Texturas Internacionais nº 2Volver ó sumario
Sempre no Mundo / Mundo chinés
 
Hong Kong, oportunidade histórica


Xulio Ríos
 

A próxima recuperación da soberanía sobre o enclave de Hong Kong porá fin a un período histórico asociado coa decadencia e a crise do vello Imperio do Centro. Os dirixentes chineses teñen a oportunidade de consolidar en Hong Kong unha nova etapa de prosperidade se conseguen disipar algunhas incertezas que hipotecan este peculiar camiño de volta á grandeza perdida.

A China contempla a recuperación de Hong Kong dende unha triple perspectiva. En primeiro lugar, histórica, como foi sinalado. En segundo lugar, económica, pois a todas luces conseguirá incrementar substancialmente o seu poder comercial e financeiro. Baste un dato: segundo a axencia Zhongtong, en 1996, a suma das cifras do comercio exterior da China, Hong Kong e Taiwán, era lixeiramente inferior á suma do comercio exterior de Estados Unidos e Alemaña. E en terceiro lugar, político, tanto polo que se refire á concreción desa obsesiva política de unificación coas miras postas en Macau (1999) e Taiwán, como tamén en orde á consolidación interna do poder de Jiang Zemin, o sucesor de Deng.

Calquera crítica nosa á actitude adoptada polos dirixentes chineses en relación ó traspaso da soberanía debera iniciarse cunha autocrítica, en exceso ausente. Parece primar unha certa nostalxia pola “perda” de Hong Kong. Isto carece de sentido. De entrada, todo demócrata debera celebrar o final dunha situación que ten a súa triste orixe, non o esquezamos, no narcoimperialismo británico do século pasado. Pero esta é unha fin de milenio paradoxal e ás veces dá a impresión de que tamén calquera colonialismo pasado foi mellor... A devolución é un acto de xustiza histórica. E esa tardía preocupación por un futuro democrático no enclave, máis alá da súa sinceridade real, é comprensible que se observe desde Beijing como un acto de oportunismo. Cando os nosos desvelos nese sentido son tan recentes como as conversas sobre a devolución, con aquela tímida excepción do goberno laborista de 1946, pretender dar leccións de democracia é cando menos para ruborizarse. E deberamos aceptalo honestamente. ¿Implica isto negar a necesidade de esixir o respecto dos dereitos máis elementais? Por suposto que non.

Obxectivamente observado, de canto aconteceu ata a data no proceso de negociacións chino-británicas, desavinzas incluídas, nada está fora do normal. A China terá os seus problemas con algúns sectores políticos e poucos medios de comunicación, cos refuxiados, co tema non suficientemente claro da cidadanía, coas mafias e a criminalidade, coa corrupción... pero a transición xa está realizada no esencial. No político, aínda que non se producirá o desexado “tren directo”, a maioría do parcialmente democrático Consello Lexislativo británico (33 membros, incluído o seu presidente) aceptou integrarse na Asemblea provisional que se reúne na contigua cidade de Shenzhen. Tung Chee-Hwa, o novo gobernador, e membro daquel Consello ata o pasado amo, simboliza esa certa continuidade. No económico, as garantías parecen maiores: Hong Kong manterá a súa propia moeda e cotizarase en función do dólar USA; Beijing non recadará impostos en Hong Kong; permanecerá como porto franco e territorio aduaneiro diferenciado; os inversores de Hong Kong no continente gozarán das vantaxes reservadas ós inversores estranxeiros, etc.

Non poucos analistas e observadores consideran que a actitude chinesa a propósito da observación das formas democráticas (principalmente o Acta de 1991 e o paquete de medidas introducidas por Patten) constitúe o principal perigo para a estabilidade futura de Hong Kong. Non o creo así. Basta con lembrar os niveis de inscrición e de participación electoral nos comicios de 1991 e 1995. Unha cousa é a proxección de determinados actos nos nosos televisores e outra a incidencia social real no contexto en que se producen. Desgraciadamente, a sociedade civil hongkonesa dispón de bases aínda moi febles.

O mantemento da súa actual condición de centro financeiro e comercial de primeira magnitude dependerá en boa medida de moitos outros factores: a evolución das relacións China-Estados Unidos, o seu segundo socio comercial dende 1996; a actitude dos países occidentais e do mundo financeiro internacional; do asentamento ou non dos rivais estratéxicos promovidos tanto pola propia China –Shanghai– como por outros países do Sueste asiático. En definitiva, o futuro de Hong Kong será un ou outro sobre todo en función de que prevalezan nas actitudes de Occidente en relación a China políticas de contención ou de integración, de se aceptamos ou non que o seu proceso de modernización poida darse, cando menos no inmediato, sen a esixida occidentalización. E esta é a cuestión principal que aínda non foi definida de todo.

Na China proliferan os best-sellers que proporcionan os argumentos dun novo nacionalismo, non necesariamente agresivo, aínda que si orgullosamente civilizador; en Estados Unidos, Bernstein e Munro converteron en éxito editorial a súa “teorización” sobre un inminente conflicto coa China. A hipotética “ameaza” chinesa está á orde do día. Demasiado sensacionalismo. A xeneralización irracional e infundada dese discurso pode provocar o incremento das actitudes defensivas e un indesexable distanciamento. En Hong Kong traduciríase en interpretacións aínda máis restrictivas do exercicio dos dereitos e liberdades civís, nunha atmosfera máis asfixiante do inicialmente previsto. E non só porque se discrepe do criterio do monopolio universalista occidental, senón por un crecente medo a que desde os mesmos países que non hai tantas décadas agrediron a China se intente sabotar agora o seu exitoso proceso de modernización.

Hong Kong non é soamente unha oportunidade para China. Tamén Occidente debía aproveitala para acentuar as bases dunha política de integración de China no concerto internacional.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/11/2001