|
A illa caribeña viviu nas últimas semanas diferentes acontecementos de gran transcendencia política
e emotiva. Dunha banda, a conmemoración do 30 aniversario do falecemento do Che e as impresionantes cerimonias
do seu soterramento en Santa Clara, que foron precedidas da derradeira homenaxe rendida por milleiros de cubanos
desfilando perante o seu féretro, instalado na planta baixa do Memorial José Martí, na Praza
da Revolución de La Habana. Doutra, a celebración do V Congreso do Partido Comunista Cubano –do 8
a 10 de outubro– no que Fidel, cun discurso inaugural de sete horas de duración, tentou disipar as dúbidas
sobre o seu estado de saúde, seica infundadas e procedentes do mesmo Miami no que Mas Canosa, o Presidente
da anticastrista Fundación Nacional Cubano Americana, permanecía ingresado na unidade de coidados
intensivos do Hospital Pan American. Por último, o 19 de outubro iniciábase a primeira volta dos
comicios para elixir os delegados das Asembleas Municipais do Poder Popular, longo proceso electoral que culminará
en xaneiro coa renovación dos gobernos provincias e da Asemblea Nacional do Poder Popular, encargada de
elixir o Consello de Estado. En Galicia, a atención sobre Cuba viviuse ademais dende o prisma particular
dun hipotético e significado papel do Presidente da Xunta na normalización das relacións hispano-cubanas,
que pasarían pola designación dun galego como vindeiro embaixador do Reino de España na capital
caribeña.
O ambiente xerado na illa polo descubrimento dos restos mortais do Che, o “Guerrilleiro Heroico”, serviu para
fortalecer o tradicional discurso da resistencia, do sacrificio, do heroísmo, do compromiso coa Revolución
ata as últimas consecuencias, condimentado nesta ocasión cunha particular chamada á loita
contra a desidia e o burocratismo. No exterior, tanto simbolismo resultou rapidamente fagocitado por un novo remuíño
consumista, edulcorando a figura do Che Guevara cun aquel de romanticismo ben intencionado –pero politicamente
errático– complementado cun esforzo inxente dirixido ós ben pensantes para pór de manifesto
as discrepancias que marcaron as políticas impulsadas polos comandantes Guevara e Castro, e mesmo para denunciar
a presunta traizón e abandono por parte de Fidel do seu antigo camarada debido ás presións
soviéticas.
A situación na illa
Cuba esperta tanta paixón que non resulta doado formular xuízos obxectivos. Mesmo podería
afirmarse que os propios cubanos poden ser máis críticos coa súa sociedade do que calquera
observador exterior que intente amosar un punto de vista minimamente crítico que non sexa rapidamente descualificado
por ese paifoquismo cego que na mellor das tradicións dogmáticas eleva toda diferencia á condición
de antagonismo, aberto ou submarino, pero sempre perverso e destructor. Pero ademais, calquera valoración
sobre a capacidade do réxime para saír airoso da situación xurdida coa desaparición
daqueles países do socialismo irreal cos que mantiña o 90 por cento dos intercambios económicos
e comerciais, resulta pouco doada porque dende 1989 non se publican en Cuba estatísticas oficiais. Todo
o máis podemos apuntar unha observación aquí, un comentario acolá, pero nun conxunto
inevitablemente definido pola dispersión e a escasa claridade. Sirva en todo caso como referencia global
que, entre 1992 e 1994, segundo as estatísticas do PNUD (Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento),
a illa pasou da posición número 61 á 89 nos índices de benestar humano. No informe
de 1997 ocupa a posición 86 dun total de 175 países.
Á vista do tempo transcorrido dende comezos dos anos noventa, parece evidente que os comunistas cubanos
conseguiron superar o que parecía máis difícil: manter o control político da situación
nun contexto de inmenso derrubamento económico que, sen embargo, non derivou nin en colapso nin conseguiu
crebar a lealdade e o apoio da maioría da poboación. A Revolución cubana conta sen dúbida
cun caudal de credibilidade que lle permite unha certa capacidade de manobra para asegurar a súa supervivencia.
Ata 1995 practicamente conseguiuse estabilizar a situación económica sen recorrer a despedimentos;
subsistiu a gratuidade e o acceso universal ós servicios sociais fundamentais, ben é verdade que
cun maior racionamento do consumo e menor calidade en determinadas prestacións, pero procurando que a ninguén
lle faltase o elemental. O crecemento do PIB nese ano foi dun 4 por cento e de case un 8 por cento no seguinte.
Algúns chegaron a pensar seriamente en que o peor xa pasara. Pero os sectores máis conscientes son
sabedores de que non hai especiais motivos para a alegría. No discurso inaugural do V Congreso, Fidel encargouse
de lembrarlles ós 1.500 delegados que o crecemento para 1997 debía ser corrixido á baixa ata
situarse nun 2-3 por cento en vez do 4-5 por cento previsto inicialmente.
Pero a situación actual na illa vén determinada sobre todo pola aparición dunha serie de
factores novos potencialmente moi desestabilizadores, porque establecen un divorcio cada vez máis acusado
entre a realidade cotiá e os valores proclamados. O problema está en que para salvar a Revolución,
non parece quedar máis opción que darlles paso a reformas e conductas que propician a súa
progresiva erosión.
Precisamente, un dos elementos máis salientables é o incremento notable das desigualdades. A relación
entre o salario máis alto e o máis baixo pasou de 4 a 1, a 25 a 1. Hoxe un médico cirurxián
ou un enxeñeiro gañan 550 veces menos que o dono dun lupanar, 30 veces menos que unha prostituta
e 10 veces menos que o conductor dun coche de cabalos. A área dólar está establecendo un novo
marco de segregación social. Os asalariados estatais, que en 1989 representaban máis do 90 por cento
da poboación empregada, son as primeiras víctimas dese proceso de dolarización da economía
que lles dificulta gravemente o seu acceso á maioría dos bens de consumo. Incluso dentro do que é
o sector de empregados estatais estase a producir unha diferenciación substancial conforme ó sector
da economía en que estea instalado, en favor sempre daquelas empresas estatais que son minimamente competitivas
no mercado mundial. A diferencia agrándase aínda máis con relación a esa pequena porcentaxe
de poboación (5 por cento) asalariada nas empresas vincluadas ó capital estranxeiro.
Os novos sectores sociais emerxentes, tanto cooperativistas agrícolas -como consecuencia da creación
en 1993 das Unidades Básicas de Producción Cooperativa- como os chamados “cuentapropistas” ou autónomos,
móvense en escalas diferentes, pero cun resultado desigual. Mentres os primeiros poden afiunzarse aínda
que o seu futuro sexa bastante incerto, os segundos funcionan nun réxime de inestabilidade moi grande. A
maior parte atenden pequenos postos de bebidas ou de alimentos, e menos do 1% están instalados en actividades
realmente lucrativas. Ademais, a inmensa maioría utilizan este traballo como complemento do que poderiamos
chamar a súa profesión habitual, como axuda familiar (amas de casa) ou simplemente para mellorar
a pensión de xubilación.
Un segundo elemento a ter en conta é a aparición dun sector social que acumula importantes recursos
económicos. É un dato difícil de coñecer, pero unha idea das fortunas existentes pode
deducirse da análise da estructura das contas correntes. Pois ben, segundo fontes do propio Banco Nacional
de Cuba, case o 80 por cento dos depósitos bancarios están en mans dun 14% por cento da poboación
e, máis sorprendente aínda, un pequeno 0,5 por cento controlaba en 1995 o 17 por cento dos aforros.
Probablemente boa parte destas fortunas foron branqueadas dende o mercado negro a través das pequenas fiestras
abertas pola reforma e grandes reservas monetarias, en pesos e dólares, permanecen aínda soterradas.
Bótase en falta un sistema fiscal de imposición directa que dalgunha maneira puidese contribuír
a moderar desequilibrios tan fondos e xerados en tan breve espacio de tempo.
Prevese a curto prazo un aumento do desemprego. Estímase que os traballadores excedentes do sector estatal
oscilan entre un 11 e un 20 por cento. As estimacións extraoficiais máis optimistas consideran que
o desemprego se situará axiña ó redor do 10 por cento da poboación activa. Xa só
na Habana, a finais de 1995, superaba o 8 por cento. O goberno non pode subsidiar indefinida e continuadamente
ás empresas, e estas dispoñen dunha insuficiencia crónica de recursos. Sectores industriais
de gran importancia como o azucreiro, o químico ou o enerxético están practicamente descapitalizados;
as exportacións non dan cuberto as necesidades, e os ingresos por turismo non medran ó ritmo desexado.
A economía cubana precisa diñeiro con urxencia, non soamente para manter o decoroso nivel de vida
acadado, senón sobre todo para investir en sectores fundamentais da economía nacional. Pero a débeda
externa rolda os 11.000 millóns de dólares e as negociacións cos debedores están rotas
dende 1986.
Neste contexto, non parece posible impedir a progresiva diminución do nivel de vida marcada polo incremento
das carencias de material de primeira necesidade, como cirúrxico, vacinas, repostos para equipos sanitarios,
material escolar, etc, que tan negativamente inciden no mantemento desas conquistas sociais que constitúen
a lexítima fachenda da revolución.
Un futuro complexo
Así pois, como balance, as reformas introducidas nestes anos provocaron resultados tan esperanzadores
como contradictorios, pero ademais de amosárense claramente insuficientes, son contempladas dende os dirixentes
cubanos como “remedios inevitables e dolorosos” que obrigan a estar vixiantes para impedir que se lle abra camiño
a calquera tipo de proceso interno de restauración capitalista. Cuba segue presa dunha difícil contradicción:
precisa innovar para subsistir; pero teme innovar por medo a sucumbir. Por iso se extreman as cautelas para medir
e calcular as consecuencias políticas e sociais de todas e cada unha das reformas.
Cuba ten ante si un complexo dilema. Ata o de agora a maior parte das medidas adoptadas responden á necesidade
de paliar os efectos dunha crise que provocou unha caída catastrófica do nivel e calidade de vida
da poboación. Pero, nun mundo sen referentes, cun discurso cargado de retórica ideolóxica
pero en boa medida baleiro e incapaz de vertebrarse na práctica, urxe buscar unha nova orientación
para construír un sistema que permita salvar o mellor da revolución e procurar a integración
do país nun sistema internacional que funciona con regras que non a benefician en absoluto. ¿Como?
Non pode pensar evidentemente na restauración dun modelo como o soviético, tan esgotado como para
non ser reivindicado nin polo propio Ziuganov en Rusia. Rexéitase igualmente calquera terapia de choque
semellante á aplicada nos países da Europa central e oriental. A autarquía, nun mundo caracterizado
pola interdependencia e a globalización tampouco parece viable.
A construcción dunha especie de “socialismo con peculiaridades cubanas” semellante ó impulsado
polos comunistas chineses presenta tamén en Cuba matices considerables. Nas reformas introducidas nos últimos
anos hai coincidencias que revelan o interese de Cuba por esa experiencia, pero tamén diferencias notables
como igualmente as hai entre países e culturas tan diversas como distantes. Úneos ese empeño
por construír unha nova “civilización espiritual” en contraposición ó individualismo
burgués, pero mentres as reformas se contemplan en Cuba con fatalismo, como auténticos sapos para
tragar, en China realízase unha lectura delas totalmente positiva. Sepáraos sobre todo unha estructura
económica e social: un alto nivel cultural e de formación, unha elevada taxa de urbanización,
un nivel de benestar modesto pero equitativo en termos globais, unha cultura política que pon aínda
o acento no impulso da solidariedade, un sistema de valores cunha raíz histórica moi diverxente.
En Cuba non se quere construír un socialismo (así definido pola natureza do poder político-burocrático
dirixente) de rostro capitalista (papel do mercado, liberalización de prezos, proliferación de desigualdades
e desequilibrios, etc) como pode aparentar o chinés. Abonda cun exemplo. Mentres en China, a terra, aínda
formalmente de propiedade estatal, foilles cedida en usufructo ós campesiños e ás súas
familias como medio para fomentar a eficiencia e elevar a productividade, en Cuba esta iniciativa ten un selo particular:
a descentralización transformouse en cesión a grupos de traballadores fomentando unha xestión
colectiva e cooperativa da terra fronte ó individualismo oriental. Sen embargo os resultados reais foron
mellores en China ca en Cuba. En 1996 o goberno cubano tivo que importar alimentos por valor de 700 millóns
de dólares.
Un elemento exterior agrava a complexidade do proceso cubano. Mentres a China conseguiu normalizar plenamente
as súas relacións con Estados Unidos, a situación de Cuba é cada día máis
adversa. Á adopción de medidas lexislativas (lei Helms-Burton) contrarias ó dereito internacional
e destinadas a asfixiar o modesto crecemento económico destes anos, súmaselle agora esa vaga de atentados
–detención de Walter van der Veer e outros– que pretende frear o auxe do sector turístico. E por
último, dúas observacións finais: Polo momento non semella doado que Cuba poida establecer
cos grupos de exiliados o mesmo nivel de diálogo que a China sostén coas súas comunidades
espalladas por todo o mundo, un modelo en todo caso a considerar e explorar con iniciativas máis audaces,
sobre todo tras a desaparición de Mas Canosa. Por último, o exemplo de Deng Xiaoping, dunha retirada
a tempo para deixarlle paso a unha nova xeración aínda en vida, sería moi conveniente para
Fidel e a Revolución co obxecto de racionalizar e interiorizar o compromiso social cun determinado sistema
que hoxe pasa en grande medida pola idea de “estar con Fidel”, pero que remite á incerteza cando se imaxina
un escenario sen o líder.
Para salvar Cuba fai falla un milagre, din algúns, e quizais por iso se agarde con tanta expectación
a visita en xaneiro de Karol Wojtyla, Xoán Paulo II. As relacións co Vaticano melloraron nos últimos
anos. Unha das primeiras reformas políticas introducidas despois da liquidación do socialismo irreal
en Europa consistiu na admisión de crentes no seo do Partido, e a reforma constitucional de 1992 pasou a
definir a Cuba como un Estado laico, prohibiu toda discriminación por motivos relixiosos e recoñeceu
o importante papel social da familia. A visita do Papa pode contribuír á suavización e canalización
das relacións coas comunidades exiliadas cubanas e co propio goberno estadounidense.
Cómpre en todo caso reivindicar o dereito soberano de Cuba a experimentar aqueles camiños que
considere oportunos para construír unha sociedade mellor, máis digna e humana, aínda que algúns
estimemos que non será doado sen unha maior profundación democrática, sen máis autonomía
dos axentes populares e menor dirixismo burocrático, sen admitir unha maior diversidade social que pode
ou non cristalizar en opcións plurais pero leais ás esencias do sistema. Se democracia significa
respecto da discrepancia e tolerancia do adversario, a súa universalización debe contemplar o dereito
de cada país á libre conformación do seu sistema político. Cuba non ameaza a ninguén.
Ninguén ten dereito a ameazala.
|