|
Esa é a triste e inevitable impresión que un leva cando observa como outros tratan dos problemas
nacionais realmente existentes no mapa continental europeo. A estes efectos, no Estado Español, por exemplo,
soamente contan Catalunya e o País Vasco. Galicia é un reducto conservador e pouco máis. Mentres
Pujol designa un Secretario de Asuntos Exteriores, a Xunta de Galicia fai o propio nomeando embaixador do Xacobeo
93 a un cantante afincado en Miami e habitual peregrino da Casa Simón de Cangas. ¿Non podemos aspirar
a outra cousa?
Situación tan particularmente adversa é consecuencia dun vello problema. Tamén nisto Castelao
amosou a súa particular clarividencia. Hai máis de cincuenta anos escribía no Sempre en Galiza:
“Eu son fillo dunha Patria descoñecida porque ninguén soubo dar sona e creto internacional ás
nosas reivindicacións patrióticas”. ¡Que pouco avanzamos dende aquela! Aínda así,
asumindo as limitacións de todo tipo propias da época que lles tocou vivir, xusto é recoñecer
que as Irmandades da Fala primeiro, e os galeguistas republicanos despois, desenvolveron unha importante actividade
para incorporar a Galicia á comunidade universal dos pobos e conseguir o recoñecemento exterior da
nosa particularidade e, polo mesmo, do dereito a exercela sen máis limitacións que as libremente
consentidas. A participación naquel Congreso de Nacionalidades Europeas (Berna, setembro de 1933) é
un fito aínda non superado. A importancia desta carencia nosa como país agrávase en momentos
históricos como o actual, no que os problemas nacionais ocupan un dos epicentros básicos da evolución
política europea. Sen que Galicia conte.
Pero situados no tempo presente, non se trata só de que Galicia non exista. Tamén semella estar
á marxe. Por primeira vez en moitas décadas xurdiron no mapa europeo novos Estados e todos nós,
camuflados no coro das lamentacións, parece que o sentimos. Iso si, silenciosamente, para non provocar estridencias
ou, como profetas do mal, recorrendo a pasadas historias fóra de lugar no actual contexto. Nada se repite
do mesmo xeito. Probablemente outra cousa sería se en vez de Iugoslavia, Checoslovaquia ou a antiga URSS
fosen outros os puntos de referencia. Pero, guste ou non, hai que aceptar o evidente. Nin aqueles sistemas eran
a vía para o socialismo, nin permitiron a solución dos problemas nacionais. ¿Por que non facemos
un esforzo para entendelo? ¿Por que o nacionalismo galego organizado non se preocupa de establecer un diálogo
directo coas forzas políticas, do poder e da oposición, coas organizacións sociais representativas
desas novas realidades?
Galicia non quere aproveitar a inundación para tentar saír aboiando. Hai mesmo quen pretende vender
esa pasividade como unha virtude, algo así como a máxima evidencia dunha vocacional e indiscutible
sabedoría popular. Todo está demasiado confuso, dise, demasiado revolto como para optar por algún
camiño. Pero ninguén semella estar interesado en algo tan simple como escoitar versións de
primeira man que nos acheguen a comprender as razóns daquel fracaso, os perigos ou as posibilidades da actual
situación. Prevalece a ideoloxía.
A responsabilidade do nacionalismo organizado por esta inhibición é moi grande. Non se trata de
falta de medios, de limitacións internas derivadas da ineludible atención ós numerosos problemas
do país, senón esencialmente dun problema de vontade política. A maior parte dos sectores
do nacionalismo avalían moi negativamente a eclosión nacionalista do Leste por motivos estrictamente
ideolóxicos. Dáse incluso o paradoxo de que os máis firmes partidarios da independencia de
Galicia son pro-PCUS e acusan ós nacionalismos de destruír a URSS (¿mellor roxa que rota?).
Coido que correctamente sempre se considerou que o éxito do nacionalismo galego dependería, entre
outras cousas, do éxito de movementos similares noutras partes do Estado ou de Europa. Pero saltou a lebre
onde menos se agardaba e non saímos do noso asombro.
Galicia non figura nos mapas das nacionalidades de Europa occidental. ¿A quen lle corresponde remediar
esta situación? ¿Que se fai nese sentido? Urxe definir unha política exterior do nacionalismo
galego que nos permita concluír a década sen a terrible carga histórica que referira Castelao.
¿Cales poderían ser os seus eixes principais? En primeiro lugar, unha orientación ibérica
con tres polos de referencia: as outras nacionalidades, Portugal e o propio Estado Español. Cómpre
revitalizar Galeuzka. Non podemos permitir que Galicia quede descolgada de procesos tan inmediatos como a reestructuración
efectiva do Estado. Como tampouco é admisible que o nacionalismo galego consinta sen máis que forzas
estatais implantadas en Galicia controlen por diversas vías as relacións co país veciño
e irmán. Todo iso obrigará inevitablemente a configurar unha política específica cara
ó propio Estado español.
Unha segunda orientación de carácter europeo cun dobre sentido: comunitario e continental. O primeiro
para incrementar a influencia no espacio económico e político no que estamos integrados, procurando
esa voz que o país precisa para unha mellor e máis eficaz defensa dos seus intereses. Pero tamén
continental, porque a política do nacionalismo galego debe ser unha política aberta, solidaria cunha
Europa íntegra e integral, na que todas as súas nacións poidan cooperar libremente. Son principios
xerais que deberemos concretar pragmática e minuciosamente en cada momento, diferenciando entre o alternativamente
desexable e o inmediatamente posible. Non son suficientes as proclamas de carácter xeral. Cómpre
achegar visións claras e socialmente perceptibles como realizables e beneficiosas aínda nun contexto
adverso.
E finalmente, unha orientación universal que reflicte a posición e a participación do nacionalismo
galego no debate dos problemas mundiais: a ecoloxía, as desigualdades, a débeda externa, o desarmamento,
a atención á problemática do terceiro mundo, etc. sen esquecer que nomeadamente, no problema
da emigración, existen numerosos elementos de intersección con outras esferas da acción política,
pero que deberan ser conducidas e coordinadas a este nivel.
Unha triple orientación básica que debe corresponderse coa pluralidade ideolóxica existente
no nacionalismo galego (e particularmente no Benegá), primando a defensa dos intereses de Galicia, a solidariedade,
privilexiando as coincidencias sobre as diferencias, e afrontando unha política de intercambio sen exclusividades
e pluridimensional, como corresponde á realidade dun país e dunha sociedade que é traballo,
é campo, é cultura, é idioma. Non soamente o destino dun camiño. Por razóns
da propia estructura política e social do noso país, as forzas políticas integrantes do nacionalismo
deberán asumir en máis dun caso o sacrificio da súa propia política partidaria para
corresponder ás demandas históricas da nación. Ninguén máis ca nós pode
estar por este labor.
Medra a lexitimación política interna e as expectativas, pese ós problemas, non son pesimistas.
Esa situación pode favorecernos. Pero sería un erro pensar que todo depende desa circunstancia. Precisaremos
sempre do apoio, a comprensión e a solidariedade doutros movementos. Non desperdiciemos a ocasión
que se nos brinda. Galicia pode e debe existir. É un reto histórico que a nosa xeración debe
superar.
|