Texturas Internacionais nº 2Volver ó sumario
Sempre no Mundo / Mundo chinés
 
Macau-China, suma e segue


Xulio Ríos
 

Cando aínda non se disiparon os ecos das grandes celebracións conmemorativas do cincuenta aniversario da fundación da República Popular, a China prepárase xa para realizar novos festexos. O 20 de decembro recuperará a plena soberanía sobre Macau, a derradeira provincia europea en Asia ou, en palabras de Jiang Zemin, Presidente da China, o derradeiro vestixio do colonialismo no Imperio do Centro. Desta forma, Beijing culminará o proceso de unificación continental, iniciado o pasado 1 de xullo de 1997 coa retrocesión de Hong Kong, para entrar no novo século ceibe das humillacións impostas no pasado polas potencias occidentais.

Aínda que resulta inevitable referirse a Hong Kong ao falar do enclave portugués, convén ter presente que ademais de case anecdótica en termos comparativos, toda a coñecida como cuestión de Macau atópase no polo oposto a Hong Kong e non soamente dende o punto de vista estrictamente xeográfico. En efecto, para comezar, o territorio, duns 17 Km2 –fronte ós 1.061 Km2 de Hong Kong–, é unha pequena península situada sobre o estuario do río Sikiang, que inclúe a cidade de Macau, as illas de Coloane e as dúas Taipa. A poboación non chega ó medio millón de habitantes –fronte ós case seis millóns de Hong Kong– e o PNB per cápita é de 16.840 dólares –en 1997– fronte ós 22.950 de Hong Kong –en 1995–.

As súas diferencias tamén son de orixe. Mentres no caso de Hong Kong, existe unha relación directa entre a agresión occidental e a humillación chinesa que obrigou ó Emperador a efectuar unha primeira cesión a perpetuidade, máis tarde completada coa península de Kowloon e os Novos Territorios por un espacio de 99 anos, no suposto de Macau, a natureza da relación é sensiblemente diferente pois, como no seu día significou o propio Mao, en ningún momento Portugal se viu involucrado nin nas guerras do Opio nin en guerra ningunha contra o Imperio chinés. Os portugueses conseguiron establecerse en Macau en 1557 co propósito de comerciar coa China e pagaban por iso un tributo anual –o chamado foro do chao–. En 1849, Portugal declarou unilateralmente a pertenza de Macau ó Imperio portugués, que a China acabaría por recoñecer en 1887, no Tratado de amizade e comercio. Pero a pesar dalgúns momentos de tensión, coa perspectiva actual, pode afirmarse que a soberanía real de Macau sempre pertenceu a China ou, como moito, atravesou breves períodos de ambigüidade durante os máis de catro séculos de presencia portuguesa. Dende 1979, ambas as dúas partes, de común acordo, definírono como un “territorio chinés baixo administración portuguesa”. E na Declaración Conxunta de Marzo de 1987 perfilábase xa o camiño da transición devolutiva.

Por outra banda, a diferencia de Hong Kong, o tecido económico de Macau vén determinado esencialmente pola presencia do lucrativo negocio do xogo, en boa medida en mans dun único home, Stanley Ho, o administrador da STDM –Sociedade de Turismo e Diverssoes de Macau–. Non ten a derradeira colonia portuguesa unha industria punteira ou, como se di no argot, internacionalmente competitiva, pero si dez casinos que son visitados anualmente por millóns de turistas, especialmente hongkoneses. O xogo atrae a uns seis millóns de visitantes ó ano e proporciona a metade das rendas da Administración. Os intentos de diversificación a través da implantación de manufacturas ou industrias transformadoras tiveron o seu mellor momento nos anos oitenta, pero na actualidade atópanse en crise. Iso reforzou o papel do xogo como sector refuxio e motor incuestionable da economía local. Apoiándose nesa secuela da historia que estableceu aquí unha fráxil separación entre o lícito e o ilícito, ó seu redor móvese o turismo e os servicios, pero tamén a prostitución, a droga e as sociedades ilegais vinculadas ás tríades.

No chamado Montecarlo de Oriente, a apertura de novas salas de xogo vén acompañada a miúdo de enfrontamentos entre as numerosas bandas do crime organizado. En 1997, por exemplo, a inauguración dun novo casino no hotel New Century, en Taipa, desatou toda unha gran refrega para reacomodar as subconcesións de explotación das salas. Soamente durante 1998 foron detidos uns 1.200 individuos por feitos delictivos relacionados coas tramas mafiosas. Todo o ano 1998 estivo marcado por diversos atentados do crime organizado contra funcionarios da administración e a detención de achegados líderes da secta 14K, unha das máis activas xunto coa Soi Fong. As mortes do motorista do secretario adxunto para a Seguridade, dun funcionario superior dos Servicios de Inspección de Xogos e dun garda de prisións foron algunhas das evidencias deixadas polo crime organizado, entre as que cabe destacar tamén o atentado frustrado contra o director da Policía Xudicial e outro no que resultaron feridos máis dunha ducia de periodistas e policías.

Algunhas fontes sinalan que a China podería, nun abrir e pechar de ollos, resolver o problema da criminalidade pero que non lle interesa porque abriga segundas intencións, principalmente, templar gaitas coas mafias e acurtar distancias en canto a niveis de desenvolvemento e estabilidade entre o Macau capitalista e o continente. Pero, á marxe da existencia ou non de acordos secretos para incorporar tan boiante negocio á magna causa da modernización chinesa, non debe resultar fácil desactivar un problema que se atopa tan incrustado no tecido económico e social desta peculiar cidade-Estado. Así mesmo, as concesións dos casinos rematan no ano 2003 e será entón cando o Partido Comunista terá que verse as caras coas sociedades secretas para decidir sobre a prórroga automática ou impoñer un novo reparto no que boa parte do negocio se traslade a mans continentais.

Por outra banda, é importante ter en conta que a influencia de Macau no conxunto da rexión é significativamente menor ó de Hong Kong. Mesmo corre o serio risco de verse fagocitado nun futuro non tan afastado pola notable capacidade de atracción da veciña Zhuhai, unha zona económica especial plenamente integrada no espacio de prosperidade creado no sur da China, arredor da provincia de Guangdong e da tamén zona económica especial de Shenzhen.

No político, máis quizais por simple desentendemento de Lisboa que como consecuencia dunha estratexia consciente, Macau contou cun nivel de autonomía administrativa, económico-financeira, lexislativa e xudicial importante en relación a Portugal. O máximo órgano de poder é o Gobernador, quen, con rango de Ministro, exerce plenamente a función executiva e algunhas de carácter lexislativo. É nomeado polo Presidente da República, ó igual que os seus secretarios adxuntos –non máis de sete– a proposta súa. A Asemblea Lexislativa está formada por 23 deputados, dos que 7 son nomeados polo Gobernador, 8 son elixidos directamente e os 8 restantes son elixidos indirectamente por catro circunscricións corporativas: empresarios (catro postos), traballadores (dous), profesionais (1), outros (1). Entre estes últimos cabe citar ás sociedades asistenciais, deportivas, culturais e educativas. O mandato dos deputados é de catro anos e o actual remata no ano 2001.

No Consello Consultivo, órgano que emite pareceres non vinculantes, o Gobernador nomea cinco dos seus dez vocais. Tamén o Presidente das Cámaras Municipais é designado directamente polo Gobernador. Por último, no ámbito xudicial, a xurisdicción portuguesa exércese a través da fiscalización por vía de recurso ante as instancias supremas da orde xudicial lusitana (constitucional, supremo, contencioso-administrativo e de contas).

Así as cousas, coa devolución á China os cambios non serán tantos. A fórmula un país, dous sistemas permitirá a Beijing asumir, a grandes trazos, o papel que ata a data veu desempeñando Portugal. Macau, ó igual que Hong Kong, será unha nova Rexión Administrativa Especial, con un gobernador que será nomeado pola China. O seu mandato será de cinco anos. Como en Hong Kong, a China asumirá tamén as relacións exteriores e a defensa e manterá o sistema económico e social do enclave por un tempo mínimo de cincuenta anos. Manterase a moeda –a pataca–, o porto franco e a consideración como territorio aduaneiro diferenciado. O primeiro gobernador será Edmundo Ho Hau Wah, presidente da asociación de banqueiros de Macau, nomeado a proposta dunha Comisión Electoral constituída de acordo coas instruccións dictadas polo Parlamento chinés. Edmundo Ho é descendente de Ho Yan, un histórico capitalista vermello falecido en Macau en 1983.

A Asemblea Lexislativa de Macau foi unha das primeiras en celebrar eleccións parcialmente directas en toda Asia, e sen embargo, agora, queda bastante atrás en relación a Hong Kong. Mentres na Lei Básica da ex colonia británica se contempla a elección da totalidade dos membros do Parlamento local mediante sufraxio directo como obxectivo estratéxico irrenunciable, en Macau óptase por unha evolución en tres etapas que non cuestiona o fundamento tripolar do Lexislativo. Na primeira nova elección non haberá modificacións; na segunda, pasarase de 23 a 27 membros, manténdose os 7 de designación polo xefe do Executivo e ampliándose os elixidos por sufraxio directo e indirecto ata dez cada un; na terceira etapa, dos 29 a elixir, 12 serán elixidos por sufraxio directo, manténdose as outras dúas cotas sen alteración. Dende as últimas eleccións celebradas en 1996, en Macau non hai un só deputado que non sexa de etnia chinesa.

O Leal Senado ou Cámara Municipal de Macau é unha institución relevante, sobre todo dende o punto de vista simbólico. Mantén ese nome dende o tempo en que a Coroa española exerceu a soberanía de Portugal (1580-1640). Macau foi a única praza do Imperio que rexeitou o dominio castelán. De aí que na simboloxía inscrita na bandeira municipal, a carón das armas da cidade, figure a frase “Cidade do Nome de Deus de Macau, Nao Há Outra Mais Leal”.

A precariedade das aspiracións políticas de Macau complétase coa inexistencia de partidos políticos. A participación social canalízase a través de máis de setecentas asociacións de diverso carácter que estableceron unha infraestructura paralela para dar cobertura ás necesidades dunha poboación chinesa, abafantemente maioritaria pero moi distanciada da administración portuguesa. En moitas delas o asistencialismo (con clínicas, hospitais, escolas, etc., da súa propiedade e para servicio dos seus asociados) é a nota determinante e a resposta ó esquecemento do poder público. Os chamados kaifongs, ou asociacións de residentes, son moi populares e proporcionan todo tipo de servicios esenciais á comunidade. Pola contra, nas asociacións deportivas, en especial nas de artes marciais, atópase o mellor viveiro para recrutar adeptos das sociedades secretas. Pero ó igual que non se preocupou de crear unha burguesía local, ben sexa chinesa, portuguesa ou simplemente macaense, capaz de inspirar dinámicas propias, Lisboa tampouco expresou o mínimo interese por facilitar a consolidación dun elemental pluripartidismo que, por outra banda, podería causarlle problemas nas súas relacións con Beijing.

Bastante tardiamente, como da democratización en Hong Kong, fálase agora do problema xudicial en Macau, aínda que non sen acerto, por suposto. Asegúrase que o xefe do Executivo (Gobernador) nomeará ós xuíces ou ó fiscal xeral do territorio. Sen embargo, nunca se cuestionou o exercicio da xustiza por uns maxistrados e avogados que non sabían falar o idioma chinés (a pesar de que a inmensa maioría da poboación fala este idioma) ou que non existan textos legais básicos, sequera mínimos manuais, traducidos a este idioma. Ata hai tres anos, por exemplo, nin un só dos maxistrados de Macau sabía falar a lingua local e non por iso deixaban de administrar xustiza para o conxunto dunha poboación que habitualmente se expresaba en cantonés. Para ser respectuosa coa aplicación do dereito vixente, a China deberá traducir milleiros de normas e de leis e instruír ós seus xuíces. Por outra banda, en canto ó sistema de nomeamentos, convén non esquecer que un mandato similar aplicaba o gobernador portugués asistido por uns Consellos cunha composición maioritariamente determinada polos nomeamentos dixitais do Gobernador. Quero dicir con isto que se pode reprochar a China que adopte, en relación agora a Macau como hai dous anos en relación a Hong Kong, un comportamento moi semellante ó da potencia colonial, pero non unha perversidade engadida simplemente por ter asumido certa idea de continuidade na xestión duns mecanismos moi pouco presentables, pero longa e tradicionalmente admitidos como válidos polos nosos países democráticos.

No ámbito das relacións bilaterais, cómpre destacar o bo entendemento entre Portugal e a China para facilitar a devolución. A diferencia de Hong Kong, onde as tensións se viviron ó minuto e ata o último momento, Portugal, movido sobre todo pola preocupación de dar un final non traumático ó seu imperio de ultramar, procurou eludir o enfrontamento. Ao comezo das negociacións na Residencia de Hóspedes oficiais Diaoyutai, ensaiou por primeira e única vez unha táctica dilatoria (propoñendo o atraso da devolución ó ano 2017 por problemas de falta de “preparación”) seguida dunha cesión tras outra. Paradoxalmente, esa actitude posibilita que hoxe na China estean vixentes, cando menos formalmente, convenios internacionais en materia de dereitos humanos que non o están en Macau.

Nada estraño, en todo caso, se temos en conta a tradición histórica de Portugal na zona. Cóntase que cando en 1793, o emperador Qianlong recibía a Lord McCartney, o británico resistíase a efectuar o rigoroso katow (tres xenuflexións e tres postracións, coa fronte dando nove golpes no chan) ante o Fillo do Ceu, quen mandaba entre os homes e os deuses. Ante a negativa do enviado da Súa Maxestade a efectuar a reverencia e do Emperador a admitir a súa “insolencia”, cincuenta anos despois terían que resolver o desencontro a través dunha guerra con resultados coñecidos e humillantes para a China. Pero mentres, na mesma Corte, o xesuíta portugués Bernardo de Almeida presidía o Tribunal das Matemáticas de Beijing, adiviñaba as lúas e as mareas, preparaba o calendario do Emperador e cada vez que se atopaba con el non cesaba de efectuar o katow.

Pero a actitude de Portugal ía máis alá da mera adaptación ó entorno. En primeiro lugar, non dubidou en situarse do lado do poder imperial nos conflictos internos, como durante a revolta Taiping, un dos maiores levantamentos campesiños da historia chinesa. En segundo lugar, distanciándose das demais potencias occidentais, partidarias da presión, xogando a unha neutralidade que privilexiaba o diálogo coas autoridades locais e a equiparación nas vantaxes arrancadas pola forza polas potencias occidentais. O desmarque de Portugal obedecía ó seu intento de evitar unha maior presencia estranxeira que, de callar, cuestionaría sensible e negativamente a súa privilexiada posición na zona. Antes das guerras do Opio, manexaba en exclusiva a relación do Imperio Celeste co mundo. Agora tería competencia. Ademais, as dificultades económicas e militares impedían a Portugal desempeñar un papel tan agresivo coma o exercido por Gran Bretaña e outras potencias.

Os problemas bilaterais centráronse no destino dos empregados públicos, do sistema de pensións, da oficialidade da lingua portuguesa, cuestións orzamentarias, emisión de moeda local por parte do Banco da China, permanencia de Macau nas organizacións internacionais, festas oficiais entre o 20 de decembro e o 31 de decembro de 1999, e algunhas de maior interese coma o problema da nacionalidade. Basicamente, Portugal ocupouse dos seus, unha inmensa minoría que non chega a representar o 20 por cento da poboación. Pero, a pesar de que a poboación portuguesa non supera os 10.000 habitantes, atopouse con 106.000 pasaportes portugueses. A China non lles atribúe maior transcendencia que a dun simple documento de viaxe e advertiu que non haberá cambios na inadmisibilidade da dobre nacionalidade. A partir do día 20 de decembro de 1999, eses 96.000 cidadáns chineses perderán o seu status portugués e todo dereito inherente a esa condición.

Para compensar a boa disposición de Portugal, a xenerosidade chinesa centrouse no económico, sobre todo, inxectando diñeiro para financiar as importantes obras públicas en curso (construcción dun novo porto, aeroporto, unha segunda ponte, etc), infraestructuras que sen o seu concurso non serían viables para unha economía que durante o pasado ano experimentou un crecemento negativo.

Comprometerse a manter o actual sistema económico e social de Macau di ben pouco a favor das preocupacións sociais de Beijing. As desigualdades son moeda común nun enclave no que tradicionalmente, e sobre todo dende o tempo da Revolución Cultural, a China exerce unha enorme influencia a través principalmente dos comités sindicais. Baixos salarios (a retribución media ascende a unhas 2.000 patacas ó mes, menos de 200 dólares); elevadísimas xornadas laborais que poden superar mesmo as dez horas diarias; inexistencia de servicios sociais de carácter público e claros desequilibrios nun mercado inmobiliario no que a penetración das mafias resulta cada vez máis plausible, son bos exemplos das graves carencias sociais. Pese a iso, as tremendas desigualdades de Macau non formaron parte da axenda do Grupo de Ligaçao Conjunta que durante anos tratou pormenorizadamente todos os aspectos do proceso de transición e do futuro duns e doutros. Coas asociacións patronais e sindicais controladas por Beijing, Portugal sempre eludiu o asunto e para a China o prezo dunha equívoca paz social non semella ter límites.


Importancia de cara a Taiwán

Tres vós diarios unen a Macau con Taiwán. Os intercambios comerciais e educativos son importantes, ó igual que a presencia económica taiwanesa que xa controla directamente máis da metade da superficie do seu solo industrial. Beijing non pretende de ningunha maneira debilitar estes vínculos, senón potencialos na medida en que sexa posible. En Macau, ó igual que en Hong Kong, a China pretende explicitar supostos que poidan servir de referencia a Taiwán e de observación privilexiada para o conxunto da comunidade internacional. Dunha banda, experimentar formas de organización política e administrativa que poidan subsistir nun conxunto substancialmente diferente e sen que erosione a natureza do poder político global; doutra, evidenciar a súa flexibilidade, a súa capacidade de respecto á diferencia e a carencia de fundamentos de quen opina que a China acabará por impoñer pola forza o seu peculiar modus vivendi.

A ausencia de sobresaltos é a característica en Hong Kong camiño de cumprirse o primeiro trienio da súa desvinculación de Gran Bretaña. Agora Macau proporciónalle un novo impulso ó empeño unificador. Pero o obxectivo esencial de Beijing é a illa de Taiwán, que sen abandonar a ambigüidade en relación á unificación, cada día que pasa presenta novos obstáculos e resistencias, de forma e contido.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/11/2001