Texturas Internacionais nº 2Volver ó sumario
Sempre no Mundo / Rusia
 
Secesión no Cáucaso


Xulio Ríos
 

O Cáucaso serviu tradicionalmente de agocho seguro tanto a agresores como a agredidos, intervenientes todos nos numerosos conflictos que se sucederon nesta zona ó longo dos séculos. En derradeira instancia, esta é a razón que explica a enorme diversidade de pobos e de linguas que nela existen.

Despois da Revolución de Outubro, rusos e ucraínos achegáronse a Chechenia atraídos polos xacementos petrolíferos de Grozni. Por aquel entón os chechenos aínda constituían unha sociedade practicamente feudal, cos seus clans e nobrezas, moi afastados da modernización económica e social que Moscova pretendía exportar. Os bolxeviques suprimiron en 1920 o emirato do Cáucaso Norte no que os chechenos participaban xunto a outros pobos da zona. Integrados en Rusia, esperanzados pola política de nacionalidades de Lenin, foron organizados inicialmente nunha República Soviética das Montañas –Gorskaya ASSR–; máis tarde como unha rexión autónoma –30 de novembro de 1922–; e o 15 de xaneiro de 1934 Stalin optou pola unión con Ingushetia nunha soa rexión autónoma, que pasou a ser república o 5 de decembro de 1936. As súas vicisitudes administrativas non se acaban aí. En 1944 Stalin decidiu suprimir esta república en represalia pola presunta colaboración masiva de ambos os dous pobos cos invasores alemáns. Uns 400.000 chechenos foron deportados a Asia Central. O seu territorio e os seus recursos foron distribuídos entre os pobos veciños e os novos colonos rusos.

En 1957 foron perdoados no marco das rehabilitacións impulsadas por Nikita Jruschev. Nese mesmo ano restableceuse a República de Chechenia-Ingushetia –o 9 de xaneiro de 1957–. A partir de entón a súa evolución na URSS en pouco se diferencia das demais comunidades nacionais non rusas, con esporádicos enfrontamentos cos grupos que se asentaron na súa terra despois da deportación e que, ó seu regreso, se negaron a abandonala. A comezos dos anos 80 producíronse enfrontamentos entre chechenos e ingushes. O Kremlin enviou tropas á zona e en máis dunha ocasión os tanques circularon polas rúas de Grozni.


A era Gorbachov

Nos primeiros anos da perestroika producíronse en Chechenia tímidos cambios impulsados segundo os contidos e ritmos marcados dende o Kremlin, pero que non revestían particularidades específicas nin, por suposto, alternancias no exercicio do poder. Doku Zavgáiev, primeiro secretario do PCUS, era o principal home forte da república. Participantes da Asociación dos Pequenos Pobos, organización fundada en 1988 pola deputada Norilsk Uxía Gaier, no último período do mandato de Mijaíl Gorbachov, os chechenos impulsaron a formación da chamada Confederación dos Pobos Montañeses do Cáucaso (CPMC), unha organización de carácter pancaucásico que moi rapidamente experimentou unha brusca evolución dende unha simple asociación cultural ata unha formación basicamente política e dotada de milicias armadas. A CPMC desempeñou un importante papel non soamente nos conflictos do Cáucaso Norte senón tamén da Transcaucasia.

A finais de 1990, Chechenia apuntouse ó rexurdir nacionalista e proclamou a súa soberanía. Os dirixentes locais esixiron de Moscova o recoñecemento da súa condición de república federada. Pouco despois constituíuse o denominado Congreso Nacional do Pobo Checheno que presidiría Dzhojar Dudáiev, un militar soviético de alta graduación que regresou a Chechenia despois de servir en Afganistán e exercer de comandante en xefe da base dos bombardeiros estratéxicos nucleares de Estonia (entre 1987-1990).


Chechenia contemporánea

O fracaso do golpe de agosto de 1991 na capital soviética provocou outro golpe, esta vez triunfante, en Grozni. Doku Zavgáiev, presidente do Soviet Supremo de Chechenia-Ingushetia, apoiou o pronunciamento do Comité de Emerxencia, pero non así Dudáiev. O 15 de setembro, co visto e prace de Moscova, que enxergaba a ocasión de librarse da vella garda, o Congreso Nacional do Pobo Checheno ordenou a disolución da Parlamento, destituíu o seu Presidente e creou un Consello Supremo Provisional que asumiu o poder ata a celebración de eleccións. Non houbo resistencias.

As eleccións celebráronse o 27 de outubro de 1991 e Dudáiev obtivo o 85 por cento dos votos emitidos. O 1 de novembro, Chechenia proclamaba a independencia. Os ingushes decidiron non participar nos comicios. En Moscova, o Kremlin non recoñeceu carácter legal nin á convocatoria nin ós seus resultados. A primeira reacción do Presidente ruso –ata entón firme defensor das proclamacións de soberanía de todos os pobos sempre que resultaran útiles para debilitar o poder central que representaba Gorbachov– foi a de establecer o estado de emerxencia. Pouco despois, a orde foi anulada polo Parlamento, coa fin de evitar un enfrontamento aberto cos líderes chechenos.

A segunda consecuencia inmediata é o éxodo dos rusos residentes na rexión nunha proporción dificilmente calculable e que algúns cifran entre 45.000 e 240.000 persoas. A terceira, a separación de Chechenia e Ingushetia, producíndose algúns incidentes entre ambas comunidades debido a desacordos no reparto dalgúns territorios que aínda hoxe non foron definitivamente resoltos. A partir de entón, Moscova, cada vez máis condicionado polas súas loitas internas, consciente da inoportunidade de abrir novas frontes de conflicto, asume a inevitabilidade de certa tolerancia e deixa que o conflicto simplemente podreza ata mellor ocasión.

Dudáiev presidiu a república secesionista dende 1991. Como Borís Ieltsin, partidario do presidencialismo forte, tan de moda nese tempo en toda a orbe poscomunista, exerce o poder de forma nítida autoritaria e personalista. En xuño de 1993 disolveu o Parlamento e provocou a dimisión do Goberno. Unhas semanas antes, ¡no colmo da ousadía!, os deputados acordaran a súa destitución e o nomeamento de Iarangi Mamodaiev como primeiro ministro. Dende entón o país funciona sen Parlamento e a ausencia de mecanismos institucionais para resolver a crise política abre paso á dialéctica das armas que, pouco a pouco, dexenera nunha verdadeira guerra civil.

En maio de 1993 os enfrontamentos armados trasládanse ó centro de Grozni. Tres distritos da capital proclaman a súa lealdade á oposición. Dudáiev envía as súas milicias para recuperar o control destas zonas e, ó mesmo tempo, para contrarrestar as acusacións de dictador, anuncia a celebración de eleccións lexislativas en 1995 e presidenciais en 1996. Nun atentado dirixido contra el, falece o seu ministro do interior. As forzas de Labazanov fanse co control dalgunhas zonas do país e da ruta que une Grozni e Bakú. As rivalidades entre Mamodaiev e Avturjanov dividen á oposición sobre o futuro despois de Dudáiev.

En agosto de 1994, tres meses antes da intervención rusa, Dudáiev controla Grozni e a oposición seis distritos de trece. Ante a intensificación dos combates, decreta a mobilización total e comeza un novo éxodo de refuxiados. O gran muftí prohibe ós musulmáns que tomen as armas coa fin de evitar un baño de sangue. En outubro e novembro os combates intensifícanse en Grozni, Urus-Martán e outros pequenos pobos. A oposición, a punto en varias ocasións de acadar o seu obxectivo, debe retroceder cando contraatacan as forzas de Dudáiev, quen permanece atrincheirado no palacio presidencial.

A oposición conta con apoio financeiro e material de Rusia, pero ata a acción do 25-26 de novembro non se materializou unha implicación directa de tropas nos enfrontamentos. O fracaso deste pretendido “empurrón” abre o camiño para unha intervención directa.


A economía recente

A base económica de Chechenia xira arredor de dous piares fundamentais: o binomio petróleo-gas e a agricultura. A escasa diversificación da súa industria e a súa configuración nunha perspectiva soviética, fana moi vulnerable e dependente de Rusia e das repúblicas veciñas. As súas posibilidades reais dun desenvolvemento autónomo que non contemple acordos ou relacións estables coas demais capitais do Cáucaso e, sobre todo, con Moscova están severamente condicionadas. A articulación de novos mercados con outros estados tampouco se presenta fácil debido a que estes sempre privilexiarán as súas relacións con Rusia. Chechenia dificilmente pode resultar suficientemente atractiva como para xustificar a adopción de políticas pouco amigables con Moscova.

Preto de Grozni atópanse os principais xacementos petrolíferos. Polas súas reservas e nivel de producción desempeñaron no conxunto de Rusia e no pasado un papel de primeira orde. Sen embargo, nos últimos anos a penas destacaban. En 1991, por exemplo, as pouco máis de catro millóns de toneladas extraídas non acadaban o 1 por cento da producción total do Estado. En 1996 a cifra baixou ata as 2,6 millóns de toneladas. Na producción de gas, a situación é similar. Os 1.300 millóns de metros cúbicos extraídos en 1993 supoñen o 0,2 por cento da producción total de Rusia.

Arredor destes recursos estableceuse un gran complexo petroquímico, hoxe por hoxe determinante do presente e futuro industrial de Chechenia. Antes da guerra ruso-chechena o seu nivel de utilización estaba moi por debaixo das posibilidades reais. A súa capacidade de transformación ascende a 14 millóns de toneladas/ano e sen embargo en 1993 soamente transformou 3,4 millóns de toneladas. As causas directas desta situación son inseparables da caída da producción na propia república, pero tamén da negativa doutras empresas a subministrar hidrocarburos debido á inestabilidade e inseguridade política e ó xa citado éxodo da poboación rusa maioritariamente vinculada á industria petroleira. Para mellorar as condicións de explotación, as súas instalacións industriais esixen cuantiosos investimentos. Moitas foron derivadas e manipuladas para satisfacer o comercio ilegal de hidrocarburos.

Nun clima xeral de indisimulable anarquía (ampla circulación de moeda falsa, ocupación de terras pola forza, formación de grupos de autodefensa, incapacidade de Grozni para controlar a totalidade do territorio checheno, etc) é facilmente comprensible que o investimento exterior, e concretamente occidental, sexa practicamente inexistente.

A exportación ilegal de petróleo e o comercio ilegal de armas e drogas convertéronse nos principais factores de acumulación capitalista neste país. Tanto é así que incluso algunhas sociedades de probada traxectoria en turbios negocios, como a secta xaponesa Aoum, non dubidaron en establecerse na zona. O nivel de producción reduciuse de maneira drástica, desapareceu o sistema de pensións, a penas funcionan algúns servicios sociais, o sistema bancario está totalmente desorganizado, pero as mafias están en pleno auxe. Os grupos mafiosos son os que máis se beneficiaron da destrucción do sector público e, segundo algunhas fontes, a economía chechena quedou baixo o seu control. O bloqueo imposto polas autoridades rusas prexudicou considerablemente a economía chechena, pero sobre todo agravou a penuria xeral beneficiando as redes alternativas improvisadas polos grupos criminais.


Os problemas medioambientais

As características económicas desta República anteriormente descritas, en especial a actividade dese complexo petroquímico nas inmediacións da capital do país, vaticinan problemas medioambientais de gran calado. Pero non se dispón actualmente dun inventario suficientemente amplo, pormenorizado e contrastado, máis alá das protestas contra a construcción dun complexo bioquímico en Gudermés, animadas por unha Fronte Popular constituída en 1988, nos inicios da reforma política gorbachoviana.

Nas primeiras semanas da guerra foron bombardeados os depósitos da refinería de Grozni. Milleiros de toneladas de cru que estaban almacenadas foron pasto das lapas. A catástrofe ecolóxica puido adquirir dimensións gravísimas de estenderse o lume a un depósito que almacenaba 30 toneladas de amoníaco. Pero é tamén unha ameaza permanente debido ó mal estado das conduccións. Segundo testemuños presenciais, a contaminación da auga nos núcleos urbanos impide a súa utilización para os usos máis comúns e habituais.


Defensa

Proclamada a independencia, quizais pola propia condición castrense de Dudáiev ou como consecuencia da necesidade de afirmar a contundencia e irreversibilidade do proceso, as autoridades chechenas decidiron, con carácter inmediato, adoptar diversas medidas destinadas a crear un Exército propio. En maio de 1992, a mesma Federación Rusa que negaba toda lexitimidade ós dirixentes chechenos asinaba con eles un acordo polo que se aceptaba a retirada das tropas rusas estacionadas na zona e a distribución, a partes iguais, dos arsenais dispoñibles no seu territorio. Algunhas fontes sinalan que todo aquel armamento quedou en Chechenia.

Pero ademais, ben sexa co obxecto de destinalas simplemente ó tráfico ilegal –na propia Bosnia atopouse armamento procedente de Chechenia– ou en prevención dun conflicto aberto con Rusia, Dudáiev adquiriu numeroso armamento en Xeorxia, Rusia e nas veciñas repúblicas do Cáucaso norte. Segundo inventario do propio exército ruso, pouco antes de iniciarse a guerra, Chechenia tiña á súa disposición un elevado número de avións (unhas 200 unidades, aínda que non todas operativas debido sobre todo ó reducido número de pilotos cualificados) e helicópteros, carros de combate, pezas de artillería, gran cantidade de lanzagranadas, de metralladoras e fusís, unhas 20.000 granadas de man e ata 15 millóns de balas, entre outro material. A aviación foi practicamente destruída na súa totalidade nos primeiros días da intervención rusa.

Á súa vez, abríanse escolas militares e mobilizábanse as persoas en idades comprendidas entre os 15 e os 55 anos. Para a defensa da capital, Dudáiev podía contar con 1.500 homes armados e con outros 2.500 nos arredores. En total, segundo cálculos bastante aproximados, a finais de decembro de 1994, os efectivos do seu exército ascendían a 5.000 homes. A medida que se desenvolve o conflicto a resistencia organízase e nos núcleos de reserva podían participar ata unhas 35-40.000 persoas. O batallón abjazo de Shamil Bassayev, con experiencia no conflicto xeorxiano, incorporouse rapidamente ás forzas chechenas.

Dudáiev tamén incorporou ós seus efectivos mercenarios procedentes de dúas fontes principais: musulmáns (de Turquía, Afganistán, Xordania, Kuwait, Exipto, Arabia Saudí) e antirrusos (ucraínos e bálticos, estonianos especialmente).


A diplomacia chechena

A actividade exterior da Chechenia independente tivo dúas referencias principais. En primeiro lugar, favorecer a integración dos pobos do Cáucaso norte, tanto económica –aproveitamento dos numerosos recursos da zona– como política –freo a Rusia–. A Confederación dos Pobos Montañeses do Cáucaso era o seu principal instrumento, pero fracasou antes de conseguir o seu obxectivo ó enfrontarse a situacións traumáticas (a propia guerra) que provocaron a súa ruptura.

O outro piar da súa diplomacia foi Xeorxia. Dudáiev apoiou sen reservas ó presidente xeorxiano, Zviad Gamsajurdia. Incluso cando Edvard Shevardnadzew asumiu o poder en Tblisi, Dudáiev concedeu asilo a Gamsajurdia en Grozni e prestou apoio militar ós rebeldes secesionistas abjazos para derrotar ás forzas do ex ministro de Asuntos Exteriores de Gorbachov.

Por outra banda, a través dos descendentes dos chechenos emigrados a Xordania, Siria e Turquía –como consecuencia da conquista rusa do Cáucaso–, Dudáiev intentou obter axuda militar e o recoñecemento internacional da independencia. Pero ningún destes países desexa estreitar unhas relacións que porían en serio perigo o entendemento con Rusia. En xeral, o apoio dos países musulmáns sempre foi moi escaso e soamente se recolleron fondos para apoiar a Dudáiev cando estoupou o conflicto e, nalgún caso, enviando voluntarios. Tamén nalgúns países europeos (Polonia) funcionaron centros de axuda a Chechenia.

Por último, a maior parte dos chechenos residentes en Moscova e noutras cidades rusas non participaron nunca do fervor independentista e se en algo destacaron foi en tratar de evitar o temido desenlace tráxico do conflicto. Partidarios do Consello Provisional, condenaron o uso da forza e favoreceron o establecemento de negociacións directas para deter as hostilidades.


A intervención rusa en Chechenia

Visto desde Moscova, Chechenia é unha das 20 Repúblicas autónomas que forman parte dos 89 integrantes da Federación Rusa (Tratado da Federación asinado o 31 de marzo de 1992). Unha República, segundo a Constitución aprobada en referendo o 12 de decembro de 1993, pode ter a súa propia Constitución e elaborar o seu propio marco xurídico. Pero para saír da Federación debe obter o voto maioritario das dúas Cámaras ou vencer nun referendo que se debe celebrar ¡en toda Rusia!

Chechenia decidiu non asinar o Tratado da Federación. A diferencia de Tatarstán, Bajorstán e Kabardino-Balkaria, tampouco aceptou tratado especial algún. Quizais por iso é frecuente aludir ó feito de que a secesión chechena ten carácter “unilateral”. En realidade é un argumento falaz. Nun senso xeral pode dicirse que a legalidade en Rusia habita na fronteira do máis rancio oportunismo. Repasemos a historia recente, incluído o referendo do 17 de marzo de 1991 no que a cidadanía se pronunciou a favor dunha Unión renovada, ou a “secesión unilateral” da República do Transdniester en Moldova, firmemente apoiada por Moscova, ou incluso o referendo constitucional de 1993.

É sorprendente que se xustifique a invasión de Chechenia coa defensa dos dereitos dunha minoría rusa presuntamente agredida –estímase que no inicio do conflicto armado a poboación rusa non superaría as 60.000 persoas–. Igual de absurda é a equiparación de Chechenia cun estado mafioso. Trátase dunha demonización interesada que xeneraliza a existencia de certos vínculos entre sectores do poder e da sociedade coas actividades mafiosas. Pero coa xeneralización non se consegue outra cousa que actualizar as acusacións de colaboración masiva stalinistas. Precisamente unha das grandes solidariedades ausentes neste conflicto é a dos poderosos e ricos mafiosos chechenos. A independencia non os beneficiaría en nada. Con ela si perderían un valioso pasaporte ruso que hoxe lles permite desprazarse por un inmenso e rico territorio. Menos discutible parece ser que as mafias gangrenan o actual Estado ruso.

As alusións ó perigo de desmembración da Federación Rusa tampouco teñen maior fundamento. Coa excepción de Chechenia, os demais pronunciamentos secesionistas estaban encarreirados. Tatarstán asinou un tratado de asociación con Rusia en 1994. Noutras rexións existen algúns litixios, conflictos de leis, descoordinación da vida económica, pero non se pode afirmar que iso supoña aposta algunha pola independencia. Na maior parte dos casos son zonas etnicamente rusas ou con gran presencia de rusos.

As verdadeiras razóns poden ser outras. En primeiro lugar, a intervención rusa en Chechenia é inseparable dos intereses petrolíferos. Os oleoductos e gasoductos que atravesan a zona do Cáucaso norte teñen un gran valor estratéxico. Máis aínda cando está en xogo o chamado contrato do século, é dicir, a ruta que deberán seguir os millóns de toneladas de cru que se extraerán do mar Caspio nos próximos anos. As vías para a circulación do cru redúcense a dúas: a través de Rusia ou de Turquía. Rusia necesita, imperiosamente, control e estabilidade no Cáucaso norte para convencer ós investidores estranxeiros de que a súa é a mellor opción.

En segundo lugar, o Cáucaso é a fronteira meridional de Rusia, unha zona de especial interese para a súa seguridade na que coincide ademais con tradicionais competidores como Irán e, sobre todo, Turquía. Dende a desintegración da URSS, Rusia intensificou a súa intervención nos numerosos conflictos da zona caucásica, tanto no norte como na Transcaucasia. Moscova sempre contou cunha significativa presencia militar en toda a zona e soubo terciar, mediar, conseguindo a cambio recuperar a súa influencia. Chechenia era a única peza verdadeiramente incontrolable dese crebacabezas. Na súa formulación da nova doutrina militar, realizada en novembro de 1993, a antiga zona soviética, o denominado “estranxeiro próximo”, perfilase para as autoridades rusas como unha esfera de influencia “irrenunciable”.

En terceiro lugar, a guerra de Chechenia é a coartada precisa que permite seguir gañando espacios e ocupando posicións ós partidarios da revitalización do estado, da grandeza de Rusia, do Imperio Ruso. No entorno presidencial nunca existiu unanimidade en canto á política a seguir con Chechenia. Incluso nos primeiros momentos da secesión albiscábanse dúas posicións: apoio firme á oposición (Shajrai, entón ministro para as nacionalidades); e negociación con Dudáiev (Shumeiko, viceprimeiro ministro).

A división de opinións manifestouse tamén á hora de decidir a intervención militar. Dunha banda, o presidente, quen a raíz do fracaso da acción do 25-26 de novembro lanzou un ultimato de 48 horas (máis tarde ampliaríase ata o 15 de decembro) para que as partes desarmasen os seus homes e detivesen os combates. O chamamento é aceptado pola oposición pero non por Dudáiev, que teme verse marxinado do proceso. A Duma, pola súa banda, decide enviar unha delegación negociadora a Grozni. Alí atópase con que os prisioneiros rusos non eran voluntarios, senón soldados da división Kantemir, recrutados e adestrados polo Servicio Federal de Intelixencia (FSK).

No entorno presidencial (Consello de Seguridade) soamente Andrei Kozirev e Evgueni Primakov se opuxeron abertamente á invasión militar. Viktor Chernomirdin expresou as súas dúbidas, pero finalmente apoiou a acción defendida esencialmente polos ministros militares (Grachev, Ierin, Stepashine). A guerra de Chechenia permite un novo empurrón ó modelo de estado centralista e acelera a consolidación dun proxecto de corte autoritario en toda regra. Sen embargo, a evolución do conflicto pode inclinar a balanza a favor ou en contra dos diferentes grupos de poder.


A evolución da intervención

A operación iníciase o 5 de decembro coa destrucción dos aeroportos chechenos. A Duma esixe a inmediata dimisión do ministro de Defensa, Pavel Grachev. A decisión do Presidente Ieltsin baséase na crenza de que a debilidade de Dudáiev, a fortaleza da oposición e a confianza en que unhas poucas horas bastarán para que Grozni poida ser conquistada polas tropas federais (Grachev di que lle basta unha división de paracaidistas).

O plan de Grachev establecía catro fases. A primeira, a reunión das tropas e equipamentos en tres bases: Mozdok, Vladikavkaz e Kizliarsk. A segunda, primeiros avances seguindo unha táctica dobremente circular (arredor de Chechenia e arredor de Grozni). A terceira, ocupación dos centros vitais polas tropas especiais. A cuarta, estabilización da situación. A previsión de Grachev supoñía a concentración na zona dun total de 38.000 efectivos, 230 carros de combate, 454 vehículos blindados, 388 pezas de artillería.

Os bombardeos sobre Grozni constitúen o inicio dunha das batallas máis cruentas. Para conquistar o palacio presidencial foron necesarios 14 días de combates constantes, de emboscadas, de morte e destrucción. Mentres Ieltsin anunciaba publicamente o cese dos bombardeos e a apertura de negociacións, en Grozni as bombas caían sen cesar. A guerrilla ofrece unha gran resistencia e bátese en retirada para facerse forte noutras cidades do país. A perspectiva dunha longa guerra faise máis evidente cada día.

A crueldade e o asañamento destructivo dos soldados rusos na batalla de Grozni provoca repercusións inesperadas. Os homes de Labazanov, comandante das tropas dependentes do Consello Provisional, rompen con Moscova e pasan á ofensiva contra as tropas rusas. Nas rexións limítrofes sabotan as comunicacións, as mulleres crúzanse diante dos tanques. Algúns oficiais néganse a obedecer as ordes de avanzar sobre os civís.

Chernomirdin, o primeiro ministro ruso, propón un cese ó fogo que é negociado nos primeiros días de xaneiro de 1995. Stepashin, o xefe do FSK, oponse a calquera tipo de acordo con Dudáiev. O primeiro intercambio de prisioneiros prodúcese a mediados de febreiro, pero a guerra esténdese a outras cidades, principalmente Gudermés e Argún, que non son conquistadas ata finais de marzo. En abril prodúcese a conquista e masacre de Samashki, con aforcamentos e incineracións masivas de civís. Os chechenos reaccionan, incluso na destruída Grozni. Os bombardeos sucédense sobre Bamut, Serzhen Urt, despois Shatoi e Vedenó, no Sur. O cumio do 9 de maio entre Borís Ieltsin e Bill Clinton desenvólvese no medio dun recruamento xeneralizado dos combates.

A mediados de xuño prodúcese un xiro cualitativo no conflicto. Un grupo de rebeldes chechenos, dirixido por Shamil Bassaiev, intérnase en Rusia e secuestra a centos de persoas nun hospital de Budionnovsk. Ao intentar a súa liberación, as tropas gobernamentais provocan máis de cen mortos e numerosos feridos. A acción de Bassaiev pretende basicamente dous obxectivos: deter as accións militares e obrigar ás autoridades moscovitas a establecer unha base negociadora sólida e, ó mesmo tempo, evidenciar a vulnerabilidade do xigante ruso.

O 19 de xuño inícianse as negociacións. A misión da Organización de Seguridade e Cooperación en Europa (OSCE) dirixida polo húngaro Sandor Meszarosz, actúa de mediadora. A primeiros de agosto lógrase un acordo estrictamente militar que prevé a progresiva retirada das tropas rusas e o desarme das milicias de Dudáiev. Pero sucédense os incidentes, novos combates en Argún e outras cidades. O desarme faise lento. Rusia perde terreo.

A morte en atentado de Anatoli Romanov, a máxima autoridade militar rusa en Chechenia, abre o camiño dun novo discurso de volta á vía da forza. Detense a reducción de tropas. Cando os chechenos suspenden as negociacións, Moscova decide nomear a Doku Zavgáiev como xefe do Goberno provisional da República. En Grozni, unha manifestación de protesta contra ese nomeamento é reprimida con fogo real pola policía.

Dende entón Moscova empéñase en evidenciar o seu control da rexión, en dar a sensación de normalidade (mesmo se celebran as eleccións lexislativas do 17 de decembro de 1995), mentres a guerra chechena fustriga sen cesar ás tropas rusas, desenvolvendo accións espectaculares, en especial, cando a atención internacional está atenta a Rusia por calquera motivo (por exemplo, coincidencia das eleccións co anuncio da dispoñibilidade por parte da guerrilla de substancias radioactivas depositadas no mesmo centro de Moscova).


O impacto en Rusia

No ámbito estrictamente militar, a operación de Chechenia evidenciou as graves carencias e dificultades do exército ruso. O fracaso das expectativas de Grachev ante unhas unidades guerrilleiras ben disciplinadas foi seriamente criticado por varios xenerais, incluído Semionov, o comandante en xefe, e Borís Gromov, viceministro de Defensa. Parte da cúpula militar non parecía estar ó tanto do verdadeiro estado de ánimo e de preparación da súa tropa: mal adestrados, sen técnica axeitada para o combate que ían librar, desilusionados e sobrevivindo en difíciles condicións. Os soldados viviron como unha traxedia persoal as numerosas críticas da opinión pública. A operación de Chechenia converteunos nun exército impopular, máis próximo á humillación ca á gloria doutro tempo.

Ás críticas de Gromov e Semionov uníronse as protestas dos xenerais Babichev e Vorobev. Tamén o xeneral Lébed se opuxo á operación. No exército a desconformidade estaba moi estendida: a súa misión non era a de intervir no territorio nacional. Grachev, co respaldo de Ieltsin, aproveitou a ocasión para librarse de todos eles (Gromov, Mironov, Kondratiev) e evidenciar a necesidade de maiores asignacións orzamentarias para a Defensa (aumento do 30 por cento do salario dos soldados) e a ampliación do servicio militar de 18 meses a dous anos. En calquera caso, o conflicto amosou a súa radical división: mentres uns desobedecían as ordes do Presidente ruso de cesar os bombardeos sobre a capital chechena, outros manifestábanse en Moscova contra a guerra.

Na orde estrictamente económica, a intervención en Chechenia implica un elevado custo para as arcas rusas, moito maior do inicialmente estimado, e pon en serio perigo o obxectivo de conter a inflación e o déficit orzamentario. Os custos da reconstrucción (industria petroleira, vías férreas, sistemas de comunicación e enerxía) esixirán tamén un elevado desembolso. Ademais, as previsións orzamentarias non soamente deben referirse a Chechenia, senón tamén ás repúblicas veciñas (Ingushetia sobre todo) nas que o Exército ruso causou serios danos. A distracción de recursos para a guerra agravará aínda máis as dificultades económicas e sociais polas que atravesa a sociedade rusa debido ó fracaso da política de reformas.

Na orde política as consecuencias son moi importantes. No Cáucaso, e tal como moitos agardaban, non se produciu un alzamento xeneralizado contra a invasión rusa. Pola contra, a invasión causou a ruptura da única formación pancaucásica, a Confederación dos Pobos Montañeses. Houbo certamente apoio material e solidario, establecéronse incluso puntos para o recrutamento de voluntarios en varias cidades, pero non se chegou a producir nin remotamente a extensión do conflicto.

En canto ás relacións do Kremlin coas súas rexións, o conflicto pode ser interpretado como unha clara mensaxe a todas aquelas repúblicas da Federación que aínda gozan dunha tolerada soberanía económica, e polo mesmo, un claro indicio da afirmación das novas tendencias centralizadoras baseadas, se é necesario, no recurso a medidas de forza ante supostas ou reais situacións de urxencia. Pouco a pouco dilúese o estado federal e democrático anunciado por Ieltsin e os demócratas como alternativa ó totalitarismo soviético. Pero o impulso centralizador, non esquezamos as intencións dos golpistas de agosto de 1991, pode provocar o efecto contrario. O presidente tártaro, Mintimer Samiev, declaraba, por exemplo, a raíz da intervención rusa, que eran necesarios cambios constitucionais profundos, expresando o seu escepticismo respecto ó futuro da Federación como Estado unitario.

A guerra en Chechenia supuxo, por outra banda, a definitiva ruptura de Ieltsin coas formacións liberais e democráticas que o subiron ó poder. Gaidar, ó igual cás formacións comunistas máis importantes, criticaron a aventura militar. Zhirinovski (ascendido por Grachev a tenente coronel na reserva polo seu apoio á guerra) e a extrema dereita convertéronse nos principais baluartes do Presidente. Os seus apoios están cada vez máis fragmentados e reducidos a certos segmentos do aparato estatal. O Exército está dividido e os seus rasputíns tamén. Ó xeneral Korzhakov, xefe de seguridade persoal do presidente, atribúeselle un poder real moi superior ó que, en aparencia, ostenta.

Na orde civil, Chechenia fragmentou seriamente a sociedade rusa e estimulou a intervención da sociedade civil (Comité de Nais de Soldados). Serguei Kovaliov, ex presidente do comité parlamentario dos dereitos humanos, simbolizou a denuncia da impunidade e a agresión rusa. Masacres como a realizada en Samashki contra centos de víctimas civís, incluíndo nenos e anciáns, golpearon a conciencia da opinión pública rusa. Documentáronse denuncias de malos tratos, de torturas, de pillaxe e limpeza étnica, de destrucción sistemática, de violacións. Numerosas manifestacións desenvolvéronse en Moscova e outras cidades en contra da guerra.


Víctimas, desprazados e refuxiados

Resulta difícil proporcionar cifras fidedignas de víctimas dun e doutro bando, xa sexan militares ou civís. Na parte rusa, todas as fontes coinciden en sinalar que foron moi elevadas. Nos primeiros catro meses de conflicto, os feridos estimábanse en 5.000; os mortos, 1.500; e uns 200 desaparecidos. As cifras de víctimas chechenas, tanto militares como civís, oscilan enormemente. Ós dous meses de iniciarse a guerra, a Comisión rusa de defensa dos dereitos humanos cifrou en 24.000 os mortos, dos que uns 13.000 serían civís. Segundo algunhas organizacións de dereitos humanos, nove meses despois de iniciarse o conflicto, as víctimas oscilarían entre as 50.000 e as 80.000 persoas.

Os refuxiados fuxiron principalmente nos primeiros días da guerra. Calcúlase que uns 100.000 foron para Ingushetia, 30.000 a Daguestán. A misión da OSCE fala de 150.000 refuxiados (a 31 de xaneiro de 1995). A estes habería que engadir os desprazados a consecuencia da guerra civil previa, cifras que algunhas fontes estiman noutros 100.000 habitantes. Na maior parte dos casos non son ben recibidos: en ocasións por razóns de carácter étnico (Ingushetia, Daguestán, Osetia do Norte), noutros (Rusia, Stavropol) por medo á súa vinganza.

Segundo fontes do ACNUR, a cifra total de desprazados a 31 de xaneiro de 1995 por mor da guerra aproximase ás 400.000 persoas. Delas, unhas 160.000 fuxirían ás repúblicas veciñas de Ingushetia, Daguestán e Osetia do Norte. Un 95 por cento destas persoas atoparon refuxio en familias, os demais en lugares improvisados polas autoridades ou por eles mesmos. Entre os refuxiados hai unha elevada porcentaxe de mulleres, nenos e anciáns. O problema dos refuxiados crea dificultades en Ingushetia –que ademais recibiu outros 5.000 refuxiados a consecuencia do conflicto que a enfrontou con Osetia do Norte– e en Daguestán, practicamente bloqueada ó cortarse as vías de comunicación con Rusia.

O estancamento do conflicto e a perspectiva de novas negociacións estimularon o regreso dalgúns refuxiados, pero a inmensa maioría, polo momento, négase a regresar ós seus fogares.


A reacción internacional

Ningún Estado da CEI criticou a Moscova pola súa intervención en Chechenia. Todos o consideran un asunto “interno”. Así quedou de manifesto no cumio celebrado en Alma Ata, en febreiro de 1995. A todos lles serviu o exemplo para resolver problemas semellantes (Xeorxia en Abjasia, Ucraína con Crimea, etc) e captar un aviso xeral respecto á situación das minorías rusas nos seus territorios.

Non houbo rebelión nin solidariedade do mundo musulmán ruso (uns 18 millóns). Tampouco os países musulmáns quixeron ir máis alá da natural expresión de repudio; os estados veciños, como Irán ou Turquía, coincidiron en sinalar que se trata dun problema “interno”.

Occidente, pola súa banda, tamén o considera así. Soamente as macabras imaxes dunha cidade totalmente destruída ou do palacio presidencial de Grozni envolto en lapas conseguiron alterar a morna complicidade dos nosos gobernos. Occidente podería ser moito máis belixerante con Moscova sen correr o risco de que as súas críticas se interpretasen como un apoio a Dudáiev. En decembro de 1994, a situación interna en Chechenia estaba sumamente deteriorada. A intervención exterior foi un erro dramático que permitiu a Dudáiev obter un respiro na guerra civil, pasando a primeiro plano a resistencia fronte a Moscova.

Os países occidentais deben cuestionarse seriamente o futuro das súas relacións con Rusia. A incondicional aposta pola integridade territorial soamente pode ser interpretada como un apoio ós sectores máis duros e intransixentes. Son precisamente estes sectores os que ofrecerán maiores resistencias á política de ampliación da OTAN a algúns países de Europa central e oriental.


O futuro do conflicto

Dúas son as principais opcións. A primeira, a negociación, a única que pode poñer fin ó conflicto dunha forma relativamente rápida evitando máis destrucción e morte, sentando as bases dunha relación futura máis estable. Non é fácil que se abra este camiño. Pero se a guerra perdura e se celebran as eleccións presidenciais, pódense producir cambios políticos suficientes como para afianzar esta opción.

A outra é o enquistamento. Chechenia ten unha longa tradición de loita contra o imperio ruso, unha historia de tres séculos de conflicto intermitente. A última guerra durou 35 anos.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/11/2001