|
Foi un 24 de agosto de hai dez anos cando a Dieta (Parlamento) elixiu a Tadeusz Mazowiecki primeiro ministro
de Polonia. Un feito normal na vida política de calquera Estado pero que, neste caso, implicaba toda unha
revolución. Por primeira vez dende a fin da segunda guerra mundial un “disidente” accedía á
xefatura do goberno nun país do bloque soviético. Mentres outros líderes de Europa oriental
non daban crédito ó sucedido e mesmo algúns facían plans para invadir Varsovia, o xeneral
Jaruzelski, máximo dirixente do POUP (Partido Obreiro Unificado de Polonia) e do Estado, felicitaba ó
novo primeiro ministro, un socialcristián que militaba na oposición. Polonia soterraba a doutrina
Breznev da soberanía limitada e entraba na procura dun camiño propio para resolver os seus problemas.
Dende dentro do propio POUP, Gomulka, axexado moi de preto por Jruschev, intentarao sen éxito a finais dos
anos cincuenta, pero agora Gorbachov prometíalles ós dirixentes polacos non interferir na súa
elección.
Pioneira na demolición daquel sistema soviético que en nome do socialismo lexitimaba a ausencia
de democracia real e de liberdades, Polonia tamén probou axiña a amargura das desigualdades e tensións
xeradas pola idealizada economía de mercado. Sería ese mesmo mercado quen conduciría á
quebra e peche definitivo ós míticos estaleiros de Gdansk, onde en 1980 prendera a mecha da rebelión.
Porque, en Polonia, aínda que tamén os houbo e moi importantes (Schaff, Kuron, Modzelewski, Kolakowski,
Gemerek, etc) non foron pequenos grupos de intelectuais os principais protagonistas. Quen vilipendiaba e daba as
costas ó sistema eran os propios obreiros, o suxeito histórico a redimir, que da man de Walesa e
do seu confesor, o antisemita Jankowski, reivindicaban unha nova cruzada contra o comunismo e a prol do capitalismo
e do catolicismo: “Fieis a Deus e a Solidarnosc” era o seu slogan, e as manifestacións eran case procesións.
Ata facían milagres: o electricista Walesa convertía a Ronald Reagan nun devoto amigo dos sindicalistas...
Aquel “socialismo real” pouco tiña que ver cos principios descritos nas enciclopedias marxistas. No plano
económico era ineficaz; no político, facía inviable a participación social; no cultural,
establecía importantes trabas á creación intelectual. Nada tiña que ver co prometido.
Ben estivo que a verdade aflorase e que a esquerda social teña agora a posibilidade de emancipar o seu pensamento
e vertebrar novas alternativas para atopar ese novo equilibrio entre xustiza e liberdade, para construír
un mundo máis solidario sen necesidade de sacrificar nin unha cousa nin outra.
Cando chegue novembro, mil e unha cerimonias lembrarán a caída do muro de Berlín. Certamente
ese feito evidenciou mellor ca ningún outro a fin da Europa dual que dicía Raymond Aron, pero sen
a contribución polaca non se retirarían os aramados húngaros e probablemente aquel muro tardaría
máis en caer. Por iso, Polonia merece ser lembrada.
|