|
Foi unha traxedia irreversible, como irreversible é tamén o resultado do referendo pola independencia
que, a pesar das presións e ameazas das milicias proindonesias, ofreceu uns datos que non deixan lugar a
dúbidas: con ou sen a prometida autonomía, a maioría dos habitantes de Timor-Leste non desexan
a dependencia de Yakarta e esixen o restablecemento da súa soberanía.
A illa de Timor foi descuberta polos portugueses no ano 1420, aínda que a parte occidental sería
colonizada polos holandeses (1613-1618). A fronteira entre a parte holandesa (occidental) e a portuguesa (oriental)
estableceuse despois de longas e reiteradas guerras durante o século XVIII, en diversos Tratados (1859,
1893 e 1904). En 1942, a illa foi ocupada polos xaponeses; unha vez rematada a II Guerra Mundial, a parte holandesa
incorporouse a Indonesia (1954) mentres que a parte oriental permaneceu baixo dominio de Lisboa e formando parte
das súas provincias de ultramar. Referímonos a un territorio dunha extensión aproximada de
19.000 quilómetros cadrados e nos que debe incluírse a illa de Atauro, o illote de Jaco e o enclave
de Oé-Cusse, na parte occidental da illa de Timor.
Xa na véspera da xornada plebiscitaria, a poboación maubere percibía esa sensación
contradictoria de gran inquietude e de esperanza. Nunca tan preto estiveran de recuperar aquela liberdade que un
día de novembro de 1975 proclamara unilateralmente Nicolás dos Reis Lobato, nun intento desesperado
por evitar o inevitable. Na euforia da Revolución de Abril, Portugal retirábase a toda presa das
súas colonias deixando ó seu paso un perigoso baleiro de poder. Indonesia estaba á espreita.
A República Democrática de Timor Lorosae durou nove días e o presidente Lobato morría
uns anos máis tarde, caído en acción de combate coas tropas de Suharto. A invasión
de Timor-Leste por parte de Indonesia e a posterior anexión, declarada en xuño de 1976 por unha Asemblea
ad hoc nunca foi recoñecida polo Comité de Descolonización de Nacións Unidas. Segundo
a legalidade internacional, Portugal é, formalmente, a potencia colonial e administradora do territorio.
O chamado Comité dos 24 nunca dubidou en incluír a Timor Oriental entre os territorios non autónomos,
aqueles nos que a poboación era titular do dereito de autodeterminación recoñecido pola Resolución
1514 (XV) da Asemblea Xeral.
A inquietude era producto do clima de intimidación propiciado polas milicias proindonesias que, co beneplácito
do exército e da policía, sementaban o terror entre a poboación para impedir o libre exercicio
do dereito de sufraxio, boicotear a consulta e, en derradeiro termo, obter un resultado favorable ás teses
de Yakarta que aínda soñaba con prolongar a súa ocupación co consentimento dunha poboación
que reprimiu brutalmente dende o primeiro día da invasión. O comportamento de Indonesia nesta despedida
non debe sorprender a ninguén, pois é plenamente coherente con esa traxectoria de brutalidade e sistemática
violación dos dereitos humanos que algúns non dubidan en cualificar de xenocidio. A todos aqueles
que prefiren gabar os investimentos e os relativos progresos materiais auspiciados por Yakarta convén lembrarlles
as denuncias efectuadas por organizacións humanitarias que falan dun tercio da poboación nativa masacrada.
Non se comprende a condena dos desexos de liberdade dos mauberes porque, din algúns, a independencia faraos
máis pobres, mentres, por exemplo, aléntanse as aspiracións á secesión dun Tíbet
que sen a China podería tamén retroceder varias décadas no seu progreso material.
Argumentaba o hongkonés Timothy Mo que a motivación esencial do expansionismo indonesio en Timor
radicaba no feito de que preto da súa costa existe un canal de augas profundas –un dos tres existentes en
todo o arquipélago– que permite o paso dun submarino nuclear. O medo estadounidense a que un goberno de
esquerdas en Díli controlase esta vía precipitaría a intervención de Yakarta nove días
despois da espantada portuguesa. Pero hoxe estas contas non veñen ó caso. A guerra fría é
historia, a militancia proindependentista non aspira ó paraíso senón a máis liberdade,
democracia e benestar, e inclusive Indonesia vive un esperanzador proceso democratizador.
O papel da ONU
Un quixera ter a oportunidade de felicitar a Nacións Unidas polo empeño amosado na busca dunha
solución política negociada para o conflicto de Timor Leste. Tantas veces inclinada ó servicio
dos intereses das grandes potencias, algo parecía colarse agora para transformar as boas intencións
en algo máis que palabras. O compromiso acadado coa mediación de Ian Martin, representante especial
de Kofi Annan, con Indonesia e Portugal demostraba que era factible desbloquear pacificamente contenciosos históricos
que ata entón non ofrecían máis alternativa que a súa autorreproducción violenta.
Todo un ensaio esperanzador para outras desavinzas semellantes, algunha tan próxima para todos nós
como a que enfronta a Marrocos e a Fronte Polisaria, e todo un activo para reforzar e dignificar o papel dunha
ONU clara e intencionadamente descolocada no novo contexto internacional.
Ben é verdade que o drama que actualmente viven milleiros de persoas en Timor non deixa espacios para
a satisfacción, pero, aínda así, cómpre ter en conta que antes de culpar a Nacións
Unidas da traxedia, deberamos lembrar que o seu marco de actuación é extremadamente limitado. Os
sucesos acaecidos en Timor-Lorosae non evidencian a inutilidade e inoperancia da ONU, senón que poñen
de manifesto que precisamos máis ONU, con máis poder, maior autonomía e capacidade real de
intervención, facultades que lle son negadas polas grandes potencias e polos Estados Unidos, aínda
o seu principal debedor, en primeiro lugar. Pasou bastante tempo dende que se evidenciou a necesidade de desenvolver
o capítulo VII da Carta de San Francisco no que se contempla a posibilidade de situar continxentes militares
permanentes a disposición do Consello de Seguridade para levar adiante accións coercitivas internacionais.
Pero a estratexia de Washington e os seus aliados consiste en debilitar o papel de Nacións Unidas, reducir
custos, atala en curto, debilitar a súa capacidade política e reconvertela nunha mera axencia samaritana.
Durante as dúas semanas que seguiron ó referendo, a violencia desatada concentrouse nas casas
usadas polos membros da misión de UNAMET (Misión de Nacións Unidas en Timor Oriental) e os
proindependentistas. Numerosos bens foron destruídos. Milleiros de persoas foron obrigadas a abandonar os
seus fogares para refuxiarse nas montañas nunha operación de limpeza étnica que nada ten que
envexar ás levadas a cabo nos Balcáns. Mentres, en Yakarta, o Presidente B.J. Habibie negaba a evidencia
e resistíase a autorizar o envío dunha forza internacional de paz, segundo algúns, por mor
das presións do home forte do país, o xeneral Wiranto.
Finalmente, a presión internacional, a mobilización desa masa crítica universal que se
sente indignada perante a pasividade dalgúns gobernos e as diferentes varas de medir utilizadas segundo
os intereses que estean en xogo, dobregou a inicial resistencia das autoridades indonesias. O Consello de Seguridade
de Nacións Unidas adoptou a Resolución 1.264, que autoriza o uso da forza multinacional para protexer
e apoiar a UNAMET e facilitar asistencia humanitaria no territorio. O secretario xeral debe preparar unha administración
transitoria das Nacións Unidas en Timor Oriental incorporando a operación de mantemento da paz que
se vai despregar para facer cumprir os resultados do referendo do 30 de agosto.
A misión quedou baixo mando de Australia e serán soldados deste país os principais integrantes
do continxente. Sidney colócase así nunha posición vantaxosa para se asegurar un papel na
xestión da transición á independencia. Convén ter presente que Australia e Indonesia
asinaron en 1989 un tratado internacional dirixido á explotación conxunta da falla de Timor, rica
en xacementos petrolíferos e que forma parte da plataforma continental do territorio de Timor.
Agora, o regreso dos refuxiados e a retirada das tropas indonesias son asuntos vitais para normalizar a vida
política de Timor Leste. A desmilitarización da illa debe ser obxecto de atención prioritaria.
Ben é verdade que pode chocar cos intereses dos colonos e daquelas unidades militares máis implicadas
na loita contra a insurgência –que lles reporta considerables beneficios económicos–, pero é
condición necesaria para deter e entregar á xustiza ós responsables de tanta violencia.
Bo será que na construcción da paz a comunidade internacional amose unha maior xenerosidade e
rapidez da que fixo ostentación para evitar unha traxedia longamente anunciada.
|