Texturas Internacionais nº 2Volver ó sumario
Sempre no Mundo / Outros escenarios
 
Pinochet e a terceira vía


Xulio Ríos
 

Boa parte do atractivo da terceira vía radicaba no esforzo dese volver a pensar, no que tanto insisten sempre Eduardo Lourenço ou Edgar Morin, en integrar e formular de novo as preguntas do pasado avogando por atopar respostas imaxinativas e con futuro. As reservas no plano social, provocadas pola insistencia na inevitabilidade da laminación do Estado de benestar, podían compensarse minimamente coa crítica do fundamentalismo do libre mercado e certo atrevemento no ámbito político, evidenciado no reino Unido por esa fin dos Lores ou un novo enfoque da cuestión nacional. A “devolution” é inseparable dese novo espírito, pero había tamén unha aposta pola actualización do discurso global, con políticas, dicían, baseadas nos tradicionais valores da esquerda, se ben adaptadas ós novos tempos. A maiores, Tony Blair contaba cun grao de poder político interno extremadamente confortable. A oposición aínda non rexurdiu das súas cinzas. Pero o tempo das innovacións semella ceder o paso á presión fáctica dunha conxuntura que impón as súas conveniencias.

Argumentaba Anthony Giddens, director da London School of Economics e cabeza pensante da chamada “terceira vía”, que un dos eixes fundamentais da resposta á nova complexidade radicaba na busca e plasmación dun “compromiso coas iniciativas transnacionais nun mundo de soberanía borrosa”. Dez anos despois da caída do muro, os partidos da Internacional Socialista comprometíanse, na Declaración de París, a instar cambios substanciais no Fondo Monetario Internacional, en Nacións Unidas, ou na Organización Mundial do Comercio, e a avanzar na consagración do dereito de inxerencia por razóns humanitarias, negando o abeiro de impunidade ós dictadores que violan os dereitos humanos universais. No texto do “Progreso Global” aprobado na capital francesa, estes compromisos brillaban con luz propia e situaban a socialdemocracia na vangarda da resposta ós desafíos da globalización. A imaxe dun exultante Tony Blair, de visita nos campos de refuxiados albaneses, expresaba graficamente esa firme aposta polo intervencionismo humanitario, tan decidido en actuacións concretas (guerra por Cósova), se ben asimétrico noutras (Timor Leste), e aínda inevitablemente ambiguo na caracterización do seu perfil. En lectura xudicial, o novo centro comprendería a importancia desa transición mundial que, como afirma Prudencio García, debe levarnos dun mundo rexido pola xustiza local a outro no que prevaleza a xustiza universal, aplicada ó xuízo e castigo dos crimes contra a humanidade. Pero da gloria á miseria hai un paso. Todo ese esforzo semella baldío ó comprobarmos que o humanitario tanto vale para un roto como para un descosido.

Corre o perigo de extraviarse irreparablemente esta vía se como parece, non se modifica a decisión inicial de Jack Straw, ministro británico do Interior, de negar a extradición de Augusto Pinochet. Mais alá da discusión sobre a idoneidade dos argumentos esgrimidos, o anuncio confirma a opinión de quen sostén que, sen dicilo abertamente, a terceira vía é un centro que máis ben escora para a dereita. Un liberalismo “de esquerda”, que di Sami Naïr.

A fin de contas, sería máis comprensible unha decisión valente baseada no desexo de non interferir na inacabada transición política chilena. É un argumento discutible, pero de máis peso e quizais máis compartido. A alusión ás razóns humanitarias agocha, sen embargo, unha conformidade con esa concepción da diplomacia que simplemente non resiste a presencia da verdade e achéganos de novo ás miserias dunha vía propiamente de terceira.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/11/2001