|
Esa imaxe de Gorbachov, o ex presidente soviético, anunciando unha cadea de pizzas, provoca múltiples
reaccións encontradas e incita á reflexión. Para uns significaría a total confirmación
do Gorbachov que queren ver, o converso ó “marketing” do mercado; a asociación diabólica do
“liquidador do socialismo” coa propaganda do capitalismo máis chocalleiro (¡aínda se anunciase
un Viceroy!); para outros, quizais menos ideoloxizados, é unha imaxe simplemente patética que deixa
á altura do betume o último símbolo do, noutro tempo, inmenso poder da URSS.
Resulta difícil imaxinar, nas súas condicións ou similares, a algún ex presidente
nalgún país civilizado ou minimamente normal, afrontando unha situación así. Quen máis
quen menos, se desempeñou un cargo desa natureza, ben por inclinación propia ou por previsión
institucional, procura ou ten garantida a mínima dignidade para o futuro. É unha cuestión
de prestixio, de respecto, de autoestima do propio país. En boa lóxica, con máis razón
na Rusia de hoxe que galopa á sombra do Fondo Monetario Internacional, se, como din algúns, Gorbachov
foi o principal axente ó servicio do inimigo exterior encargado de dinamitar a URSS para entregala ó
Occidente e á OTAN.
O drama de Gorbachov é que quedou totalmente só. Tanto recibimento masivo, tantos aplausos en
tantos países do mundo, tantas conferencias millonarias en Universidades americanas, tantas vacacións
en Mallorca, para, ó final, tan desesperado como desprovisto de egoísmo, verse na obriga de deixar
utilizar a súa imaxe co obxecto de recadar os fondos necesarios para asegurar a permanencia e actividades
da Fundación que dirixe. Parece o colmo da falla de previsión. Non tivo a precaución de abrir
unha conta en Suíza; nin cultivou proveitosas relacións con líderes políticos ou empresariais
occidentais; nin tampouco debeu cobrar substanciosas comisións ou subornos a cambio dos seus servicios.
“Soamente os mediocres pensan en todo”, dicía Balzac. Simplemente, aplicouse ó estudio e sistematización
dun dos períodos máis decisivos da historia recente, consciente de que documentar eses días
difíciles da URSS é dunha importancia capital para a memoria de Rusia e universal, para as próximas
xeracións, evitando que se reduza a unha mera destilación do rumor.
Que en Rusia se lle dean as costas pode ser ata comprensible. Virounos contra unha realidade depauperada; tivo
a valentía de desenganalos; personificou a incapacidade para unha mudanza positiva; concentrou, en definitiva,
as iras de todos, aínda que é menor a súa responsabilidade no entreguismo do país ás
mafias e ós ogros universais. Mellor destino tiveron moitos dos seus ex colaboradores que hoxe, plenamente
reconvertidos, están instalados na alta política ou nos negocios, ben en Rusia, á sombra de
Ieltsin, ou nalgúns dos novos Estados postsoviéticos.
Pero ¿cómo é posible tanta ingratitude de Occidente? Simplemente organizando unha “cea
de notables” poderían recadar o millón de dólares pagado por Pizza Hut. Probablemente o que
non se lle perdoa é ese empeño exasperante na reconducción do socialismo. A Gorbachov tiveron
que quitalo do medio porque insistía con igual forza tanto na denuncia dos atropelos do stalinismo coma
na necesidade de acadar un estado de dereito socialista, un sistema de economía mixta, unha nova síntese
de democracia, xustiza e benestar. E a Occidente o que lle interesaba era aproveitar aquel momento de debilidade
e confusión para destruír a URSS e o bloque soviético, e por iso nunca se decidiron a apoiar
activa e seriamente ó “indeciso” Gorbachov. Necesitaban a Ieltsin, un alcohólico manipulable, sen
proxecto nin ideas; un tipo patético conservado en vodka. Nas súas memorias, Gorbachov ironiza sobre
a sensación de estar sometido a un permanente exame de credibilidade democrática por parte dos líderes
occidentais, mentres que Ieltsin é presentado como o principal valedor das liberdades en Rusia, aínda
que bombardee un Parlamento ou practique un brutal xenocidio en Chechenia.
¿É correcta a decisión de Mijaíl Sergueievich? “Son as circunstancias as que deciden
o ben e o mal”, dicía Maquiavelo. Vexo o “spot” como unha denuncia, como unha reivindicación chea
de sentido fronte ó silenciamento, a ingratitude e o arredismo. Quen siga as declaracións de Gorbachov
nos últimos anos decatarase de que segue sendo coherente co seu pensamento; segue imaxinando un socialismo
humanista e democrático; critica o neoliberalismo e evidencia as lagoas da hexemonía americana. ¿Está
fóra do tempo ou o seu tempo aínda non chegou? Cómpre reivindicar a Gorbachov.
|