Texturas Internacionais nº 2Volver ó sumario
Sempre no Mundo / Acción exterior de Galicia
 
Galicia e Norte de Portugal, construíndo Europa


Xulio Ríos
 

O proceso de integración económica xerou unha nova dinámica nas relacións entre os axentes institucionais, económicos e sociais en Europa. Un escenario privilexiado dese proceso é o constituído sen dúbida ningunha pola chamada cooperación transfronteiriza, un marco xeral de ámbito eurorrexional que contextualiza e vertebra mecanismos de intensa proxección económica, social e cultural, acumulando un enorme potencial de desenvolvemento e grandes oportunidades de futuro.

A eurorrexión económica integrada por Galicia e o Norte de Portugal constitúe un excelente exemplo. Á proximidade xeográfica, ó compartir un tronco histórico común ou ás coñecidas afinidades culturais ou lingüísticas, únese a complementariedade como nota característica dominante que facilita a superación das mutuas desvantaxes que ambas as dúas rexións acumulan de forma individualizada, conseguindo establecer, nun marco de entendemento, unha plataforma territorial susceptible de xerar enerxías suficientes para competir nese contexto de crecente globalización e internacionalización da economía.

Na actualidade, as áreas fronteirizas de Galicia e do Norte de Portugal constitúen os espacios de maior concentración demográfica e de maior dinámica de toda a fronteira luso-española, contribuíndo en gran medida á integración ibérica e a gran distancia dos procesos de aproximación en curso coas rexións de Castela-León, Extremadura ou Andalucía.

Mentres o Norte de Portugal se caracteriza por ser unha rexión fortemente industrializada, Galicia é máis dependente do sector agrícola. Se Galicia presenta un perfil baixo no seu crecemento demográfico, cun notable envellecemento da súa poboación, no Norte de Portugal, a poboación é notoriamente nova (preto do 40 por cento ten menos de 25 anos). No veciño luso, máis do 42 por cento da poboación activa está ocupada no sector industrial (en Galicia, o 30 por cento, semellante á media europea) e cunha forte incorporación da muller ó mercado laboral (case o 50 por cento, catro puntos por riba de Galicia). A economía do Norte de Portugal ten un maior peso relativo da industria, máis baixa presencia do sector primario e unha menor terciarización. Comparativamente, no Norte de Portugal a taxa de actividade é moi alta (59,2 por cento) e o desemprego moi reducido (5,8 por cento e do 10 por cento entre a poboación menor de 25 anos, cando na Unión Europea ascende ó 21,6 por cento).

O proceso de aproximación da economía da rexión Norte de Portugal coa media comunitaria foi moi acelerada nos últimos anos, pasando o PIB per cápita do 49 por cento daquela en 1983 ó 62 por cento en 1993. Se en 1986 representaba o 93 por cento do PIB galego, dez anos máis tarde xa conseguía igualarse. Ambas están incluídas entre as rexións Obxectivo 1 da Unión Europea, xa que o seu nivel de renda por persoa é notablemente inferior ós dous tercios da media europea.

Na eurorrexión existen aproximadamente unhas 70.000 empresas que empregan algo máis de un millón de traballadores (14,6 por cento do emprego existente na península). É un territorio cun PIB similar ó de Chile ou de Venezuela. O territorio constituído polas dúas rexións ocupa unha superficie total de 51 mil Km2 (maior que Dinamarca ou Suíza) e concentra unha poboación superior a 6 millóns de habitantes (máis que Irlanda, Noruega ou Dinamarca). O espacio conxunto acadou como media no período 1994-96 un PIB de 67.000.000 de euros, repartido entre a rexión Norte de Portugal e Galicia en proporcións de 56/44 por cento, fronte a 54/46 por cento en 1986.

Pensar e actuar en clave de eurorrexión permite a Galicia imaxinar a superación dalgunhas importantes desvantaxes de partida que hipotecan o seu futuro (déficit de infraestructuras, atomización productiva, baixa taxa de urbanización e hábitat disperso, mercado reducido), ofrecendo o horizonte dun mercado natural de maior tamaño, un singular apoio para a culminación das súas infraestructuras de todo tipo (rodoviarias, ferroviarias, gasísticas, enerxéticas, de telecomunicacións, etcétera) e un contexto de cooperación para impulsar o proceso de internacionalización das nosas empresas e o acceso a novos mercados rexionais en formación ou en funcionamento, tanto en América Latina como en Asia, África ou na Europa do Leste.

O espacio Galicia + Norte de Portugal incorpora tamén un notable grao de apertura ó exterior, máis acentuado do lado portugués. As exportacións concéntranse en material de transporte (automoción, sector naval) no caso de Galicia e téxtil-calzado no Norte de Portugal.

Nos últimos anos, os intercambios comerciais entre Galicia e Portugal amosaron unha evolución exponencial. Os 474 millóns de euros de 1992 cuadriplicáronse ata acadar unha suma total de 1.564 millóns de euros en 1998. Portugal é o segundo cliente de Galicia, mercado que adquiriu o 20 por cento das vendas galegas no exterior, e, á súa vez, é o segundo provedor, xa que subministra o 8 por cento das compras foráneas de Galicia.

Ambas comunidades comparten ademais problemas similares coma o da pesca. Non hai que esquecer, sinala o profesor Souto, coordinador do libro Geografía del Eje Atlántico, que unha de cada catro toneladas de pesca que se xeran na Unión Europea ten a súa orixe na flota portuguesa ou na española e, dentro desta última, Galicia ocupa un lugar privilexiado en canto a volume. As dificultades provocadas polo esgotamento biolóxico dos recursos pesqueiros ou a ampliación da soberanía ata as duascentas millas mariñas sobre caladeiros nos que portugueses e galegos pescaban sen dificultades (Namibia, Terranova, Gran Sol, etcétera) converteu a supervivencia do sector nun desafío compartido. Baste lembrar o chamado caso do fletán, no que Canadá secuestrou un pesqueiro en augas internacionais, e a manifestación cidadá que mobilizou a milleiros de vigueses e que contou coa significativa presencia do alcalde de Porto.


Todo comezou con Europa

Ao pouco tempo de producirse o ingreso de Portugal e España nas Comunidades, asinouse o protocolo de colaboración entre ambas rexións que culminaría en 1991 coa sinatura do Acordo Constitutivo da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, un mecanismo institucional establecido ó abeiro do Convenio Marco europeo sobre Cooperación Transfronteiriza entre Comunidades e Autoridades territoriais do Consello de Europa, co respaldo das administracións comunitaria, española e portuguesa e co obxectivo fundamental de estimular e coordinar a cooperación transfronteiriza e interrexional para promover o desenvolvemento conxunto de ambas as dúas rexións nun espacio europeo sen fronteiras.

A Comunidade de Traballo selecciona conxuntamente as propostas de proxectos que se presentan para ser financiados polos Fondos Estructurais, á vez que coordina a xestión dos proxectos financiados con cargo á iniciativa comunitaria INTERREG I (1991-93) e INTERREG II (1994-99). A achega principal de INTERREG consiste no feito de que por primeira vez un montante específico dos créditos da Unión Europea queda a disposición da cooperación transfronteiriza a través de programas operativos. Ademais de contribuír á efectivización dos principios de subsidiaridade e partenariado, ó fortalecemento da cohesión e a cooperación económica e social e á apertura dos mercados laborais e á harmonización da cualificación profesional, no plano institucional e sociocultural trouxo innumerables vantaxes (coñecemento e cooperación entre administracións e colectividades territoriais, intercambio de información e coñecementos prácticos nas rexións, etc).

No ámbito socioeconómico, as súas repercusións tamén foron directas e concretas: mellora dos transportes, desenvolvemento do turismo, creación de emprego en ámbitos tan diversos como a formación ou a investigación ou a mellora das estructuras dos transportes e das comunicacións. Para o período 2000-2008, o novo programa INTERREG III abarcará a cooperación transfronteiriza, interrexional e transnacional, equilibrando cada vez máis a superación dos déficits en infraestructura con proxectos doutra natureza, máis estructurais.

O resultado final de toda esta estratexia é un mercado rexional mellor comunicado, con grandes homoxeneidades, concentrado no litoral, o que sen dúbida pode axudar a superar as desvantaxes naturais derivadas dunha condición periférica que pode acentuarse co proceso de ampliación ó Leste da Unión Europea. Non é de estrañar que o presidente da República Portuguesa, Jorge Sampaio, afirme que “a Comunidade de traballo entre Galicia e Portugal é o máis importante que se fai entre os dous estados ibéricos”.

Un elemento esencial na superación dese longo período de illamento e na habilitación de relacións máis amplas non propiamente transfronteirizas senón interrexionais, constitúeo o chamado Eixe Atlántico, un esforzo integrador no que participan 18 cidades e que ten por obxectivo a organización de relacións de cooperación entre os sistemas urbanos das dúas rexións, xa que é aquí, nas principais aglomeracións, onde obviamente se atopan os máis relevantes recursos para o desenvolvemento.

A estructura urbana da eurorrexión está presidida pola área metropolitana de Porto, con 1,2 millóns de habitantes. Nun segundo nivel figuran as aglomeracións de A Coruña-O Fe-rrol-Betanzos e Vigo-Pontevedra-O Porriño, con 600.000 habitantes cada unha. Estas tres rexións urbanas concentran preto do 40 por cento da poboación total da eurorrexión. A continuación aparece un numeroso grupo de cidades medias (entre 80.000 e 160.000 habitantes) como Guimaraes, Braga, Ourense, Santiago, Lugo e Viana do Castelo.

Dende o Eixe Atlántico potenciáronse esencialmente dous tipos de iniciativas. Dunha banda, o fomento do intercambio cultural para fraguar unha identidade común da eurorrexión. A atribución a Santiago de Compostela e a Porto do título de capitais europeas da cultura, respectivamente no 2000 e no 2001, anima un escenario de colaboración e complementariedade urbana e cultural de grandes perspectivas. Unido a outros incentivos e políticas que se viñeron desenvolvendo nos últimos anos, o intercambio cultural destaca como un dos elementos claves desta peculiar relación bilateral.

En segundo lugar, a construcción de infraestructuras científicas e estables que nos permitan obter un mellor coñecemento mutuo dende o que poder adoptar posicións comúns no ámbito estratéxico. Cómpre destacar neste sentido a importancia do chamado Observatorio Urbano, un proxecto innovador no ámbito europeo que se propón organizar e promover o acceso ós recursos de información existentes na eurorrexión, a partir das novas tecnoloxías dispoñibles.

A cooperación estatística, unha experiencia pioneira dentro do conxunto das rexións europeas do Obxectivo 1, non soamente posibilita efectuar unha radiografía permanente de ambas as dúas comunidades senón que permite advertir e fundamentar a importancia e a evolución deste proceso. Ademais, representa un valioso instrumento para impulsar a proxección exterior conxunta.

Tan ambicioso plano, que coñeceu nos últimos anos un nivel de desenvolvemento moi considerable, atópase agora nun momento crucial. Dunha banda, a reducción dos fondos comunitarios previstos para os espacios transfronteirizos pode significar que algúns proxectos importantes atopen dificultades no mandato comunitario que agora principia. Urxe aproveitar o tempo e maximizar as actuais oportunidades, xa que a presión das rexións máis deprimidas dos países do Leste imporá novos ritmos á maquinaria de Bruxelas. En segundo lugar, a persistencia de dous modelos político-administrativos diferentes que non acaban de confluír e que deben coexistir activamente. Mentres o sistema autonómico consolida o perfil rexional de Galicia, en Portugal non hai rexións e o recente intento de rexionalizar o país veciño (dividindo o Norte en dúas rexións –entre o Douro e o Miño e Tras Os Montes–) viuse frustrado ó triunfar o “non” no referendo convocado ó efecto o pasado ano. Portugal segue sendo un país non soamente moi centralizado senón tamén moi centralista, como sinalou nunha ocasión Fernando Gomes, alcalde da cidade de Porto.

É un feito asumido que a interdependencia entre ambas economías é irreversible. Sen embargo, convén sinalar que a pesar do incremento das relacións económicas entre Galicia e o Norte de Portugal, a realización de investimentos directos de empresarios galegos no Norte de Portugal e viceversa son aínda modestas (respectivamente, 35 millóns de euros e 32,07 millóns de euros, en 1997). A creación da unión monetaria, que reducirá os custos de transacción dos intercambios e abrirá posibilidades de negocio e emprego para as dúas rexións, pode favorecer esa expansión.

Así mesmo, os intercambios comerciais aínda se poden desenvolver amplamente, xa que non acadan o 5 por cento das exportacións totais da eurorrexión. O saldo é amplamente favorable a Galicia, salvo en téxtil-confección e minerais e as súas manufacturas. Sen embargo, Galicia dista de ser a comunidade española cunha máis intensa relación comercial con Portugal. Mentres Galicia supón o 12,55 por cento dos intercambios comerciais existentes entre España e Portugal, Cataluña eleva o seu protagonismo ó 22,23 por cento e Madrid ó 17,38 por cento. Se nos esquecemos por un momento do sector do automóbil (Citroën), o papel de Galicia como socio comercial de Portugal non difire significativamente do que teñen comunidades como Andalucía ou Valencia.

A ambos lados do río Miño, sen embargo, compréndese a imperiosa necesidade de apostar polo reforzamento das actuais traxectorias para fomentar a interrelación, propiciando a converxencia das estratexias de aproximación formuladas a un e outro lado da fronteira. Do que se trata é de imaxinar políticas coherentes de desenvolvemento que doten á eurorrexión dun maior peso especifico en Europa. ¿Como conseguilo? Fundamentalmente, actuando nunha triple dirección. Dunha banda, implicando ós axentes locais de forma que orienten os seus esforzos na mesma dirección. Axentes públicos e privados incorpóranse de forma cada vez máis crecente ás políticas de cooperación, ampliando e reforzando os fluxos de relación bilateral e xerando dinámicas de consolidación deste proceso, pero cómpre xerar unha mentalidade con estes horizontes para intensificar a densidade de interrelacións e liquidar os factores de rivalidade que aínda poidan persistir.

En segundo lugar, desenvolver actuacións que permitan concretar toda unha oferta homoxeneizada de servicios colectivos, de equipamentos, de xestión do territorio, incrementando o potencial dos recursos existentes e a súa mellora a través da súa vertebración interna e a superación dos déficits actuais. Neste sentido, convén destacar o aproveitamento da rede de portos, un dos principais atractivos para a localización de investimentos nunha Europa que parece apostar pola cabotaxe como sistema de transporte de mercancías. Na fachada marítima que bordea a eurorrexión sitúanse sete portos que destacan sobre o resto que marcan o litoral do noroeste peninsular e que moven en total case corenta millóns de toneladas de mercancías.

En terceiro lugar, abordar a proxección exterior da eurorrexión a nivel non soamente europeo, senón tamén mundial para resaltar o seu atractivo e os factores de competitividade (novos mercados e formalización de alianzas estratéxicas). Xuntar esforzos para intensificar as relacións cos espacios internacionais máis dinámicos e cultivar os lazos económicos e culturais preferenciais co continente americano, constitúen valiosas achegas do litoral atlántico á propia Unión Europea. Eses proxectos comúns cimentarán en maior grao a construcción dun espacio económico integrado.

Todo iso esixe manter por un tempo o compromiso bi-estatal e europeo para aumentar aquelas actuacións que axuden a mitigar a condición periférica deste territorio que acumula aínda graves taras en materia de infraestructura. Como se recolle nas propostas de intervención formuladas dende a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, é irrenunciable a construcción dun moderno eixe ferroviario de A Coruña a Lisboa, a modernización de plataformas loxísticas do sistema portuario de todo o Noroeste peninsular, a valorización e coordinación do hinterland do sistema aeroportuario e a dotación de infraestructuras de telecomunicacións (teleportos e redes de banda longa), coherentes coa aposta de situación deste espacio conxunto na sociedade da información.

Por último, cómpre salientar que o fortalecemento desta eurorrexión pode contribuír de maneira decisiva á revitalización polo sur da fachada atlántica do continente, un proxecto estratéxico para Galicia, pero tamén para unha Europa que non pode dar as costas á súa periferia sen renunciar a esas dinámicas de solidariedade que proporcionan a indispensable cohesión ó proceso de integración.

En suma, hoxe por hoxe, para Galicia, non hai mellor camiño que o portugués para acadar maiores niveis de modernización e de progreso.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/11/2001