|
O autor deste libro, Xulio Ríos, foi para min un descubrimento ledo e esperanzador. E co tempo foi medrando
a miña ledicia e a miña esperanza. Poucas veces se encontran ‘profesores de enerxía’, e cando
se encontran dan moito ánimo. O amor ao traballo ben feito, a actividade incansable pero non axitada nin
maniática, o ánimo de construcción de país por riba do espírito de clan, o serenidade
cordial na relación cos demais, todo iso dálle a Xulio un ‘estilo’ pouco frecuente no labor intelectual.
E acertou na escolla dun campo de actuación, o da análise e orientación da política
internacional, que lle acae tan xustamente que, ás veces, e se non fose polo que Galicia representa para
nós , case desexaría eu que tivese un marco máis amplo e formado onde desenvolver o seu traballo.
Pero, por sorte que temos que agradecer, está onde está e fai o que fai. Só queda agradecer
e axudar.
A atención á política nacional e internacional, a análise coidadosa da vida pública
dentro e fóra do país, é unha das artes máis necesarias e máis satisfactorias
no exercicio das facultades humanas. Unha das artes que non pode ser substituída por modelos pseudocientíficos
que nada lle din a quen queira entender con ese entendemento no que se empeñan todos os talentos da persoa.
Ese entendemento é importante para a boa saúde do individuo e da sociedade. Xulio Ríos practica
esa arte. E practícaa desde un canto da península ibérica; un cantiño que nunca se
sentiu cómodo e moi poucas veces tivo claras as razóns da súa incomodidade no devalar dos
tempos e das constelacións históricas. Os pobos, igual que as persoas, coñécense a
si mesmos coñecendo aos demais, tratando con eles día a día, non sempre satisfeitos dos encontros,
pero sempre aprendendo algunha lección. Os pobos incertos perden decote moito tempo e moitas enerxías
en contemplárense a si mesmos, cun narcisismo estéril e demoledor.
Apréndese dos veciños, sen dúbida; pero tamén dos que están máis lonxe.
Hai illamentos e illamentos, e cada un merece atención por separado. Galicia pasou séculos illada,
pola xeografía e aínda máis pola política do poder central da península. O Atlántico
non lle serviu de camiño para glorias imperiais, aínda que podería parecer que ía por
aí na aventura das carabelas, que logo foi por carreiros ben diferentes. Serviulle máis tarde para
procurar vida, traballo e educación nos países do novo continente. Aprendeu aí o pobo galego
leccións que non sempre asimilaron os seus dirixentes, pero que foron fructíferas e que aínda
non perderon de todo a súa virtualidade. Esa memoria que moitos de nós temos de Bos Aires ou La Habana
como máis próximos emocionalmente que Madrid é unha peculiaridade que nos abre perspectivas
orixinais. O veciño do que estamos menos separados pola xeografía, que non interpón entre
nós máis que un río de modesto caudal, foinos afastado por unha política da que cumpriría
ser conscientes e tirar conclusións.
Todo isto dálle a Xulio Ríos un observatorio e un taller no que practicar a súa arte de
comprensión. Arranca da carencia de vida exterior do seu pobo, procura na historia antecedentes de quen
intentou remediar esa carencia, desde o Conde de Gondomar ata Plácido Castro, e aínda que a súa
curiosidade e o seu interese non teñen límites, aproveita as vantaxes de encontrarse nese promontorio
atlántico onde mora.
Das varias orixinalidades do autor deste libro non é a menor a de se ter preocupado por crear unha base
institucional e duradeira para a continuidade do seu proxecto. Iso é o Igadi, o Instituto Galego de Análise
e Documentación Internacional, que el fundou e dirixe e que agora celebra os dez anos de existencia. O país
ten aí á súa disposición un recurso co que poucos contan, a non ser os grandes estados
nacionais. Con modestia de medios e riqueza de propósitos, Xulio Ríos e os seus colaboradores foron
poñendo os alicerces nos que asentar ese labor de entendemento dos demais para o desenvolvemento, material
e psicolóxico, de Galicia, que tanta falta facía para nos inserir con xeito no mundo. A “mundialización”
da que tanto se fala non é un fenómeno automático diante do que só podemos ter unha
actitude pasiva. É unha oportunidade e un estímulo que reclama todos os esforzos para chegar a ser
quen debemos ser.
Sen un proxecto no mundo, Galicia non se pode entender a si mesma nin desenvolverse como nación. Moitos
dos malentendidos que deturpan a imaxe do nacionalismo veñen de pensar que leva no seu miolo unha negación
do alleo, máis ou menos violenta, pero sempre túzara e incivilizada, un atranco para o progreso do
ser humano. O nacionalismo é todo o contrario. As persoas e as colectividades só poden desenvolverse
e contribuír ao tesouro que con tanta lentitude e dificultade vai amoreando a humanidade no seu atoutiñar
polos carreiros e os barrancos da historia se aprenden dos demais, se contrastan con eles e están sempre
abertos a canto mellore e ilumine. A historia do nacionalismo galego, na que non todo son acertos, ofreceunos con
certa frecuencia un interese polo de fóra que contrasta coa introversión da maior parte da corrente
cultural centralista. Hai polo menos dous séculos de descontento fondo das periferias co peche das fronteiras
culturais da península. Ese descontento alimenta moitas das correntes máis ricas do decorrer histórico
dos nosos países. Cantos queiramos un futuro para Galicia temos que estar atentos e máis que atentos
ao que pasa no mundo, non para imitalo, senón para telo en conta e, cando sexa posible, melloralo ou xogar
as nosas cartas para esa mellora.
Ter un instituto como o Igadi podería ser un luxo se non fose unha necesidade. Non foi creado como un
de tantos xestos dos poderes políticos que veñen e van, e que se perden con tanta facilidade como
se crean. Nacido da reflexión e do esforzo, está á disposición de cantos procuren un
espacio no que desenvolver o seu interese polo internacional, das forzas políticas e das iniciativas empresariais
ou culturais, pero ten tamén unha vocación de espallamento do interese que está no seu cerne.
Espertar a sensibilidade do país para esta dimensión da realidade é unha empresa educativa
de primeira orde. Neste libro que presentamos recóllense intervencións do autor nos medios de comunicación
galegos e españois nos seis últimos anos. Todos eles provocan reflexións útiles para
ese labor educativo e para a nosa posición no medio dos problemas dun mundo complicado coma sempre. Unha
primeira lección é a de ver cómo, precisamente neses anos en que correu o mito do final da
historia, se vai vendo nestes artigos que a historia segue o seu curso, e iso ten que enchernos de esperanza. Hai
moito comentario internacional ben intencionado que, por esa boa intención, simplifica por demais o mundo.
Do que precisamos é de análises duras, se queremos chamarlles así, porque a realidade nunca
é suave e con ela temos que lidar. O mundo é rico, perigoso e cheo de posibilidades. Nada está
dito, condenado nin aprobado para sempre.
O que lle vai chamando a atención a Xulio Ríos son sempre temas de interese para Galicia. Os nacionalismos
en Irlanda, Córsega, Timor e os Países Bálticos son vistos con esperanza asentada en desfacer
o sofisma da inviabilidade de estados “pequenos” no mundo de hoxe. Nos entrambilicados e tráxicos enfrontamentos
dos Balcáns encontra fíos de explicación polos que pode andar a base dun futuro menos sanguento.
Non anda lonxe desa realidade a da Rusia sucesora da Unión Soviética, que é aínda un
grande interrogante no Leste eurasiático ao que hai que estar moi atentos. O mundo chinés non é
a primeira vez que aparece na xeira intelectual de Xulio Ríos, que xa tiña publicado un libro esclarecedor
sobre o gran país do Oriente, e o Igadi tennos ao tanto dos problemas dese mundo cunha riqueza de información
e recursos pouco frecuente. América Latina non podía faltar nesta ollada ao mundo, e queremos pensar
que a nosa tradición nos coloca nunha situación privilexiada para a interpretación desa realidade.
Igual acontece co noso veciño Portugal, onde o terreo para comprensión, estudio e acción é
practicamente ilimitado. Un regueiro que corre por todo o libro e ás veces encontra expresión explícita
é a da acción exterior da Galicia. Todos estes coñecementos e reflexións teñen
que dinamizar e orientar esa acción. O Igadi propón unha alianza de forzas para o eido exterior,
na que poden entrar enerxías políticas, culturais e económicas galegas de tendencias moi diferentes.
Galicia está xa inserida, porque a inseriron, nas institucións que se van desenvolvendo na Unión
Europea. Hai vantaxes, sobre todo a curto prazo, pero tamén riscos, se entramos pasivamente nese proceso.
Eu quixera ver na singularidade da xeografía, a historia e a cultura galega unha serie de alancadas para
endereitar algúns dos rumbos máis preocupantes da Unión. Por exemplo, o da súa conversión
nunha fortaleza ou nun reducto pechado e egoísta. Por iso encontro tan positiva a atención do Igadi
ao mundo enteiro, que na súa diversidade corrixe a monotonía das unións e os centralismos
de todo tipo. Afirmar a nosa personalidade, individual e colectiva, pode ser incómodo, pero se estamos dispostos
a aturar a incomodidade que nos poidan producir os demais, enriquécenos a todos. Os problemas do mundo esixen
as achegas de todos, diversos como somos, dispostos a mellorar e dispostos a adaptarnos, pero non a rendernos ás
tiranías ou ás modas da uniformización.
Os intentos máis recentes de endereitar por un camiño positivo e non determinista a situación
creada pola intensa ofensiva neoliberal desde a década de 1970 e a actuación política –e militar–
dos seus devotos no poder fracasaron por falta de imaxinación e exceso de timidez das formacións
do chamado centroesquerda ou terceiras vías. A nova situación de finais do decenio de 1980 abría
tantos ou máis camiños que os que pechaba. Só había que aproveitalos. Europa non conseguiu
presentar unha alternativa á hexemonía estadounidense que tanto di que lle incomoda. E vaille ser
difícil conseguilo cunha ideoloxía da xestión e eficacia dos servicios enmarcada na aceptación
pasiva do sistema mundial. Tal vez non sexa sempre visible, pero está agachada nesa actitude moito nacionalismo
dos estados nacionais, transferido, mal que ben, a un rexionalismo de bloques. As nacións periféricas
na xeografía ou na política farían ben en aproveitar as oportunidades que vaian xurdindo na
dialéctica deses procesos para achegar outras perspectivas, esas novas ideas que tanta falta fan. Donas
de si cada vez máis, con voz no internacional, cómprelles ser o fermento que levede esa masa bulideira
do mundo de hoxe. E mesmo preparárense para o de mañá, que pode acabar sendo moi diferente
e ter marcos moi distintos dos que hoxe parecen indiscutibles. Non vaiamos caer unha vez máis na trampa
da marcha “inexorable” da historia. Aproveitemos a situación periférica para ir, cando poidamos,
máis lixeiros de equipaxe, á fronte dos demais.
Por iso, e non só por iso, naturalmente, foi tan clarividente o proxecto de Xulio Ríos e é
tan importante a súa continuidade. Importante para Galicia e para o mundo, aínda que poida parecer
fachendoso dicilo. “O mundo” quere dicir aquí o mundo humano, no que non hai grande nin pequeno, e no que
atender ao noso é salvar anacos de humanidade que sen esa atención irían polo río abaixo.
Cando a destrucción anda solta, conservar é, moitas veces, progresar.
Xulio Ríos estanos convidando, co exemplo deste libro e co seu labor no Igadi, a traer a política
internacional ao lar e á calor da reflexión humana. Intelectual e cordial, do ser humano completo.
Cómpre aceptar esa invitación e apoiar ese labor.
Fernando Pérez-Barreiro Nolla.
Londres, maio de 2001.
|