|
Votou Irlanda toda. Partida en dous dende 1921, por primeira vez podían facelo todos xuntos. No sur,
unha reforma constitucional para renunciar formalmente ó obxectivo da reunificación da illa. No norte,
para dar a conformidade ó denominado Acordo de Stormont que contempla un proceso de paz e o deseño
dun armazón institucional que satisfai inicialmente ás maiorías católica e protestante,
nacionalistas e unionistas.
Cunha participación do 81,10 por cento, nos seis condados do Norte os votos afirmativos superaron o 71
por cento dos sufraxios; nos 26 condados do Sur, a participación foi menor, un 55,59 por cento, pero cun
resultado esmagador: 94,39 por cento votaron si. Non se cumpriron os vaticinios de que o acordo sería aprobado
por unha pequena marxe. O referendo do 22 de maio resultou un grande éxito. O próximo 25 de xuño,
a maioría do Ulster histórico elixirá unha Asemblea lexislativa de 108 membros. Gerry Adams,
líder do Sinn Fein, proponlle a John Hume, do Partido Socialdemócrata, unha alianza de todo o nacionalismo
irlandés.
Se en Dublín o goberno de Bertie Ahren amosou a receptividade necesaria para que Stormont callase en
acordo, cómpre sinalar que os principais líderes do Ulster, a excepción de Ian Paisley, sen
superar as divisións do pasado que seguen a estar presentes, comprenderon sen dúbida o cambio de
situación e decidiron a conciencia transformar os riscos en oportunidades para a paz. Mentres pequenos grupos
anunciaban a súa intención de non renunciar ó uso da violencia, as figuras máis emblemáticas
do IRA apoiaron as teses de Gerry Adams.
O acordo de paz sobre o Ulster pecha unha conflictiva etapa e un longo proceso de negociacións entre
Belfast, Londres e Dublín. Encetamos un novo escenario político que abre grandes oportunidades para
a paz en Irlanda. O acordo do Venres Santo é un comezo que cristaliza e solidifica as múltiples vontades
de renuncia á violencia das diferentes partes, asumindo todos o firme compromiso de aceptación da
posibilidade de introducir cambios políticos substanciais pola vía democrática e pacífica.
Quedan flocos por resolver e moitas dificultades por sortear, pero sen dúbida o vello contencioso irlandés
mudou radicalmente a súa faciana.
O acordo de paz leva implícito o xerme dun novo e rico período noutra dimensión: a busca
de innovadoras fórmulas políticas que recoñezan o pluralismo nacional e permitan o exercicio
dunha maior soberanía por parte das nacións históricas do vello continente. Un proceso, polo
seu calado e repercusións, de tanta envergadura no político como a entrada en vigor do euro no ámbito
económico e monetario.
¿Que cambiou para ser posible agora este acordo de paz? Deberamos tomar en consideración tanto
factores externos como internos. No que atinxe ó primeiro, cómpre destacar o papel da mediación
estadounidense. Sabido é que Washington, autoelixido gardián da nova orde mundial, ten designados
mediadores para algúns dos máis revesgados conflictos do mundo actual –James Baker, para o conflicto
saharauí; Richard Holbroke, para o conflicto bosníaco; Stephen Solarz, para o conflicto camboxano;
Denis Ross, para o conflicto árabe-israelí, etc–. En Irlanda, Bill Clinton, que chegou a implicarse
directamente na campaña a prol do si, tiña ademais a oportunidade de colmar as expectativas dun importante
colectivo electoral, os amigos de Irlanda en Estados Unidos, semellante en importancia ás comunidades hispana
ou xudea. O acordo de paz para o Ulster, logrado coa mediación do ex senador estadounidense George Mitchell,
significa un importante éxito político para a Casa Branca que lle vén que nin pintado á
deteriorada imaxe presidencial.
Doutra banda, os cambios acontecidos en Europa dende finais dos anos oitenta, aquela primavera das nacións
na Europa do Leste, observada dende algúns sectores nacionalistas como o “cabalo de troia da OTAN para a
destrucción do socialismo ir-real”, acabaría por repercutir, como xa daquela diciamos algúns,
na dinámica política dos Estados de Europa Occidental. Desaparecido o vello inimigo, sen a vertixinosidade
da caída do muro de Berlín pero igual de inexorablemente, habían rexurdir con forza e novos
matices os vellos problemas. Pero a marxe de imaxinación política e de flexibilidade dos diferentes
actores resultaría infinitamente maior para atopar solucións negociadas e susceptibles de volatilizar
as vellas fronteiras. Irlanda, “a nación máis interesante do mundo para os galegos” segundo afirmaba
en Céltiga Plácido Castro, constitúe un destacado episodio deste proceso, pero de seguro non
será o único.
No ámbito interno, cómpre destacar a profunda renovación política que inspira o
mandato de Tony Blair. Irlanda, un motivo constante de discordia e dificultades para Inglaterra, non é un
caso illado. Os referendos celebrados en Escocia e Gales no pasado setembro, con esa firme aposta, dende Downing
Street, pola creación dos seus propios Parlamentos, son unha mostra clara do inicio dunha nova era en Londres
que tenta recuperar o vello discurso tradicional británico dun máis efectivo recoñecemento
da diversidade nacional do Estado, a cambio dunha máis diluída lealdade que se prolonga ata Bruxelas.
Os escoceses contarán ademais con competencias importantes en numerosos dominios e principiarán unha
relación privilexiada coa Unión Europea, cualitativamente moi superior á de calquera outra
rexión dun Estado occidental.
O acordo de paz representa un novo paso nesa fonda reestructuración política de Europa, dos seus
estados e nacións, que abre novas expectativas para a busca de solucións políticas a outros
contenciosos, que nega a transcendencia última da violencia e atina ó considerar que, no contexto
histórico actual, o binomio acción-represión, como mecanismo para a obtención de maiores
niveis de poder político, está condenado ó fracaso. A vía pacífica e democrática
permite acadar hoxe máis e mellores resultados.
Esa Galicia, nacionalidade histórica, cunha tradición galeguista que observou sempre con admiración,
entusiasmo e simpatía as reivindicacións irlandesas, debe igualmente enriquecer a súa vida
política sumándose con ilusión a esa locomotora que renova Europa dende os seus cimentos.
|