|
Foi o triunfo da máquina do poder, ou como dixo Jack Lang “a última peripecia dunha victoria planificada,
organizada como unha operación militar”. E celebrouse por todo o alto, coma nas grandes ocasións.
Na Sala de San Xurxo, o máis impoñente e fermoso dos setecentos recintos do Kremlin, entre placas
de mármore e letras douradas, con honorables convidados, en presencia de Ieltsin e de Gorbachov, Putin,
o resplandecente inesperado que todos agardaban, sorría para o seu interior amosando esa timidez sombría
que aínda envolve o seu enigmático proxecto. Un proverbio chinés afirma que “o pensamento
non ten ningún segredo que a conducta non revele”. A partir de agora serán, pois, os feitos os que
determinen o auténtico sentido do seu ideario.
En tempos soviéticos afirmábase con orgullo que ata un fillo do máis modesto zapateiro
podía chegar a dirixir o país, pero antes debía superar unha traballosa carreira burocrática.
Os tempos mudaron. Na Rusia poscomunista, un perfecto descoñecido (case natural habida conta da súa
orixe “secreta”), xurdindo da nada, conseguía, en poucos meses, acadar a Presidencia do país, cunha
victoria electoral clara, maioría absoluta na primeira volta, e mesmo nun clima de certo optimismo social,
como revelaron tanto a alta participación (68,8%) como a debilidade do voto “contra todos” (1,9%).
Poderían citarse moitas claves para explicar o ascenso de Putin. A todos lle dixo o que querían
oír. O seu populismo convenceu a soldados na reserva e na fronte, a pensionistas ou a traballadores cos
salarios en atraso. O discurso a prol do reforzamento do Estado, o chamamento a poñer orde no país
e a loitar activamente contra a corrupción, facilmente podían seducir a unha sociedade desorientada
e desfeita despois de soportar dez anos de dramáticas reformas sociais. O incremento dos prezos internacionais
do petróleo e un rublo máis barato favoreceron a súa balanza comercial, bastante máis
que o incremento da presión recadadora dos magnates locais. Pero, en conxunto, hai que recoñecer
que os índices económicos do país experimentaron certa mellora.
A guerra de Chechenia foi clave para conseguir o aplauso case unánime do país, mesmo das principais
forzas da oposición. Cada día que pasa resulta máis evidente que a ofensiva militar no Cáucaso
non foi a resposta ós atentados do outono de 1999; mesmo algunhas fontes aseguran contar con probas de que
a invasión wahabí de Daguestán foi inducida trampulleiramente polo Kremlin para sumar xustificacións.
A decisión política estaba tomada dende marzo, como revelou publicamente Sergei Stepashin, daquela
primeiro ministro. Tamén na cidade de Riazán a policía local sorprendeu a varios membros do
FSB (servicio federal de intelixencia) cando depositaban explosivos nun inmoble, segundo dixeron, “para comprobar
o funcionamento dos sistemas de seguridade”. Os rebeldes chechenos seguen negando a súa participación
nos feitos.
Putin recibiu o 80% dos votos emitidos polos 1,2 millóns de militares e o 98% dos emitidos polas tropas
desprazadas a Chechenia. Agora, pese a ter rematado oficialmente, a guerra continúa. A mediados de xaneiro,
os mortos no bando ruso ascendían xa a tres mil, segundo fontes do Comité de Nais dos Soldados. En
medios oficiais unicamente se recoñecían seiscentos.
A propaganda mediática é outro factor de primeira magnitude. A derrota da alianza electoral Patria-Toda
Rusia (Otetchestvo-Vsia Rossïa) nas eleccións presidenciais do 19 de decembro sentenciou as presidenciais.
Os medios próximos ó Kremlin acusaban a Iuri Luxkov, o alcalde de Moscova, de estar detrás
do asasinato de Paul Tatum, ex propietario do hotel Radisson-Slavianskaïa, da capital rusa; e Primakov, o
ex primeiro ministro e serio rival para Putin, foi acusado de instigar un presunto asasinato de Eduard Shevardnadze,
o presidente xeorxiano, e compañeiro de armas en tempos da perestroika. Nezavissimaïa Gazeta, diario
propiedade do magnate Berezovski, fartouse de airear os “escándalos” e de acusalos de estar vendidos ós
ianquis para impedir o triunfo de Putin.
Un goberno sen programa
A falta dun Partido (Vreme-Unidade, aínda é unha entelequia) ou dun programa, todas as especulacións
céntranse nas expectativas que suscita o desembarco de Putin na presidencia rusa. Para uns sería
unha especie de novo Roosevelt, outro impulsor dun “new deal” á rusa, mentres que para outros, pode chegar
a ser unha especie de Hitler. Son moitos os observadores que se inclinan por aventurar unha versión nacionalista
e autoritaria do capitalismo liberal e salvaxe da época ielsinista. Segundo Anatoli S. Ivanov, deputado
na Duma e presidente do sindicato da fábrica de automóbiles “Togliatti”, Putin non comparte o ideario
liberal dos novos reformadores. Ivanov, que apoiou a Putin nas presidenciais, comparte as opinións expresadas
por xentes tan dispares coma o desaparecido Sobchack, o comunista Selezniov, ou o propio Gorbachov: Putin pode
ser o home que conduza o país a unha mínima normalidade.
Outros son menos optimistas. Sergei Kovalev, presidente do Instituto de Dereitos Humanos de Moscova, asegura
que Putin representa o intento de reconstruír o Estado ruso sobre bases autoritarias e policiais. Medidas
como o control de Internet, o restablecemento do ensino militar nas escolas, a recuperación dos comisarios
políticos nos cuarteis, etc., reforzan a mesma opinión en Elena Bonner, a viúva de Andrei
Sajarov. A súa procedencia do KGB marca moito as expectativas dos sectores menos optimistas. Dmitri Fourman
asegura en Obchaia Gazeta que “todo medio profesional xera a súa propia subcultura, o seu sistema de valores
e a súa ideoloxía”. Putin é un axente secreto acostumado a lidar con prácticas escuras
e disposto quizais a case todo en nome dos intereses da Patria. ¿Que non faría xa?, pregunta. Ivanov,
o sindicalista da Togliatti, opina, sen embargo, que a procedencia do KGB é positiva porque o poder ten
necesidade de apoiarse sobre estructuras policiais e militares a fin de instaurar a orde contra o caos. Non falta
quen lembre a admiración que Putin sente por Andropov, o promotor de Gorbachov. A penas chegar ó
poder foi depositar flores na súa tumba.
Tanta defensa da orde pode volverse en contra dos medios sindicais. Algúns opinan que as simpatías
socioeconómicas de Putin oriéntanse ó continuísmo. Confía en Anatoli Chubais,
director da campaña electoral da Unión de Forzas de Dereita que obtivo nas presidenciais un 8,5%,
superando a Grigori Iablinski, o liberal demócrata por excelencia segundo as coordenadas dificilmente extrapolables
da política rusa. Fontes habitualmente ben informadas aseguran que Chubais foi quen máis influíu
en Ieltsin para favorecer o nomeamento de Putin como sucesor, fronte a Berezovski, que propuña ó
xeneral Lebed.
Proseguir co continuísmo non resultará nada doado para o novo Presidente; esixirá moita
man dura para aplacar o descontento social. Pero os signos son equívocos. Mentres no combinado de celulosa
de Vyborg, por exemplo, se reprimiu con armamento e fogo real ós traballadores que ocupaban a empresa, German
Gref, un avogado de San Petersburgo de orixe alemana que dirixe o Consello de Política e Estratexia e estreito
colaborador de Putin, afirma que o seu modelo é a economía social de mercado, similar ó posto
en marcha por Ludwig Erhard na Alemaña da posguerra. Putin representaría o punto e final daqueles
“Chicago boys” que prometían levar a Rusia ó paraíso da abundancia mentres máis dun
tercio da poboación se mergullaba na pobreza máis absoluta.
Unha posición confortable
A posición de Putin no ámbito da política interna é moi confortable. Goza dunha
ampla marxe de confianza e de respecto. A composición parlamentaria élle favorable, os comunistas
de Ziuganov están dispostos a desempeñar un papel institucional máis próximo ó
sistema chinés de participación no poder que ó occidental de oposición política;
o único movemento opositor factible (Primakov-Luxkov) está practicamente desfeito, etc. Con todo,
os principais problemas poden xurdir se intenta tomar distancias cos seus poderosos mentores. Mesmo algunhas fontes
chegaron a insinuar que a redada policial contra o grupo mediático de Vladimir Gusinski, crítico
cos medios presidenciais, foi unha operación instigada dende a sombra para lembrarlle que controla menos
do que pensa, mesmo onde, teoricamente, debería controlar máis.
O nomeamento de Mijail Kasiánov como primeiro ministro está ben visto por Occidente. Kasiánov
é un liberal que conta con importantes apoios no FMI. En clave interna, foi promovido cando destituíu
ó anterior número dous, Nikolai Aksionenko, home próximo a Berezovski. Está por ver
cál vai ser a actitude de Putin respecto ó novo goberno. Ieltsin mudou cinco veces de primeiro ministro
e a todos, coa excepción de Primakov, lles impuxo os seus viceprimeiros ministros e os ministerios de maior
relevancia. Algúns opinan que Putin é mais partidario de exercer unha Presidencia afrancesada e que
por iso mesmo concede xa tanta importancia á política exterior.
Putin aspira a recuperar o peso internacional de Rusia configurando unha relación constructiva con Occidente
que teña en conta en maior medida os intereses do seu país. Un bo punto de partida sería admitir,
por exemplo, que Rusia non recibe axuda exterior: debe pagar miles de millóns de dólares en concepto
de servicio da débeda, mentres cada ano ata vinte mil millóns de dólares foxen de Rusia para
ser depositados en bancos estranxeiros para mellor vida da economía occidental. En Europa confía,
sobre todo no Reino Unido, para deseñar esa nova relación e dar ese xiro que non foi posible con
Alemaña nin Francia en tempos de Ieltsin.
No ámbito da seguridade, Putin vai conceder grande importancia ó papel de Rusia. Dunha banda,
no estranxeiro próximo, potenciando os acordos con Ucraína e Belarús, e activando a súa
influencia no Cáucaso. Doutra, poñendo a punto unha relación coa OTAN, moi envelenada dende
a acción contra Iugoslavia. Finalmente, perseverando no entendemento co xigante oriental, China.
Pero Putin non desexa o enfrontamento con Washington. Algúns sectores rusos fomentan un nacionalismo
belixerante que sen embargo agocha mesquiñas ruindades, en esencia, o resentimento daqueles magnates que
non se senten aceptados por uns medios económicos e financeiros internacionais que consideran chegado o
momento de dar por rematada a etapa dos negocios excesivamente turbios. Con lanzamento de mísiles intercontinentais,
con nova doutrina militar, etc, Putin mira máis cara a dentro que cara a fóra. E Estados Unidos e
Europa ben saben que así vai ser por moito tempo.
|