Texturas Internacionais nº 2Volver ó sumario
Sempre no Mundo / Nacionalismos
 
Países bálticos, Estados viables


Xulio Ríos
 

No seu tempo, xunto ós novos Estados xurdidos na Transcaucasia, especialmente Armenia, os países bálticos (Estonia, Letonia e Lituania) simbolizaron o duro espertar do problema nacional na extinta URSS. A finais dos anos oitenta, en Vilnius, capital de Lituania, o país maior en extensión e en poboación dos tres, milleiros de persoas mobilizábanse para situar o exercicio do dereito de autodeterminación no epicentro das reformas impulsadas por Gorbachov. Os cidadáns dos países bálticos liquidaban de golpe a ficción do pobo soviético, aquela colectividade xurdida na URSS como expresión da capacidade do socialismo para superar as diferencias nacionais.

Tamén aquí comezou a liquidación do PCUS (Partido Comunista da Unión Soviética), ó negárense os dirixentes comunistas locais (Algirdas Brazauskas, especialmente) a manter a súa dependencia de Moscova e a aceptar o centralismo democrático no ámbito de toda a Unión. En 1991, na véspera do golpe de agosto, Brazauskas expresábame a súa convicción de que a autoorganización das forzas políticas de esquerda a nivel de cada país daquela Unión de Estados Soberanos que Gorbachov non conseguiu plasmar, era unha condición sine qua non para non ser literalmente varridos da escena política. Ao pouco tempo resultou elixido Presidente de Lituania.

Transcorreu case unha década dende entón e bo é facer balance da evolución destes novos estados, un transcurso que ofrece algunhas coincidencias de grande importancia, pero tamén notables diferencias. A pesar dos seus problemas, todos eles viven nun mundo moi diferente ó de Rusia e outros Estados da ex Unión Soviética, mergullados nunha crise económica, política e social de carácter permanente e futuro incerto.


Unha evolución económica común pero moi desigual

En efecto, é nesta orde onde as diferencias son máis avultadas. En maior ou menor medida, o proxecto económico, político e social dos tres países bálticos foi o mesmo. Non houbo terapia de shock e todos optaron por transformacións progresivas das súas economías, se ben nuns casos máis intensas que noutros. A integración na economía internacional, a aproximación á Unión Europea, a aplicación de ambiciosas políticas de privatizacións, son constantes notorias en todos os países que, en liñas xerais, souberon tirar proveito das súas reducidas dimensións xeográficas e demográficas.

Hoxe Estonia, por exemplo, afirma Emmanuel Mathias en Le Courrier des pays de l ‘Est, é a economía máis aberta de toda a Europa do Leste; mentres, en Letonia, a situación atópase mais ou menos nas antípodas. En Tallin, as cifras de crecemento económico son moi importantes, se ben no último ano moderáronse lixeiramente. En 1997 rexistrou a taxa de crecemento máis alta de todo o continente (10,6 por cento); os investimentos estranxeiros –Finlandia, Suecia, sobre todo, pero tamén Estados Unidos, Noruega e Dinamarca son os principais países investidores–, acadaron en 1998 o 11 por cento do PIB. A Bolsa de Tallin é a máis activa dos tres estados bálticos. Boa parte da economía estoniana descansa no dinamismo das exportacións, e delas, máis do 30 por cento constitúen reexportacións de bens que foron transformados no país. Para que non falte peza ningunha no modelo, a pesar da bonanza económica, o desemprego pasou do 1,6 por cento en 1992 a un 5,1 por cento en 1998 e, segundo fontes oficiosas, a cifra real aproxímase ó 10 por cento. Tamén aquí, no ámbito da protección social, deuse vía libre xa ós fondos de pensións. Os desequilibrios rexionais e as desigualdades sociais avanzan en parello á creación de riqueza.

Por outra banda, o proceso de inserción de Estonia na economía internacional semella ir vento en popa. As negociacións de adhesión á Unión Europea (UE) están en marcha dende o pasado 31 de marzo de 1998. Nese ano, a UE foi o destino do 54,7 por cento das exportacións e a orixe do 60,2 por cento das súas importacións (Finlandia, Alemaña, Suecia, por esta orde de importancia). Estonia pode ser o primeiro dos tres estados bálticos en acceder á Unión. Conta con Finlandia como principal valedor ante os foros e institucións comunitarias. Así mesmo, en marzo de 1999 concluíu a rolda negociadora coa Organización Mundial do Comercio (OMC) e unha vez efectúe algúns cambios na súa lexislación, integrarase nela plenamente.

No outro extremo atoparíase Letonia. O crecemento da súa economía é menor e con tendencia á baixa. A pesar de ser o máis proteccionista dos tres estados, afirma Céline Bayou, en febreiro de 1999 ingresou na OMC. Aquí, os investimentos estranxeiros son menores que en Estonia (en 1998, 200 millóns fronte a 565 millóns de dólares de Tallin), con mala prensa entre os potenciais países investidores debido, ó parecer, á “falta de transparencia” na súa lexislación. O proceso de privatizacións vai máis atrasado e sectores como o monopolio da electricidade ou as grandes navieiras aínda non foron transferidas a mans privadas. Esa circunstancia non ten a súa orixe na busca dun modelo económico diferente ou na aposta por conservar determinados sectores no ámbito da propiedade pública, senón máis ben obedece a causas de natureza política, estreitamente relacionadas coa inestabilidade gobernamental.

No que respecta a Lituania, conseguiu manter un ritmo de crecemento sostido (unha media de algo máis do 4 por cento nos últimos cinco anos), acentuando tamén o xiro da súa economía cara a Europa occidental. En 1998 converteuse en membro asociado da UE e mantén conversas coa OMC para o ingreso. O moderado dinamismo da súa economía descansa esencialmente nos investimentos directos estranxeiros, principalmente de Estados Unidos, que acapara un 26 por cento do total, seguido de Suecia e Alemaña. Por outra banda, as privatizacións, totais ou parciais, de sectores como as telecomunicacións, complexos petrolíferos ou a banca comercial, contribuíron ó saneamento temporal da súa economía e das contas públicas. Segundo fontes de Eurostat, Lituania conserva un sector da economía ilegal bastante relevante, situado ó redor do 18 por cento do PIB (1998). O desemprego sitúase no 6,9 por cento e en tendencia ascendente. Estímase que aproximadamente un 16 por cento da poboación vive por debaixo do limiar de pobreza.


Tensións interbálticas

A lúa de mel interbáltica, agraciada pola necesidade de consumar a ruptura con Moscova, rematou axiña. Ao berro de ¡sálvese quen poida! sumáronse algunhas tensións, principalmente entre Letonia e Lituania. Os letóns, amparándose esencialmente en razóns de orde ecolóxica, critican o funcionamento da central nuclear de Visaginas e a construcción dunha refinería de petróleo en Butinge. Tamén con Estonia e Lituania, as autoridades de Riga desataron a chamada guerra do porco, provocada en boa medida pola caída das exportacións a Rusia que obrigou a protexer os seus propios mercados fronte ó exterior. Polo momento, estas medidas converteron en papel mollado o acordo de libre cambio para os productos agrícolas e gandeiros asinado en febreiro de 1998. A estes efectos, convén ter presente que o comercio bilateral de Letonia cos demais países bálticos é moi deficitario.

Por outra banda, crece o resentimento cara a Lituania por mor da construcción dunha terminal petroleira preto de Butinge, a vinte quilómetros escasos da fronteira marítima con Letonia, cando aínda non existe acordo sobre a delimitación da plataforma marítima continental. Calcúlase que o complexo lituano sacará da súa terminal de Ventspils unha boa parte dos máis de vinte millóns de toneladas de petróleo e productos derivados que habitualmente transitaban pola zona, quebrando así un pouco máis a súa fráxil economía.


Tensións con Rusia

Como cabe imaxinar, as relacións co poderoso veciño ruso a miúdo atravesan altibaixos, se ben cómpre diferenciar casos e escenarios. A cuestión da minoría rusa é especialmente problemática en Estonia e Letonia e afecta tanto ó problema do idioma como ó da cidadanía. Nas eleccións celebradas en Estonia en marzo de 1999, o Partido do Pobo Unido, rusófono, obtivo seis escanos, incrementando a súa representación parlamentaria. Dende 1992, unha cuarta parte dos 400.000 rusos residentes no país (dunha poboación total de 1,4 millóns) obtiveron a cidadanía estoniana. Durante 1998, normalizouse o funcionamento dunha comisión mixta intergobernamental con Rusia, que permitiu suavizar e encamiñar moitos dos problemas dos residentes non nacionais. Tamén en marzo de 1999 concluíuse o acordo fronteirizo que esquiva definitivamente toda reivindicación territorial. Dende o punto de vista lingüístico, nada indica que a lei que esixe ós funcionarios e empresarios o dominio do idioma local se vaia modificar. A Comisión Europea formulou severas críticas a esta normativa e quizais por iso resalta o dato da moi favorable opinión da minoría rusa en relación á adhesión de Estonia á Unión Europea.

A situación de Letonia é máis precaria. Un tercio dos seus 2,5 millóns de habitantes son rusos e deles, uns 650.000 non teñen a cidadanía. No referendo organizado o pasado 3 de outubro, ó mesmo tempo que as eleccións lexislativas, un 53 por cento dos votantes amosáronse favorables a suavizar as condicións para acceder a ela, pero aínda deben concretarse suficientemente. No asunto do idioma, unha lei similar á de Estonia, tampouco parece que vaia modificarse a pesar das presións da Unión Europea. Por ambas razóns, Rusia adoptou represalias económicas, interrompendo as vendas de petróleo e de productos agroalimentarios e estimulando o boicot ós productos letóns. Como consecuencia, a caída no comercio bilateral foi significativa, pasando do 21,4 por cento e 1997 ó 11,4 por cento en 1998. Alemaña pasoulle por diante a Rusia na condición de primeiro socio comercial de Riga. Na esfera da seguridade, é importante destacar o peche do radar antimísiles de Skrunda que puxo fin a toda presencia militar rusa no país.

No ámbito estrictamente económico, as diferentes crises rusas afectaron moi sensiblemente a estas economías. Especialmente grave é o caso de Estonia, impoñendo unha contracción severa no seu ritmo de crecemento (11,4 por cento en 1997; 4,0 por cento en 1998) e a inevitable reorientación cara ós mercados occidentais para diminuír os riscos. En 1998, Rusia acaparaba un 12 por cento do seu comercio exterior. No caso letón, ademais das represalias xa comentadas, no ámbito financeiro, as consecuencias da crise rusa foron importantísimas. Os bancos letóns mantiñan unha relación moi estreita co mercado ruso. Sete bancos tiveron que pechar as súas portas, entre eles o RKB, o quinto no ránking do país, participado polo BERD nun 23,07 por cento. Algúns analistas consideran que o caso non está pechado, pero xa lle custou ó erario público máis de trinta millóns de dólares. En xeral, a crise rusa provocou en todos estes países unha reducción nas previsións de crecemento, estimada en dous puntos porcentuais.

Polo que respecta a Vilnius, conseguiu mellorar sensiblemente as súas relacións con Moscova, especialmente coa rexión de Kaliningrado, que representa xa o 12 por cento do comercio total que mantén con Rusia. En 1998, Moscova era o seu principal socio comercial, cun 16,5 por cento das exportacións e un 21,2 por cento das importacións, seguido de Alemaña.


Un perfil político similar

A orientación liberal é manifesta en Estonia, o único país no que os antigos dirixentes do Partido Comunista ou os seus herdeiros non volveron a tocar poder. As eleccións celebradas en marzo de 1999 reinstalaron no cargo de primeiro ministro a Mart Laar, quen xa asumira a mesma responsabilidade entre 1992 e 1994. O mapa político simplificouse, pasando de 14 a 7 os partidos representados no Parlamento.

En Lituania, en xaneiro de 1998, foi elixido presidente do país Valdas Adamkus. O novo xefe de estado é partidario de acentuar a liberalización económica e a aproximación a Europa, do ingreso na Unión e na OTAN. Adamkus asume unha linguaxe modernizadora de claro signo occidental.

Como era de imaxinar, a situación en Letonia ten un nesgo algo diferente. En xullo de 1999 foi elixida Presidenta Vaira Vike-Freiberga, unha psicóloga canadense-letona de 61 anos que retornou ó país en 1998 para facerse cargo da dirección do Instituto Letón. O goberno pasou a mans de A. Skele, vencedor das eleccións do 3 de outubro de 1998, dirixente do Partido do Pobo, unha formación centrista que conta con soamente 24 dos 100 deputados do Parlamento. A coalición que o apoia (Unión pola Patria e a Liberdade e a Unión Socialdemócrata) aposta por incentivar o proceso de privatizacións, e efectuar os axustes financeiros e orzamentarios necesarios para cumprir coas condicións esixidas pola Unión Europea e o Fondo Monetario Internacional para formar parte da chamada normalidade poscomunista.


Conclusión

Aínda sen ter rematado o proceso de transición e advertirse un diferente ritmo na aplicación das reformas, as transformacións operadas nos últimos anos nos tres países bálticos oriéntanse nun idéntico sentido: construcción dunha economía de mercado plenamente integrada no escenario europeo e na economía internacional. A diferencia doutros países en similar situación non se produciron aquí grandes caídas no nivel de vida, e incluso se pode falar dunha evidente recuperación, propiciada en boa medida polo forte apoio exterior e esas limitadas dimensións dos tres estados que facilitan o seu manexo, moi ó contrario do reflexionado hai algúns anos por certos autores que consideraban o seu reducido tamaño como un doloroso hándicap para construír e vertebrar a súa independencia estatal. A viabilidade báltica, ben é verdade que coas carencias propias da época que nos tocou vivir, quedou máis que demostrada.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/11/2001