Texturas Internacionais nº 2Volver ó sumario
Sempre no Mundo / Mundo chinés
 
O misterio de Falun Gong


Xulio Ríos
 

O pasado 20 de marzo, en Xenebra, mentres na Comisión de Dereitos Humanos de Nacións Unidas se discutía a sempre controvertida situación da China nesta materia, varios centos de membros de Falun Gong manifestábanse nas aforas do recinto. A onde queira que vaia a súa diplomacia, a sombra de Falun Gong perséguea máis que ningunha outra. Pero as protestas contra a represión desta secta ou movemento pseudorrelixioso tamén se producen no interior do país, e iso preocupa aínda máis ás autoridades de Beijing, sorprendidas pola emerxencia dun rival co que, probablemente, non contaban e que ofrece un nivel de solidez e resistencia difícil de vencer.

A existencia de Falun Gong adquiriu a magnitude dun delicado problema político cando o domingo 25 de abril de 1999, máis de dez mil seguidores se concentraban en silencio fronte ás murallas de Zhongnanhai, sede do Goberno e dos órganos centrais do Partido Comunista, para esixir o cese das críticas e do acoso contra o seu movemento. Nada igual se vira na capital dende as manifestacións estudiantís de 1989.

O pistoletazo de saída da nova ofensiva estratéxica dos dirixentes chineses contra este movemento producírase unhas semanas antes, na cidade de Tianjin, ben coñecida dos inversores españois no Imperio de Oriente. He Zuoma, un especialista en ciencias ocultas da Academia de Ciencias, publicara diversas tribunas na prensa local, especialmente nos medios da Universidade Pedagóxica de Tianjin, criticando a práctica do chamado qi gong entre os mozos. A reacción de protesta dos que se deron por aludidos foi inmediata e, segundo fontes oficiais, congregou a varios milleiros de manifestantes.

Ata entón, fronte a esporádicos episodios de carácter belixerante, a tolerancia e incluso a comprensión, cando non a complicidade, foran a norma. Ben é verdade que o grupo de Falun Gong nunca tivera unha existencia estrictamente legal na China, pero en 1998, por exemplo, a Televisión Central chegou a emitir algunha reportaxe favorable a esta práctica, despois incluso de se producir unha importante concentración de protesta nas súas inmediacións para esixir unha maior obxectividade no tratamento das informacións relativas ó movemento.

A exhibición de forza de abril e a visible presencia entre os congregados de cadros dirixentes de nivel medio e militares obrigou ó Partido Comunista da China (PCCh) a tomar máis en serio o problema. Non convén esquecer que o ano 1999 estaba repleto de conmemoracións simbólicas no calendario político, algunhas certamente difíciles (os dez anos da represión estudiantil en Tiannanmen) e outras máis benditas (cincuenta anos do triunfo da Revolución, ou a devolución de Macau, que culminaría a unificación continental). Ós dirixentes chineses comezou a preocuparlles a irrupción destas protestas no medio dos festexos, habida conta da súa probada capacidade de convocatoria e tamén do seu elevado nivel de organización, que facía posible o éxito das concentracións locais, sen aparato mobilizador visible, chegando incluso a coordinar e sincronizar a protesta en varias cidades do país de forma conxunta.

Para se manifestaren, os seguidores de Falun Gong elixiron sempre determinados acontecementos (visita de Kofi Annan a Beijing en novembro de 1999, por exemplo) ou celebracións (a última, con motivo do Novo Ano lunar, o pasado cinco de febreiro) para asegurar a maior transcendencia pública, local e internacional, das súas accións, pero tamén a maior dificultade na represión.

En parello ó proceso de condena pública e de ilegalización formal e expresa do movemento, comezou o imparable goteo de detencións e procesos. Fontes de organizacións humanitarias falan xa de entre 6.000 e 10.000 seguidores detidos en varias cidades. Moitos deles foron procesados e condenados a penas de prisión de entre dous e trece anos; outros foron enviados a campos de traballo. Varios milleiros de membros do Partido foron cominados a realizar cursos de reeducación para recuperar a confianza política do réxime. Especialmente exemplar foi a condena de catro dirixentes da secta, imposta por un Tribunal Popular de Beijing. A sentencia ten unha dobre particularidade. Dunha banda, os catro procesados eran membros do Partido e un deles, Ji Liewu, foi incluso axudante de Deng Xiaoping. Por outra, o procesamento baseouse na acusación de revelación de segredos de Estado co evidente propósito de endurecer as penas.

Esta sentencia revela, pois, a determinación das autoridades chinesas para reprimir severamente este movemento e, sobre todo, o seu firme empeño por recuperar o control ideolóxico no seo do Partido enviando unha clara mensaxe a todos os seus militantes. Na base social de Falun Gong, formada na súa maior parte por mulleres e persoas de idade avanzada (non así de intelectuais, estudiantes ou traballadores) destaca a forte presencia de cadros medios do Partido, do Exército e incluso dos servicios de seguridade. O Diario da Liberación, órgano oficial do Exército, leva boa parte do peso da campaña gobernamental facendo fincapé non soamente na equiparación de Falun Gong cunha superstición especialmente daniña, senón acusándoa tamén de socavar a estabilidade social.

O 22 de xullo culminaba o proceso de ilegalización. Uns meses máis tarde, en outubro, a medida sería confirmada por unha decisión do Comité Permanente da Asemblea Popular Nacional, o lexislativo chinés. Para xustificar tanta firmeza, nun editorial do Renmin Ribao (Diario do Pobo), órgano oficial do PCCh, acúsase a Falun Gong de ser unha organización non xa ilegal, senón “herética”, que persegue a conquista do poder e que é responsable da morte de máis de mil persoas. Para o PCCh, Falun Gong é comparable ós davidianos de David Koresh ou á secta da Verdade Suprema de Shoko Asahara (autora do ataque con gas sarín no metro de Toquio en marzo de 1995). Mentres tanto, non soamente en Taiwán, senón tamén en Hong Kong ou en Macau, é dicir, agora xa na propia China, moi lonxe desta histeria, os seguidores de Falun Gong continuaban desenvolvendo libremente as súas prácticas e exercicios.


¿Que é Falun Gong?

Creado en 1992 por Li Hongzhi, Falun Gong representa para algúns unha mestura das relixións taoísta e budista (o confucianismo non está presente nas súas bases filosóficas) que persegue unicamente a mellora da saúde física e mental a través da práctica de diferentes exercicios; para outros, trátase dunha renovación máis da relixión popular, entendida na dobre acepción de Feuchtwang: no sentido de pertencer á China dos han, a etnia maioritaria do país, e tamén do pobo, na medida en que posúe unha relación distanciada e crítica con outros pretendentes sistémicos ó control social.

O Falun Gong, asegura Benoît Vermander, promete a quen o practica a implantación, ó nivel do seu abdome, dunha “roda” similar á que rexe o movemento cósmico, de forma que esa rotación o protexe das influencias perversas que lle poden afectar do exterior. O movemento desa roda do karma, que avanza no sentido das agullas dun reloxo, encherá de paz, vitalidade e enerxía positiva ó practicante. Tan sinxela e enxeñosa prédica facilitou a implantación desta organización por todo o país en moi poucos anos. Fálase duns setenta millóns de seguidores no interior do país, se ben probablemente non cheguen a superar os vinte millóns, cifra polo demais moi respectable. No exterior, principalmente entre as comunidades chinesas, as fontes máis exorbitadas falan duns trinta millóns de practicantes.

O qi gong é a base esencial deste movemento, unha técnica que forma parte da bagaxe cultural da China milenaria, se ben practicado ata hai poucos anos por unha elite moi exclusiva. Alternativamente, o qi gong estivo admitido e prohibido durante a época de Mao, pero nos anos oitenta, coincidindo coa extensión da reforma económica ó ámbito urbano, expandiuse rapidamente e incluso a propia prensa do Partido Comunista chegou a publicar numerosos manuais para facilitar o seu desenvolvemento.

O qi gong é un conxunto de técnicas de expresión corporal que perseguen finalidades esencialmente terapéuticas e, en suma, mellorar a calidade de vida de quen o practica. Está baseado nun gran coñecemento do corpo e moi centrado no dominio e control dos procesos de respiración. A combinación de relaxación e respiración, movementos guiados sempre polo pensamento, atraeu moitísimo interese nos últimos anos, chegando a asociarse incluso con certa expresión da modernidade, asentada nunha idea de progreso con identidade, en contraposición a aquela modernización que avanza cos hábitos e formas de vida occidentais. Ata nós chegou en forma de recurso terapéutico dentro do que poderíamos englobar como medicinas alternativas. O interese internacional por esta práctica creceu nos últimos anos.

Existe unha gran diversidade de formas de qi gong e moitas son as organizacións que o disciplinan. Nese contexto de heteroxeneidade, mantivo no pasado, concretamente a comezo dos anos noventa, outras vinculacións con movementos sociais de carácter medioambiental (fundamentalmente, nas provincias de Heilongjiang e Sichuan). Non é pois de estrañar o seu apego a formas de expresión social, máis alá do mero deporte.

Pero unha cousa é a práctica do qi gong e outra o movemento de Falun Gong. A capacidade de atracción deste último é inseparable da sinxeleza dunha proposta, moi fácil de aprender e de desenvolver, e que certamente pode chegar a producir efectos beneficiosos en quen o practica. Como ximnasia pouco habería que reprocharlle; como esperanza pseudorrelixiosa, as cautelas deben ser proporcionais. Os que se aproximan ó movemento afirman estar motivados por causas tan dispares coma o desencanto, a busca de relacións sociais ou o simple combate ó stréss e procuran reencontrar o seu equilibrio nun dobre aspecto, físico e espiritual.

Sobre a base do qi gong, Li Hongzhi, o inspirador e líder da secta, ensina que cada un debe construír o seu camiño practicando a verdade, a compaixón e a paciencia; e que é imprescindible perseverar no cultivo da propia enerxía vital ata acadar ese punto de conexión coa enerxía do cosmos que permitirá adquirir un estado de maior pureza. Ese é o obxectivo principal e Falun Gong (traducible pola práctica ou o camiño da lei), é o instrumento para chegar á salvación individual nun mundo en franco declive e que se condena cada día que pasa. As súas crenzas afondan no budismo e o taoísmo, na busca do equilibrio, da harmonía e da perfección. Falun Gong preconiza unha vida sa e decorosa (non poden beber alcohol, o xogo está prohibido e non poden ter relacións sexuais fóra do matrimonio). O respecto do propio corpo é inseparable do cultivo espiritual.

Pero á par deste discurso, que poderiamos considerar naturalmente discutible pero globalmente aceptable, Li Hongzhi presenta un lado escuro. No fundador de Falun Gong radica probablemente a principal forza e a principal debilidade do movemento. É un individuo moi peculiar, de complexa personalidade, como pode deducirse dalgúns datos persoais e das súas propias declaracións. Está comprobado, por exemplo, que falsificou a súa data de nacemento para facela coincidir co oitavo día do cuarto mes lunar chinés, día e mes en que naceu Sakyamuni, o Buda Iluminado, a fin de reforzar unha inequívoca vocación mesiánica e redentora. Li autorreclámase como a reencarnación do Buda Iluminado.

Nunha entrevista concedida á revista Time o pasado 10 de maio de 1999 detallaba o seu gran coñecemento dos seres extraterrestres e do nivel de corrupción que lograron perpetrar entre a Humanidade. Segundo Li Hongzhi, foron os extraterrestres quen nos introduciron no deseño e uso das máquinas modernas, como os ordenadores e os avións; eles estimularon o desenvolvemento da ciencia para controlar os nosos espíritos. Toda a inspiración científica, afirma o líder de Falun Gong, está manipulada por estes seres. A clonación, a súa última suxestión, permitiralles a inminente substitución dos seres humanos. Á pregunta de Time de se el mesmo era un ser humano ou un extraterrestre, Li Hongzhi, lacónico e enigmático, limitouse a contestar que “vostede pode verme como un ser humano”.

Este tipo de manifestacións e a exaltación do papel da vontade no tratamento das enfermidades, ou a insistencia na consigna de non recorrer á medicina cando se está enfermo, serviu argumentos de indiscutible validez ó goberno chinés para alertar sobre a gravidade das consecuencias para os seus seguidores e avalar a perigosidade social do movemento. Zhuo Xin-ping, director do Centro de Estudios das relixións da Academia de Ciencias, asegura que Falun Gong é unha secta baseada no control mental dos seus seguidores.

A obra base de Li Hongzhi leva por título “Zhuan Falun” (algo así como “A Roda en rotación da Lei”) e nela expón teorías un tanto delirantes, como a suposta destrucción da Humanidade en 81 ocasións, a través doutros tantos cataclismos. Segundo se desprende das súas conxecturas, agora o planeta atoparíase ó bordo dun novo cataclismo, e as reiteradas catástrofes naturais son premonitorias. Li vaticínanos unha nova apocalipse. Nesas coordenadas, el, Li Hongzhi, é o único capaz de salvar á Humanidade do desastre.

O máis probable é que a inmensa maioría dos seus seguidores non lesen esta obra e unicamente presten atención á realización deses cinco exercicios ou movementos básicos que propón para absorber e beneficiarse da enerxía cósmica ata acadar ese nivel aceptable de benestar físico e espiritual que constitúe unha ambición lexítima de todo individuo.

Li Hongzhi vive actualmente en Estados Unidos, a onde emigrou en 1997 por temor a ser detido; a súa fuxida foi unha decisión cando menos pintoresca e un tanto frustrante, se temos en conta que asegura dispor tamén de capacidade para facerse invisible. Beijing solicitou de Washington a súa extradición e Li denunciou o suposto prezo da súa entrega, unha oferta de rebaixa no déficit comercial estadounidense por valor de 500 millóns de dólares ...


A inquietude do Partido en relación a Falun Gong

Máis alá da obriga de todo goberno de velar pola saúde pública, física e mental, dos seus cidadáns, a preocupación dos dirixentes chineses en relación a Falun Gong radica, ademais, noutras dúas cuestións. Na China, practicamente ninguén lle discute ó Estado-Partido o seu protagonismo na construcción da vida económica (civilización material), pero podían abrigarse serias dúbidas en canto á posibilidade de compartir esa primacía na configuración do que Deng Xiaoping chamaba “civilización espiritual”. Falun Gong incide neste último aspecto e pluraliza a cohesión ideolóxica e social, desafiando con éxito o liderado do Partido.

Por outra banda, en tempos de acelerado cambio, cando crece o descontento e as reformas agravan o desemprego e as desigualdades, a ausencia de utopías políticas que encarreiren as enerxías emancipadoras ou de propostas que desactiven o actual inmobilismo, facilita que movementos pseudorrelixiosos destas características cativen ós decepcionados. O espírito de sacrificio e a preocupación polos demais que antes quizais podían atopar no Partido, hoxe moi gangrenado pola corrupción, bótase de menos ante o consumado avance do individualismo.

Segundo Deng Xiaoping, o arquitecto da reforma, nun país socialista, debíase prestar sempre unha gran atención á elevación do nivel de vida do conxunto do pobo, pero evitando sempre que o aspecto material escureza totalmente a construcción da civilización no espiritual. O fundamental, afirmaba Deng, é cultivar o rexeitamento á influencia corruptora das ideas decadentes foráneas e auspiciar calidades éticas, coñecementos culturais e espírito de disciplina. Pero a énfase aplicada en avogar pola cortesía, a urbanidade, a hixiene, a moralidade, a beleza do espírito, da linguaxe, do comportamento e do medio ambiente, e polo amor á patria, ó pobo e ó socialismo, parecen carecer de atractivo suficiente.

A debilidade do discurso “espiritual” do poder é patente, afirma Benoît Vermander, pero a lebre saltou onde menos se agardaba. Todos tiñan medo de que a “polución” do espírito chegase da man do aburguesamento occidental e sen embargo o desafío máis grave emerxe agora do interior da propia sociedade chinesa, con plasmación de formas que nos aproximan á súa identidade máis profunda.

O Partido e o Estado, nun marco de maior pluralidade económica, xa non dan controlado en igual medida a sociedade. Perderon a función monopolizadora da iniciativa e da xestión e a pesar de recorrer cada vez máis frecuentemente a factores de catalización (dende catástrofes naturais a crises políticas), resúltalle cada día máis difícil evitar a desmembración social. O modelo tradicional baseado na absoluta ocupación por parte do Partido de todos os segmentos da vida social está en crise e, sen operar cambios no sistema, non lle resultará doado atopar recambio para cinguir a progresiva independencia da sociedade civil.

Se ben ó principio a penetración en sectores básicos da armazón política e burocrática lle fixo imaxinar que lograrían de inmediato e sobre seguro a aceptación do réxime, Falun Gong é hoxe un movemento claramente situado de costas ó Estado. Aínda nesas condicións, por mor da erosión do discurso burocrático, podería chegar a catalizar boa parte do descontento existente fronte á sempiterna corrupción, á perda e crise de valores morais, ó desconcerto, en fin, provocado polos efectos, dificilmente corrixibles, de vinte anos de reforma que non incorporaron suficientemente unha dimensión social. Desafortunadamente, en moitos aspectos a orientación de Falun Gong é ambigua, cando non perversa, e dificilmente pode falarse de garantías que contribúan a establecer ese mínimo e desexable compromiso coa xestión social.

Os dirixentes chineses consideran que o ideario de Falun Gong é incompatible co seu proxecto social e político e que pretende afastar as masas do Partido substituíndo as súas mensaxes polas novas ideas do movemento. Facilitada e reforzada pola intensificación da represión, entre os seus responsables maniféstase cada vez con maior forza unha certa vocación mesiánica, o convencemento de encarnar ós novos salvadores da China fronte a uns dirixentes que non teñen outro obxectivo que consumar a definitiva occidentalización do país. O nacionalismo de Jiang Zemin obedecería a cálculos estrictamente políticos e non civilizatorios.

O seu gran nivel de organización foi obxecto dun minucioso estudio por parte do Partido Comunista para xustificar un pouco máis a ilegalización. Vertébrase en cinco niveis: unha dirección central, a Sociedade do Estudio do Falun Dafa (o Gran Método da Roda do Karma), que preside o propio Li Hongzhi; as estacións xerais, distribuídas en 39 localidades do país; tres estacións sectoriais; 1.900 estacións locais; e 28.000 estacións para a instrucción e o adoutrinamento. Á fronte de cada estación xeral existe un responsable designado polo propio Li. Pola súa banda, nas estacións locais funcionan catro seccións: organización, administración, ensino e proselitismo.

Pero, ademais, Falun Gong non é o único problema do goberno chinés nesta orde de cousas. Segundo denunciaron fontes do Centro de Información de Dereitos Humanos de Hong Kong, a represión tamén se centra en grupos cristiáns. A recente detención de John Yang Shudao, arcebispo católico de Fuzhou, capital de Fujian; ou do bispo Han Dingxiang, así como o ordenamento de cinco bispos católicos que pertencen á Iglesia local e non obedecen a Roma, aínda con risco de crebar os esforzos por normalizar as relacións diplomáticas co Vaticano, moi importante polo seu actual recoñecemento de Taiwán, pon de manifesto a destacada importancia que en Beijing se lle concede a este asunto.

Tamén en xaneiro debeu soportar a fuxida do Tíbet do décimo sétimo Karmapa Lama, terceiro nivel na xerarquía do budismo tibetano, de soamente 14 anos de idade, quen xa se atopa no mosteiro budista de Norburlinkam, preto de Dharamsala, xunto ó Dalai Lama. Iso complica e agrava as tradicionalmente delicadas relacións de Beijing coa comunidade local.


Conclusión

As sectas (chiao, en chinés) contan cunha longa tradición no Imperio celeste. Son sociedades secretas que forman parte da súa peculiar complexidade social. Nelas converxen factores ideolóxicos, políticos, relixiosos e incluso criminais (caso das populares tríades). Nalgún momento, sobre todo durante os séculos XIX e XX, destacaron polo seu carácter de oposición total ós poderes constituídos. Un proverbio aseguraba entón que “as armas protexen ó Emperador; pero as sociedades secretas protexen ó pobo”. En 1936, o propio Mao Zedong recorría a elas para loitar contra o invasor nipón. Sun Yat-sen, fundador da República de China, e numerosos integrantes do corpo dirixente da República, figuraban entre os seus membros. As clases máis desfavorecidas, os campesiños, o proletariado industrial, son os principais vectores dunha base social que tende a crecer en situacións de certo distanciamento entre gobernantes e gobernados. En suma, forman parte da tradición histórica e esa mesma lectura cultural indícanos que, nunha sociedade como a chinesa, poden converterse no mellor instrumento para desafiar o poder establecido. Probablemente o PCCh é moi consciente diso e das dificultades que deberá salvar para reducir o seu apoio social.

Mentres conservadores e reformistas debaten no seo do Partido sobre a mellor táctica para garantir o equilibrio e a sacrosanta estabilidade, con claro predominio por agora dos partidarios da represión fronte ós defensores da educación, algunhas fontes aseguran que Falun Gong se está organizando clandestinamente, preparándose para dar o golpe no momento oportuno e apertarlle de novo as caravillas ó PCCh. Un movemento destas características non se expande así como así, e máis alá das súas excentricidades, que as ten, os efectos negativos da reforma parecen ser caldo de cultivo máis que suficiente para manter por un certo tempo un alto nivel de adhesión, tanto pola ilusión de superar animicamente as adversidades do presente como pola ausencia de mecanismos fiables de participación no sistema, á marxe dos rixidamente establecidos.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/11/2001