|
No momento actual, o conxunto de problemas nacionais, étnicos e de minorías que agroman no leste
euroasiático presenta infinidade de aspectos e matices notablemente conflictivos e de difícil solución.
Mesmo non resultaría esaxerado asegurar que incorporan un perigoso e inmenso potencial desestabilizador.
Durante anos significativo expoñente dun modelo de enxeñería política aparentemente
con éxito, aquel marco de relacións, vixente ata hai pouco tempo, certamente permitiu que auténticos
mosaicos de pobos coexistisen en marcos estatais plurinacionais sen que se producisen graves conflictos. Pero agora,
derrubado o muro de Berlín e rematada a guerra fría, volven xurdir ante os nosos ollos cunha faciana
totalmente novidosa e carente da virtual inmutabilidade que predominantemente servira para caracterizalos no período
inmediatamente anterior: fronteiras inestables, reivindicacións territoriais máis ou menos manifestas,
tensións étnicas reais ou potenciais, conflicto bélico aberto, etc.
Aquel internacionalismo baseado na convicción de que a pertenza a unha nación debía subordinarse
a unha loita que non admitía máis patria que a propia clase social, que equiparaba nacionalismo e
pasado na seguridade de que a medida que se construía o socialismo as particularidades nacionais irían
atenuándose ata eliminarse para dar lugar a formacións sociais novas, rematou nunha sorprendente
e múltiple eclosión de identidades. Unha fervenza que, en ocasións, ten o seu contrapunto
lamentable na incomprensión, interesada ou non, dos que, desde as coordenadas antípodas, se conforman
con identificar todo nacionalismo con barbarie, atraso, negación do progreso, etc., pero por riba de toda
consideración teórica imponse unha realidade: existen comunidades históricas que perduran,
pese a todos os avatares, resistíndose á destrucción ou á subordinación.
Como resultado dos procesos secesionistas vividos nos últimos anos no que foi Checoslovaquia, na antiga
Unión Soviética e na mesma Iugoslavia, as realidades socionaturais e políticas certamente
se aproximaron en moitos casos. Precisamente a través da non menos sorprendente recuperación daquel
vello Estado-nación (Estado dunha nación) que na outra Europa se consideraba case ultrapasado como
consecuencia da intensificación dos procesos de integración supranacional que pretendían simbolizar
ante todo a plasmación dun status máis enriquecedor e elevado na vida das nacións e dos Estados.
Pero noutros casos a adopción desta alternativa resulta imposible ou implica un elevadísimo custo.
Son aqueles que non teñen doada solución por acumularen un conxunto excesivamente heteroxéneo
de nacionalidades e etnias ou que abranguen a unha comunidade dividida, contigua ou non territorialmente, entre
varios Estados soberanos.
Neste contexto, Iugoslavia é un exemplo, explosivo e dramático, dunha situación que obxectivamente,
con igual ou diferente intensidade, podería ter por escenario (unha variante non totalmente descartada aínda)
outros Estados europeos da zona (Hungría, Romanía, Bulgaria, e por suposto a antiga Unión
Soviética, onde xa desgraciadamente constitúen unha realidade moi grave na Transcaucasia). A dimensión
acadada polo conflicto que se desenvolve nos Balcáns responde non só a un amplo tratamento informativo
dos medios de comunicación occidentais que a cada paso presentan testemuños dramáticos dunha
época que considerabamos xa superada. A especial inmediatez das repercusións sobre a Europa comunitaria,
coa que viña mantendo numerosos intercambios de todo tipo, concreta unha importante diferencia respecto
doutros conflictos similares que se desenvolven no espacio ex soviético.
Fundamentos e contradiccións da Iugoslavia de Tito
A complexidade da cuestión nacional en Iugoslavia debe sorprender a poucos. Lugar de encontro e de confrontación
entre dous grandes imperios, o austrohúngaro e o otomán, ó longo da Historia foron moi numerosos
os conflictos protagonizados polas mesmas comunidades humanas que en 1918 e a través do Reino dos Serbios,
Croatas e Eslovenos tentaron protagonizar o primeiro intento serio de vida en común.
A idea iugoslava é relativamente nova. A agrupación dos eslavos do sur (etimoloxicamente Iugoslavia)
nunha soa entidade estatal callou esencialmente durante o pasado século a partir da confluencia de dous
movementos, o ilirismo e o panserbismo. O primeiro estaba nucleado arredor de Eslovenia e Croacia e desenvolvíase
nas provincias ilirianas: Istria, Dalmacia e outros territorios, todos eles dependentes do Imperio Francés.
O segundo, concibido na loita pola independencia contra o Imperio Turco, aspiraba a agrupar a todos os eslavos
do Sur arredor dunha Gran Serbia.
A realidade mais recente, que ten a súa orixe na II Guerra Mundial, é a dun Estado federal no
que coexistían recoñecida e civilizadamente dous alfabetos, tres relixións, catro linguas,
cinco etnias ou nacións e seis repúblicas rodeadas por sete Estados veciños. Como non recoñecidas
oficialmente pero existentes habería que considerar cando menos as seguintes minorías: eslovaca,
turca, maxiar, búlgara e romanesa. Con dúas características engadidas que cómpre ter
especialmente en conta: a predominancia da heteroxeneidade étnica na práctica totalidade do territorio
(a excepción de Eslovenia e en menor grao Macedonia) e, consecuentemente, a existencia de numerosísimas
e insuperables dificultades para efectuar unha delimitación clara e aceptable das fronteiras étnico-territoriais.
A estabilidade da Iugoslavia que nace das ruínas da II Guerra Mundial asentaría fundamentalmente
sobre tres piares que converteron este país nunha complexa e contradictoria engrenaxe, abondosa en freos
e contrapesos, pero que sen embargo permitiron preservar e garantir un difícil equilibrio aínda que
progresivamente erosionado na súa delicada coherencia interna. Dos tres factores aludidos, dous actúan
como catalizadores, como instrumentos de cohesión e favorecedores do mantemento da unidade, mentres que
o último actuaría nun senso declaradamente contrario. Naturalmente aludo ás circunstancias
internas. Existiría sen embargo un cuarto factor, de índole exterior, que é igualmente decisivo:
a división de Europa en bloques enfrontados favoreceu o escurecemento de numerosas tensións interiores
concedendo un indubidable protagonismo a Iugoslavia como “terceira vía” e líder dun movemento mundial
a favor do non aliñamento. A desaparición deste factor na evolución recente das relacións
internacionais facilitou a eclosión dun problema que, sen embargo, obedece a causas primordialmente internas:
Os dous elementos catalizadores son os seguintes:
a) Un fundamento de carácter persoal: a figura de Josip Broz Tito. O mariscal, de nai eslovena e de pai
croata, soubo capitalizar a favor da integración o seu enorme prestixio persoal acumulado non só
durante a guerra contra a ocupación nazi senón tamén na defensa orgullosa dun certo nacionalismo
iugoslavo fronte ás ambicións de hexemonía de Stalin. Tito, que a diferencia dos líderes
doutros países de Europa oriental gañou a guerra a pulso sen axuda decisiva dos soviéticos,
soñaba cunha federación eslava e balcánica que incluíse mesmo a Bulgaria (Stalin sempre
se opuxo a este propósito). Era firme partidario da idea iugoslava e soubo dar sentido integrador ás
inquedanzas e aspiracións das diferentes comunidades nacionais nun período histórico abondoso
en dificultades pero tamén en entusiasmo popular, en esperanzas económicas, e no que podía
sentirse arroupado por unha elevada reputación internacional. A morte do mariscal en 1980 foi un duro golpe
para a supervivencia da idea iugoslava e veu significar na práctica o principio da fin da Federación.
b) Como segundo elemento aglutinante procedería destacar o modelo de socialismo autoxestionario. Efectivamente,
despois dun breve período (1945-47) no que Belgrado optou pola aplicación das receitas elaboradas
en Moscova para toda a orbe socialista, a ruptura con Stalin en 1948 obrígalles a definir un camiño
propio e diferente, a configurar un sistema económico único que había percorrer as inexploradas
fronteiras que separaban o socialismo e o capitalismo. En semellante conxuntura internacional, a configuración
dun modelo de socialismo diferente ó modelo de socialismo de estado que lideraba a URSS e á súa
vez afastado do modelo capitalista de desenvolvemento, levaba consigo unha indiscutible carga nacionalista e permitía
un significativo nivel de galvanización social ó redor de tal proxecto.
A posteriori recoñécese que orixinariamente as diferencias fundamentais con Stalin non eran de
orde ideolóxica. Resultaban simplemente da negativa de Tito a someterse á hexemonía de Moscova.
En realidade viña ser a gota que colmaba un vaso que se fora enchendo rapidamente nos últimos anos
(discrepancias sobre o regreso do rei Pedro, a purga sufrida polos comunistas iugoslavos antes da guerra -en tempos
de Milan Gorkic-, a falta de receptividade do Kremlin respecto das demandas territoriais formuladas por Tito a
propósito de Austria e Italia, etc). Só máis tarde aquelas diferencias se revestiron de ideoloxía
buscando unha lexitimación do modelo a partir da esaxeración das diferencias co prototipo soviético.
Todo isto permitiría incrementar o nivel de autoidentificación “nacional”.
c) O último elemento é o federalismo. A diferencia doutros países autodenominados socialistas,
en Iugoslavia o federalismo foi real e operativo, concretándose nun nivel de descentralización económica,
administrativa e política de indiscutible relevo practicamente desde os primeiros momentos (1951). Precisamente
este factor, inevitable na complexa configuración nacional de Iugoslavia, remataría por facer inaplicable
o modelo soviético aínda que non se deran desavinzas de familia. A Constitución de 1974 introduciu
a figura da Presidencia colectiva e do portavoz rotatorio, a paridade da representación das diferentes Repúblicas,
e instituíu un status case republicano para as dúas rexións autónomas de Serbia, Voivodina
e Cósova. O contrapeso desta situación, na que poderían identificarse algúns dos xermolos
da inevitable ruptura posterior, viña determinado pola existencia de dous elementos vertebradores que exercían
a súa función con carácter naturalmente monopolista: o Exército Popular e a Liga dos
Comunistas Iugoslavos.
No plano económico cómpre ter en conta que a Constitución de 1974 acentuou seriamente o
proceso de descentralización robustecendo o papel das Repúblicas e municipalidades e introducindo
o mecanismo do consenso político (estatalismo pluricéntrico) para a toma de decisións a nivel
federal. Cada un destes entes comezou a desenvolverse de xeito practicamente independente (acceso ós mercados
exteriores, cada República dispoñía do seu propio Banco Central e aplicaba as súas
propias políticas en materia de impostos ou de prezos, non sempre en coordinación coas demais, etc).
Unha consecuencia rechamante e inmediata foi por exemplo a duplicación de complexos industriais que resultaba
absurda nunha perspectiva federal. Na opinión dalgúns especialistas (Ljubisa Adamovic, Alec Nove
ou Harold Lydall) foi esta explosiva combinación de socialismo autoxestionario e federalismo absoluto a
causa básica da crise iugoslava.
Todo esta delicada armazón, peza a peza, foi o que se veu abaixo nos últimos anos. Pero profundemos
nas causas.
Causas das reivindicacións secesionistas
Os factores de índole interna foron máis determinantes que os externos na crítica evolución
iugoslava dos últimos anos. Certamente os factores externos (en forma de influencia ou de aberta inxerencia)
son importantes e non deben desdeñarse. Algo se dixo xa sobre a importancia da guerra fría na conformación
e supervivencia da República Socialista Federativa de Iugoslavia e conseguintemente na inocultable relación
existente entre a desaparición de ambas as dúas.
Os intereses políticos, económicos e estratéxicos de Alemaña, de Estados Unidos,
de Rusia ou de Italia son innegables e inciden na configuración das disputas. Pero sen deixar de ser isto
certo, atribuír carácter decisivo ou determinante a estes intereses semella desproporcionado. Haberá
sempre quen semente discordia, utilice, tome partido ou procure tirar proveito das discrepancias alleas. Pero o
problema de fondo seguirá estando nas causas que orixinaron as desavinzas. Recorrer á “man” de Bonn,
de Washington, ou de Bruxelas pode resultar igual de demagóxico ca cando no pasado se atribuían á
man de Moscova as revolucións emancipatorias do Terceiro Mundo. Na realidade todo é máis complexo.
Entre as causas internas destacaría dúas que me parecen fundamentais: as económicas e as
ideolóxico-políticas.
As causas económicas
A situación económica xeral que se presenta en Iugoslavia a finais de 1989 é moi seria
e difícil. As dificultades ou fracaso do modelo económico autoxestionario concretábanse en
datos coma estes: unha inflación do 2.665 por cento, unha débeda externa que roldaba os 20.000 millóns
de dólares; unha economía somerxida que segundo algunhas estimacións se achegaba a un 40 por
cento do PNB; e unha caída vertixinosa do nivel de vida que tiña o seu reflexo na crecente escaseza
de productos básicos como o café ou o aceite, ou no apreciable deterioro de sectores como a educación
ou a sanidade. O ventilado fracaso do modelo iugoslavo levaba implícita unha mensaxe de fondo calado para
as economías dos países do denominado socialismo real que reflexionaban sobre a súa apertura
e transformación.
Para responder á situación de crise, o Goberno federal, presidido por Ante Markovic, en coordinación
cos organismos financeiros internacionais, impulsou a primeira terapia de choque aplicada en Europa Oriental. Xa
daquela asesoraba ó Consello Executivo Federal iugoslavo Jeffrey Sachs, mundialmente coñecido con
posterioridade pola súa participación nos procesos de transformación das economías
do Leste apadriñando as denominadas terapias de choque. No seu conxunto, o Plano incidía non só
nos aspectos de carácter macroeconómico (control de inflación, prezos, etc) senón que
atinxía outros elementos que afectaban á natureza mesma do sistema (propiedade, creación do
mercado de capitais, investimentos estranxeiros, etc) propugnando unha rápida aproximación ó
modelo de economía de mercado.
A dureza das políticas aplicadas alentou nas Repúblicas a adopción de medidas unilaterais
que permitisen unha certa reducción dos seus efectos: Serbia decidiu emitir máis de 18 millóns
de dinares sen consentimento federal e introducir taxas especiais ós productos procedentes de Croacia e
Eslovenia; Croacia autorizou a importación de certos vehículos sen abono dos dereitos de alfándega,
etc. A guerra económica precedeu ó conflicto bélico.
O escenario global da crise completábase ó analizar os desequilibrios territoriais que nos últimos
anos experimentaran un serio incremento. Se en 1980 Cósova e Macedonia tiñan un nivel de desenvolvemento
catro veces inferior a Eslovenia, en 1989 esa diferencia case se duplicaba; se o desemprego practicamente non existía
en Eslovenia, noutras partes de Iugoslavia acadaba niveis escandalosos. O salario medio en Bosnia era case a metade
do de Eslovenia. En definitiva, para facernos unha idea de conxunto, se o PNB de Eslovenia ou Croacia supera sen
dificultade ó de países comunitarios como Grecia ou Portugal, o PIB de Cósova, enclave albanés
situado en Serbia, é perfectamente equiparable ó de Haití ou Bolivia.
Un último factor que tamén debe ser tomado en consideración é a inexistencia dunha
dependencia económica interrepublicana tan acusada como a que se observa na ex URSS (isto pode explicar
en parte a situación anterior). Xa en 1951 se producira unha gran descentralización económica
a favor das Repúblicas que dispoñían dunha ampla autonomía real. A partir de 1974 esta
situación foi a máis e facilitou a conformación de marcos económicos diferenciados
e dotados de gran capacidade de autoadministración.
A consecuencia de semellante entrampado económico non podía ser outra que a plasmación
de intereses seria e crecentemente diverxentes: as Repúblicas ricas non se conforman con subvencionar ás
pobres e mesmo cuestionan a súa capacidade para executar un desenvolvemento eficaz. Desde o punto de vista
político mesmo se podería dicir que a aposta pola independencia de Croacia e Eslovenia obedece a
un interese evidente: apurar a integración na CEE. De feito, desde 1978 ambas as dúas Repúblicas
participaban no grupo Alpen-Adria que inclúe varias rexións de Italia, Austria, Alemaña e
Hungría. Desde 1968 Iugoslavia mantiña activas relacións coa CEE, intensificadas a partir
do acordo preferencial de 1983.
Causas ideolóxico-políticas
A crise dos países do socialismo real, a fin da Europa dividida en dous bloques enfrontados a todos os
niveis e a difícil situación económica influíron de xeito decisivo na polarización
das posicións ideolóxicas e políticas no seo da Liga dos Comunistas Iugoslavos, o único
elemento integrador, ademais do Exército, que posibilitaba unha certa vertebración federal.
A inevitable ruptura aberta consumouse no XIV Congreso da Liga celebrado en xaneiro de 1990. Nel amosáronse
inconciliables dúas concepcións diferentes arredor de temas fundamentais como a democratización
do sistema político (conforme ós canons occidentais) ou a configuración federativa (a substituír
por unha alianza de Estados soberanos). Medraba a desconfianza cara ó centralismo serbio e a cada paso facíase
máis evidente a inviabilidade dun instrumento unitario como a Liga. Nun contexto de pleno recoñecemento
republicano era inevitable que se desen pasos cara á autoorganización política. Os diferentes
niveis de evolución agudizáronse coa introducción unilateral do pluripartidismo nalgunhas
Repúblicas e a celebración de consultas electorais que incidían na radicalización do
proceso político exacerbando aínda máis as diferencias.
En definitiva, todo foi levado ata a máxima tensión. As proclamacións de independencia
e a ruptura dos febles lazos interestatais convertéranse para algunhas Repúblicas no único
medio posible para levar adiante un proxecto político que as respectivas sociedades sancionarían
democraticamente.
Respecto dese proceso de evolución interna cómpre facer algunhas observacións:
1º. A pesar da complexidade de partida e das dificultades engadidas pola situación de crise económica
é errado contemplar como inevitable a derivación bélica das tensións acumuladas. Non
é, resumindo, a inevitable consecuencia dunha historia abondosa en episodios violentos, senón o resultado
de decisións políticas equivocadas protagonizadas ou auspiciadas por líderes con nomes e apelidos
que minguaron as posibilidades dun diálogo pacífico para a resolución das controversias. Efectivamente,
o pasado vive no presente e exerce a súa influencia pero non ata o punto de erixirse no factor determinante
que explica a natureza deste conflicto. O mesmo pasado permitiu a convivencia pacífica durante cinco décadas
dos mesmos pobos que hoxe se enfrontan brutalmente.
2º. Parece evidente que a vía confederal era a única posible para manter, ben unha certa
forma de unidade iugoslava ou, caso contrario, posibilitar unha disolución non violenta da Federación.
Esta vía, proposta en decembro de 1990 a Serbia e Montenegro polas outras catro Repúblicas foi rexeitada
por Belgrado que, daquela, apostaba polo mantemento inalterable da unidade federal. O efecto inmediato foi unha
maior radicalización das posturas.
Serbia aparece así como a gran culpable da guerra. É absurdo cuestionar a súa responsabilidade,
ben sexa en función dunha desconfianza natural respecto das análises da maioría dos media
occidentais ou, mais terrible aínda, por considerar que Milosevic é un líder progresista que
acumula unha manchea de desgracias por defender un hipotético modelo de desenvolvemento non capitalista.
Milosevic, principal dirixente de Serbia desde setembro de 1987, e polo tanto copartícipe pleno dunhas reformas
orientadas cara ó mercado que endexamais cuestionou no seu fondo, non só é o inspirador do
alucinante desembarco do multimillonario estadounidense Milan Panic á fronte da economía serbio-montenegrina,
senón especialmente responsable da represión da minoría albanesa de Cósova (un millón
trescentos mil albaneses privados de todos os dereitos) que evidencia ben ás claras o seu talante autoritario.
Pero Milosevic non é o único culpable da guerra que asola os Balcáns. Na consolidación
da súa política tiveron moito que ver os numerosos silencios (internos e externos) de todos aqueles
que no seu día preferiron a inhibición á condena. Cómpre ademais significar expresamente
que o presidente croata, Franjo Tudjman, non tivo en conta debidamente a salvagarda dos dereitos da minoría
serbia que habitaba no seu territorio, desencadeando unha gravísima dinámica de confrontación.
3º. Lexitimidade democrática dos procesos. A guerra non foi consecuencia dun nacionalismo sen matices
e sinalado global e universalmente como culpable, senón resultado da intolerancia e da incapacidade manifestada
por algúns dirixentes políticos, para atopar vieiros pacíficos capaces de dar satisfacción
ás lexítimas reivindicacións expresadas. Non se pode negar nin someter pola violencia as aspiracións
nacionais que son expresadas pacífica e democraticamente. Todas as Repúblicas, con excepción
de Serbia e Montenegro, pero incluíndo a Cósova, realizaron consultas populares nas que unha inmensa
maioría da poboación se pronunciou a favor da independencia. A priori incluso, a soberanía
non tiña por qué traducirse necesariamente en separación.
4º. A existencia de numerosos perigos en relación á salvagarda dos dereitos humanos daqueles
colectivos que son minoría nos novos suxeitos estatais en virtude dunha política común que
equipara a consolidación do poder estatal co fortalecemento excluínte das posicións dos colectivos
nacionais maioritarios.
A actitude de Occidente en relación á crise iugoslava
Non é posible reflexionar sobre as responsabilidades no conflicto iugoslavo sen analizar a actitude dos
países occidentais e dalgúns actores decisivos da comunidade internacional. Neste sentido cómpre
adiantar que non se pode falar de posicións totalmente uniformes senón mais ben diferenciadas, aspecto
este que sen dúbida condicionou en todo momento unha certa ambigüidade que influíu na súa
eficacia. Houbo excesivas contradiccións e non sempre os mesmos suxeitos mantiveron as mesmas posicións.
No caso da CEE evidenciouse especialmente a ausencia dunha política exterior común.
Como mínimo deberamos distinguir tres estadios diferentes e sucesivos protagonizados por tendencias predominantes,
aínda que non exclusivas:
1º. Apoio á unidade do vello Estado iugoslavo. Inhibidos diante da represión da minoría
albanesa de Cósova, as declaracións iniciais dos países comunitarios e de Estados Unidos foron
coincidentes nun primeiro momento cos aliñamentos formais aprobados na Carta de París pola Conferencia
de Seguridade e Cooperación en Europa: despois da unificación alemana non habería máis
alteracións de fronteiras no continente. A propia CEE ofrecía a Belgrado en maio de 1991 un privilexiado
tratado de asociación para evitar a desmembración.
¿Por que manter unida Iugoslavia do xeito que fose? As reservas occidentais diante dos procesos de fragmentación
nacionalista arguméntanse en función dos hipotéticos perigos que implican para o proceso de
integración continental que pasaría a estar condicionado pola inestabilidade presente en zonas próximas.
Nalgúns Estados, onde subsisten problemas nacionais, este temor complícase ó valorar as estimulantes
repercusións que poderían producirse no suposto de que este proceso se desenvolvese pacífica
e democraticamente. Polo demais, Bruxelas tampouco precisaría da ruptura de Iugoslavia para continuar o
proceso de transformación e integración da economía balcánica dado que os procesos
de aproximación a todos os niveis levaban anos en marcha. Para completar o cúmulo de consellos antisecesionistas,
o propio James Baker advertíalles en xuño de 1991 a Eslovenia e Croacia que se decidían separarse
do resto do país de xeito unilateral, os Estados Unidos e os seus aliados non as recoñecerían
e tampouco lles proporcionarían axuda económica. Este foi o espírito que animou os acordos
de Brioni auspiciados pola CEE e que amosan claramente que Europa non comprendeu a tempo a crise dos Balcáns.
A posición descrita influíu con toda seguridade na actitude dos dirixentes serbios e do Exército
Federal a prol do mantemento do Estado iugoslavo. Só puido manterse nas primeiras semanas da guerra. Confiábase
quizais nas posibilidades de que unha guerra curta resolvería o problema. A negativa a efectuar o recoñecemento
diplomático internacional (Estados Unidos, Rusia e a maioría da CEE) debía dobregar as aspiracións
das Repúblicas independentistas. Non foi así.
O inevitable cambio de actitude produciuse en grande medida como consecuencia do fracasado golpe de agosto de
1991 en Moscova e a fervenza de proclamacións independentistas que trouxo consigo un ronsel de novos Estados
por toda a parte oriental do continente. A primeira Conferencia de Paz para Iugoslavia reuníase na Haia
o día sete de setembro, unhas semanas despois do acontecido na capital rusa, pero cando xa transcorreran
dous meses desde os primeiros bombardeos. A nova situación outorgaba doados argumentos a Alemaña
que deste xeito obtería menos esforzadamente o asentimento das demais chancelerías occidentais para
admitir a ruptura da Federación.
2º. A política de recoñecementos. A procedencia ou non do recoñecemento diplomático
dos novos Estados foi obxecto de grande polémica entre os membros da Comunidade Europea. Inicialmente a
actitude de Alemaña e de Italia a favor desta decisión chocaba coa oposición doutros Estados
(Gran Bretaña, Francia ou España). Evidentemente, a actitude de Bonn obedecía a unha aspiración
natural: a necesidade xermana de consolidar unha importante área de intereses e de influencia en Centroeuropa
e conseguir unha saída estratéxica ó Mediterráneo. As relacións de Alemaña
con Iugoslavia eran particularmente intensas: unha gran parte do millón de iugoslavos emigrantes atopábanse
neste país e os investimentos alemáns e austríacos eran moi importantes en Eslovenia e Croacia.
¿Que criterios establecer para efectuar os recoñecementos? A Comisión de Arbitraxe presidida
por Robert Badinter estableceu como requisitos ineludibles os seguintes: o respecto das fronteiras que só
poderían ser modificadas mediante negociación e por acordo mutuo; observación do Estado de
dereito e da democracia conforme ós principios de Nacións Unidas e da Acta Final de Helsinqui; respecto
dos dereitos das minorías e grupos étnicos. Tan só dúas Repúblicas cumprían
todos os requisitos: Eslovenia e Macedonia. A Comisión puxo serios reparos a Croacia. Sen embargo, na práctica,
mentres esta última foi inmediatamente recoñecida ó igual que Eslovenia, o pintoresco veto
grego impedía o recoñecemento de Macedonia.
¿Como incidiron os recoñecementos na evolución do conflicto? Uns días despois de
ser recoñecida Croacia a guerra detívose nesta República. Quizais porque mentres non se producira
o recoñecemento internacional sempre existiría unha remota esperanza de que Iugoslavia ou unha significativa
parte dela podería manterse unida. Serbia, a única República importante inicialmente interesada
nesta opción comprendera entón que o único sentido da guerra consistía na obtención
do control da maior porción posible de territorio utilizando como escusa a defensa dos seus nacionais e
como principal instrumento a limpeza étnica. O seu exemplo non tardou en ser imitado pola propia Croacia
a costa dos musulmáns de Bosnia-Herzegovina.
Inicialmente contrarios, Estados Unidos e Rusia tamén se manifestaron a favor dos recoñecementos.
Moscova, tradicional aliada de Belgrado, paralizada polas convulsións internas que a sacoden, viuse imposibilitada
para influír de xeito substancial na marcha do conflicto e as escasas iniciativas adoptadas provocaron importantes
desavinzas e enfrontamentos entre os principais protagonistas da vida política rusa debido ó seu
aliñamento coas teses occidentais. Respecto a Estados Unidos, inicialmente aliñado coas teses serbias,
o seu aparente distanciamento só se viu interrompido en contadas ocasións con pronunciamentos e medidas
rechamantes coma o subministro aéreo de alimentos, a designación dun representante especial para
a zona ou o apoio prestado ás teses musulmanas nas negociacións sobre o reparto territorial. A oportunidade
das intervencións estadounidenses sementaron non pouca polémica pois en máis dunha ocasión
avivaron o conflicto insuflando ánimo a algunha das partes e dificultando as posibilidades de consecución
dun acordo negociado. Non falta quen advirta nesta conducta unha actitude interesada de Washington: a longa duración
do conflicto desestabiliza seriamente a construcción europea e debilita a cooperación franco-alemana.
Obxectivamente, unha Europa unida e en paz pode representar un gran obstáculo estratéxico para os
intereses americanos.
3º. Unha terceira e última fase cabería definila como a da intervención diplomática
e humanitaria máis activa (a finais de 1991 e comezos de 1992 ata o momento presente). Os episodios desta
fase son numerosos e coñecidos: decisión do Consello de Seguridade de Nacións Unidas para
enviar 14.000 cascos azuis a Croacia, Conferencia de Londres de agosto de 1992, designación de mediadores,
conversacións de Xenebra, etc. a intervención humanitaria está orientada ó subministro
de alimentos e material sanitario desempeñando tamén un limitado papel na reducción das numerosas
crueldades (refuxiados, campos de concentración e exterminio, limpeza étnica, etc.) e sufrimentos
a que se ve sometida a poboación civil. A intervención diplomática (mediacións, sancións)
atende fundamentalmente á consecución do cesamento do fogo (tantos como incumpridos) e a habilitación
dun foro de diálogo permanente entre as partes. Globalmente avaliada a intervención a este nivel
foi claramente insuficiente e segue desprovista do máis elemental deseño preventivo.
O segundo xiro fundamental na actitude da comunidade internacional e que implicaba unha adecuación á
situación de facto produciuse a partir da Conferencia de Londres (agosto de 1992) ó admitirse como
principio de solución do conflicto a distribución étnico-territorial das partes enfrontadas
en Bosnia. Na práctica supón a admisión das operacións de limpeza étnica e das
conquistas militares. O Plano Vance-Owen primeiro, e o Vance-Stoltenberg despois, baséanse nesas premisas.
Incapacitada para impoñer a paz, a Europa úrxelle pór fin a unha guerra que a desangra internamente
cada vez máis.
A opción dunha intervención militar que presentaba igualmente moi diversas variantes e graduacións
non foi final e afortunadamente materializada. Unha internacionalización do conflicto de semellantes características
dificilmente podería conseguir outra cousa que non fose complicar máis o problema.
Os futuros á nosa espera
A dinámica na que está instalado o proceso negociador é tremendamente arriscada. O criterio
étnico elixido como base e punto de partida para debuxar unha solución á crise implica non
só lexitimar a opción da guerra: ameaza con converterse nunha guía terrible para a solución
dos numerosos litixios que aniñan nesta delicada área. Unha solución destas características
para Bosnia non é necesariamente sinónimo de paz nos Balcáns. ¿Cando estoupará
a explosiva situación de Cósova? ¿Que mecanismos se establecen para asegurar unha evolución
non autoritaria nos novos Estados? O precedente que se establece coa ausencia de garantías reais para as
minorías e a minusvaloración do principio cidadán (en favor do étnico) como eixe vertebrador
das relacións entre as diferentes comunidades humanas e nacionais existentes na zona pode producir desastrosos
efectos.
Non menos importante é relativizar a transcendencia da aparición de novos Estados no continente.
As fronteiras non son sagradas, e que un Estado non sexa todo o grande que algúns quixeran non ten por qué
ser un obstáculo para a integración. Tal como afirmara Hobsbawn, non pode sosterse por máis
tempo o razoamento de que unha rexión é demasiado pequena para constituírse en Estado. Máis
de vinte membros de Nacións Unidas teñen unha poboación inferior a 250.000 habitantes. Cousa
distinta é que no mundo actual, caracterizado e condicionado por unha interdependencia inevitable, poidan
dispoñer máis libremente ou ser máis donos dos seus asuntos que antes de ser formalmente independentes.
Ningunha das nacións susceptibles de facerse cun Estado propio é quen de dar unha solución
por si soa ós problemas que o mundo afronta no limiar do século XXI. Pero tampouco terían
éxito nese empeño ningún dos actuais Estados por moi poderosos que aparenten ser.
Nun momento en que se daban por firmemente apuntaladas as ideas de integración e de superación
das particularidades nacionais, o rexurdir nacionalista indubidablemente incomoda. Pero estes nacionalismos resultan
ser, en numerosos casos, asociativos e partidarios dunha tan acelerada integración como imposible de ser
asumida sen conflicto. Por iso é fundamental promover asociacións interestatais intermedias (recuperar
o proxecto dunha Europa balcánica por exemplo) que sirvan de foro de diálogo permanente e próximo.
Ninguén aposta hoxe por erguer fronteiras infranqueables. Son imposibles.
Durante toda a crise bótase en falta a existencia de mecanismos preventivos idóneos para orientar
o conflicto. Cando xa transcorreron máis de dous anos desde a súa explosión a situación
pouco variou. O Centro de Prevención de Conflictos contemplado pola CSCE (Conferencia de Seguridade e Cooperación
en Europa) continúa a ser un misterio. Isto a pesar de que o número de conflictos reais e potenciais
medrou considerablemente nos últimos tempos e que na súa inmensa maioría presentan a característica
común de involucrar dun xeito ou doutro a minorías nacionais. No que vai de crise nos Balcáns
a CSCE só interveu para expulsar do seu seo a “nova” Iugoslavia (Serbia-Montenegro).
Finalmente, se algo debera concluírse desta crise é a necesidade de erradicar a violencia como
medio de solución dos conflictos políticos. O diálogo, a democracia e o respecto ós
dereitos universais de todo colectivo humano debe constituír a referencia fundamental para a solución
das controversias. Poida que apostar por esta vía, non exenta de perigos e dificultades, teña como
resultado un proceso máis lento pero sen dúbida será máis xusto e duradeiro. Desafortunadamente
non parece que a nova orde mundial siga ese camiño.
|