|
O domingo 22 de setembro de 1996 milleiros de taiwaneses percorrían as rúas da súa capital,
Taipei, para reivindicar a soberanía sobre as Diaoyu, unhas illas situadas a 150 millas de Taiwán,
a 200 da China continental e a 200 tamén de Okinawa. Os manifestantes denunciaban así a actitude
presuntamente militarista de Xapón, país que actualmente exerce a administración de facto
destes territorios insulares. Uns días máis tarde falecía afogado na zona do conflicto David
Chan, un empresario de Hong Kong, líder da Asociación Alianza do Mundo Chinés, cando participaba
nunha acción marítima de protesta contra a ocupación xaponesa. Se ben este dramático
incidente non tivo consecuencias diplomáticas, as protestas cidadás diante do consulado de Xapón
en Hong Kong multiplicáronse rapidamente e unha flotilla de barcos taiwaneses internábase na zona
baixo a atenta mirada do Servicio de Vixilancia Marítima nipón. Por esas mesmas datas, unha multitude
de alumnos da Universidade de Beijing reuníase espontaneamente –nunha magnitude descoñecida dende
os sucesos de Tiananmen– para unir a súa voz á dos compatriotas de Taiwán e Hong Kong. Tamén
se rexistraron algunhas mobilizacións similares entre os medios universitarios de Shanghai. A disputa polo
control destas oito pequenas illas –a maior delas non supera os 5 km cadrados– e algúns farallóns
totalmente inhabitables parecía unir nun mesmo movemento a cidadáns de Taiwán, Hong Kong e
a China, aguilloados pola lembranza das humillacións e calamidades que Xapón propinou á comunidade
chinesa nun pasado aínda demasiado recente.
A orixe inmediata desta crise –que como logo se verá non foi a primeira nin será probablemente
a derradeira– remóntase a unha escalada iniciada o 14 de xullo de 1986 cando un grupo de membros da denominada
federación da Xuventude Xaponesa (Nihon Seinen Sha) se desprazaba á zona para construír un
faro nunha das illas. Uns días máis tarde, o 20 de xullo, o goberno nipón acorda a ampliación
a 200 millas da súa zona económica exclusiva, incluíndo nela as illas Diaoyu (chamadas Senkaku
polos xaponeses pola derivación da denominación que os británicos deran a estas illas –Pinnacle
Rocks–). O 29 de xullo, o primeiro ministro Hashimoto visita o Ysukuni Shrine para render tributo ós criminais
de guerra (versión chinesa). O 18 de agosto, membros da Asociación de defensa das illas Senkaku da
prefectura de Okinawa izan unha bandeira xaponesa, ó tempo que o goberno de Toquio organiza unhas pequenas
manobras que inclúen o despregamento de barcos e demostracións aéreas fóra do común.
Observada atentamente tal secuencia de feitos desde a China, e sobre todo desde Taiwán, a interpretación
global non deixa lugar a dúbidas. Toquio proporcionou cobertura e apoio á iniciativa da Federación
da Xuventude Xaponesa, unha asociación que conta aproximadamente cuns 3.000 membros e que, segundo revela
The Wall Street Journal na súa edición do 16 de setembro, ben puidera ter conexións coa organización
de Kobayashi-kai, á súa vez vinculada ó sindicato yakuza de Sumiyoshi-kai. Por outra banda,
non é casual a coincidencia destas iniciativas coa decisión da ampliación a 200 millas da
zona económica exclusiva nin, engaden os observadores chineses, coa homenaxe rendida unha vez máis
ós responsables do xenocidio chinés durante a Segunda Guerra Mundial. Avaliada no seu conxunto, a
concatenación destas accións parece conter as evidencias dunha clara mensaxe acerca da irrenunciabilidade
de Xapón ós seus hipotéticos dereitos sobre estas illas. Oficialmente, os gobernos de Taiwán
e da China –uns e outros acúsanse de obrar de modo intencionadamente lento na súa formulación–
elevaron as súas protestas ante Toquio.
Cando a mediados do mes de setembro a acción se repite novamente, esta vez coa escusa de reparar o faro
que resultara danado por unha tormenta, colocar un pequeno monumento e izar outra bandeira, os ánimos chineses
encrespáronse ante o que consideraban unha “provocación” inadmisible e en toda regra. Ós ollos
de moitos, reaparecían as pantasmas do pasado.
Pero o das illas Diaoyu non é un caso único. En realidade, gran parte da franxa marítima
da China continental e as súas proximidades constitúe unha das zonas potencialmente máis explosivas
do continente asiático e do mundo. Iso é así ata o punto de que unha evolución incontrolada
destas pequenas crises pode hipotecar e crebar as favorables expectativas de desenvolvemento e crecemento desta
parte do globo. Polos mares da China circula a terceira parte do comercio mundial. É unha ruta de considerable
valor estratéxico que é obxecto de cobiza por todos aqueles estados que proxectan a súa mirada
cara ó mar. O dominio dos illotes e arquipélagos tan abundantes na zona pode permitir un mellor control
das rutas marítimas e aéreas trazadas nestas augas e ceos. Xapón non pode ignorar que por
esa vía recibe gran parte das importacións e o subministro enerxético que fai funcionar a
súa industria. A China non esquece que esa franxa marítima é o flanco máis feble da
súa defensa (por mar chegaron as invasións de Xapón e das nacións occidentais que precipitaron
o país nunha acentuada decadencia da que aínda non se recuperou).
Por outra banda, ós abundantes recursos pesqueiros existentes en numerosas áreas destas augas
hai que sumar a constancia de que en gran parte do subsolo acumúlanse importantes reservas de petróleo
e gas, na súa maioría explotacións potencialmente moi rendibles que constitúen un factor
engadido de estímulo para todas estas nacións emerxentes, que precisan con urxencia recursos enerxéticos
para financiar máis comodamente o seu crecemento. Por último, convén engadir a estas circunstancias
a síntese doutros factores non menos transcendentais, como a situación de baleiro estratéxico
que deixou a fin da rivalidade propia da guerra fría, a ansia compartida de proxectar posicións máis
alá do estrictamente económico ou comercial, a necesidade da maior parte dos países da zona
de asentarse o máis solidamente posible para afrontar as previsións de crecemento dos próximos
anos e a consciencia do determinante papel que Asia pode xogar no mundo do século vindeiro. Todo iso perfila
as coordenadas globais dos contenciosos que axitan as augas dos mares da China.
Deixando a un lado a problemática Taiwán-China, catro son os principais focos de conflicto que
se desenvolven nestas augas e que involucran a numerosos e poderosos actores, practicamente a totalidade dos países
ribeiregos:
1. A disputa polas illas Natuna. Situadas ó sur das illas Spratley, enfronta a China e Indonesia e, hoxe
por hoxe, caracterízase pola súa baixa intensidade. Pero non debemos ignorar que, ó parecer,
nas súas inmediacións encóntrase un dos xacementos de gas máis importantes do mundo.
Actualmente eses recursos están sendo explotados por Indonesia en colaboración coa compañía
norteamericana Exxon.
2. A disputa polas illas Paracel (Xisha en chinés). Están situadas enfronte da illa de Hainán,
unha das primeiras zonas económicas especiais da China. Disputan o seu control a China, Taiwán e
Vietnam. En realidade, ese grupo de pequenas illas e farallóns foi ocupado por China en tres fases: a primeira
en 1974, a segunda en 1988 e a terceira en 1991. Nelas construíu xa dous portos (nas illas Woody e Duncan)
e un aeroporto (na illa Woody). Para conseguir ocupalas non escatimou medios. En 1988, o seu enfrontamento con
Vietnam causou 72 mortos e o afundimento de tres barcos de Hanoi. Na acción de 1991 producíronse
outros 70 mortos e o afundimento doutro navío. As accións militares da China coincidiron nun momento
especialmente delicado para Vietnam, moi resentido da fraxilidade das súas relacións coa antiga Unión
Soviética (en 1988, un momento crítico para a perestroika e de reorientación das súas
relacións cos países asiáticos; e en 1991, en pleno proceso de desintegración da URSS).
3. A disputa polas illas Diaoyu (ou Senkaku, como as denomina Toquio). A súa situación xeográfica
xa foi referida. Enfronta a Taiwán e a China con Xapón.
4. A disputa polas illas Spratley (Nansha, para os chineses). É, con diferencia sobre as demais, a que
presenta unha maior complexidade debido ás súas peculiares características e ó elevado
número de países implicados.
Dous factores relativamente recentes agudizan a transcendencia destes contenciosos. Dunha banda, a entrada en
vigor das modificacións introducidas nas lexislacións nacionais para adecuar o ámbito das
augas territoriais e das chamadas zonas económicas exclusivas ó novo dereito do mar adoptado por
Nacións Unidas. De conformidade con el, tanto a China como Xapón delimitaron a extensión territorial
destes conceptos. A lei chinesa de 25 de febreiro de 1992 inclúe todas as illas en disputa e as súas
augas adxacentes no ámbito da súa soberanía territorial. Algunhas destas zonas están
actualmente baixo control doutros países como Indonesia, Filipinas ou o propio Xapón. Todos dirixiron
as súas protestas contra Beijing por adoptar unilateralmente esta decisión e por incluír nela
a previsión de recorrer ó uso da forza cando o estime oportuno para salvagardar este espacio de toda
incursión considerada ilexítima ou non autorizada. Ó reivindicar todos estes espacios territoriais,
Beijing envía unha clara mensaxe da súa escasa disposición á negociación. O
outro factor que pode actuar como catalizador das crises é a existencia dunha crecente rivalidade pola adxudicación
e o control das concesións para explotar os recursos petrolíferos e de gas existentes nestas augas
e revelados en 1968 pola Comisión Económica de Nacións Unidas para Asia e o Medio Oriente.
Segundo publica o diario Asia Business News na súa edición do 7 de novembro de 1996, nunha enquisa
realizada entre executivos asiáticos, á pregunta de a quén pertencían as illas Diaoyu/Senkaku,
a resposta foi a seguinte: a Xapón, 49,1 por cento; a China, 28,4 por cento; a Taiwán, 22,5 por cento.
No caso das Spratley/Nansha: a Filipinas, 47,6 por cento; a China, 24,1 por cento; a Vietnam, 13,9 por cento; a
Malaisia, 9,6 por cento; a Taiwán, 3,6 por cento; a Brunei, 1,2 por cento.
A disputa das illas Diaoyu/Senkaku
Neste contencioso, Taiwán e a China manteñen posicións similares. Para Beijing e Taipei,
tanto dende o punto de vista xeolóxico como histórico, as illas Diaoyu son chinesas. Ao parecer,
a existencia dunha fosa mariña de varios milleiros de metros que separa estas illas do arquipélago
de Okinawa evidenciaría a súa vinculación xeolóxica a Taiwán. Dende o punto
de vista histórico argumentan diferentes consideracións: 1) en documentos pertencentes á dinastía
Ming (1368-1644) estas illas aparecen incluídas nos mapas que indican o ámbito territorial da nación
chinesa, e deles dedúcese que en 1372 as illas foran descubertas polos seus navegantes que as utilizaban
para axudarse nas travesías; 2) nun libro do reinado de Yong Le (1403-1424) titulado “Unha viaxe tranquila
coas velas ó vento” tamén se alude a elas como chinesas. Durante todo ese período, as illas
Diaoyu estiveron baixo a administración da provincia, primeiro de Fujián e máis tarde de Taiwán;
3) en 1556 foron incorporadas á defensa marítima da China. Durante máis de cen anos foron
frecuentadas polos aborixes de Taiwán e outros, tanto para pescar como, sobre todo, para recoller varias
especies de herbas utilizadas na medicina tradicional chinesa. Beijing, por outra banda, afirma posuír documentación
fidedigna (mapas publicados en Xapón en 1783 e 1785) que acreditan sen lugar a dúbidas que as illas
formaban parte territorialmente da China, e iso explicaría por qué Xapón nunca cuestionou
esta soberanía ata a guerra de 1894-95.
Precisamente esta guerra e o seu penoso resultado para a China supuxo un cambio na situación. No Tratado
de Shimonoseki (Ma Guan) a China cedía a Xapón o dominio sobre Taiwán e as illas dos arredores
que administraba, entre outras as Diaoyu. Este elemento é importante porque lle serve á oposición
chinesa para argumentar que o destino das illas Diaoyu debe ir parello á devolución de Taiwán.
Na conferencia de El Cairo (1943) na que participaron Estados Unidos, Inglaterra e a China de Chiang Kai-shek,
adoptouse a decisión de restituír a China todos os territorios que lle foran usurpados no pasado
por Xapón, incluídas as illas do Pacífico. Máis tarde, no Tratado de Paz de San Francisco,
asinado en 1951 entre Xapón e os Aliados, as illas Diaoyu asignáronse a Xapón, se ben temporalmente
e con outros territorios, os poderes administrativo, lexislativo e xudicial serían exercidos por Washington
(artigo 3). Os gobernos chineses, tanto de Taiwán como de Beijing, nunca recoñeceron oficialmente
este Tratado.
Xapón, pola súa banda, elude as disquisicións de carácter xeolóxico ou histórico
e fundamenta os seus dereitos á propiedade destas illas, primeiro na orde estrictamente legal derivada do
exercicio da ocupación dunha “terra de ninguén”, e en segundo lugar, recorrendo ós feitos:
o control exercido na zona pola Armada nipona dende hai máis de cen anos. O Ministerio de Asuntos Exteriores
resumía nunha nota feita pública o 3 de agosto de 1972 a posición nipona: 1) a dinastía
Qing nunca chegou a administrar efectivamente este territorio; 2) despois de 1895 recoñeceuse abertamente
que as illas obxecto de disputa eran totalmente inhabitables dado o seu carácter volcánico; 3) o
goberno xaponés, nunha decisión ministerial adoptada o 14 de xaneiro de 1895 deu cobertura legal
á ocupación e situounas baixo a dependencia administrativa do distrito de Okinawa; 4) no Tratado
de Shimonoseki, a China non puido ceder estas illas, pois non eran súas, non formaban parte do seu territorio
(ao contrario de Taiwán ou as illas Peng Hu); 5) en consecuencia, no Tratado de San Francisco non se inclúen
estas illas como parte do territorio que Xapón debe devolver a China, quedando temporalmente baixo a autoridade
da administración estadounidense.
Non cabe pois vincular a problemática de Taiwán e a das illas Diaoyu, afirman as autoridades xaponesas.
Pero resulta innegable que cando Toquio se decide a ocupar estas illas, as súas relacións coa China
son altamente conflictivas (abertamente bélicas) e ademais, administrativamente, sitúaas en dependencia
non de Okinawa senón de Formosa, mentres durou a anexión da actual República da China. Convén
ter presente que a anexión do arquipélago Ryukyu prodúcese en 1879, a penas uns anos antes.
Para os gobernos chineses, a devolución de Okinawa a Xapón non implica igual destino para as illas
Diaoyu. Para Taiwán e a China, a permanencia da ocupación xaponesa das illas Diaoyu é consecuencia
dun arranxo entre Toquio e Washington. Cando o 17 de xuño de 1971 se asina o acordo de reversión
a Xapón de Okinawa, as illas Daito e o arquipélago de Ryukyu, territorios que Estados Unidos viña
administrando dende o remate da Segunda Guerra Mundial, as illas Diaoyu inclúense tamén no acordo.
Durante os anos sesenta, a presencia americana conxelou o problema. No Tratado de Paz firmado por Taiwán
e Xapón en 1952 nada se di sobre as illas Diaoyu. Como nel se recolle basicamente a abolición das
cláusulas do Tratado de Shimonoseki, os dous gobernos chineses aseguran que debe entenderse admitida tamén,
implicitamente, a devolución destas illas, xa que a liberación de ambos os dous territorios está
indisolublemente asociado. O goberno de Beijing asegura que en 1958 o primeiro ministro Zhou Enlai pronunciouse
concretamente a favor da devolución das illas Diaoyu.
O cambio de situación prodúcese a finais dos anos sesenta e comezos dos setenta. En 1968 desvélase
a existencia de importantes reservas enerxéticas nas inmediacións das illas e dende entón
sucédense as crises: Xapón-Taiwán en 1970, 1972 e 1990; Xapón-China en 1978. En xullo
de 1970, Taiwán outorga unha concesión a dúas empresas petroleiras estadounidenses para efectuar
prospeccións na zona. O seguinte paso consiste na tentativa de colocar unha bandeira na maior das illas
que rapidamente é retirada polos xaponeses. Taipei, por último, confirma a inclusión das Diaoyu
no ámbito do seu dominio administrativo, tal como figuraba a raíz da firma do tratado de Shimonoseki,
e tres deputados da Asemblea Nacional visitan as illas. As tensións con Xapón non soamente avivan
o nacionalismo en Taiwán, senón que arredor destas reivindicacións vaise vertebrando unha
tímida oposición independentista ó Kuomintang (KMT), fundamentalmente nucleada arredor do
chamado “Movemento en Defensa das Diaoyu” (Bao Diaoyutai Yundong), que nace en 1972, no fragor da segunda crise,
e que constituirá unha importante referencia do proceso de democratización do sistema político
taiwanés. En 1990, o intento por parte dun grupo de extrema dereita nipona de restaurar un faro construído
en 1978 motivou novas e contundentes protestas de Taiwán.
Dende un punto de vista pragmático e inmediato, a primeira preocupación de Taiwán consiste
en garantir os dereitos de pesca que habitualmente, e dende longo tempo atrás, realiza nesta zona. Ata agora
Toquio consentiu sen problema realizar estas actividades, pero as inseguridades e conflictos que se poden orixinar
coa aplicación das novas delimitacións de augas territoriais e zonas económicas exclusivas
desataron moitos temores en Taipei. Actualmente, os dous países negocian un acordo nesta materia.
Cando afloran as primeiras rivalidades entre Xapón e Taiwán polas illas Diaoyu, aínda recoñecendo
a súa pertenza a Taiwán, e xa que logo a China, a actitude de Beijing é máis ben moderada.
Esta conducta é probablemente inseparable do proceso de aproximación á comunidade internacional
e da necesidade de mitigar o seu illamento. En 1971, a República Popular China incorporase á ONU.
En 1972 restablece as súas relacións diplomáticas con Xapón. As reclamacións
sobre as illas foron tamén esquivadas cando en 1978 se asinou entre estes dous países o Tratado de
Paz e Amizade. A decisión mutua de conxelar este contencioso é o resultado dunha pequena crise provocada
na véspera da firma do Tratado, cando unha flotilla de barcos de pesca apareceu nas proximidades das Diaoyu
para evidenciar a existencia de pretensións por parte da China ás que non estaba disposta a renunciar.
Xapón considera estreitamente relacionadas a crecente intensidade das reivindicacións de Taiwán
e a China sobre as illas Diaoyu e o descubrimento de recursos enerxéticos na zona. Algunhas compañías
petroleiras sinalaron que na área destas illas hai entre 10 e 100 mil millóns de barrís de
petróleo, e igualmente importantes reservas de gas. Foi esta circunstancia, e non outras consideracións
menores, a que activou o interese e as demandas chinesas. Toquio insiste sen éxito en que o lóxico
é que, se durante a administración americana non presentaron reclamacións, cando esta cesa
a favor de Xapón todos os territorios en fideicomiso deben reverter ó seu país. Sen entrar
nas causas de fondo, Beijing responsabiliza a Toquio do incremento da tensión polos seus intentos de alterar
o status de conxelación do contencioso ó consentir e amparar as accións de grupos dereitistas.
Nada que ver, pois, con ambicións enerxéticas (!).
Pero o certo é que as crises e reclamacións aparecen repetidamente e con crecente intensidade
dende 1970 ata hoxe, transformando esta noutra área de extrema sensibilidade. Sabido é que as relacións
entre a China e Xapón non foron historicamente fáciles. O pobo chinés non esquece os millóns
de mortos producidos durante a Segunda Guerra Mundial, entre outras razóns, porque Xapón non acaba
de recoñecer plenamente a súa responsabilidade nin de interiorizala socialmente, e insiste en render
culto a xefes militares que, dende a perspectiva de Beijing ou Taipei, soamente poden ser considerados como criminais
de guerra. Nos últimos anos intensificáronse as relacións económicas e comerciais no
interior deste triángulo. Para a China, Xapón é o seu principal socio. E para Taiwán,
é o seu terceiro cliente. Pero a pesar diso, certa delicadeza e fraxilidade preside as súas relacións
políticas.
A cuestión das illas Diaoyu/Senkaku estase convertendo para todos nun asunto de política interna
de considerable importancia, e periodicamente regresa ó primeiro plano da noticia.
A disputa das illas Spratley/Nansha
É o de maior envergadura e complexidade. O arquipélago das Spratley/Nansha está formado
por máis dun cento de illotes e farallóns que en total abarcan unha superficie aproximada de 534.000
Km2, lixeiramente superior ó conxunto do territorio español. Están situadas a 1.500 Km das
costas chinesas, a 400 de Vietnam e a 300 das costas de Malaisia ou de Filipinas. Disputan a súa soberanía
un total de seis países. Reivindícanas na súa totalidade a China, Taiwán e Vietnam.
Filipinas e Malaisia reivindican soamente parte delas. O sultanato de Brunei estableceu en 1984 unha zona económica
exclusiva que inclúe o chamado arrecife Louise, pero non presentou de momento ningunha reivindicación
concreta. Nas Spratley/Nansha construíronse xa catro aeroportos, un porto e varias estacións navais.
Non resulta fácil ofrecer cifras exactas, pero, aproximadamente, Filipinas ocupa entre sete e oito das principais
illas do arquipélago; Taiwán controla a illa de Itu Aba; Vietnam ten a maioría (de 21 a 25),
mentres a China exerce o control sobre 6-8 e Malaisia sobre 3.
Tamén en Nansha son importantes os recursos pesqueiros, pero tense a firme convicción de que abriga
igualmente cuantiosas reservas de gas e petróleo. Ata a data adxudicáronse xa nove concesións
para realizar prospeccións con vistas á súa explotación. Poderosos grupos internacionais
(Exxon/Pertamina, Crestone, British Petroleum, Pedco Consortium, AFDC/Nobil, Petronas, Mitsubishi, Total/Marubeni,
Vietsovpetro) depositaron os seus tentáculos nestes enclaves e as friccións deixáronse sentir
moi rapidamente. Nalgunhas zonas, como Wan’an Bei Block ou Thang Long, chineses e vietnamitas enfrontáronse
abertamente ó efectuaren concesións ó mesmo tempo e a diferentes consorcios empresariais.
Beijing, que ten pendente con Vietnam outro grave contencioso nas Paracel/Xisha, deu mostras de estar disposta
a utilizar todos os medios ó seu alcance para que prevalezan as súas prerrogativas sobre as dos demais.
No mes de maio de 1995, buques de guerra chineses obrigaban a suspender unha visita de periodistas á zona
que fora organizada polo goberno filipino. Filipinas protestou igualmente ante Vietnam pola construcción
dun faro nunha illa reivindicada por Manila.
Mentres os conflictos entre os diferentes litigantes soben de ton, as expectativas de negociacións bilaterais
ou acordos globais non parecen ir en parello. Os esforzos auspiciados por diferentes organismos (a ASEAN promoveu
un foro rexional de seguridade en 1994) e en xeral, a promoción de plataformas de debate sobre este asunto
non se traduciron en resultados que puideran cualificarse de minimamente satisfactorios. As posibilidades de mediación
de Indonesia, que non sostén reivindicacións nas Spratley/Nansha, víronse limitadas ó
reivindicar a China as illas Natuna, actualmente baixo control de Iacarta. Nin se verificaron compromisos de non
utilización da forza ou de desmilitarización da zona; tampouco se adoptaron medidas de confianza
para asegurar a conxelación do actual statu quo e das respectivas reivindicacións de soberanía.
Pola contra, as ambicións que suscita a presencia de abundantes recursos enerxéticos poden provocar
en calquera momento un grave conflicto de serias consecuencias desestabilizadoras en todo o Sueste asiático.
Múltiples consecuencias
En todos estes contenciosos, o mundo chinés desempeña un papel clave. Se Taiwán, un Estado
de feito pero non de dereito, contempla por iso as súas posibilidades limitadas, a República Popular
Chinesa parece disporse a incorporar e suplantar as súas protestas e esixencias, asumindo globalmente con
maior énfase ca nunca a representatividade chinesa no seu conxunto. A raíz da recente crise das illas
Diaoyu, Shen Guofang, portavoz do ministerio de asuntos exteriores chinés, chegou incluso a criticar a morneza
da protesta do presidente taiwanés, Lee Teng-hui, neste litixio. Constátase unha intervención
e presencia da Armada continental cada vez máis importante nas proximidades das zonas de conflicto que evidencian
un endurecemento da posición chinesa, debido quizais en gran medida ó momento de transición
pre-post Deng que están vivindo e que esixe mostrar firmeza e seguridade de cara ó exterior, tal
como quedou de manifesto durante a crise do estreito na véspera das eleccións presidenciais taiwanesas.
Pero non é unha cuestión pechada. Non existe unha unanimidade absoluta na dirección chinesa
sobre estas cuestións, se ben, a política exterior nestes asuntos é seguida moi de preto polos
responsables do Exército.
A posición oficial da China en relación con todos estes contenciosos fundaméntase nos seguintes
piares: 1) Reivindicar a plena soberanía baseándose en argumentos tanto de carácter xeolóxico
como histórico e legal; 2) Rexeitar a internacionalización do problema apostando pola negociación
de acordos bilaterais; 3) Concentrarse agora no desenvolvemento dos recursos económicos deixando para máis
adiante a solución do problema da soberanía. Quere iso dicir que, en primeiro lugar, a China rexeita
toda tentativa de mediación internacional. En ningún caso aceptaría someter estes preitos
á Corte Internacional de Xustiza ou o establecemento dun Alto Comisionado que xestionara de forma técnica
e imparcial a explotación dos recursos da zona. Por outra banda, Beijing rexeita frontalmente calquera proposta
de soberanía compartida con aqueles países que sosteñen reclamacións nestes territorios.
A China está disposta a negociar acordos bilaterais pero anunciando previamente que a única “cesión”
que en calquera caso admitirá é a relativa ós dereitos de explotación, pero nunca aceptará
renuncias ou restriccións da súa soberanía.
Convén sinalar en todo caso que, a diferencia dos contenciosos das Paracel/Xisha e Spratley/Nansha, nas
illas Diaoyu/Senkaku predominou a cautela e a moderación. Niso influíu, sen dúbida, poderosamente,
a importancia das relacións económicas e comerciais entre os dous países, sen esquecer que,
estratexicamente, a economía segue estando no “centro” das preocupacións chinesas. Un amplo movemento
antixaponés, para o que podería mobilizarse unha ampla base social en calquera momento, prexudicaría
o bo desenvolvemento desas relacións. E aínda que no Diario do Exército Popular de Liberación
se afirme que é preferible perder mil onzas de ouro ca unha polgada de territorio, o certo é que
a China non pode obviar neste momento que Xapón é o seu principal subministrador de axuda financeira.
Sen embargo, tampouco pode manterse indiferente. De feito, a raíz da crise das illas Diaoyu, o goberno chinés
aprazou sine die unha visita prevista a Xapón do viceprimeiro ministro Li Lanqing e redobrou as súas
protestas diplomáticas. As relacións políticas poden deteriorarse.
Se espontaneamente un movemento social desas características chega a callar –como aconteceu en Tiannanmen
en 1989– Beijing podería verse obrigado incluso a ser máis enérxico para non ser atropelado
por unha sociedade que ben podería servirse do patriotismo, como elemento motor doutros descontentos máis
difíciles de exteriorizar de boas a primeiras, sen arriscarse a recibir unha drástica represión,
descontentos que hoxe están, sen dúbida, maquillados por unha bonanza económica que da acubillo
a unha ampla rebelión contida.
A recente activación do contencioso das illas Diaoyu permitiulles ós dirixentes de Beijing comprobar
a unanimidade do mundo chinés. Cidadáns e colectivos de Hong Kong e Taiwán mobilizáronse
activamente en torno a reivindicacións de carácter nacionalista panchinés. Pouco antes de
morrer, David Chan, reclamaba dos gobernos de Taipei e Beijing a protección da súa expedición.
Os medios de comunicación de Hong Kong esixíanlles ós dous a adopción de medidas enérxicas
e o abandono de tanta indiferencia. Paradoxalmente, en Hong Kong, foron os medios demócratas, reiteradamente
acusados por Beijing de falta de patriotismo, de actuar como “submarinos” dos intereses británicos na zona,
quen máis se destacaron na protesta. Así, a acción nipona conseguía o que parecía
imposible: propiciar a reconciliación das autoridades chinesas cos seus opositores no enclave a poucos meses
de producirse o definitivo camiño de volta ó continente.
Así as cousas, todos os países implicados recoñecen que sen o acordo da China toda hipotética
solución nestes litixios estará condenada ó fracaso e, ó mesmo tempo, todos son conscientes
de que o auxe da China fará cada vez máis difícil o logro dun acordo que satisfaga equilibradamente
os intereses de todas as partes involucradas. O antecedente da ocupación das illas Paracel e os programas
de modernización militar en curso –con especial proxección para o robustecemento da Armada– alimentan
as reticencias e son o argumento idóneo para xustificar o incremento dos gastos militares e modernizar as
forzas armadas de forma xeneralizada. En maior ou menor medida, todos os países da zona, dende Xapón
a Indonesia, Malaisia, Thailandia, Brunei ou Taiwán, intentan asegurar e mellorar as súas actuais
posicións e para iso participan na mesma tendencia favorecida pola retirada da zona das tropas rusas estacionadas
na base de Cam Ranh (Vietnam) e das americanas da súa base de Subic Bay nas illas Filipinas. En canto á
retirada americana de Okinawa, as esixencias populares vense en certa medida mitigadas polas reservas cara á
actitude da China, que reaccionou con probada agresividade cara a Filipinas cando Estados Unidos pechou a súa
base naval na baía de Subicen.
A posición de Estados Unidos é delicada e a duras penas consegue aparentar unha fráxil
neutralidade. Dunha banda, non se pode desentender dos conflictos existentes na zona por varios motivos: en primeiro
lugar, é parte do problema na vinculación das illas Diaoyu á soberanía nipona (o tratado
de defensa firmado por Toquio e Washington inclúe a protección destas illas); en segundo lugar, non
pode ignorar que varias empresas americanas teñen intereses na zona, especialmente nas illas Spratley/Nansha;
por último, non pode esquecer a importancia estratéxica da ruta que atravesa os mares de China. En
realidade, Washington presta un importante apoio militar a Filipinas, Thailandia, naturalmente Xapón ou
Taiwán, pero está por ver en qué medida esta política subsistirá a un desenvolvemento
máis ou menos privilexiado do diálogo con Beijing a quen lle unen poderosos intereses comerciais.
As súas posibilidades de implicación están limitadas, pero dificilmente poderá evitar
involucrarse máis tarde ou máis cedo.
Nin se rexistran avances substanciais na busca dunha solución global, nin parecen adoptarse medidas de
confianza na liña dunha diplomacia preventiva que afaste o risco de conflicto. As dependencias comerciais,
os investimentos estranxeiros, a progresiva integración económica rexional, actúan como factores
disuasorios do conflicto aberto. A China non está preparada para a guerra nin pode desexala de ningún
modo, pero non por iso aplicará maior moderación a unha vontade hexemónica cada vez menos
disimulable. Todos necesitan a paz e o desenvolvemento de boas relacións cos países veciños
para progresar economicamente. Unha guerra poría fin ó seu crecemento e á prosperidade xeral.
Pero, ó mesmo tempo, ningún destes países parece disposto a prescindir voluntariamente dos
recursos en disputa. As propostas de explotación conxunta non callan en absoluto. A China e Taiwán
puxéronse de acordo para realizar unha explotación en Hong Kong, pero non así con Xapón
para facer o propio nas Diaoyu, pese a que Toquio se amosou favorable a unha iniciativa que xa adiantara o propio
Deng Xiaoping en 1978 durante unha visita ó Imperio do Sol Nacente.
|