Texturas Internacionais nº 2Volver ó sumario
Sempre no Mundo / Outros escenarios
 
Manda Chávez


Xulio Ríos
 

Cos seus 92 anos ás costas, o escritor Arturo Uslar Pietri describe esa Venezuela amada de forma lacónica e con poucas palabras: “o Estado é rico e a poboación, pobre”. As cifras astronómicas percibidas das rendas do petróleo durante tantos anos (Uslar Pietri fala do equivalente a 20 Planos Marshall) non foron “suficientes” nin para dotar ó país das infraestructuras necesarias nin para reducir as desigualdades sociais. Máis do 70 por cento da poboación venezolana vive na pobreza; un 21 por cento está no desemprego, e case un 50 por cento vive da economía somerxida. “Petróleos de Venezuela” é o segundo productor mundial e o principal subministrador de Estados Unidos.

Os dous grandes partidos tradicionais, o COPEI (Comité de Organización Política Electoral Independente), de tendencia demócrata-cristián, e a AD (Acción Democrática), socialdemócrata, coparon a vida política dende 1957 participando a medias na dilapidación dos inmensos recursos públicos, chegando mesmo a empeñar o país (en 1997 a débeda externa ascendía a 37.000 millóns de dólares). A privatización de sectores industriais en mans do Estado presentouse entón como remedio, sen que tampouco a sociedade puidese acceder a ningún beneficio (mellora da educación, da sanidade, dos servicios públicos). Unha vez máis, as burocracias de ambos os dous grandes partidos fagocitaban os lucros anegando coa súa corrupción todos os estamentos da estructura e dos poderes do Estado.

A irrupción de Hugo Chávez neste escenario leva de seu a forza dun furacán que puido conterse en 1992 cando á fronte de once batallóns de combate, e co apoio de estudiantes de esquerda da Universidade de Valencia, pretendía destituír pola forza ó Presidente constitucional, Carlos Andrés Pérez. Pero o furacán, amnistiado por Caldera, colleu empuxe e quedou en segunda posición nas eleccións lexislativas e rexionais de novembro de 1998. Nas do 25 de xullo de 1999 acadaba un triunfo arroiador. O Polo Patriótico que lidera, unha agrupación do Movemento da V República e varios partidos e personalidades independentes, acadou 120 dos 131 escanos en disputa. A abstención foi dun 50 por cento.

O programa político de Chávez (disolución do Congreso, nova Asemblea e Constitución, etc.) aplícase a marchas forzadas. Pero a economía é a gran materia pendente. Será difícil conciliar o seu programa coas recomendacións do FMI. Cando Caldera nomeou ministro de planificación económica ó ex guerrilleiro Teodoro Petkoff tamén quería tomar distancias coas receitas neoliberais, pero tivo que aplicar un severo plan de axuste. O novo Bolívar pecha un ciclo político pero abre non poucas incógnitas respecto ó futuro. Os venezolanos teñen garantido o cambio pero ¿que máis?

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/11/2001