado. Sen entrar no debate, o recoñecemento das “dimensións naturais” da política exterior española (Europa, América Latina e a ribeira Sur do Mediterráneo) por parte dos distintos gobernos, o desenvolvemento dunha relación especial con EEUU, e a ampliación da cobertura xeográfica cara ós países asiáticos e da Europa Central e do Este, constitúen elementos o suficientemente reais como para poder confirma-la existencia dunha política exterior definida. Quizais as implicacións derivadas da súa posición como potencia media e unha desvantaxosa comparación con algúns dos seus socios, foran argumentos válidos nas primeiras fases do proceso transicional, cando as prioridades do país se centraban en cuestións internas. Nos últimos anos, Europa estivo á cabeza das prioridades da política española. Un dos logros máis recentes foi, sen dúbida, a entrada de España na Moeda Única, mediante o cumprimento dos requisitos para o seu acceso, e en consecuencia, o ingreso no “núcleo duro” da Unión. A continuidade foi unha das características da política exterior española. Continuidade nos principios e nos obxectivos, que se poden resumir nos seguintes: a consecución dunha orde internacional máis segura, a seguridade e defensa nacionais, a modernización e o fortalecemento económico de España, a protección dos españois no exterior, ou a proxección exterior da cultura española, en primeiro lugar, podían ser subscritos por calquera goberno democrático, e segundo, son obxectivos que atopamos, practicamente idénticos, nos discursos dos seus predecesores no cargo. Mesmo nos obxectivos específicos, sexan estes áreas temáticas ou ámbitos xeográficos, as continuidades son netamente predominantes, e os cambios, se os hai, obedecen a realidades conxunturais(9). Tamén hai continuidade noutros aspectos, como o protagonismo dos presidentes de goberno, por diante dos ministerios de exteriores, e a tradicional escaseza de recursos no Ministerio de Asuntos Exteriores (MAE)(10). Pero obviamente, tamén é certo que cada goberno puxo o énfase en determinados aspectos, por razóns diversas, sobre as que no imos incidir. E así, por exemplo, o actual goberno do Partido Popular (PP) está a dar maior importancia a cuestións económicas e de defensa. Seguidamente, centrémonos na dimensión latinoamericana, por se-lo suxeito da proxección internacional das comunidades autónomas neste libro. Aquí, como na política exterior xeral, o factor conxuntural foi fundamental, circunstancia que determinou o maior ou menor énfase dos gobernos españois nuns problemas ou outros (por exemplo, na década dos oitenta, a atención estivo centrada na crise centroamericana e na democratización do Cono Sur). Na actualidade, obsérvase unha tendencia cara á priorización do elemento económico nas relacións hispano-latinoamericanas. A novidade máis importante nos últimos anos radica no espectacular aumento das inversións españolas na rexión, convertendo a España no principal país inversor tras EEUU. Esta circunstancia débese fundamentalmente ás compras de entidades públicas efectuadas no Cono Sur por grandes empresas españolas. O goberno estimulou estas inversións no convencemento de que a presencia económica na rexión redundará nunhas mellores relacións entre España e América Latina. Unha política así non deixou de te-los seus detractores, para os que hai unha excesiva concentración das inversións españolas en Latinoamérica, en comparación con outras zonas [Martín, 2001], o que implica directamente maiores riscos en caso de crise económica nos países destinatarios desas inversións. Ademais, e segundo eses mesmos críticos, creouse un problema de imaxe para España, como puidemos observar na crise arxentina. Como era previsible, as relacións con Cuba ocuparon un espacio moi relevante na diplomacia española dos últimos anos. A pesar das tensións políticas, as inversións españolas na illa aumentaron e mantívose a cooperación. A cooperación ó desenvolvemento española segue concentrándose nesta rexión. Este nesgo foi ratificado na Lei de Cooperación de 1998 e no Proxecto Director cuadrienal de 2001-2005, polo que se pode prever que América Latina seguirá recibindo arredor do 40% da axuda española. Esta céntrase particularmente nos países máis pobres de Centroamérica e a zona andina, e canalízase a través de programas e proxectos focalizados na formación, o medio ambiente e as microempresas, entre outros sectores [Freres, 1999]. A pesar dos numerosos avances que se produciron nas dúas últimas décadas, a política española cara a Latinoamérica segue adoecendo de certa improvisación. En xeral, as accións son reaccións a eventos conxunturais na rexión. Unha excepción parcial foi o “proxecto iberoamericano” dos gobernos de Unión de Centro Democrático (UCD) e Partido Socialista Obrero Español (PSOE), pero ese ambicioso proxecto finalizou abruptamente a finais de 1992, e desde entón non houbo unha visión global de medio prazo para a acción española en América Latina, máis aló da meramente económico-empresarial e a relacionada cos cumios iberoamericanos. Por último, cabe sinala-la emerxencia de novos actores nas relacións entre España e América Latina. As empresas sempre estiveron presentes, e os partidos políticos españois manteñen contactos cos seus homólogos latinoamericanos desde hai bastante tempo. Na democracia posfranquista, coa reordenación do Estado, xurdiron dous suxeitos cada vez máis activos. Por un lado, as organizacións non gobernamentais (ONG), cun número que aumentou considerablemente nos anos oitenta e noventa, en paralelo á renovación da política exterior do país. Actualmente son bastante significativas, e contribúen en conxunto –con recursos propios e subvencións públicas– con máis da metade da cooperación española en varios países latinoamericanos [Freres, 1998]. Por outro lado, é importante sinala-lo activismo internacional das administracións públicas subestatais que, a través da chamada “cooperación descentralizada” [AIETI, 2000], apoian moitos proxectos de desenvolvemento, e mediante as súas institucións públicas e privadas inciden crecentemente na vida política, económica e social desta rexión. |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Notas: (7) Cunha taxa de apertura (a suma de exportacións e importacións dividida polo PIB) do 43% fronte á media do 54% na UE. (8) Pero a globalización en España, aparte de dar lugar a un proceso de concentración económica como noutros países industrializados, está acompañada por outro de centralización do poder económico. Este último provoca que Madrid saia beneficiada ó albergar no seu territorio as sedes de moitas das empresas máis importantes, incluíndo as da “nova economía”. E, paralelamente, e en opinión de Antón Costas, sementa o xérmolo dun sentimento de agravio comparativo nas demais rexións españolas (El País, 10/01/2002). (9) Hai algunhas diferencias de énfase do goberno do PP, que dá maior importancia a cuestións económicas e de defensa, así como os enfoques cara á UE e EEUU sofren algúns cambios, pero en conxunto, estes elementos non reflicten unha política radicalmente diferente á de anteriores gobernos da democracia. (10) Segundo datos publicados polo diario El País (05/10/1998), o MAE ten cada vez menos peso nos presupostos do Estado (1989=0,46%, 1998=0,39%). Para Andrés Ortega (El País, 27/03/2001), este non é un fenómeno exclusivo de España. No conxunto da Europa comunitaria, e como consecuencia da integración europea e da globalización, os ministerios de Asuntos Exteriores están perdendo importancia relativa fronte a outros ministerios (Economía e Facenda, Agricultura ou Comercio) e en foros multilaterais (como a Organización Mundial do Comercio). Pero tamén porque os Xefes de Estado e de Goberno adquiriron un crecente protagonismo nas políticas exteriores dos países, non só europeos. |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 04/04/2002
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||